ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 24/05

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DAS AXUDAS PARA O FOMENTO DA INTEGRACIÓN DA PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS NOS SISTEMAS DE XESTIÓN DAS EMPRESAS MEDIANTE A CONTRATACIÓN DE TÉCNICOS SUPERIORES EN PREVENCIÓN DE RISCOS LABORAIS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS MÁIS REPRESENTATIVAS E EMPRESARIAIS MÁIS REPRESENTATIVAS A NIVEL INTERSECTORIAL E/OU SECTORIAL.

I. ANTECEDENTES


O día 7 de marzo de 2005 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da integración da prevención de riscos laborais nos sistemas de xestión das empresas mediante a contratación de técnicos superiores en prevención de riscos laborais polas organizacións sindicais máis representativas e empresariais máis representativas a nivel intersectorial e/ou sectorial, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Por Decreto 200/2004, de 29 de xullo, créase o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral, como órgano administrativo de carácter técnico en materia de seguridade e saúde laboral, ao tempo que se regula o Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral.

A publicación da Lei 54/2003, de 12 de decembro,  reforma o marco normativo da prevención de riscos laborais e, entre os seus obxectivos están o de combater dun xeito activo a sinistralidade laboral, fomentar unha auténtica cultura da prevención de riscos no traballo, así como reforzar a necesidade de integrar a prevención dos riscos laborais nos sistemas de xestión da empresa.

As axudas previstas no proxecto normativo que se somete a ditame teñen como obxectivo, ao abeiro da perspectiva integradora antes sinalada, facilitar a contratación de técnicos superiores en prevención de riscos laborais ás organizacións sindicais máis representativas de Galicia e ás organizacións empresariais máis representativas de Galicia a nivel sectorial e/ou intersectorial, a fin de impulsar e fomentar unha auténtica cultura de prevención de riscos laborais nos centros de traballo así como combater a sinistralidade laboral.


Este proxecto normativo é novo e, polo tanto, é a primeira vez que se recibe para ditame.



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da integración da prevención de riscos laborais nos sistemas de xestión das empresas mediante a contratación de técnicos superiores en prevención de riscos laborais polas organizacións sindicais máis representativas e empresariais máis representativas a nivel intersectorial e/ou sectorial” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, dezasete artigos, cinco disposicións adicionais e tres derradeiras.


O día 14 de marzo de 2005 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que non contén consideracións de carácter unánime.

Contén, como anexos, unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais (anexo I) e unha consideración xeral sobre a valoración da norma e catro consideracións específicas, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).



                              DITAME 24/05

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas para o fomento da integración da prevención de riscos laborais nos sistemas de xestión das empresas mediante a contratación de técnicos superiores en prevención de riscos laborais polas organizacións sindicais máis representativas e empresariais máis representativas a nivel intersectorial e/ou sectorial, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 7 de marzo de 2005, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 14 de marzo de 2005, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións, que se transcriben a continuación en anexos pola súa condición de non unánimes.

                                        ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, S.N. DE CC.OO. DE GALICIA E  CIG:As organizacións sindicais UGT- Galicia, S.N. de CC.OO. de Galicia e CIG consideran que, se ben podería entenderse en principio como positiva unha nova norma destinada ao “fomento da integración da prevención de riscos laborais nos sistemas de xestión das empresas....”, o certo é que:

PRIMEIRO.- Este proxecto de Orde debería, con carácter previo á súa remisión ao Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión do preceptivo ditame, ser obxecto de debate e non dunha simple consulta (como se sinala na súa Exposión de motivos) no seo do Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral. Compre lembrar, a este respecto, a invocación ao consenso de todas as partes implicadas que realiza expresamente a Lei de Prevención de Riscos Laborais.

SEGUNDO.- O proxecto de Orde fomenta a contratación precaria, por seis meses de duración, cando se podería establecer ésta por un mínimo anual adicando idénticos recursos económicos, dado que cada organización beneficiaria podería dispoñer de dous técnicos superiores durante seis meses. Por outra parte, son reiteradas as manifestacións das organizacións sindicais, en anteriores ditames, de que a contratación temporal só deberíase subvencionar no caso dos colectivos en risco de exclusión social.

