ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 18/05

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DOS PROGRAMAS PARA A PROMOCIÓN DA INTEGRACIÓN LABORAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA 2005.

I. ANTECEDENTES



O día 7 de febreiro de 2005 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para 2005, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


Esta orde ten por obxecto o establecemento de accións específicas para a mellora da empregabilidade das persoas con discapacidade e a súa inserción normalizada no mercado de traballo, regulando nos seus anexos A, B e C, respectivamente, os programas de fomento da contratación indefinida das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e de promoción do seu emprego autónomo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 18 de marzo de 2004 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 20 de febreiro de 2004, obsérvase que non foron tidas en conta as consideracións manifestadas polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

A xestión do programa realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

O artigo 9º , que regula as incompatibilidades e concorrencia, establece, no seu apartado 3, unha excepción á imputación dos mesmos gastos aos distintos tipos de axuda previstos en cada programa, sinalando que estes só se utilizarán como parámetro para o cálculo da contía da subvención nos supostos de rendas para o inicio de actividade.
O artigo 10º regula as obrigas dos beneficiarios, entre as que cita a de comunicar ao órgano concedente da subvención a obtención de ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

No anexo A do proxecto normativo, que regula o programa de fomento da contratación indefinida das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, obsérvanse as seguintes modificacións:

1. Na base segunda, que regula os beneficiarios, inclúe ademáis das empresas, aos traballadores autónomos, sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica sempre que cumpran os requisitos esixidos.

2. Na base cuarta, que regula as axudas, establécese o incentivo adicional de ata 600 euros para a contratación indefinida de persoas cun grao de discapacidade igual ou superior ao 65% ou no suposto das persoas con parálise cerebral, con enfermidade mental ou persoas con discapacidade intelectual cun grao de discapacidade igual ou superior ao 33%.

No anexo B, que regula o programa de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego,  establécese un novo procedemento de presentación de solicitudes de subvención ao custo salarial, para axilizar a tramitación e o pagamento das axudas ao mantemento destes centros. O beneficiario deberá presentar unha soa solicitude por todas as mensualidades do ano natural, e unha vez emitida a resolución efectuaranse os pagamentos parciais, a medida que se xustifique.

No anexo C, que regula o programa de promoción do emprego autónomo das persoas con discapacidade, introdúcese unha nova axuda para o financiamento dos primeiros gastos; a súa contía terá un incremento cando a actividade empresarial se desenvolva nun concello rural.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para 2005” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, trece artigos, sete disposicións adicionais, tres transitorias e dúas derradeiras, ademáis de tres anexos (A, B e C) que regulan os tres programas anteriormente citados.

O día 21 de febreiro de 2005 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, en relación coa redacción dada á exposición de motivos e ao artigo 7º do proxecto normativo.

Contén asi mesmo, como anexo, tres consideracións xerais e dúas específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I).


                                     DITAME 18/05


En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade, e se procede á súa convocatoria para 2005, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 7 de febreiro de 2005, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 21 de febreiro de 2005, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.-  Exposición de motivos.

Na exposición de motivos do proxecto normativo establécese o marco de actuación, obviándose a referencia á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

As organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia consideran que debe incluirse neste marco de actuación a referencia á citada Lei.


Segunda.- Artigo 6º. Resolución e recursos.

Establécese no apartado 2 deste artigo que, no caso de que no prazo de tres meses non se dictase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude”.


                                           ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames fan constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente ditame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2005. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.

