ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 27/05

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE REGULA O FUNCIONAMENTO DOS CENTROS ASOCIADOS AO SERVIZO GALEGO DE COLOCACIÓN E SE ESTABLECEN AS BASES E A CONVOCATORIA PARA A CONCESIÓN DAS COMPENSACIÓNS ECONÓMICAS DAS ACCIÓNS A REALIZAR POLOS CENTROS ASOCIADOS.

I.  ANTECEDENTES


O día 8 de abril de 2005 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se regula o funcionamento dos centros asociados ao Servizo Galego de Colocación e se establecen as bases e a convocatoria para a concesión das compensacións económicas das accións a realizar polos centros asociados e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O proxecto normativo que se somete a ditame ten como obxectivo regular o funcionamento dos centros asociados ao Servizo Galego de Colocación na súa tarefa de apoio á intermediación no mercado de traballo que corresponde ao Servizo Público de Emprego, así como aprobar as bases e a convocatoria para as compensacións económicas polas accións realizadas por estes centros asociados no ámbito da intermediación laboral en colaboración co Servizo Galego de Colocación, relativas á información, captación e tratamento de ofertas de traballo e accións complementarias ao tratamento desas ofertas.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 23 de febreiro de 2004 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 30 de decembro de 2003, obsérvase que non foron atendidas as consideracións feitas por este Comité Delegado.

O borrador presenta tres modificacións respecto á orde do exercicio de 2004:
· Artigo 7º.- Definición: Modifícanse os requisitos esixidos nas letras d) e e) para que o centro poda ser considerado como asociado ao Servizo Galego de Colocación, incorporándose novos requisitos nas letras e), f) e g).
· Artigo 8º.- Solicitudes: No apartado 2, letra i), esíxese como novidade acompañar á solicitude unha declaración do conxunto de todas as solicitudes de axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas ou de calquera dos seus organismos.
· Disposición adicional segunda.- Redúcese a consignación orzamentaria das accións reguladas nesta orde en relación ao exercicio pasado.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se regula o funcionamento dos centros asociados ao Servicio Galego de Colocación e se establecen as bases e a convocatoria para a concesión das compensacións económicas das accións a realizar polos centros asociados” consta de: Exposición de motivos, vintetrés artigos, cinco disposicións adicionais, unha disposición transitoria e dúas disposicións derradeiras.


O día 18 de abril de 2005 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dez consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, en relación coa redacción dada aos artigos 4º, 5º, 6º, 8º, 10º, 11º, 12º, 13º, 14º e 23º do proxecto normativo.

Contén asi mesmo, como anexos, dúas consideracións xerais e cinco específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I) e catro consideracións específicas de carácter non unánime manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).


                                   DITAME 27/05

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se regula o funcionamento dos centros asociados ao Servicio Galego de Colocación e se establecen as bases e a convocatoria para a concesión das compensacións económicas das accións a realizar polos centros asociados, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 8 de abril de 2005, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 18 de abril de 2005, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira. Artigo 4º.- Captación e tratamento de ofertas.
Este Comité Delegado propón engadir antes do parágrafo quinto, que di “A introducción na rede informática do Servizo Galego de Colocación do documento de oferta”, o seguinte parágrafo: “A comunicación á oficina de emprego correspondente ao ámbito onde esté o Centro Asociado do contido da oferta indicando os datos da empresa, os postos de traballo ofertados e as principais características requiridas aos candidatos”.b>
Proponse engadir antes do parágrafo sétimo, que di “O seguimento e peche do resultado da oferta” o primeiro parágrafo do artigo 5º: >“Comprobar a dispoñibilidade das precandidaturas que resulten do emparellamento realizado a través do Servizo Galego de Colocación entre o perfil do/s posto/s de traballo ofertado/s e a base de datos de demandantes e informar ao ofertante de traballo dos candidatos máis axeitados de acordo cos criterios especificados na oferta por parte das diferentes empresas ou entidades”
.


Segunda.- Artigo 5º.  Accións complementarias.
Proponse a supresión deste artigo, dado que o seu contido se propón incluílo no artigo 4º.

Terceira.- Artigo 6º. Usuarios dos centros asociados.
As organizacións sindicais e empresariais consideran que debe dárselle unha nova redacción a todo o artigo, dado que a introducción e mantemento dos currículos dos demandantes de emprego está relacionada co programa de orientación. Neste senso proponse a seguinte redacción:
“Poden ser usuarios dos centros asociados ao Servizo Galego de Colocación as entidades públicas ou privadas que teñan a necesidade de cubrir un ou máis postos de traballo”.

