ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 20/05

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE APROBA A CONVOCATORIA PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PÚBLICAS DESTINADAS Á REALIZACIÓN DE ACCIÓNS COMPLEMENTARIAS E DE ACOMPAÑAMENTO Á FORMACIÓN, DE ÁMBITO AUTONÓMICO, EN APLICACIÓN DA ORDE TAS/2782/2004, DO 30 DE XULLO, POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN DAS CITADAS SUBVENCIÓNS, COFINANCIADAS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO.

I. ANTECEDENTES

O día 18 de febreiro de 2005 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito do director xeral de Formación e Colocación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se aproba a convocatoria para a concesión de subvencións públicas destinadas á realización de accións complementarias e de acompañamento á formación, de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/2782/2004, do 30 de xullo, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das citadas subvencións, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e solicitando, aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos deste proxecto de orde establécese que a formación profesional continua, regulada no Real Decreto 1046/2003, do 1 de agosto, ten como finalidade proporcionarlles aos traballadores ocupados a cualificación que poidan necesitar ao longo da súa vida laboral, co fin de que obteñan os coñecementos e prácticas axeitados aos requirimentos que en cada momento precisen as empresas, e permita compatibilizar a súa maior competitividade coa mellora da capacitación profesional e promoción individual do traballador. Entre as iniciativas de formación continua que recolle o citado Real Decreto, figuran as accións complementarias e de acompañamento á formación, que se regulan nesta orde.

Son obxecto de subvención nesta convocatoria os proxectos para a mellora da calidade das accións formativas de Formación Profesional Continua e aqueles que estendan esta ás pequenas e medianas empresas, co fin de facilitar o acceso á formación dos seus traballadores.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 15 de novembro de 2004 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 9 de novembro de 2004, obsérvase que foron tidas en conta as consideracións manifestadas polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Na súa exposición de motivos establécese que é de aplicación a esta orde a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

A xestión do programa realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

O artigo 3º establece os requisitos das entidades solicitantes, especificándose no apartado 1. b) que a experiencia esixida débese acreditar na realización de estudos, investigacións ou proxectos de natureza similar aos solicitados. Modifícase o disposto no apartado 1.c), último parágrafo, no senso de excluir dos efectos da limitación que establece ás entidades que participen na negociación colectiva.

No artigo 4º, que regula as accións financiables, engádese, no apartado 1, que os estudios realizaranse prioritariamente nos sectores e ámbito que se relacionan no anexo I desta convocatoria e, no apartado 2, que terán especial consideración as accións destinadas á sensibilización e incorporación de boas prácticas medioambientais no sector de turismo e hostalería, así como as accións de formación en idiomas para o transporte. Finalmente, no apartado 3, engádese que terán prioridade os proxectos destinados á elaboración de técnicas de avaliación, control e seguimento da formación profesional continua.

O artigo 5º resulta modificado, establecendo que todos os proxectos subvencionados deberán incluir a realización dunha xornada técnica que teña por obxecto a difusión dos seus produtos finais.

No artigo 7º modifícase o disposto no apartado 1. f), engadíndose que na memoria proxecto que debe acompañarse á solicitude deberá describirse o ámbito sectorial da investigación e facer referencia ás fontes documentais e institucionais a consultar, ao universo obxecto de estudio, ás técnicas de recollida de datos e aos produtos a presentar ao finalizar a acción.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se aproba a convocatoria para a concesión de subvencións públicas destinadas á realización de accións complementarias e de acompañamento á formación, de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/2782/2004, do 30 de xullo, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das citadas subvencións, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo” consta de: Exposición de motivos, sete capítulos, vinte artigos, oito disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.



O día 28 de febreiro de 2005 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, en relación coa redacción dada aos artigos 3º, 4º, 7º e 12º do proxecto normativo.



                                   DITAME 20/05


En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se aproba a convocatoria para a concesión de subvencións públicas destinadas á realización de accións complementarias e de acompañamento á formación, de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/2782/2004, do 30 de xullo, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das citadas subvencións, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 18 de febreiro de 2005, e aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 28 de febreiro de 2005, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA (CEG):


Primeira.- Artigo 3º. Requisitos das entidades solicitantes, acreditación e límites de participación.

Neste artigo establécense os requisitos das entidades solicitantes, especificando no apartado 1. c) que unha mesma entidade non poderá proponer a súa colaboración como participante en máis de tres solicitudes nesta convocatoria, agás aquelas cuxa participación se limite ás xornadas de difusión do proxecto.

No citado apartado, na orde reguladora destas subvencións no exercicio pasado, se excluían tamén desta limitación as entidades que participen na negociación colectiva, téndose suprimido no texto do proxecto normativo sometido a ditame.

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames considera que non debe suprimirse o que figuraba na orde do exercicio pasado respecto das entidades que participen na negociación colectiva.


Segunda.- Artigo 4º. Accións financiables.

No apartado 1 deste artigo establécese que serán accións financiables as de estudo e investigación, especificándose que os estudos realizaranse prioritariamente nos sectores e ámbito que se relacionan no anexo I desta convocatoria.

Este Comité Delegado considera que o anexo I non recolle todos os sectores de relevancia nos que se necesitan accións de estudo e investigación. Debería xustificarse o feito de priorizar os sectores e ámbito relacionados no citado anexo, xa que este Comité non entende os motivos do establecemento desta preferencia.

Igualmente, no apartado 2 deste artigo 4º, priorízanse os sectores de turismo e hostalería, así como as accións de formación en idiomas para o transporte.

Este Comité Delegado considera excesiva esta concreción, propoñendo que se establezan criterios máis amplios.


Terceira.- Artigo 7º. Solicitudes.

Este Comité Delegado considera que as letras j) e k) que figuran no apartado 1 deste artigo deben substituirse polas que correspondan na lingua galega, xa que non existen nesta lingua.
Igual consideración faise respecto ás mesmas letras no artigo 13º do proxecto.

Cuarta.- Artigo 12º. Pagamento das subvencións.

No apartado 1 deste artigo, establécese que os anticipos serán ata o 50 por 100 (letra a) e que nunca serán superiores ao 80% da subvención concedida (letra c).

Este Comité Delegado manifesta que coñece a limitación imposta polo Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; porén, na orde estatal, os anticipos poden chegar ao 100 por 100, polo que suxire que a Xunta de Galicia aprobe un Decreto específico para subvencións no tema da formación que permita os anticipos de ata o 100 por 100.