ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 28/05

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DOS PROGRAMAS DE INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN A TEMPO PARCIAL DE ESTUDANTES UNIVERSITARIOS, COFINANCIADA POLO FONDO SOCIAL EUROPEO E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2005.

I. ANTECEDENTES


O día 20 de abril de 2005 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de incentivos á contratación a tempo parcial de estudantes universitarios, cofinanciada polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2005, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se recibe para ditame, dado que é un programa novo creado, segundo consta na exposición de motivos, para mellorar a empegabilidade dos estudantes, compatibilizando os seus estudos cunha actividade laboral remunerada, de xeito que adquiran a necesaria experiencia laboral demandada polo mercado de traballo.

Regúlanse, nesta orde,  os incentivos dirixidos á contratación a tempo parcial, tanto de carácter indefinido como temporal, que se realicen con estudantes universitarios que, no momento da súa contratación, sexan desempregados e teñan superado o 50% dos créditos necesarios para obter o título universitario cuxas ensinanzas estivesen cursando, sempre que o posto de traballo estea relacionado cos seus estudos.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.




II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de incentivos á contratación a tempo parcial de estudantes universitarios, cofinanciada polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2005” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezaoito artigos, cinco disposicións adicionais e dúas derradeiras.


O día 27 de abril de 2005 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais de carácter unánime sobre a valoración da norma, manifestadas polas organizacións sindicais e empresariais.


Contén asi mesmo, como anexos, sete consideracións xerais sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I) e unha consideración xeral e sete consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).


                                 DITAME 28/05


En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de incentivos á contratación a tempo parcial de estudantes universitarios, cofinanciada polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2005, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 20 de abril de 2005, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 27 de abril de 2005, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:




CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

O obxectivo deste tipo de contratacións incentivadas coincide coa finalidade do contrato en prácticas, o que podería prantexar algún problema xurídico, xa que non reúne as condicións de tal modalidade contractual. Por iso, para que se poda proceder á contratación ou ben se contrata de forma indefinida ou ben deben reunirse as causas para a contratación de duración determinada do artigo 15 do Estatuto dos Traballadores.

Segunda.

Por outra parte, non queda clarificada a categoría profesional nin a profesión na que deberían encadrarse os traballadores, pois en moitos casos non podería ser aquela para a que se esixa a titulación que aínda non se ten obtido, e o proxecto normativo esixe que o posto de traballo estea relacionado cos estudos que leva a cabo o traballador.



                                   ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER NON UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira.
As organizacións sindicais que integran o Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames fan constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente ditame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2005. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.

Segunda.
A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, na reunión do Comité Autonómico de Emprego celebrada o pasado 1 de abril deste ano, presentou un documento co título “PROPOSTA DE ACORDO AUTONÓMICO POR UN EMPREGO ESTABLE E DE CALIDADE” para, entre outras razóns, dar cumprimento a un acordo do Parlamento do mes de outubro. Nese documento que propón para a súa negociación que se debe iniciar o día 2 de maio, dise na páxina 48: “Conceder axudas ás empresas contratantes de xoves demandantes de emprego que se atopen nos 2 últimos anos de estudo das súas carreiras universitarias, sempre que o perfil do posto se atope directamente relacionado cos seus estudos, mediante a subscrición de contratos de duración determinada, cuxa duración non poderá exceder do tempo igual ao necesario para acabar os seus estudos e por un período mínimo de 6 meses. Ditas axudas variarán en función da duración da xornada efectivamente contratada”.

Unha vez mais a Consellería utiliza o mesmo procedemento: fai unha proposta para negociar e manda o borrador da Orde ao Consello Galego de Relacións Laborais. No documento presentado polos tres sindicatos no Encontro da Toxa do ano 2003, diciamos: “O día 29 de outubro teñen entrada no Consello Galego de Relacións Laborais as ordes do Plan FIP e do FSE para 2004, sen estaren estes puntos pechados e sen recolleren as cuestións que estaban na mesa.”
Está clara cal é a vontade e o talante negociador da Consellería.

