ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 21/05

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE APROBA A CONVOCATORIA, DE ÁMBITO AUTONÓMICO, PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PÚBLICAS MEDIANTE CONTRATOS PROGRAMA PARA A FORMACIÓN DE TRABALLADORES OCUPADOS, EN APLICACIÓN DA ORDE TAS/2783/2004, DE 30 DE XULLO, POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN DAS CITADAS SUBVENCIÓNS, COFINANCIADAS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO.

I. ANTECEDENTES

o día 18 de febreiro de 2005 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito do director xeral de Formación e Colocación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se aproba a convocatoria , de ámbito autonómico, para a concesión de subvencións públicas mediante contratos programa para a formación de traballadores ocupados, en aplicación da Orde TAS/2783/2004, de 30 de xullo, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das citadas subvencións, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e solicitando, para os  efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos deste proxecto de orde establécese que a formación profesional continua ten como finalidade proporcionarlles aos traballadores ocupados a cualificación que poidan necesitar ao longo da súa vida laboral, co fin de que obteñan os coñecementos e prácticas axeitados aos requirimentos que en cada momento precisen as empresas, e permita compatibilizar a súa maior competitividade coa mellora da capacitación profesional e promoción individual do traballador.

Os plans de formación continua, obxecto de financiamento mediante a subscrición destes contratos programa, teñen por obxecto tanto a mellora das competencias e cualificacións como a actualización e especialización profesional dos traballadores ocupados, sen que para isto sexa necesaria a intermediación das empresas nas que prestan os seus servizos.

Son obxecto de subvención neste proxecto normativo distintos tipos de contratos programas para a execución de plans de formación continua intersectorais, plans de formación sectoriais, plans de formación específicos da economía social e plans de formación dirixidos a traballadores autónomos.


Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 15 de novembro de 2004 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 28 de outubro de 2004, obsérvase que foron tidas en conta parcialmente as consideracións manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Obsérvase que hai un erro na numeración dos artigos 5º e 6º, xa que o artigo 5º figura dúas veces e o que figura como 6º debe ser o 7º, polo que tamén é errónea a referencia que o artigo 5º. e) fai ao artigo 6º.1, que correctamente sería o artigo 7º.1.

Na súa exposición de motivos establécese que é de aplicación a esta orde a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

A xestión do programa realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

O artigo 4º establece os requisitos das entidades beneficiarias, especificándose que para os contratos programa de execución de plans de formación sectoriais serán beneficiarias as organizacións empresariais e sindicais máis representativas no sector en Galicia; para os contratos programa de execución de plans de economía social, as confederacións e federacións de cooperativas e/ou sociedades laborais con notable implantación no ámbito autonómico e, para os contratos programa de execución de plans formativos dirixidos a traballadores autónomos, serán beneficiarias as asociacións de traballadores autónomos con carácter intersectorial que teñan suficiente implantación no ámbito autonómico.

O artigo 5º relaciona os colectivos de traballadores que poden solicitar a súa participación nos plans de formación, engadíndose un apartado e) que establece que o persoal ao servicio das Administracións Públicas só poderá participar nos plans intersectoriais dirixidos á formación de traballadores en competencias transversais e horizontais a varios sectores da actividade económica, tendo que impartirse as accións formativas no ámbito territorial autonómico.

O artigo 7º establece os tipos de contratos programa, engadíndose un novo apartado 2 relativo aos contratos programa para a execución de plans de formación de ámbito sectorial.

O artigo 8º, relativo á selección de alumnos, establece que as entidades beneficiarias determinarán os criterios de selección dos alumnos coa previa aprobación do plan pola Dirección Xeral de Formación e Colocación (apartado 2) e que sempre que non se supere o número máximo de alumnos por curso establecido no artigo 10º desta orde, poderán asistir a unha acción formativa un número maior de alumnos que os inicialmente aprobados, previa autorización e sen incremento da contía económica inicialmente prevista  (apartado 6).

Modifícase o disposto na última liña do apartado 2 do artigo 17º, sobre custos financiables, establecéndose agora que a suma dos custos asociados do plan non poderá superar o 25% do custo total.

O artigo 19º, relativo ao pagamento e liquidación das subvencións, establece que as entidades beneficiarias deberán enviar á Dirección Xeral de Formación e Colocación, dentro dos 15 días seguintes ao remate da última acción formativa de cada contrato programa, a xustificación dos custos, sendo a data tope o 30 de abril de 2006.

Finalmente, no artigo 23º, que regula as obrigas das entidades beneficiarias, establécese nova documentación a remitir á Dirección Xeral de Formación e Colocación (apartado 5) e unha nova obriga de velar por que os docentes reciban unha contraprestación proporcional ás horas impartidas en cada curso e ao módulo económico do mesmo.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se aproba a convocatoria, de ámbito autonómico, para a concesión de subvencións públicas mediante contratos programa para a formación de traballadores ocupados” consta de: Exposición de motivos, sete capítulos, vinte e sete artigos, sete disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.




O día 28 de febreiro de 2005 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, en relación coa redacción dada aos artigos 17º, 17º.2  e 19º do proxecto normativo.

Contén asi mesmo, como anexo, catro consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo I).


                                     DITAME 21/05

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se aproba a convocatoria para a concesión de subvencións públicas, de ámbito autonómico,  mediante contratos programa para a formación de traballadores ocupados, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 18 de febreiro de 2005, e aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 28 de febreiro de 2005, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira.- Artigo 17. Custos financiables e criterios de imputación.

O apartado 2 deste artigo establece os custos asociados á actividade formativa que se consideran custos financiables.

