ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 33/05

DITAME SOBRE O PROXECTO DE DECRETO POLO QUE SE DERROGA PARCIALMENTE O DECRETO 200/2004, DO 29 DE XULLO, POLO QUE SE CREA O INSTITUTO GALEGO DE SEGURIDADE E SAÚDE LABORAL E SE REGULA O CONSELLO GALEGO DE SEGURIDADE E SAÚDE LABORAL

I. ANTECEDENTES.

O día 19 de setembro de 2005 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Decreto polo que se derroga parcialmente o Decreto 200/2004, do 29 de xullo, polo que se crea o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e se regula o Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
O obxecto do Decreto é a derrogación do capítulo I do Decreto 200/2004, polo que se crea o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (IGASEL) para reformular a súa configuración xurídica, procedendo, a través dun proceso negociador cos axentes económicos e sociais galegos, a crear por Lei un novo modelo de Instituto que, con orzamento de seu, se configure como organismo autónomo de carácter administrativo, con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Decreto polo que se derroga parcialmente o Decreto 200/2004, do 29 de xullo, polo que se crea o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e se regula o Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral” consta de: Exposición de motivos, dous artigos, unha disposición transitoria e unha disposición derradeira.


O día 22 de setembro de 2005 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame:




DITAME 33/05


En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Decreto polo que se derroga parcialmente o Decreto 200/2004, do 29 de xullo, polo que se crea o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral e se regula o Consello Galego de Seguridade e Saúde Laboral, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 19 de setembro de 2005, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de setembro de 2005, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

As organizacións integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais (UGT-Galicia, SN de CC.OO. de Galicia, CIG e CEG) avaliamos positivamente a derrogación do capítulo I do Decreto 200/2004, do 29 de xullo, por canto consideramos que é necesaria a creación dun Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral coas características sinaladas na exposición de motivos deste proxecto normativo, así como dotado dun órgano rector de carácter tripartito e paritario.

Tal e como se indica na exposición de motivos da norma sometida a ditame, existe unha urxente necesidade de reformular a configuración xurídica do IGASEL, polo que, por unha parte, o proceso de diálogo para consensuar a nova norma non debería supeditarse á conclusión do proceso global de negociación de múltiples materias de índole socioeconómica e laboral aberto polo goberno galego e, por outra, esa urxente necesidade aconsella que o proceso parlamentario de tramitación da Lei de creación do IGASEL se verifique pola vía de urxencia, previa a consecución do maior consenso posible sobre a redacción da mesma cos axentes sociais.

Todo este proceso non debe demorar a inmediata habilitación inspectora dos técnicos actuantes en materia de prevención de riscos laborais.

Este Comité Delegado considera que non debería desaproveitarse esta oportunidade para lembrar ao novo goberno galego as demandas unánimes dos interlocutores sociais e económicos expresadas á Administración saínte, sobre a necesidade de reformar a Lei de creación do Consello Galego de Relacións Laborais e configuralo como organismo autónomo de carácter administrativo, con personalidade xurídica propia e plena capacidade de obrar para o cumprimento dos seus fins, no mesmo sentido que se plantexa desde a Consellería de Traballo para a reconfiguración do IGASEL. Por este motivo, parece aconsellable que se incorpore esta demanda ao proceso de diálogo social.





CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

1ª.- Exposición de motivos.

No sexto parágrafo da exposición de motivos, na penúltima liña, onde dice “departamentos administrativos da Xunta de Galicia” debe dicir “departamentos da Xunta de Galicia”.

2ª.- Disposición Derrogatoria Única.

Este Comité Delegado considera que existe un erro no título desta disposición, xa que debe dicir “Disposición Final Única” ou ben “”Disposición Derradeira”.