ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 23/05

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE INCENTIVOS PARA A CONTRATACIÓN DE PERSOAL EN CENTROS DE ATENCIÓN Á PRIMEIRA INFANCIA, ESCOLAS INFANTÍS OU GARDERÍAS INFANTÍS NAS EMPRESAS E PARQUES EMPRESARIAIS E SE PROCEDE A SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2005.

I. ANTECEDENTES



O día 21 de febreiro de 2005 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos para a contratación de persoal en centros de atención á primeira infancia, escolas infantís ou garderías infantís nas empresas e parques empresariais e se procede a súa convocatoria para o ano 2005, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.
Este proxecto normativo é a primeira vez que se recibe para ditame, dado que é un programa novo creado, segundo consta na exposición de motivos, para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, fomentando a creación de centros de atención á primeira infancia, escolas infantís ou garderías infantís para nenos de cero a seis anos, no seo de empresas privadas, parques empresariais e polígonos industriais, onde os seus pais desenvolvan a súa actividade profesional, mediante o establecemento dun programa específico para apoiar a contratación de traballadores desempregados que, tendo os requisitos esixidos, podan prestar os seus servizos nos citados centros de traballo.

Nesta orde regúlanse os incentivos para a contratación de persoal especializado para prestar servizos en centros de atención á primeira infancia, escolas ou garderías infantís. Poderán ser obxecto de subvención as contratacións indefinidas iniciais, as contratacións en prácticas reguladas no artigo 11 do Estatuto dos Traballadores e a contratación temporal de traballadores desempregados incorporados ao Programa Labora.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos para a contratación de persoal en centros de atención á primeira infancia, escolas infantís ou garderías infantís nas empresas e parques empresariais e se procede a súa convocatoria para o ano 2005” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezasete artigos, seis disposicións adicionais e dúas derradeiras.


O día 28 de febreiro de 2005 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que non contén consideracións de carácter unánime.

Contén, como anexos, seis consideracións xerais sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I) e unha consideración xeral sobre a valoración da norma e sete consideracións específicas, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).

DITAME 23/05




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de dinamización do emprego feminino e xuvenil no rural galego e a súa convocatoria para o ano 2005, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 21 de febreiro de 2005, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 28 de febreiro de 2005, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións, que se transcriben a continuación en anexos pola súa condición de non unánimes.


                                           ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira.

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames fan constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente ditame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2005. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.

Segunda.
A conciliación da vida laboral e familiar debe enfocarse, fundamentalmente, desde medidas directas á persoa que precisa de dita conciliación e a través dunha rede de servicios sociais públicos de calidade.

Primeiro, hai que atopar medidas para solucionar os problemas familiares que dan lugar á necesidade de conciliar ambas as dúas facetas da vida e logo, atopar axudas para acadar a incorporación do beneficiario, que é a fase que regulamenta esta Orde.
Considérase pois imprescindible contemplar as dúas situacións, que deberían ter acollida no texto da norma: hai que afrontar os problemas previos que xorden para incorporarse ao mercado de traballo, tendo en conta, fundamentalmente, as situacións dos traballadores e traballadoras e non só considerar estas situacións desde a postura da empresa, fomentando a contratación precaria.

Terceira.
As organizacións sindicais consideran que non ten sentido que un sector privado que compite directamente coas garderías públicas (en particular, coas de titularidade municipal) sexa subvencionado abaratando os seus custos, cuestión que constitúe un exercicio de competencia desleal.

Cuarta.
Todas as axudas de incentivos á contratación deben vincularse á negociación colectiva de ámbito superior á empresa.

Quinta.

Débese establecer unha norma que deixe fóra das subvencións de calquera Consellería a aquelas empresas que non teñan unha taxa de estabilidade similar á media galega, agás que teñan elaborado un plan de estabilidade consensuado cos representantes legais dos traballadores para acadala.


Sexta.
Coa taxa de precariedade existente e sendo esta unha das principais lacras a erradicar do noso mercado de traballo, consideramos que a subvención da contratación temporal por parte da Xunta debe limitarse exclusivamente aos colectivos en risco de exclusión social.

Por todas estas consideracións expostas, as organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais estiman que esta orde non debe ser publicada.


                                            ANEXO II
CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
A Confederación de Empresarios de Galicia, tendo en conta que este é o primeiro ano no que se convocan os incentivos regulados neste proxecto normativo, valora moi positivamente a concesión de axudas que fomenten a conciliación da vida familiar e laboral como as contidas neste proxecto obxecto de ditame.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Primeira.-  Exposición de motivos.

Na exposición de motivos do proxecto normativo establécese o marco de actuación, obviándose a referencia á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debe incluirse neste marco de actuación a referencia á citada Lei.


Segunda.- Artigo 2º. Ámbito de aplicación, contratacións subvencionables e definicións.

