ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 2/02

DICTAME SOBRE O BORRADOR DA RESOLUCIÓN POLA QUE SE DESENVOLVE A ORDE DE 22 DE NOVEMBRO DE 2001, POLA QUE SE ESTABLECE A CONVOCATORIA PÚBLICA PARA A PROGRAMACIÓN DOS CURSOS DO PLAN NACIONAL DE FORMACIÓN E INSERCIÓN PROFESIONAL NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA CORRESPONDENTES Ó EXERCICIO DE 2002

En relación coa solicitude de dictame sobre o borrador da Resolución pola que se desenvolve a Orde de 22 de novembro de 2001, pola que se establece a convocatoria pública para a Programación dos cursos do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondentes ó exercicio de 2002, remitida pola Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, en data do 17 de xaneiro de 2002, a efecto de dar cumprimento ó establecido no artigo 3.2.b) da Lei 7/1988, de 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o 28 de xaneiro dos correntes, acordou face-las seguintes consideracións e propostas de modificación, DE CARÁCTER UNÁNIME, que se reproducen a continuación:



1. Artigo 1º- Selección de alumnos
Este artigo, no seu apartado a), establece: “Con 10 días de antelación á data prevista de inicio do curso, os centros colaboradores beneficiarios solicitaranlle directamente á oficina de emprego correspondente, mediante o impreso normalizado para o efecto, unha lista de desempregados que se adecúen ó perfil requirido para a realización do curso…”.

Por outra parte, no seu apartado e) establécese: “Cando por este sistema non queden cubertas tódalas prazas, a entidade realizará unha convocatoria pública mediante anuncio público nun dos xornais de maior tirada da provincia…”.

Considerando que a oficina de emprego, ademais de realiza-la correspondente sondaxe, debe notificar os candidatos preseleccionados mediante carta ou telegrama con acuse de recepción, este comité estima difícil o cumprimento deste precepto nos termos establecidos no mesmo; polo tanto, considérase necesario a ampliación do prazo a 15 días e que o mesmo se estableza en relación coa data de celebración da proba e non á de comezo do curso. Transcorrido ese prazo, poderíase face-la correspondente convocatoria pública.

A PROPOSTA que se suxire é substituí-la actual redacción do texto “con 10 días de antelación á data prevista do inicio do curso” pola seguinte: “con 15 días de antelación á celebración da proba de selección”

Así mesmo, e en relación co anterior, PROPÓN modifica-lo apartado e)  do xeito que segue: “..no caso de que nos 15 días a oficina de emprego non remitise demandantes ou os enviados fosen insuficientes, poderase realiza-la correspondente convocatoria pública mediante anuncio público nun dos xornais de maior tirada da provincia”

2. Artigo 8- Gastos imputables ó módulo B.

Respecto dos gastos de alugueiro de maquinaria, o apartado b) deste artigo establece que “o seu importe non poderá superar, con carácter xeral, o 25% do módulo B”.

Este comité solicita que se CLARIFIQUE dalgún xeito o significado de “con carácter xeral” e en qué casos- especialidades-  se podería superar este 25%.


Por outra parte, o artigo non recolle a xustificación doutros gastos imputables ó módulo C, como é a dos gastos contemplados no punto 2. b) do artigo 4º da orde do 22 de novembro, referidos a gastos de medios e materiais didácticos.

Este comité PROPÓN que, de manterse o Anexo 14, se engadise un apartado c), no que se recollese que os gastos que se xustifiquen de medios e materiais didácticos, como textos e materiais dun só uso polo alumno deberán contar co aporte do documento Anexo 14 asinado polo alumno no que figure a relación de material entregado. Así mesmo, deberá existir un documento asinado polo conxunto dos alumnos no que se relacionen os materiais de traballo de carácter funxible utilizados durante as actividades de formación.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME Ó BORRADOR DA RESOLUCIÓN MANIFESTADAS POLO S.N. DE CCOO DE GALICIA E MAILA CIG

Na orde e na resolución non se establece límite algún para a partida de gastos xerais. Entendemos que si esto se mantén así non existe inconveniente, pero no caso de optar por fixar porcentaxes en posteriores circulares internas, deberíase recoller no artigo 7 da presente resolución establecendo unha división entre gastos xerais directos e indirectos.

A PROPOSTA sería a de introducir dous novos apartados do xeito que segue:
“d) Gastos xerais indirectos:
Establécese como porcentaxe máxima o 25% de imputación para os gastos xerais de seguros, comunicacións xerais, gastos de persoal directivo e administrativo estrictamente necesario, gastos de limpeza do lugar ou lugares de impartición do curso (aulas, talleres e elementos comúns), gastos xerais de publicidade.

e) Gastos xerais directos das accións formativas:
Os gastos xerais que teñen a súa orixe directa no grupo poderán ir con cargo ó módulo B sen tope establecido. Estes gastos son os correspondentes a actividade directa de cada grupo que a continuación se relacionan: comunicacións especificas do grupo por tratarse de especialidades que requiren conexión telefónica (Internet), gastos de transporte necesarios para a realización de viaxes didácticas previstas no programa formativo ou as que así sexan apreciadas como necesarias e autorizadas expresamente pola correspondente Delegación Provincial. Neste caso tamén poderán incluírse o importe das entradas para alumnos e profesores do grupo, pero non a manutención durante as visitas, gastos de anuncios autorizados polas correspondentes oficinas de emprego para a incorporación dos alumnos, de conformidade co establecido na Orde do 22 de novembro de 2001”.




ANEXO II

CONSIDERACIÓN DE CARÁCTER NON UNÁNIME Ó BORRADOR DA RESOLUCIÓN MANIFESTADA POLA CEG

Respecto do apartado do punto 2 do artigo 4 da orde de 22 de novembro, esta organización xa fixo no seu momento unha consideración.

A CEG considera necesario CLARIFICAR qué clase de persoal está incluído na consideración de persoal directivo e propón que nesta resolución se inclúa outro persoal técnico (ademais do directivo e administrativo) que realice tarefas de execución no desenvolvemento da formación.