Segunda.
O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no Artigo 2º, no que se regulan as funcións do Comité Autonómico de Emprego, no apartado 5, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Director Xeral ou da Conselleira. Asi mesmo, o citado Decreto establece no artigo 6º no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego no apartado 3, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia da delegación provincial da Consellería. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Delegado ou Delegada Provincial.
Dende hai varios anos as organizacións sindicais integradas neste Comité de ditames fan propostas recordando a necesidade do informe previo sen que se teña en conta nin, o que é peor, se aplique a norma legal existente. Quérese recordar que a Constitución Española establece no seu artigo 9.3. o principio de legalidade, entendendo este como a suxeción dos poderes públicos á Lei e a interdicción da arbitrariedade dos poderes públicos. Neste senso caberían diferentes acción legais dende a solicitude de nulidade das resolucións ata a petición de responsabilidades, se dende a Consellería séguese a obvia-la participación dos axentes sociais.

Terceira.
O encadramento normativo para acadar a integración laboral das persoas con discapacidade, do que deriva esta propia Orde que ditaminamos, ven constituído pola Lei 13/1982, do 7 de abril, de Integración Social dos Minusválidos (artigos 41 e 42) e das Directrices da Unión Europea sobre a xestión das axudas ás empresas e ao emprego protexido.

Esta Orde ten como obxectivo complementar a merma que, teóricamente, sofre o empresario na súa producción e rendabilidade polo feito de contar de traballadores con discapacidade.

Coñecemos a existencia de dous tipos de Centros Especiais de Emprego, non só en Galicia senón tamén noutras Comunidades Autónomas, a saber: os sen ánimo de lucro e os que teñen ánimo de lucro por perseguir beneficio e rendabilidade. Esta diferenciación real non ten acollida no texto do proxecto normativo que se somete a ditame, posto que as duas modalidades de centros  reciben o mesmo tratamento.

Se volvemos de novo á realidade, esta nos amosa a existencia de casos nos centros de emprego con ánimo de lucro nos que se conta con traballadores que posúen discapacidades prácticamente insignificantes que lles permitirían desenvolver o seu traballo nunha empresa ordinaria e, que non obstante, ese centro especial de emprego con ánimo de lucro está a percibir as axudas destinadas a paliar a aquela merma de que falamos con anterioridade, coa existencia dun evidente fraude de lei.

Outro problema engadido é a non identificación do campo de traballo dos centros especiais de emprego, pois pode darse o caso, por exemplo, que en supostos de subrogación nos servicios non se poda producir a pertinente asunción de traballadores diminuídos pola nova empresa concesionaria.


Entendemos, en todo caso, que ambas as duas modalidades de centros requiren unha regulación diferente ou a adopción dalgún tipo de medida que erradique este enriquecemento ilícito. Noutras Comunidades Autónomas xa se están tomando medidas nese senso, como son as de non subvencionar aos centros especiais de emprego con ánimo de lucro ou non calificalos como tales, facendo partícipes das axudas soamente aos que carecen de ánimo de lucro.



Todas estas situacións demandan a necesidade de artellar un novo marco legal que lle dé cobertura e que inclúa unha serie de medidas, como poden ser, a título de exemplo: priorización dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro á hora e conceder as axudas; facer unha selección estricta de todos os centros respecto do cumprimento dos requerimentos legais para percibir as mesmas; manter a axuda dos centros especiais sen ánimo de lucro sempre que non incorran en xestión deficiente…e que na elaboración e xestión deste programa interveñan, ademais dos responsables das políticas activas de emprego autonómicos, os axentes sociais galegos a través do Comité Autonómico de Emprego e dos correspondentes comités provinciais.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira.- Anexo C. Base segunda. Beneficiarios.
O apartado 3 desta disposición establece os requisitos esixidos ás sociedades limitadas para seren beneficiarias da axuda prevista na base cuarta deste anexo (subvención financeira).

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que debe suprimirse este apartado, posto que podería ocorrer que as persoas con discapacidade fosen utilizadas para acceder á axuda, transgredíndose deste modo os obxectivos da integración laboral deste colectivo.

Segunda.- Anexo C. Base oitava. Beneficiarios do “Programa Labora: Xuventude con experiencia”.

Consideramos que non está xustificado o incremento das contías das axudas para beneficiarios deste colectivo pola súa mera inclusión no Programa Labora.