No apartado 3 deste artigo establécese que para efectos das axudas consideradas nesta orde, terán a consideración de desempregados aqueles que estean inscritos como demandantes de emprego no Servicio Público de Emprego no momento da contratación e que, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesourería Xeral da Seguridade Social.

O establecido neste apartado supón, tal e como xa apuntou a CEG en anteriores ditames, que si unha empresa contrata a un traballador que teña ocupación, no momento da contratación, noutra empresa, por exemplo, cunha xornada de dúas horas ao mes, non podería obter axudas ainda que cumprise todos os requisitos e ainda que o traballador estivera inscrito como demandante de mellora de emprego, por canto, no seu informe de vida laboral figuraría de alta noutra empresa cun contrato de prestación de servicios de 2 horas ao mes.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que, por razóns de equidade, deben incluirse como supostos subvencionables aqueles nos que, ademáis de cumprirse o resto dos requisitos esixibles, afecten a contratacións realizadas con traballadores que teñan outra ocupación de moi curta duración, entendendo por tal ocupación unha duración inferior a 48 horas ao mes ou 12 horas á semana. Se o obxectivo da meirande parte dos programas de axudas é o dirixido a fomentar a contratación de colectivos desfavorecidos ou con maiores dificultades de acceso ao mercado de traballo, non é equitativo eliminar de tal consideración a quen poda ter outra ocupación igual ou similar á que se sinala.

Terceira.- Artigo 3º. Beneficiarios.

O apartado 1 deste artigo establece que poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde as empresas privadas, as asociacións de empresas e agrupacións de empresas dun mesmo polígono industrial ou parque empresarial.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera o establecido neste apartado demasiado restrictivo, xa que impide que agrupacións de empresas que non pertencen a un mesmo polígono industrial ou parque empresarial  podan acceder ás axudas.

Cuarta.- Artigo 4º. Exclusións.

En relación co disposto nas letras b) e c) deste artigo, a Confederación de Empresarios de Galicia considera que deberíase precisar máis o alcance das exclusións, posto que estas non deben incluir ás empresas situadas nos polígonos, xa que excluiría a calquera traballador do polígono aínda sen ter tido relación laboral coa agrupación ou coa empresa que o contrate.

Na letra d) establécese como causa de exclusión as contratacions realizadas con traballadores que, nos 3 meses anteriores á data de contratación, prestaran servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato de duración determinada.
Tal causa de exclusión existíu nas ordes reguladoras dos programas de ao fomento da contratación indefinida e, en ningún caso, ao fomento da contratación temporal.
Considerando que en exercicios posteriores tal causa de exclusión foi suprimida polo gran efecto de eliminación de posibles beneficiarios de fomento da estabilidade nos anos 2001 e 2002; é dicir, afectaba unicamente axudas, é polo que a Confederación de Empresarios de Galicia considera necesaria a eliminación do contido da referida letra d) do artigo 4º do proxecto normativo.  

Quinta.- Artigo 5º. Requisitos.

O apartado 4 deste artigo establece que os traballadores contratados deberán cumprir, en relación á titulación esixida para realizar a dita actividade, o establecido na Orde do 29 de febreiro de 1996 da Consellería de Familia, Promoción do Emprego, Muller e Xuventude.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera oportuno mencionar no texto do artigo todas as titulacións habilitantes ás que fai referencia a citada Orde.

Sexta.- Artigo 6º. Axudas.

Neste artigo establécense as contías das axudas. A Confederación de Empresarios de Galicia considera que se deberían incrementar, nun ámbito no que se trata de complementar a rede pública cun maior esforzo da iniciativa privada, que entenden debe ser tido en conta á hora de fixar as contías da subvención establecidas no proxecto normativo.

Sétima.- Artigo 8º. Solicitudes e prazo.

O apartado 3 deste artigo establece que o prazo de solicitude será de dous meses contados desde a data en que se inicie a relación laboral, sempre que a contratación sexa posterior á data de entrada en vigor desta orde.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que o prazo de solicitudes debe ampliarse ao longo de todo o ano para lograr unha maior aplicación das axudas.

A pregunta que nos xurde, en relación co establecido nese apartado 3, é que sucede coas contratacións que poidesen terse producido con anterioridade á entrada en vigor do proxecto normativo. Parece que nada impide que, con anterioridade á  súa entrada en vigor, poidan existir empresas, asociacións e/ou agrupacións de empresas dun mesmo polígono industrial ou parque empresarial que poidan ter creado un centro infantil ou gardería con contratación de persoal e que podan resultar beneficiarias do programa de axudas regulado no proxecto normativo obxecto de ditame.

Polo exposto, a Confederación de Empresarios de Galicia considera que as situacións citadas anteriormente deben contemplarse no contido do proxecto normativo mediante, por exemplo, unha disposición transitoria, propoñendo que o prazo de solicitude sexa de dous meses contados desde a data de entrada en vigor da orde.