Cuarta.- Artigo 8º. Solicitude.
Respecto do establecido neste artigo, considérase que non debería ser necesario que os centros asociados teñan que presentar ano tras ano a mesma documentación. Parece máis lóxico que, se as circunstancias non varían, unicamente houbera que presentar unha solicitude de renovación sen aportar nada máis, tal como establecen as normas de procedemento admnistrativo.

Quinta.- Artigo 10º. Criterios de adxudicación.
Considérase que no antepenúltimo parágrafo, deberiase deixar como criterios de adxudicación unicamente a captación de ofertas de traballo e a calidade na súa xestión.

Sexta.- Artigo 11º. Tramitación e resolución.
No apartado 2 deste artigo establécese que “o director xeral de Formación e Colocación, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, dictará resolución motivada e seralles notificada ós interesados”.
Proponse o seguinte:
a) Engadir que a resolución dictarase no prazo de tres meses contados desde o día da presentación da solicitude no correspondente rexistro.
b) Suprimir o disposto no apartado 4 deste artigo 11º.

Sétima.- Artigo 12º. Obrigas dos centros asociados.
Na letra f) proponse darlle a seguinte redacción: Manter á disposición do Servizo Galego de Colocación o documento de oferta asinado polo representante legal da empresa ofertante e, se é o caso, pola entidade autorizada para realizar o proceso de selección, mentres non este pechada a oferta e despois, enviala dentro dos quince días seguintes ao seu peche á Oficina de Emprego que lle corresponda”.
As letras j) e k) deben cambiarse polas seguintes que correspondan por ser impropias do alfabeto galego.

Oitava.- Artigo 13º. Polas accións de captación de oferta.
Considérase que debe incorporarse un primeiro parágrafo que diga: “A efectos de percibir unha compensación económica, soamente serán tidas en conta aquelas ofertas que foran cubertas cos candidatos propostos polo Servizo Galego de Colocación”.
Non se entende a diferenciación que se fai entre unhas entidades (con accións de orientación e/ou tratamento das demandas de emprego) e as demais. Entendemos que os orientadores que se financian a estas entidades non deben poder adicar parte do seu tempo aos procesos de selección dado que é a propia Consellería quen debe establecer a súa axenda de traballo con suficiente carga como para que non se podan dedicar a outras tarefas (intermediación).

Novena.- Artigo 14º. Polas accións complementarias ao tratamento de ofertas de traballo.
Proponse a supresión deste artigo por entender que a oferta inclúe todos os pasos, dende a súa captación ata o peche, pasando, obviamente, pola comprobación da dispoñibilidade dos demandantes adscritos.

Décima.- Artigo 23º. Participación institucional.
Proponse engadir ao final do parágrafo: “A participación dos axentes sociais para os efectos do Servicio Galego de Colocación efectuarase a través do Comité Autonómico de Emprego” e dos Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral.

Considérase que se debe correxir o termo “institucional” no título do artigo.

                                        ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:
Primeira.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais  fan constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente ditame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2005. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.
Segunda.
A Xunta de Galicia estableceu no ano 1997 un sistema polo que se abrían á privatización certas funcións  do Servizo Público de Emprego, denominado Servizo Galego de Colocación no que incorporou no ano 1998 a rede de Oficinas de Emprego que lle foron transferidas. Un dos aspectos que privatizou foi  a xestión das ofertas de emprego, agás os sondeos. Ao mesmo tempo, sen incrementar o persoal, engadiu novos cometidos ás Oficinas de Emprego, pensando, tal vez, que a parte privatizada supliría con creces o papel das Oficinas. Neste proceso investíu unha boa cantidade de recursos económicos transferíndoos aos centros asociados en pago das ofertas tramitadas.


Este plantexamento, sen que houbera control por parte da administración e dos axentes sociais, provocou unha serie de fraudes, ata agora sen analizar na súa totalidade, consistentes en mecanizar os anuncios da prensa como se foran ofertas, etc. Un dato relevante é que as entidades con ánimo de lucro pasaron de xestionar 14.653 ofertas no ano 1999 a  xestionar 43.465 no ano 2000, e despois das denuncias feitas, no ano 2001 se quedaran en 29.083  ofertas. Pola contra, as Oficinas de Emprego xestionaron, en relación coa media dos anos 96 e 97, unhas 150.000 ofertas de emprego menos.
O resultado da privatización das ofertas foi que, se antes da transferencia o INEM de Galicia xestionaba ó redor do 5 % do total das ofertas rexistradas no Estado, co novo sistema pasouse a xestionar, de media para o período 98 – 02 un 3’1 %. De manter a tónica anterior, deberíanse ter xestionado unhas 630.895 ofertas, en vez das 394.689  ofertas xestionadas. Así pois, o novo sistema privatizado, ademais de caro e fraudulento, é aínda mais inoperante co que existía ata a transferencia. Por iso, plantexamos o seu cambio polo anterior e que soamente as Oficinas da Xunta xestionen as ofertas.
En relación co conxunto do proxecto normativo sometido a ditame, consideramos que soamente deben ser Centros Asociados ao SGC as entidades sen ánimo de lucro e que as súas accións deberán estar relacionadas coas Medidas Activas de Emprego polas que foran recoñecidos, en concreto por Orientación Laboral e Formación Ocupacional.
As cuestións relativas á intermediación laboral deben ser competencia exclusiva das Oficinas de Emprego. Neste sentido procedería a supresión dos importes das partidas especificadas nesta Orde e a súa inclusión no capítulo I do orzamento da Consellería, incrementando a dotación de persoal da Rede de Oficinas de Emprego.

