ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 32/05

DITAME SOBRE O PROXECTO DE DECRETO POLO QUE SE DETERMINA O CALENDARIO LABORAL PARA O ANO 2006 NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA.

I.  ANTECEDENTES

O día 1 de xullo tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, remitindo proxecto de decreto polo que se determina o calendario laboral para o ano 2006 na Comunidade Autónoma de Galicia e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto do Decreto publicado no DOG o día 2 de agosto de 2004 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data do 7 de xullo de 2004, obsérvase o seguinte:

- Na elaboración do proxecto parece que non se tiveron en conta as consideracións feitas polo comité ao proxecto de decreto de 2004.
- O novo proxecto normativo non contén cambios substanciais respecto ao ditaminado en 2004, agás o establecido na exposición de motivos sobre a substitución, por coincidir en domingo, da festa do 1 de xaneiro pola do 17 de maio.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Decreto polo que se determina o calendario laboral para o ano 2006 na Comunidade Autónoma de Galicia” consta de: Exposición de motivos, tres artigos e unha disposición derradeira.

O día 6 de xullo de 2005 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que non contén consideracións de carácter unánime.

Contén, como anexos, catro consideracións xerais sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas tres organizacións sindicais que integran o Consello e dúas consideracións específicas do SN de CC.OO. e da CIG (anexo I) e unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).


                                  DITAME 32/05


En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Decreto polo que se determina o calendario laboral para o ano 2006 na Comunidade Autónoma de Galicia, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 1 de xullo de 2005, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 6 de xullo de 2005, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións DE CARÁCTER NON UNÁNIME:


                         ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS  UGT-GALICIA, S.N. DE CCOO DE GALICIA E A CIG.


Primeira.
As centrais sindicais presentes no Consello Galego de Relacións Laborais manifestan as dúbidas que lles suscita o feito de que a aplicación material do Decreto obxecto de ditame producirase no próximo ano 2006 e tendo en conta que o goberno da Xunta de Galicia atópase actualmente en funcións, parecéndolles máis lóxico que a norma fose promulgada polo novo goberno xurdido das recentes eleccións ao Parlamento Galego, dado que podería ser suficiente a súa publicación con tres meses de antelación ao 1 de xaneiro de 2006.

Segunda.

As organizacións sindicais que conforman este Consello fan constar, como consideración de carácter xeral, a necesidade de que o Governo galego, a través da Comisión Mixta de Transferencias, inste ao Governo do Estado para levar a cabo as modificacións legais oportunas co fin de que a Comunidade Autónoma de Galicia dispoña dunha maior marxe de maniobra para poder fixar as súas festas, respetando, en todo caso, os compromisos internacionais asumidos polo Estado nesta materia.


De facerse esta modificación legal que se suxire, sería plausible que, dada a preponderancia na regulamentación actual de festas de natureza relixiosa, a Comunidade Autónoma galega podería fixar máis festas de carácter cívico ou laico.


Terceira.

Proponse a substitución do termo “Festa do Traballo” do día 1 de maio, por un termo máis acorde cos orixes da conmemoración, tal como “Día Internacional dos Traballadores”.

Cuarta.

En concordancia có reflectido na Exposición de Motivos da norma, cando establece que a rixe o “criterio de manter unha certa estabilidade na determinación das festas laborais para conmemorar todo o que forma parte da nosa tradición, historia e cultura.”, suxírese que a denominación de certas festas se axeite a esa tradición, historia e cultura, mudando a súa designación, para achegar a máis preto da linguaxe actual da sociedade galega. A titulo de exemplo, o 6 de xaneiro sería o Día de Reis, e o 25 de decembro sería o Nadal.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS S.N. DE CCOO DE GALICIA E A CIG.


Primeira.

Seguindo coa liña argumental de anos precedentes, estas duas organizacións sindicais avogan pola necesidade de institucionalizar o día 10 de marzo, como “Día da clase obreira galega”, en lembranza dos trascendentais sucesos acaecidos no Ferrol nesa data do ano 1972.

Segunda.

Proponse a substitución da denominación da festa do 25 de xullo, tal como figura no proxecto de Decreto, de “Santiago Apóstolo. Día Nacional de Galicia” pola de “Día da Patria Galega”.

                               ANEXO II

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

Sería aconsellable que a Xunta de Galicia utilice a facultade regulamentada no artigo 37 do estatuto dos Traballadores, respecto á posibilidade de trasladar aos lúns  as festas que teñan lugar entre semana, excluindo as que o propio artigo 37 establece como non trasladables. A finalidade desta substitución é evitar a perda de horas laborais que se produce cada ano nas empresas como consecuencia das denominadas “pontes”.