ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 19/05

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE DINAMIZACIÓN DO EMPREGO FEMININO E XUVENIL NO RURAL GALEGO E A SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2005.

I. ANTECEDENTES



O día 17 de febreiro de 2005 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de dinamización do emprego feminino e xuvenil no rural galego e a súa convocatoria para o ano 2005, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.



Esta orde ten por obxecto o establecemento de incentivos para a promoción do emprego en empresas de nova creación, xeradoras de emprego, preferentemente de mulleres e mozos menores de 30 anos, que desenvolvan a súa actividade en concellos rurais, facilitándolles o acceso a tres tipos de axudas: subvención á xeración de emprego estable, subvención financeira e subvención para o inicio da actividade.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se recibe para ditame, dado que é un programa novo creado, segundo consta na exposición de motivos, para favorecer a inserción laboral das mulleres e dos xoves, colectivos cun alto índice de desemprego. O programa concentra o apoio nas empresas que desenvolvan a súa actividade no medio rural galego,  entendéndose como concello rural aquel que teña unha poboación de menos de 20.000 habitantes, para que as novas iniciativas empresariais contribúan así mesmo a estimular o desenvolvemento local e correxir os desequilibrios territoriais.



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de dinamización do emprego feminino e xuvenil no rural galego e a súa convocatoria para o ano 2005” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vintedous artigos, seis disposicións adicionais e dúas derradeiras.


O día 28 de febreiro de 2005 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral de carácter unánime sobre a valoración da norma manifestada polas organizacións sindicais e empresariais.

Contén asi mesmo, como anexos, catro consideracións xerais sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I) e seis consideracións específicas de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia, en relación coa redacción dada á exposición de motivos e aos artigos 2º.1, 2º.2.c), 3º.e), 5º.1 e 10º.3 do proxecto normativo.


                                    DITAME 19/05

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de dinamización do emprego feminino e xuvenil no rural galego e a súa convocatoria para o ano 2005, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 17 de febreiro de 2005, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 28 de febreiro de 2005, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA, MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

As organizacións sindicais e empresariais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que existe unha contradición entre os colectivos definidos no artigo 8º do proxecto normativo, polos que se incrementa a subvención nun 10 % (beneficiarios do Programa Labora, desempregados por algunha das causas do artigo 51 ou 52.c do E.T. ou desempregados en situación de risco de exclusión  social) e os colectivos establecidos no artigo 15º á hora de valorar as diferentes solicitudes (desempregados maiores de 45 anos, parados de longa duración, persoas con discapacidade ou pertencentes a colectivos en risco de exclusión social).

                                           ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames fan constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente ditame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2005. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.

Segunda.
A Xunta de Galicia coa presente Orde pretende contribuír ao desenvolvemento económico dos concellos rurais e procura evitar a despoboación”. Para elo define o concepto rural (“Aquel que teña unha poboación de menos de 20.000 habitantes” (Art. 3º e).

O rural non ten que ver co tamaño, número de habitantes, senón coa actividade económica dun concello. Rural significa relativo ao campo e ás súas manifestacións. Atopamos concellos de menos de 20.000 habitantes cunha taxa de actividade no sector agro-gandeiro moi por debaixo da taxa media de Galicia (7’7 %). Este é o caso, entre outros, dos concellos de O Grove (1’2 %), Burela (1’4 %), Noia (1’6 %), O Barco (2’5 %) por poñer exemplos das catro provincias que, tendo menos de 20.000 habitantes, non son rurais.
O despoboamento, aínda que se está a dar en concellos de menos de 20.000 habitantes, non se produce en todos nin só neles.  O segundo concello de Galicia no que a poboación medrou mais entre os Padróns municipais de 1998 e 2004 (partimos do 98 por ser o primeiro que da os datos a 1 de xaneiro) é o concello de Barbadás, cun incremento de 36’2%  e  ten menos de 20.000 habitantes. Outros exemplos poderían ser os concellos de Oroso (30’1 %), Salceda de Caselas (13’7 %) ou Outeiro de Rei (9’7 %).
A presente Orde, unha vez mais, establece uns obxectivos confusos. Nin todos os concellos de menos de 20.000 habitantes son rurais, nin sofren despoboamento. Tampouco son os únicos que perden poboación: hai 137 concellos de menos de 20.000 habitantes que perden porcentualmente menos poboación que Ferrol (-5’7 %).

As intervencións no mercado  de traballo, cara á potenciación de determinados territorios ou colectivos desfavorecidos, deben ser precisas para que o efecto logrado sexa o que se pretende e non outro. Non ten sentido procurar evitar a despoboación naqueles concellos cun crecemento superior á media de Galicia aínda que teñan menos de 20.000 habitantes. A agrupación dos 315 concellos en Galicia, tendo en conta o seu caracter rural, o seu tamaño e a evolución da súa poboación, configura os seguintes tipos:

1. Hai 16 concellos, 804.371 habitantes, que teñen mais de 20.000 habitantes e incrementaron a súa poboación por riba da media de Galicia. Soamente un, 20.698 habitantes, é rural.
2. Hai 6 concellos, 570.443 habitantes, que teñen mais de 20.000 habitantes e a variación da súa poboación foi inferior á media de Galicia. Soamente un, 22.217  habitantes, é rural.
3. Hai 36 concellos, 348.433 habitantes, que teñen menos de 20.000 habitantes e a variación da súa poboación foi superior á media de Galicia e o sector agro–gandeiro é inferior á media de Galicia (7’7 %) (non son rurais).
4. Hai 21 concellos, 147.082 habitantes, que teñen menos de 20.000 habitantes e a variación da súa poboación foi superior á media de Galicia e o sector agro–gandeiro é superior á media de Galicia (7’7 %) (son rurais).