Polo tanto, suxírese o incremento do capítulo I da Consellería en 571.000 € (importe correspondente ao consignado para estas axudas nas aplicacións 16.03.241B.471, 480.1 e 461), co fin de dotar a rede pública de Oficinas de Emprego de técnicos de emprego.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 1º. Obxecto.
Aínda que non se acepte a consideración de competencia exclusiva das OEXs no relacionado coa intermediación, consideramos que non debe haber ningunha compensación económica, polo que se propón suprimir dende “que corresponde ao Servicio Público de Emprego” ata o final.
Segunda.- Artigo 2º. Accións.
Segundo aparece ao longo da Orde, débese plantexar unha única acción que é “Captación e tratamento das ofertas de traballo”.
Terceira.- Artigo 3º. Información.
Considérase que debe suprimirse este artigo. A información deberase dar polas oficinas de emprego. Así debese indicar que ante a solicitude de información ou a comprobación da carencia dela, remitirase á OEX correspondente.
Cuarta.- Artigo 7º. Definición.
Considérase que debe modificarse o apartado a) deste artigo, detallando qué se entende por “profesional suficientemente capacitado”. Neste senso debe establecerse que o citado profesional debe cumplir os seguintes requisitos:
· Estar en posesión dunha titulación media ou superior relacionada cos procesos de selección (Psicoloxía, Relacións laborais, Orientación, etc..)
· Ter unha experiencia demostrable de, cando menos, tres anos en procesos de selección de persoal.
Considérase tamén que se deben excluir as entidades con animo de lucro, dado que entendemos que ningún aspecto relacionado co paro debe ser un negocio, por medio da seguinte redacción: “Poderá ser recoñecido centro asociado ao Servizo Galego de Colocación calquera entidade pública ou privada que, carecendo de ánimo de lucro, teña un ámbito de actuación relacionado co mercado laboral e que reúna, dentro do prazo de solicitude, os seguintes requisitos”.

Quinta.- CAPÍTULO III: Compensacións económicas
Proponse suprimir todo este capítulo.

                                     ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 7º. Definición.
Proponse modificar o apartado a) detallando que se entende por “profesional suficientemente capacitado”. Neste senso, debe establecerse que o citado profesional cumpla os seguintes requisitos:  

•  Estar en posesión dunha titulación media ou superior relacionada cos procesos de selección (Psicoloxía, Relacións laborais, Orientación, etc..)
• Ter unha experiencia demostrable en selección de persoal ou noutros aspectos como orientación profesional, motivación cara ao emprego, recursos humanos, xestión de bolsas de traballo ou outras disciplinas que garden relación directa co mercado laboral.

  Segunda.- Artigo 13º.  Polas accións de captación de oferta.
A Confederación de Empresarios de Galicia considera que se deben actualizar as contías polas accións que figuran neste artigo.

Terceira.- Artigo 14º. Polas accións complementarias ao tratamento de ofertas de traballo.

Para o caso de que non se considere a proposta unánime da supresión deste artigo, considérase que -xa que dentro das accións complementarias especificadas no artigo 5º do proxecto normativo consta a acción de informar ao ofertante de traballo dos candidatos máis axeitados de acordo cos criterios especificados na oferta por parte das diferentes empresas ou entidades- débese compensar económicamente e constar así neste artigo 14º.

Polo exposto, proponse a eliminación da citada acción ou, subsidiriamente, a súa compensación económica.

Cuarta.- Artigo 15º. Incompatibilidade.
Este artigo dispón no apartado 1 que as ditas compensacións son incompatibles con calquera outra que puidesen recibir as distintas entidades ... polos mesmos conceptos ou de naturaleza análoga.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que o sinalado en cursiva pode producir inseguridade xurídica, polo que propón a súa eliminación.