ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 1/02

DICTAME EMITIDO POLO CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS SOBRE O BORRADOR DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECE A CONVOCATORIA PÚBLICA PARA A PARTICIPACIÓN NA PROGRAMACIÓN DE CURSOS DO PLAN AUTONÓMICO DE FORMACIÓN DE FORMADORES DE FORMACIÓN PROFESIONAL OCUPACIONAL DO ANO 2002

En relación coa solicitude de dictame sobre o borrador de Orde da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, polo que se establece a convocatoria pública para a participación na programación de cursos do Plan autonómico de Formación de Formadores de Formación Profesional Ocupacional do ano 2002, remitido pola Dirección Xeral de Formación e Colocación, con rexistro de entrada en data do 14 de xaneiro de 2002, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3.2º da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 21 de xaneiro de 2002, acordou face-las seguintes consideracións e propostas de modificación, DE CARÁCTER UNÁNIME, que se reproducen de seguido: 1.- Consideración xeral. Na súa Exposición de Motivos este borrador de Orde introduce un novo parágrafo que fai referencia ó Plan Galego de Formación Profesional o que establece unha estructura integrada de formación do profesorado, para o cal enumera un conxunto de obxectivos. Nembargante, esa declaración quédase simplemente neso, nunha declaración de intencións, pois o texto desta Orde que dictaminamos é semellante á Orde do exercicio anterior, practicamente, cos mesmos contidos que esta. Polo tanto, a aprobación do Plan Galego de FP non incidiu en nada do deseño desta nova Orde para o ano 2002. Asemade, si se pretende camiñar cara unha estructura integrada da formación, non cabe diferenciar entre a formación tradicional e a formación FIP. O que debe existir é un marco xenérico regulador da estructura da formación (seguindo os contidos do certificado de profesionalidade), deixando unicamente aspectos moi específicos para a autoregulamentación de cada Consellería. Por outra banda, considérase que os cursos de carácter xenérico (art.1.4º), así como os aspectos da formación do profesorado, deberían regulamentarse de tal xeito que constituíran un marco normativo de carácter xeral (coa forma de Decreto, por exemplo) para que con posterioridade, cada departamento administrativo regulase aspectos concretos que sexan da súa competencia, a través das Ordes correspondentes. 2.- Artigo 3.2º. Solicitudes. Establece esta disposición que no caso de querer participar en accións formativas nas diferentes provincias (cun máximo de catro cursos para toda Galicia), os interesados deben formalizar unha solicitude para cada unha delas. A PROPOSTA que se fai neste caso é que, en aras da simplificación administrativa, que soamente exista a obriga de presentar unha única solicitude que recolla os cursos que se desexen facer, independentemente da súa pertenza ou localización en diferentes provincias. Esa instancia administrativa na que se presente redistribuiraas segundo o procedemento administrativo establecido para o efecto. 3.- Artigo 4. Requisitos e criterios de selección dos alumnos No segundo parágrafo deste artigo 4, fala dos criterios que se terán en conta para acceder ós cursos que se convocan, e figuran en primeiro lugar, os Cursos DOFF 17 e DOFF 13, respecto dos cales, no primeiro inciso, se especifica que se trate de docentes que estean impartindo ou impartisen cursos do Plan FIP. Para non cerra-la posibilidade de entrada no sistema a outros docentes que, previsiblemente, vaian a impartir cursos, PROPONSE face-la redacción do precepto máis aberta: “… que impartiran, estean impartindo ou vaian a impartir cursos…”. Este articulo 4, no seu apartado 3, establece a orde de prelación dos candidatos para integra-los colectivos de docentes a que se refire o inciso anterior. Do contido do precepto dedúcese que soamente se teñen en conta a docentes de formación continua, excluíndo ós procedentes da formación regrada. Tal exclusión contradí, unha vez máis, o novo parágrafo incluído na Exposición de Motivos. A PROPOSTA que se suxire é que se valore nos mesos termos a experiencia docente, ben sexa adquirida no sistema regrado como no sistema de formación continua. Esta diferenciación resolveríase si cando se fai referencia ó Plan FIP se mencionasen ós outros dous subsistemas de formación: a continua e maila regrada. 4.- Artigo 4. 3º.e). Requisitos e criterios de selección dos alumnos. Prevese nesta disposición unha solución para o caso no que se produza un empate na puntuación obtida segundo as liñas a), b), c) e d): terán preferencia os aspirantes que pertenzan ó Catálogo de Expertos da Xunta de Galicia. Tal criterio preferencial concíbese como inapropiado. A experiencia profesional ou docente debe ser sempre o criterio a seguir, non sendo xustificable considerar a pertenza ó referido Catálogo como elemento definidor desa preferencia. Así, cando se fale de formación inicial necesaria (supostos a que se refire o apartado 3), o baremo que se terá en conta será o da experiencia profesional. Cando se trate do suposto de que fala o parágrafo 4 (cursos monográficos) enténdese referido só a formadores, os que deben contar cunha certa experiencia docente e non só profesional.