ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 31/05

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DAS AXUDAS E SUBVENCIÓNS PARA A CONTRATACIÓN DE TÉCNICOS LOCAIS DE EMPREGO NO ÁMBITO DA COLABORACIÓN DA CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS COAS ENTIDADES LOCAIS E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2005.

I. ANTECEDENTES

O día 22 de xuño de 2005 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a contratación de técnicos locais de emprego no ámbito da colaboración da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o ano 2005 e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 18 de agosto de 2004 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 24 de xuño de 2004, obsérvase o seguinte:  

- Na elaboración do borrador parece que non se tiveron en conta as consideracións feitas polos axentes sociais no ditame do exercicio de 2004.
- Non se observan modificacións substanciais neste proxecto normativo respecto ao publicado para o exercicio de 2004, agás que se fai constar nunha nova disposición adicional que as axudas concedidas ao abeiro da orde obxecto de ditame están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 70%, encontrándose dentro do Programa Operativo “Fomento do Emprego”.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a contratación de técnicos locais de emprego no ámbito da colaboración da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o ano 2005” consta de: Exposición de motivos, dezasete artigos, seis disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.


O día 4 de xullo de 2005 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que non contén consideracións de carácter unánime.


Contén, como anexos, oito consideracións xerais sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I) e dúas consideracións xerais e sete específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia.

                                     DITAME 31/05

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para a contratación de técnicos locais de emprego no ámbito da colaboración da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais coas entidades locais e se procede á súa convocatoria para o ano 2005, con data de rexistro de entrada neste Consello o 22 de xuño de 2005, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día  4 de xullo de 2005, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións, que se transcriben a continuación en anexos pola súa condición de non unánimes.

                 ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS  UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG.

Primeira.
As organizacións sindicais que integran o Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames fan constar que para unha mellor toma en consideración e valoración do contido da Orde obxecto do presente ditame é necesario dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego para o exercicio 2005. Só dispoñendo desta planificación, que debe informarse  polo Comité Autonómico de Emprego de acordo co establecido no  Decreto 32/1999 do 5 de febreiro, poderán valorarse de forma adecuada aspectos fundamentais na norma, como, entre outros, a regulación dos beneficiarios e mesmo os criterios de reparto das axudas.
Segunda.
O día 26 de abril convocáronse eleccións ao Parlamento de Galicia e o día 19 de xuño efectuouse unha votación que lle privou da maioría ao actual goberno.  Na actualidade estanse a celebrar conversas entre os outros partidos que concorreron ás eleccións para presentar un candidato á Presidencia da Xunta que obteña a maioría.
Dende a data da convocatoria, o Goberno de Galicia deberíase limitar aos asuntos de trámite. Dende a data das eleccións carece de lexitimidade democrática para gobernar mais aló dos asuntos iniciados con anterioridade. O que está fora de toda dúbida é que carece de lexitimidade para establecer normas que condicionen a acción do futuro goberno, cousa que con esta Orde faise.
Terceira.
Os técnicos locais de emprego, tal e como están definidos no Artigo 1º da Orde presentada, son o “instrumento para promover a configuración dunha rede especializada na implantación das políticas activas de emprego e a xeración de emprego no contorno local”. Corresponderá a quen teña a lexitimidade para establecer as políticas activas de emprego a definición das súas funcións.
Cuarta.
A Orde que regulaba esta figura o ano pasado foi publicada no D.O.G. do 18 de agosto. O prazo de presentación de solicitudes era de corenta días hábiles co que a resolución non podería ser antes do día 5 de outubro de 2004.  
Quinta.
Os técnicos locais de emprego supoñen un elemento tanto cuantitativa como cualitativamente moi importante do Servizo Público de Emprego (en adiante SPEG).   Mentres que o SPEG ten 134 técnicos (56 funcionario e 78 laborais) nas Oficinas de Emprego, no 2004 houbo 428 técnicos locais de emprego.
Sexta.
Os sindicatos vimos denunciando a política clientelar que está a facer a Consellería de Asuntos Sociais en políticas activas de emprego.  No relacionado cos T.L.E. podemos analizalo por concellos dado que os datos do ano 2004, ainda que non foron facilitados en maio como se comprometeu, figuran na WEB dos Técnicos Locais de Emprego e aparecen no seguinte cadro:

TECNICOS LOCAIS DE EMPREGO SEGUNDO O PARTIDO DE GOBERNO NO CONCELLO
************

No cadro anterior podese apreciar cómo mentras hai 400 parados por cada técnico de emprego nos concellos gobernados polo P.P., esta cifra é de 900 ou mais se quen goberna no concello é o BNG ou o PSOE. Este é o resumo. Se analizamos os datos dos concellos con mais dun técnico ou que tiveron no ano 2004 un promedio de mais de 2.000 parados inscritos no SPEG, os datos son:
Podemos comprobar cómo hai concellos que teñen menos de 100 parados por técnico mentres outros teñen mais de 1.000. Ferrol é aparte, nin ainda que o alcalde sexa do PP recibe as medidas activas que lle corresponden.
Sétima.
A Consellería de Asuntos Sociais non ten en conta ningunha das consideracións que facemos nos ditames, tanto en cuestións relacionadas co contido da Orde (que figuran transcritas no ditame 27/04 do Consello Galego de Relacións Laborais, emitido en data 24 de xuño de 2004), como no relativo á obriga que ten da emisión dun informe previo ás resolucións por parte dos órganos de participación (Comité Autonómico de Emprego ou Comités Provinciais)
Oitava.
Por todo o anteriormente exposto os sindicatos presentes no CGRL, finalmente,  advertimos e denunciamos a carencia de lexitimidade democrática que ten actualmente quen a pretende promulgar, para facelo.