Por todo iso, as organizacións sindicais non entran a ditaminar as cláusulas concretas do proxecto de Orde.


                                     ANEXO II


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:
A Confederación de Empresarios de Galicia valora positivamente o proxecto normativo obxecto de ditame posto que trata de contribuir ao fomento da integración da prevención de riscos laborais nas empresas a través do fomento da contratación de técnicos en prevención de riscos laborais.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.-  Artigo 2º. Beneficiarios e requisitos dos mesmos.

No apartado 1 do artigo 2 do proxecto normativo establécese que poderán ser beneficiarias, entre outras, as organizacións empresariais máis representativas de Galicia a nivel intersectorial e/ou sectorial.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que debe regularse doutra forma o concepto de beneficiario:

“As organizacións empresariais e sindicais máis representativas no ámbito autonómico, de carácter intersectorial.
Asi mesmo e de conformidade co establecido na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, os membros asociados da entidade beneficiaria que se comprometan a executar a totalidade ou parte das actividades que fundamentan a concesión da subvención en nome e a conta da mesma, terán igualmente a consideración de beneficiarios.” (11.2 Lei 38/2003).

Segunda.-  Artigo 3º. Tipos de axuda.

No apartado 3 deste artigo establécese que “terán a consideración de desempregados … os que figuren inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego e carezan de ocupación segundo o informe da vida laboral ..”.

Isto supón, como xa se sinalou en anteriores ocasións, que si unha organización empresarial ou sindical contrata a un traballador que, no momento da contratación, teña ocupación noutra empresa, (por exemplo, cunha xornada de dúas horas ao mes), aquela non podería obter axudas aínda que cumprise todos os requisitos e o traballador estivera inscrito como demandante de mellora de emprego, posto que no seu informe de vida laboral figuraría de alta noutra empresa con un contrato de prestación de servizos de dúas horas ao mes.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que, por razóns de equidade, deben incluirse como supostos subvencionables aqueles nos que, ademáis de cumprirse o resto dos requisitos esixibles, afecten a contratacións realizadas con traballadores que teñan outra ocupación a tempo parcial de curta duración (menos de 48 horas/mes ou 12h/semana).

Considera ademáis  que debería admitirse a posibilidade de subvencionar a contratación a tempo parcial.

Terceira.-  Artigo 4º. Subvención para a contratación de técnicos superiores en prevención de riscos laborais polas organizacións sindicais máis representativas de Galicia e polas organizacións empresariais máis representativas de Galicia a nivel intersectorial e/ou sectorial.

Apartado 1. Establece este apartado que será subvencionable a contratación de técnicos en prevención de riscos laborais de nivel superior.

Non obstante, no proxecto normativo remitido para ditame que regula as subvencións para a contratación de técnicos en prevención de riscos polas pemes,  incéntivase a contratación tanto de técnicos de nivel superior como de nivel intermedio.

A Confederación de Empresarios de Galicia non atopa xustificación algunha para a exclusión de axudas á contratación de técnicos de nivel intermedio polas organizacións empresariais e sindicais.

Apartado 3.  Este apartado establece que a contratación do técnico será por unha duración de 6 meses.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que tal limitación parece que carece de sentido, tendo en conta que o importante é que se contrate cunha finalidade útil desde o punto de vista da prevención de riscos laborais e que, en definitiva, con tal contratación se execute unha obra ou se preste un servizo adecuado á finalidade que persegue o proxecto normativo, con independencia do tempo que cada beneficiario planifique ocupar na súa execución.

Aínda que se entenden as limitacións presupostarias existentes, a Confederación de Empresarios de Galicia considera que, de cara a futuros exercizos debería asegurarse unha subvención do 100% do custo salarial e de Seguridade Social durante un ano completo, como ocorre con outros programas (axentes de emprego, orientadores laborais…) da mesma Consellería.

Cuarta.-  Artigo 7º. Documentación.

Este artigo, na letra h),  establece que deberase acompañar á solicitude a acreditación, cando proceda, da modalidade de organización preventiva nas catro especialidades ou disciplinas que teña establecida a organización en calquera das modalidades establecidas no RD 39/1997.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que, por razóns de seguridade xurídica, deberían aclararse os supostos nos que procede acreditar tales extremos.