ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 30/05

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE REGULAN AS BASES PARA A CONVOCATORIA DE AXUDAS AOS TRABALLADORES AFECTADOS POR EXPEDIENTES DE SUSPENSIÓN DE CONTRATOS NO SECTOR TÉXTIL E DA CONFECCIÓN DE GALICIA PARA O ANO 2005.

I. ANTECEDENTES


O día 1 de xuño de 2005 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se regulan as bases para a convocatoria de axudas aos traballadores afectados por expedientes de suspensión de contratos no sector téxtil e da confección de Galicia para o ano 2005, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O 24 de maio de 2004 asinouse o Acordo entre a Xunta de Galicia e o Observatorio Industrial Textil, en materia de axudas á formación para as empresas que se acollan ao Acordo Marco do 21 de novembro de 2003, suscrito entre o Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, o Ministerio de Ciencia e Texnología e o Observatorio Industrial Textil no que se establecen medidas de apoio ás empresas do sector, cun 80% ou máis de emprego estable, medidas excepcionais, destinadas a favorecer a adecuación do sector ao novo escenario de competencia.
No Acordo contémplase a posibilidade de suspensión dos contratos de traballo, a través de expedientes de regulación de emprego por un máximo de 3 meses ao ano, durante o ano 2005.

A liña de axuda establecida no proxecto de orde sometido a ditame vai dirixida aos traballadores afectados por expedientes de suspensión de contratos que se autoricen a empresas do sector téxtil e da confección de Galicia, coa finalidade de mellorar a súa formación e cualificación durante o periodo de suspensión de contratos.

Este proxecto normativo é a primeira vez que se recibe para ditame.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se regulan as bases para a convocatoria de axudas aos traballadores afectados por expedientes de suspensión de contratos no sector téxtil e da confección de Galicia para o ano 2005” consta de: Exposición de motivos, once artigos, unha disposición adicional e dúas derradeiras.


O día 6 de xuño de 2005 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que non contén consideracións de carácter unánime.

Contén, como anexos, sete consideracións xerais sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I) e dúas consideracións xerais sobre a valoración da norma e cinco consideracións específicas, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).


                                   DITAME 30/05


En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se regulan as bases para a convocatoria de axudas aos traballadores afectados por expedientes de suspensión de contratos no sector téxtil e da confección de Galicia para o ano 2005, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 1 de xuño de 2005, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 6 de xuño de 2005, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


                                         ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER NON UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira.
As organizacións sindicais que integran o Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames fan constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente ditame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2005. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.

Segunda.
O sector téxtil en Galicia é un elemento clave do noso tecido produtivo polo seu volume de actividade, e por seren un emprego maioritariamente feminino que ten unha distribución territorial moi dispersa cunha forte presenza en zonas que non teñen tradición industrial. No ano 2002 acadou o seu nivel de emprego mais alto con case trinta mil empregos dos que un 43% eran precarios.

Cadro

Entre o ano 2000 e o 2002, inclusive, o téxtil galego vai reducindo a súa taxa de precariedade incrementando o seu número de asalariadas/os. Así reduce a taxa en 8’1 puntos, e chega a case vintenove mil asalariadas/os.
No ano 2003, aparece unha grave crise: perde nun ano a cuarta parte dos seus asalariados/as. Esta redución afecta de forma diferente aos traballadores/as estables e aos precarios: perde o 11 % dos fixos e o 42 % dos temporais. Deste xeito a taxa de precariedade redúcese ata o 33’4 %.
No 2004 recupera emprego (o 22 % do perdido), pero continúa coa redución de traballadores/as estables nun nivel similar (nun 10 %), e incrementa o emprego precario nun 40%. A consecuencia desta crise é o incremento das taxas de precariedade medio punto por riba das do ano 2002.  
A evolución do emprego asalariado do sector téxtil e da confección aparece no seguinte gráfico:

Gráfico

Nas conversas mantidas no Comité Autonómico de Emprego durante o ano 2003 insistiuse por parte dos sindicatos na necesidade de analizar o sector téxtil e da confección. No documento inicial dos tres sindicatos, dicíamos: “Hai sectores, o téxtil por exemplo, que teñen un importante incremento da súa actividade (entre 1994 e 2001 duplicou o seu número de empregos) e que manteñen unhas taxas de precariedade absolutamente inadmisibles (a taxa en Galicia é do 45,8 % mentres que no Estado é do 26,8 %). É preciso analizar as causas da precariedade (no caso do téxtil previsiblemente se deban á exteriorización da confección por parte das empresas de deseño e venda) e tentar poñer en marcha medidas específicas —que poden estar incluídas nun Pacto Sectorial de Estabilidade— para resolvelo”.