                                    ANEXO II

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.


Primeira.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera aconsellable homoxeneizar as Ordes que emite a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laboriais en materia de contratación de técnicos de emprego (enténdase axentes de emprego, técnicos locais de emprego, coordinación e cooperación para o emprego...) co fin de simplificar administrativamente todo o entramado normativo existente na materia.

Esta proposta ten a súa razón de ser, no feito en que, por exemplo, na Orde reguladora das axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos programas de cooperación con órganos e organismos das administracións públicas distinta da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, establécense criterios diferentes respecto desta que estamos a dictaminar, no apartado de asignación de contías e de selección dos técnicos.

Así, ás entidades locais se lles permite a posibilidade de prorrogar a subvención pola contratación do técnico durante un quinto e sucesivos anos; sen embargo, para o resto das administracións, organismos e entidades sen ánimo de lucro tan só se admite a prórroga ata os catro anos.

Por outra banda, no que respecta aos requisitos para a selección dos técnicos, hai unha diferencia importante: Para ser axente de emprego os candidatos teñen que ser desempregados, mentres que para ser técnico local de emprego non é obrigatorio este requisito xa que, no caso de que os candidatos remitidos polo Servicio Público de Emprego non sexan idóneos, a entidade local pode acudir a outros procesos de selección, o que concede unha certa “flexibilidade” ás entidades locais no momento de contratar o seu persoal.

Segunda.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que naqueles concellos onde non haxa parados suficientes para acadar un técnico local de emprego, deberá determinarse a necesidade da súa agrupación cos da súa comarca para ter masa crítica suficiente.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

Primeira.- Exposición de motivos.

Na última liña da exposición de motivos debe figurar que foi consultado o Consello Galego de Relacións Laborais.



Segunda.- Artigo 4º. Liñas de axuda e duración da subvención.

No apartado 1 deste artigo equipárase para a contía da subvención o ter tres anos de experiencia profesional con facer algún dos másters ou cursos de especialización que, na actualidade, son promovidos e nalgunha medida, impartidos, desde a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais. Esta equiparación parece, cando menos, unha invitación á contratación dos alumnos que realicen os citados cursos, dado que se traduce en case 3.000 € para a entidade contratante.

Polo exposto, a CEG propón a equiparación das subvencións previstas na letra b) do apartado 1 do artigo 4 coas previstas na letra a) de igual apartado e artigo, considerando que os másters e demais cursos de especialización poderán terse en conta no momento da selección dos candidatos.

Terceira.-  Artigo 7º. Criterios de valoración das solicitudes.

A CEG propón que se engadan aos criterios establecidos neste artigo os seguintes:
i) Existencia de Fundacións para o desenvolvemento comarcal, dado que estas desenvolven funcións similares ás establecidas na Orde para os T.L.E.
l) Número de parados no ámbito xeográfico para o que se solicita a súa evolución.
m) Coordinación do T.L.E. e xustificación do seu perfil nun plano supramunicipal, de ser o caso.
n) A existencia de liñas de coordinación e colaboración con outras entidades, especialmente, as asociacións empresariais da zona.


Cuarta.- Artigo 8º. Resolución e recursos.

No apartado 3 deste artigo establécese un prazo para resolver de seis meses, que consideramos excesivo. A CEG propón que o prazo para resolver sexa de tres meses, contados desde que remate o prazo de presentación de solicitudes.

Asi mesmo, proponse que se elimine a referencia ao silencio administrativo e que se estableza a posibilidade dun recurso diante da Dirección Xeral de Promoción do Emprego ou da conselleira.

Quinta.- Artigo 10º. Selección dos técnicos locais de emprego.

Respecto ao establecido no apartado 3 deste artigo, esta Confederación empresarial considera que debe primarse a experiencia profesional con carácter prioritario diante da titulación, no momento da selección e da contratación, respecto do listado de requisitos que establece este artigo no seu parágrafo terceiro. Ademais disto, menciónanse titulacións que non permiten levar a cabo un correcto asesoramento técnico.

En todo caso, o lóxico sería priorizar aquelas titulacións, así como masters e posgraos, que teñan relación co ámbito da xestión empresarial (empresariais, económicas, ...)

Sexta.- Artigo 11º. Contratación dos técnicos locais de emprego.

Establécese no apartado 2 deste artigo que no caso en que o candidato seleccionado non fose considerado idóneo pola delegación provincial correspondente ou non cumprise os requisitos esixidos, a entidade beneficiaria poderá presentar un novo candidato no prazo máximo de 15 días, na forma prevista no parágrafo anterior.

Esta disposición presenta unha pregunta inmediata: ¿ábrese un novo proceso de selección ou ben, téñense en conta outras persoas da lista dos preseleccionados?

A proposta que se suxire para resolver esta dúbida, é que se acuda, en todo caso á lista de preseleccionados, non deixando deste xeito a libre albedrío da entidade local a presentación de candidatos sen máis.

Sétima.- Artigo 12º. Adaptación inicial e actualización permanente da súa formación.

O apartado 1 dispón que as entidades beneficiarias propiciarán a adaptación dos técnicos locais de emprego aos seus postos de traballo, facilitándolles a metodoloxía e o material de apoio, así como o equipamento e recursos necesarios para o mellor desenvolvemento das súas funcións.

A CEG propón que debe precisarse nesta disposición os equipos informáticos precisos, indicando as súas características técnicas, a súa capacidade, prestacións, etc.

O apartado 2 deste artigo establece que a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais “poderá” comprobar a idoneidade dos mencionados procesos de adaptación para garantir a actualización permanente dos técnicos locais de emprego.

Proponse que ese control sexa obrigatorio en todo caso.