ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 22/05

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E SE PROCEDE Á CONVOCATORIA PÚBLICA DE SUBVENCIÓNS PARA A PROGRAMACIÓN DE ACCIÓNS FORMATIVAS DIRIXIDAS A TRABALLADORES OCUPADOS COFINANCIADAS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA PARA O EXERCICIO DE 2005.

I. ANTECEDENTES

o día 18 de febreiro de 2005 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito do director xeral de Formación e Colocación da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas a traballadores ocupados cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2005,  e solicitando, aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.
O obxecto desta orde, segundo establece a súa exposición de motivos, é a regulación das accións formativas dirixidas a traballadores ocupados referidas ás especialidades formativas incluidas no Catálogo Nacional de Especialidades Formativas de Formación Profesional Ocupacional, así como de accións formativas que poidan considerarse de carácter estratéxico e/ou de carácter experimental, subvencionadas todas elas pola Xunta de Galicia e cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 26 de xullo de 2004 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 16 de xuño de 2004, obsérvase que foron tidas en conta parcialmente as consideracións manifestadas polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Na súa exposición de motivos establécese que é de aplicación a esta orde a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

O artigo 5º establece os destinatarios das accións formativas, engadíndose aos traballadores das pemes e ás mulleres (estas dentro do colectivo de traballadores desfavorecidos).

O artigo 6º establece os custos subvencionables, especificándose que os gastos de desprazamento de persoal para seren subvencionados deben ter lugar fóra do centro de formación por motivos directamente relacionados coa acción formativa e que o pagamento aos docentes deberá ser, en todo caso, proporcional ás horas impartidas. Engádense como custos subvencionables os gastos de xestión e coordinación das accións formativas, seguros e pólizas de responsabilidade civil e publicidade.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas a traballadores ocupados cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2005” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezanove artigos, sete disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.




O día 28 de febreiro de 2005 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter unánime e catro consideracións específicas, de carácter unánime, en relación co establecido nos artigos 6º, 10º, 11º e 19º do proxecto normativo.

Contén asi mesmo, como anexos, unha consideración específica en relación co establecido no artigo 7º, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais (anexo I) e unha consideración específica en relación co establecido no artigo 3º , de carácter non unánime, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).



                                       DITAME 22/05


En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas a traballadores ocupados cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2005, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 18 de febreiro de 2005, e aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 28 de febreiro de 2005, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

As organizacións empresariais e sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran e así o piden á Administración que debe publicarse o Acordo Galego de Formación Continua asinado o 29 de marzo de 2004 entre a conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e os axentes sociais galegos.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

As organizacións empresariais e sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, representadas no Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, fan as seguintes propostas de modificación:

Primeira.- Artigo 6º. Custos subvencionables.

Este Comité propón que, ademáis dos relacionados no artigo 6º, sexan subvencionables os seguintes gastos:

- Gastos de personal dos centros de preparación, seguimento e control docente da actividade.
- Concretar, no punto terceiro do apartado a), dentro dos gastos correntes tales como materiais e subministracións, que están incluidos os gastos de medios e materiais didácticos (textos, material dun só uso polo alumno) e os materiais funxibles utilizados durante a realización da actividade.
- Gastos de personal directivo e administrativo da entidade xestora.


Segunda.- Artigo 10º. Pagamento e liquidación das subvencións.

O apartado B “sistemas de pagamento” establece o modo en se fará efectivo o aboamento da subvención, regulando a posibilidade de pagamentos parciais e anticipos sempre que se constitúa garantía a favor da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Este Comité  considera que a redacción deste artigo debe modificarse tendo en conta os gastos financeiros que xeran ás entidades impartidoras os sistemas de pagamento establecidos.

Sen prexuizo do manifestado no ditame sobre a orde reguladora das subvencións mediante contratos programa (consideración unánime terceira), este Comité considera que se debe aboar, como mínimo, un anticipo de ata o 50% do total do plan de formación, non de cada acción formativa.



Asi mesmo, este Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames propón que se consideren como custos asociados á actividade formativa, os correspondentes custos financeiros orixinados polas operacións formalizadas entre as entidades financeiras e as entidades beneficiarias no importe que excede do 50% de anticipo máximo.

Terceira.- Artigo 11º. Seguimento e control das accións formativas.

O apartado 1 deste artigo establece que para verificar o cumprimento do disposto na orde, a Dirección Xeral de Formación e Colocación e as delegacións provinciais aplicarán un sistema de seguimento e control, engadindo que o seguimento e control poderá facelo o persoal que se contrate para o efecto.

Este Comité considera que o sistema de seguimento e control é unha competencia exclusiva da Dirección Xeral de Formación e Colocación ou das súas delegacións provinciais e non pode levarse a cabo por persoal contratado para o efecto, polo que propón que se suprima esa referencia.

Cuarta.- Artigo 19º. Resolución.

Establece este artigo, no seu apartado 2, como tempo máximo de resolución dos expedientes o de seis meses. En concordancia co manifestado por este Comité Delegado noutros ditames precedentes, considérase oportuno acortar ese prazo a tres meses para conseguir así que os interesados na percepción das axudas non vexan dilatado no tempo a súa expectativa a percibir ou non as mesmas.

Prosegue este precepto dicindo que pasado ese prazo sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimada a súa solicitude.

Tamén na mesma liña que o manifestado en ditames precedentes, este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderán entender”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia de outras posibilidades para o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica. Polo exposto, proponse substituir a forma “poderán entender” por “entenderán”.

Ademáis, este Comité considera que a Administración debe contestar sempre de xeito expreso aos administrados e, en todo caso, o silencio administrativo debe ser, como regra xeral, positivo, fundamentalmente cando están en xogo intereses económicos para os administrados.

                                       ANEXO I

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Artigo 7º. Contía das axudas e subvencións.

O apartado 3 deste artigo establece que os beneficiarios das axudas poderán subcontratar, por unha soa vez, a realización das accións formativas financiadas con cargo a esta convocatoria.

As organizacións sindicais integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais propoñen a eliminación do citado apartado posto que consideran que non deben estar permitidas as subcontratacións.


                                            ANEXO II
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 3º. Entidades beneficiarias.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera necesario que se recolla no proxecto normativo, neste artigo 3º, o establecido na orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais de 30 de xullo de 2004, sobre o mesmo tema, que, no apartado quinto, dous, das súas disposicións xerais, establece: “De conformidad con lo establecido en el artículo 11.2 de la Ley 38/2003, de 17 de noviembre, General de Subvenciones, los miembros asociados de la entidad beneficiaria que se comprometan a ejecutar la totalidad o parte del plan de formación en nombre y por cuenta de la misma tendrán igualmente la consideración de beneficiarios”.