5. Hai 47 concellos, 293.089 habitantes, que teñen menos de 20.000 habitantes e a variación da súa poboación foi inferior á media de Galicia e o sector agro–gandeiro é inferior á media de Galicia (7’7 %) (non son rurais).
6. Hai 189 concellos, 587.567 habitantes, que teñen menos de 20.000 habitantes e a variación da súa poboación foi inferior á media de Galicia e o sector agro–gandeiro é superior á media de Galicia (7’7 %) (son rurais).
Segundo a exposición de motivos onde se establece como obxectivo do proxecto normativo o de evitar o despoboamento do rural galego, os concellos do tipo 6 (189) serían os beneficiarios e a poboación beneficiaria sería de 587.567 habitantes (o 21’4 % do total da poboación galega).
Segundo a definición de rural do artigo 3º apartado e) do proxecto normativo, os concellos beneficiarios serían os dos catro últimos tipos (293) e a poboación beneficiaria sería de 1.376.171 habitantes (o 50 % da poboación galega).
A contradición existente entre a exposición de motivos e a definición do artigo 3º. apartado e) fai que unha Orde que pretende discriminar positivamente perda a súa eficacia ao xeneralizarse. Esta contradición permitirá que en vez de investir en Montederramo ou na Fonsagrada, incentivada por esta Orde, se faga en Teo ou no Grove.
Por esta razón, a contradición  entre os obxectivos que pretende e os beneficiarios  que define, consideramos que non debe ser publicada esta Orde.

Terceira.
Como xa se dixo na consideración xeral unánime, existe unha contradición entre os colectivos definidos no artigo 8º e os colectivos establecidos no artigo 15 do proxecto normativo.
Esta contradición nos leva a pensar que esta orde non debe ser publicada dado que non só os obxectivos propostos son contraditorios cos definidos, senon que tamén os colectivos a incentivar presentan contradicións.

Cuarta.
O proxecto normativo fala de “accións innovadoras” cando o que en realidade fai é incrementar a contía de subvencións recollidas noutras ordes.
As organizacións sindicais consideramos que, tendo en conta que:
§ Non se vinculan as subvencións á negociación colectiva
§ Non se establece unha taxa de estabilidade mínima
esta Orde non debe ser publicada.




                                        ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.


Primeira.-  Exposición de motivos.

Na exposición de motivos do proxecto normativo establécese o marco de actuación, obviándose a referencia á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debe incluirse neste marco de actuación a referencia á citada Lei.


Segunda.- Artigo 2º. Beneficiarios.

Establécese no apartado 1 deste artigo que poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde as empresas privadas, agás as persoas físicas, comunidades de bens ou sociedades civís.

A Confederación de Empresarios de Galicia non considera correcto o establecemento desta excepción.

Terceira.- Artigo 2º. Beneficiarios.

O apartado 2. a) deste artigo establece que a presente orde non será de aplicación ao sector de transporte e ás actividades relacionadas coa producción, primeira transformación ou comercialización ao por maior dos produtos que figuran no Anexo I do Tratado Constitutivo da Comunidade Europea.

A Confederación de Empresarios de Galicia  considera que debería concretarse neste apartado a que actividades se refire, debendo publicarse o Anexo I do citado Tratado como anexo a esta orde.

Asi mesmo, o apartado 2. c) deste artigo establece que a presente orde non será de aplicación ás subvencións que dependan de que se prime a utilización de produtos nacionais en detrimento dos importados.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que se deben aclarar que produtos son ou, no seu defecto, incluir nun anexo á orde un listado de produtos.

Cuarta.- Artigo 3º. Definicións.

O apartado e) deste artigo establece que se entende por un concello rural aquel que teña unha poboación de menos de 20.000 habitantes.
A Confederación de Empresarios de Galicia considera que, ademáis da poboación, debería terse en conta a actividade económica do concello , xa que o rural non ten que ver co tamaño e número de habitantes, senón coa actividade económica dun concello.

Quinta.- Artigo 5º. Subvención á xeración de emprego.

O apartado 1 deste artigo establece que poderá concederse unha subvención de ata 3.600 euros por cada emprego subvencionable.

A Confederación de Empresarios de Galicia manifesta que esta contía é inferior á establecida na orde de subvencións á contratación de colectivos desfavorecidos, polo que considera que a subvención mínima debe ser de 4.200 euros (que se concede pola contratación dunha muller nun concello de menos de 20.000 habitantes).

Sexta.- Artigo 10º. Solicitudes e prazo.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que os prazos de solicitude establecidos no proxecto normativo deben ampliarse e, ademáis, establecer algunha disposición transitoria cun prazo especial para os proxectos iniciados con anterioridade á publicación desta orde.