As organizacións sindicais e empresariais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais e que están representadas no Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames propoñen a inclusión neste apartado, como custos asociados á actividade formativa, dos correspondentes custos financeiros orixinados polas operacións formalizadas entre as entidades financeiras e as entidades beneficiarias no importe que excede do 50% de anticipo máximo.

Segunda.- Artigo 17. Custos financiables e criterios de imputación.

Este artigo establece no último punto do seu apartado 2 que “a suma dos custos asociados do plan non poderá superar o 25 por cento do custo total”.

O Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames considera que hai que deixar máis claro no citado apartado que a porcentaxe do 25 por cento que establece é sobre o conxunto do plan de formación e non por cada unha das accións formativas.


Terceira.- Artigo 19. Pagamento e liquidación das subvencións.

No apartado 4 deste artigo “Sistemas de pagamento”, establécese que os anticipos serán ata o 50 por 100 (letra a) e que nunca serán superiores ao 80% da subvención concedida (letra c).

Este Comité Delegado manifesta que coñece a limitación imposta polo Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; porén, na orde estatal, os anticipos poden chegar ao 100 por 100, polo que suxire que a Xunta de Galicia aprobe un Decreto específico para subvencións no tema da formación que permita os anticipos de ata o 100 por 100.

                                           ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 4º. Entidades beneficiarias: requisitos e acreditación.

No apartado 1, letra d) deste artigo, establécese, no segundo parágrafo, a forma de acreditar os requisitos esixidos aos traballadores autónomos e ás asociacións destes traballadores con carácter intersectorial que teñan suficiente implantación no ámbito autonómico.

A Confederación de Empresarios de Galicia propón que, para acreditación dos requisitos esixidos, as entidades solicitantes podan optar entre achegar certificación da súa pertenza ao Observatorio galego dos empresarios individuais, profesionais e traballadores autónomos, achegar certificación do seu número de afiliados ou achegar declaración sobre a súa experiencia na xestión e desenvolvemento de accións formativas por parte da asociación ou das organizacións que a compoñen; e fotocopia dos seus estatutos.

Segunda.- Artigo 19º. Pagamento e liquidación das subvencións.

O apartado 3 deste artigo establece que as entidades beneficiarias deberán xustificar os custos enviando á Dirección Xeral de Formación e Colocación unha serie de documentos, entre os que cita “orixinal ou fotocopia compulsada de todas as facturas, nóminas e xustificantes de pagamento de todos os gastos imputables á acción formativa”.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que deben desligarse os procedementos de xustificación das accións formativas da Formación Ocupacional dos da Formación Continua.

No caso de que a entidade beneficiaria sexa quen executa directamente, a esixencia da documentación referida anteriormente é correcta. No caso de realizar unha subcontratación, debería ser suficiente a presentación dunha factura detallada por parte do proveedor do servizo.

Terceira.- Artigo 23º. Obrigas das entidades beneficiarias.

Neste artigo, no seu apartado 5 b), esíxese ás entidades beneficiarias que remitan declaración xurada do traballador que acredite que está en activo na data de incorporación ao curso.

A Confederación de Empresarios de Galicia propón que se instaure algún tipo de procedemento administrativo que permita controlar a situación de alta real dos traballadores, suxirindo que a Administración comprobe, consultando a vida laboral do traballador, que o alta é real, para poder así advertir á entidade beneficiaria no caso de que o traballador se atope en situación de baixa e esta poda proceder á súa substitución no primeiro cuarto do curso.



Cuarta.- Artigo 23º. Obrigas das entidades beneficiarias.

No apartado 12 deste artigo establécese como obriga a de “velar por que os docentes reciban unha contraprestación proporcional ás horas impartidas en cada curso e ao módulo económico do mesmo”.

O disposto neste apartado segue facendo referencia aos procedementos de execución e xustificación da Formación Ocupacional. O feito de non establecer oportunamente a distinción entre custos das accións de formación ocupacional e de formación continua levará a que se produzan xuizos arbitrarios por parte do persoal encargado das tarefas de verificación das xustificacións económicas das accións formativas.

O establecido no apartado 12 induce a pensar que se pretende “delimitar” a cantidade que deba pagarse ao docente en cada acción formativa, tal como sucede na formación ocupacional. Deixar este apartado tal e como está redactado deixará a criterio da persoa que revise a documentación económica comprobar que o docente estea “proporcionalmente” pagado. E que sucede se a Dirección Xeral de Formación e Colocación, seguendo os criterios da Formación Ocupacional, decide realizar as adxudicacións económicas ás entidades establecendo módulos económicos estancos (docencia, material e coordinación) ao igual que o fai en FIP?  Neste caso, o problema pode xurdir do seguinte modo:

“Temos unha acción formativa de informática, valorada en 6.000 euros. Supoñamos que a Xunta marca un módulo de docencia no 25% do orzamento e, o resto, en porcentaxes distintas,  para coordinación e materiais. Este sistema en formación ocupacional sí serve, porque as especialidades formativas están catalogadas con su duración, contidos, materiais a utilizar, etc. Aquí sí pode realizarse unha modulación dos costes. Pero en formación continua consideramos que non, posto que, seguindo co exemplo, imaxinemos que esa acción formativa antes sinalada é de informática básica. Pódese pagar a un docente por ese precio? Sen dúbida. Pero,  que sucede se ese curso é de fibra óptica? Pois que seguramente non encontraría docente por ese mesmo coste”.

Polo exposto, a Confederación de Empresarios de Galicia propón que se elimine o citado apartado considerando que este problema pode resolverse deixando a xustificación económica igual á establecida na Orde TAS/2783/2004, de 30 de xullo.