ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 29/05

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE CONVOCAN SUBVENCIÓNS AOS CONCELLOS DE GALICIA PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE PROMOCIÓN DO COOPERATIVISMO.

I.  ANTECEDENTES

O día 22 de abril de 2005 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se convocan subvencións aos concellos de Galicia para a realización de actividades de promoción do cooperativismo e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se recibe para ditame, dado que é un programa novo creado, segundo consta na exposición de motivos, para estimular a realización de actividades de promoción do cooperativismo por parte dos concellos de Galicia, tendo en conta as potencialidades da fórmula empresarial cooperativa para o desenvolvemento local e para a prestación de servizos de natureza social.


Regúlanse, nesta orde,  o proceso de selección daquelas iniciativas que resulten de maior interese para o desenvolvemento do cooperativismo no ámbito local, co obxecto de contribuir ao seu financiamento mediante a concesión dunha subvención de ata o 80% dos gastos necesarios para a realización da actividade proposta.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se convocan subvencións aos concellos de Galicia para a realización de actividades de promoción do cooperativismo” consta de: Exposición de motivos, once artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións derradeiras.


O día 29 de abril de 2005 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén sete consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, en relación co establecido na exposición de motivos e nos artigos 1º, 2º, 5º, 6º, 7º e 8º do proxecto normativo.

Contén asi mesmo, como anexo, unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais (anexo I).



                                 DICTAME 29/05


En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se convocan subvencións aos concellos de Galicia para a realización de actividades de promoción do cooperativismo, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 22 de abril de 2005, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 29 de abril de 2005, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.

No último parágrafo da exposición de motivos debe engadirse que foi consultado o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segunda.- Artigo 1º. Finalidade e réxime de subvencións.

O apartado 2 deste artigo dispón que a concesión das axudas estará suxeita á existencia de crédito orzamentario, ata un límite de 36.064 euros.

As organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia consideran a citada contía moi escasa.

O apartado 3 deste artigo establece o marco normativo ao que deberán axustarse as solicitudes, obviándose a referencia á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

As organizacións sindicais e a Confederación de Empresarios de Galicia consideran que debe incluirse a referencia á citada Lei.

Terceira.- Artigo 2º. Beneficiarios e contía.

No apartado 2, segundo parágrafo deste artigo, establécese que procurarase a participación das asociacións de cooperativas. Sen embargo, non se establece a participación dos axentes sociais.

Este Comité Delegado considera que neste parágrafo debe constar expresamente que procurarase a participación das organizacións sindicais e empresariais máis representativas, ademáis das asociacións de cooperativas.

Cuarta.- Artigo 5º. Avaliación de solicitudes.

Este Comité Delegado considera que no apartado 2 deste artigo debe constar expresamente que na comisión de avaliación estarán representantes das organizacións sindicais e empresariais máis representantivas.

Quinta.- Artigo 6º. Criterios de avaliación.

Este Comité Delegado considera que existen evidentes contradicións entre os criterios de avaliación establecidos neste artigo 6º (apartado 3) e o disposto no apartado 2 do artigo 2º, primeiro parágrafo, nas actividades que figuran a título de exemplo, posto que estas xa son obxecto doutras vías de axuda da propia Consellería.

Asi mesmo, considérase que o establecido no punto 1º do citado apartado 3, segundo o cal terase en conta a adecuación dos proxectos aos obxectivos e liñas de actuación do Plan Estratéxico para o Cooperativismo,  deberíase eliminar como criterio de avaliación ou figurar no apartado 2 do artigo 2º.

Sexta.- Artigo 7º. Resolución e recursos.

O apartado 3 deste artigo, parágrafo primeiro, establece o prazo para resolver, non estando claro o momento no que comeza a computarse. Este Comité propón para ese parágrafo a seguinte redacción: “O prazo para resolver será de tres meses e comezará a computarse a partires de que transcorra o prazo previsto para a presentación de solicitudes”.
Asi mesmo, establécese neste apartado 3, segundo parágrafo, que, transcorrido o prazo sen que se dictase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude”.

Este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia de outras posibilidades para o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica.

As organizacións sindicais e empresariais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen substituir a expresión “poderá entenderse” por “entenderase”.

Sétima.- Artigo 8º. Forma de pagamento e xustificación.

Este artigo dispón que as subvencións materializaranse a través de convenios de cooperación con cada un dos concellos beneficiarios, que deberán establecer a forma de pagamento.

Este Comité Delegado considera que a forma de pagamento debe figurar expresamente no texto da Orde.



                                     ANEXO I


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CCOO DE GALICIA E MAILA CIG.

As organizacións sindicais que integran o Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames fan constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente ditame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2005. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.