Na proposta nº 84 das 110 propostas que fixemos, abundabamos: “Análise da precariedade naqueles sectores cun incremento importante do emprego neto no período 1993/2002 que teñan taxas de precariedade elevadas, e deseño de actuacións específicas”.
No Informe da Consellería de novembro do  “PROPOSTAS  SOBRE  A MELLORA DO SERVICIO PÚBLICO DE EMPREGO DE GALICIA” no apartado 9.2 ANÁLISE DA TEMPORALIDADE POR SECTORES dise: “Co obxecto de ter un coñecemento das causas que motivan a elevada taxa de precariedade que existe en Galicia nalgúns sectores cun incremento importante de emprego neto nos últimos anos e deseñar actuacións específicas, poderíase realizar propoñéndose, por exemplo, comezar polo sector téxtil ou da hostalería”
A Consellería non ten realizado ningún estudo específico, en contra do que se comprometeu.

Terceira.
En novembro do ano 2003 asinouse  “Acordo marco para o sector téxtil e da confección” entre os Ministerios de Traballo e asuntos sociais e o de Ciencia e tecnoloxía e, doutra banda, o Observatorio Industrial Téxtil. Ese acordo establecía medidas específicas en relación cos expedientes de regulación de emprego, con facilidades no aboamento das cotizacións das empresas e medidas de apoio á innovación e desenrolo tecnolóxico para aquelas empresas do sector téxtil cunha taxa de estabilidade do 80%. Pola súa banda, as empresas comprometíanse a potenciar á estabilidade no emprego e a incorporación de mozos.
Este acordo producíase no conxunto do Estado onde se reduciu o emprego asalariado téxtil no ano 2003 nun 14 %, fronte o 24 % de redución en Galicia.
Como complemento a ese acordo tiña que existir un acordo entre o Observatorio téxtil e cada Comunidade Autónoma para establecer a formación dos traballadores en suspensión temporal de emprego, máximo tres meses, e complementar as prestacións por desemprego ata o 100 % do seu salario neto.
Diferentes CC.AA. teñen subscrito este acordo:
· Andalucía en decembro do 2003 (para 10.650 asalariados e unha taxa de estabilidade do 70’7 %)
· Cantabria en novembro do 2004, (dedícalle 300.000 € para 1.825 asalariados; 164’38 € por asalariado e unha taxa de estabilidade do 95’9 %).
· Castela e León en setembro do 2004 (destina 640.000€ para 5.600 asalariados; 114´29 € por asalariado e unha taxa de estabilidade do 84’4%)
· Cataluña en xullo do 2004 (dedícaselle 2.000.000 € para 72.800 asalariados; 27’47 € por asalariado e unha taxa de estabilidade do 89’2%)
· Valencia en febreiro do 2004 (dedícalle 601.010 € para 32.475 asalariados; 18’51 € por asalariado e unha taxa de estabilidade do 75’3 %).
· Galicia aínda sen publicar (pretende dedicarlle 70.000 € para 23.400 asalariados; 3 € por asalariado e unha taxa de estabilidade do 56’2 %).

Cuarta.
O prazo no que podía desenvolverse este programa, dende a sinatura do Acordo Marco ata o 31 de decembro do 2005, era de 25 meses. Como moito, en Galicia estará aberto este prazo algo mais de catro meses, un 15 % do que podería estar.

Quinta.
A partires da sinatura do Acordo Marco, novembro do 2003, dende o Observatorio Téxtil houbo contactos coa Xunta de Galicia reclamando a súa sinatura nun acordo específico para Galicia.

Sexta.
A Xunta de Galicia non ten abordado os problemas específicos do sector téxtil galego diante dunha situación de crise que se ten manifestado nos dous últimos anos.
A Consellería de Asuntos Sociais non ten realizado a análise da precariedade no sector téxtil que se acordou nas conversas do ano 2003.
A duración na que va estar vixente a norma, o 15 % do tempo posible, e a dedicación de fondos por asalariado, 3 €, (unha dotación máxima de 70.000 € para 23.400 asalariados) 22 veces menos ca media do Estado resultan soamente comprensibles na lóxica electoral na que importa mais dicir que se fai algo que solucionar os problemas existentes.

No diario “La Opinión” do día 2 de xuño dabase a seguinte noticia: “Los conselleiros de Economía, Innovación y Emprego sí pusieron la suya el lunes 23, y anunciaron que el Pacto de Albaida tendría en Galicia un presupuesto de 6 millones de euros para complementar el sueldo de las plantillas afectadas por el cierre temporal de los talleres y para un programa de formación durante la época de suspensión de los contratos, y diseñado para que el sector pueda hacer frente a la competencia asiática mediante una producción de calidad y diseño”. Resulta algo diferente a cantidade anunciada, 6.000.000 de € cos 70.000 € propostos no borrador desta Orde. ¡Ao mellor é que hai un erro e ao borrador fáltanlle dous ceros!  