Terceira.
A Orde que regula os Incentivos á contratación a tempo parcial de estudantes universitarios, na súa exposición de motivos, establece que os obxectivos dela son:
§ mellorar a empregabilidade dos estudantes, compatibilizando os seus estudos cunha actividade laboral remunerada, de xeito que adquiran a necesaria experiencia laboral demandada polo mercado de traballo.
§ a colaboración da empresa na formación de futuros graduados, contribuíndo a introducir con realismo os coñecementos que o traballo cotiá esixe na formación de universitarios.

No seu artigo 2º “Ámbito de aplicación, contratacións subvencionables e definicións”, non establece ningunha relación concreta entre os estudios en curso e as ocupacións nas que se contrata. Esta é unha diferencia entre a proposta realizada (sempre que o perfil do posto se atope directamente relacionado cos seus estudos) e o borrador da Orde remitido a este Consello.

Parece que a Consellería de Asuntos Sociais non está de acordo cos plans de estudos universitarios e pretende emendarlle a plana á Consellería de Educación, establecendo que os universitarios, ó marxe das prácticas xa reguladas, deben realizar outras actividades laborais.


Cuarta.
Parecería mais apropiado establecer unha política de becas para que os universitarios con recursos limitados podan estudar que transferir fondos ás contas de resultados das empresas para que os contraten de calquera cousa.

Quinta.
Seguir a propoñer medidas carentes de sentido e impulsando a contratación temporal dos mozos/as está levando a unhas taxas de precariedade dificilmente imaxinables: o 60 % dos menores de 30 anos son precarios.

Sexta.
Existen serias dúbidas acerca da aplicación legal da cofinanciación polo Fondo Social Europeo das axudas reguladas nesta Orde.

Sétima.
Por todas estas razóns consideramos que, cara a non seguir deteriorando a calidade do emprego en Galicia, é mellor que non se publique esta Orde.


                                    ANEXO II

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


A Confederación de Empresarios de Galicia está de acordo en arbitrar medidas de mellora da empregabilidade do colectivo de estudantes, pese a que existen dúbidas sobre o marco normativo nas que se desenvolverían.

Podería aconsellarse a aplicación destes incentivos unha vez rematados os estudos, mellorando os destinados á contratación en prácticas e amplialos ás prácticas non laborais de estudantes universitarios realizadas no marco dos convenios que asinan as Universidades, sendo aconsellable, ademáis, contar co visto e prace da Inspección de Traballo para evitar posibles problemas de interpretación.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 2º. Ámbito de aplicación, contratacións subvencionables e definicións.
Para favorecer a aplicación da medida propónse rebaixar a xornada mínima que da dereito á subvención do 40 ao 25%. Deste xeito se flexibilizarían as condicións de acceso neste punto concreto.


Segunda.-  Artigo 6º. Axudas.
As contías económicas son escasas para potenciar tales contratacións, e ademáis non superan ás establecidas na Orden de incentivos á contratación con carácter xeral.


Terceira.- Artigo 8º. Solicitudes e prazo.
Estipúlase o prazo do 30 de setembro como tope, pero ¿Qué ocorre cos contratos feitos posteriormente?. Deberían terse en conta nas próximas ordes de convocatoria.

Cuarta.- Artigo 9º.5. Documentación
Falta unha mención á certificación de estar cursando estudios universitarios, aparte de ter superados o 50% dos créditos necesarios para a obtención da titulación universitaria. O feito de ter superados o 50% dos créditos non significa que se esté a cursar unha titulación universitaria no momento do contrato.

Quinta.-  Artigo 11º.  Resolución e recursos.
O prazo de Resolución propoñemos se deixe á mitade, en tres meses.

Sexta.-  Artigo 12º.1 e 12º.1.c.  Xustificación do pagamento.
Debe quedar fixado taxativamente cal é a documentación exixible, así como as mensualidades ás que se refiren.

Sétima.- Obrigas dos beneficiarios.
Debérase instaurar algún procedemento que permita o control de oficio pola Administración.