Sétima.
Dado que esta Orde:
· Non vai servir para nada mais que para dicir que se fan cousas sen solucionar os problemas.
· Enmascara a inhibición da Xunta de Galicia ante a grave crise que está a sufrir o téxtil galego.
· Soamente obedece a criterios electoralistas.
· Resulta insultante aos traballadores galegos tanto no seu monto, 3 € por asalariado, como no seu tempo de vixencia, o 15 % do tempo posible.
Por todas estas razóns consideramos que, cara a non seguir deteriorando a credibilidade das actuacións en materia de emprego en Galicia, é mellor que non se publique esta Orde.

                                          ANEXO II

CONSIDERACIÓNS XERAIS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Primeira.

Desde a Confederación de Empresarios de Galicia valórase positivamente a nova medida establecida pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, aínda que habería que incrementar a dotación orzamentaria establecida, que se considera reducida.

A medida regulada no borrador sometido a ditame entronca claramente coas últimas recomendacións dos expertos, a raíz dos importantes cambios que está a vivir no sector téxtil, un sector estratéxico en España e en Galicia.

Estos cambios veñen motivados pola liberalización total dos mercados, progresiva e anunciada desde a Ronda de Uruguai e a culminación dos Acordos de Marraquech, onde estableceuse un calendario de liberalización das cuotas de dez anos ata o 31 de decembro de 2004.

Porén, a nova realidade da entrada de China na OMC, que sumada á da liberalización, está a producir un efecto devastador no mercado e que ninguén podería augurar en canto á súa magnitude.
Isto motivou que o 16 de marzo de 2005, o Observatorio Industrial da Industria do téxtil e da confección, do que forman parte as Organizacións Consello Intertextil Español, FIA-UGT e FITEQA-CCOO teñan feito un chamamento a todas as Comunidades Autónomas onde o sector téxtil-confección ten un peso relevante, para a aplicación e desenvolvemento do denominado “Pacto de Albaida”.

Máis concretamente en dito chamamento sínalase: “Que con carácter de urxencia se adopten medidas específicas e efectivas que faciliten o axuste laboral necesario para que sexa socialmente asumible polos traballadores/as e económicamente polas empresas, para aquelas que apostando polo futuro e a continuidade das mesmas, deban afrontar unha reordenación que posibilite a súa supervivencia no novo contorno”.

Como pódese apreciar, a nova medida de apoio regulada no proxecto de orde que se está a ditaminar móvese no senso que o propio Observatorio Industrial do sector sinala, polo que se valora positivamente.

Segunda.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que deben axilizarse as autorizacións dos expedientes de suspensión de contratos de traballo, tendo en conta que no artigo 3º a) do borrador establécese que o expediente débese autorizar antes do 31 de outubro de 2005 e que o prazo para a presentación da solicitude é de 15 días desde a data da autorización.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Exposición de motivos.
Na última liña da exposición de motivos debe figurar que foi consultado o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segunda.-  Artigo 2º. Natureza das axudas.
Neste artigo sínalase que a finalidade das axudas é completar as prestacións por desemprego que os traballadores perciban durante o período de suspensión ata alcanzar como máximo o 100% dos seus salarios netos. Esta mención se contradí coa establecida co artigo 7º.1, ao prever que poderanse conceder axudas de 11 euros diarios aos traballadores que non perciban prestacións por desemprego. Por este motivo debe modificarse a redacción deste artigo, eliminándose “coa finalidade de que se completen as prestacións por desemprego”.

Terceira.- Artigo 4º. Solicitudes e documentación.
O apartado 3 d) deste artigo obriga ás empresas a presentar xunto coa solicitude un certificado no que se faga constar a contía da prestación por desemprego a que teña dereito cada traballador.
Neste senso, hai que sinalar que as empresas entregan aos traballadores o denominado “certificado de empresa” (coas bases de cotización dos últimos 180 días), pero non poden determinar os dereitos dos traballadores naquel concreto punto, pois é algo que corresponde cifrar ao Servicio Público de Emprego, polo que debe eliminarse este requisito da documentación esixida coa solicitude de axuda.

Cuarta.- Artigo 6º. Financiamento.
A dotación orzamentaria establecida para a esta liña de axudas pode resultar insuficiente, polo que deberíase prever, nas disposicións adicionais, a posibilidade de incrementar a mesma mediante a aplicación doutras partidas de políticas activas de emprego, que permitan a súa asignación.

Quinta.-  Artigo 8º. Procedemento de concesión de subvención: instrucción e resolución.
No punto 2 deste artigo establécese que transcorrido o prazo de 3 meses sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimada a súa solicitude.

Na mesma liña que o manifestado en ditames precedentes, a Confederación de Empresarios de Galicia considera desacertado o emprego da expresión “poderán entender”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia de outras posibilidades para o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica.
Polo exposto, proponse substituir a forma “poderán entender” por “entenderán”.

Ademáis, considérase que a Administración debe contestar sempre de xeito expreso aos administrados e, en todo caso, o silencio administrativo debe ser, como regra xeral, positivo, fundamentalmente cando están en xogo intereses económicos para os administrados.