ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 34/05

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE REGULA O RÉXIME DE SUBVENCIÓNS ÁS CENTRAIS SINDICAIS PARA O ANO 2006

I. ANTECEDENTES

O día 7 de novembro de 2005 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da directora xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2006 e solicitando, aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos do proxecto de orde se fai constar que o marco xeral de subvencións destinadas ás centrais sindicais, que no campo laboral convoca anualmente a Administración autonómica, está regulado no Decreto 106/1994, do 21 de abril, no seu artigo 4º, que establece que as subvencións serán destinadas ás centrais sindicais con representación na comunidade autónoma, para o desenvolvemento das súas actividades.


Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 28 de decembro de 2004 constátase que o texto do proxecto non varía respecto á Orde do exercicio de 2005, agás no relativo aos créditos habilitados para o financiamento das axudas. Parece que se tiveron en conta as  manifestacións das organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, no ditame emitido polo Consello con data do 4 de novembro de 2004, que solicitaban á Administración a revisión das contías das subvencións reguladas na citada Orde, sen variación nos últimos anos.

Así, as axudas para o desenvolvemento das actividades das centrais sindicais durante o ano 2006, reguladas no programa I, financiaranse, segundo o disposto no artigo 3º do proxecto normativo, cun crédito por importe de 1.119.320,00€ (en 2005 o crédito foi de 774.555,00€).

Igualmente, as axudas ás centrais sindicais para a creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social, reguladas no programa II, financiaranse, segundo o disposto no artigo 7º do proxecto normativo, cun crédito por importe de 234.585,00€ (en 2005 o crédito foi de 165.279,00€), correspondendo a cada unha das centrais sindicais máis representativas unha subvención por importe de 63.972,00€, destinando o resto do crédito a atender as solicitudes das outras centrais sindicais con representación en Galicia segundo os resultados electorais referidos ao 31 de decembro de 2005.

Finalmente, as axudas para gabinetes técnicos de formación e para plans de formación de cadros e delegados sindicais, reguladas no programa III, financiaranse, segundo o disposto no artigo 11º do proxecto normativo, cun crédito por importe de 838.532,00€ (en 2005 o crédito foi de 592.749,00€), correspondendo a cada unha das centrais sindicais máis representativas, para gabinetes técnicos de formación, unha subvención por importe de 29.768,00€, destinando o resto do crédito a atender as solicitudes das citadas centrais sindicais para plans de formación de cadros e delegados sindicais, en proporción ao número de representantes que tiveran o 31 de decembro de 2005.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se regula regula o rexime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2006” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, vinte artigos, dúas disposicións adicionais e tres disposicións derradeiras.

O día 15 de novembro de 2005 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación:


DITAME 34/05




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se regula o rexime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2006,  da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 7 de novembro de 2005, e aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 15 de novembro de 2005, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


Non se presentan consideracións que resulten aprobadas por unanimidade do Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames, polo que se incorporan como anexos as consideracións manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I) e pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).







ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:

As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais avalian positivamente o incremento das contías das subvencións reguladas neste proxecto normativo, que levaban conxeladas durante varios exercicios, se ben, non poden deixar de significar que, aínda con esta actualización, persisten importantes diferencias con respecto aos créditos orzamentarios de programas similares existentes na maior parte das restantes Comunidades Autónomas.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E A CIG:

Primeira.- O artigo 18º “Resolución” establece que o prazo para a resolución das subvencións será de catro meses (no borrador da mesma orde en 2003 era de tres meses). Este aumento do prazo non parece axeitado, pois retrasará todavía máis o proceso.

Segunda.- O artigo 19º.”Forma de pagamento e xustificación” establece, con carácter específico para o programa I, a posibilidade de librar anticipos no momento en que se teña constancia por escrito da aceptación expresa pola organización beneficiaria da subvención concedida. Plantexamos que esta posibilidade se amplie ós programas II e III.

Terceira.- No artigo 20º sobre “Comprobación da aplicación das subvencións”, na súa segunda parte establece que cando se trate de axudas destinadas á creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social, achegaranse antes do 10 de febreiro de 2007 os boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social onde figuren os traballadores adscritos ao gabinete durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro do 2006 ou desde a data da súa creación, se esta fose posterior, ata o 31 de decembro do 2006.


As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran excesiva esta esixencia de aportación documental, cando xa no artigo 16º se require, específicamente para este suposto, a aportación de copia dos contratos de traballo do persoal adscrito ao gabinete de que se trate (ademais da documentación que recolle o art.15).














ANEXO II

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA :

Esta representación empresarial manifesta o seu total desacordo coa falta de equilibrio e ponderación de intereses que representa o proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2006.

Ao non ofrecer, no marco desta regulación ou noutra “ad hoc”, a posibilidade de concorrer á convocatoria por parte das asociacións empresariais, se está a conculcar os principios de igualdade e paridade que deben observarse no delicado equilibrio que representan as relacións laborais.

A Confederación de Empresarios de Galicia, como organización empresarial máis representativa en Galicia, representa os intereses económicos e sociais dos seus asociados, de conformidade co establecido no artigo 7º da Constitución Española: “Os sindicatos de traballadores e as asociacións empresariais contribúen á defensa e promoción dos intereses económicos e sociais que lles son propios”.

As asociacións  empresariais desenvolven actividades nas que o interese público está claramente presente (diálogo social e institucional, prevención de riscos laborais, fomento da creación de empresas –incluída a economía social-, por poñer algúns exemplos sen carácter exhaustivo) e que deben ser apoiadas e fomentadas igualmente pola Administración Laboral.

Esta Confederación empresarial entende ademais, que non se pode poñer como excusa e xustificación desta discriminación as diferencias establecidas polo Tribunal Constitucional entre a representación sindical e a empresarial, pois iso non é óbice para establecer no mesmo marco subvencional, ou noutro diferenciado como se ten dito, un ámbito de axudas para asociacións empresariais.

A exposición de motivos do proxecto normativo que se somete a ditame proporciona unha cobertura xurídica para o outogarmento de subvencións a uns órganos de representación (de traballadores) con obxecto de que desenvolvan a súa función de interlocución social coa idoneidade técnica e profesional requerida.

A exposición de motivos polo tanto podería dar cobertura á regulación  nun plano total de igualdade, de idénticas subvencións ás organizacións empresariais, para que estas podan desempeñar as funcións de interlocución social e fomento da profesionalidade de tales organizacións e de creación de emprego.

Este plantexamento é o que ten levado a outras Comunidades Autónomas a establecer axudas económicas a organizacións sindicais e empresariais. Por poñer un exemplo, é o caso da Orde da comunidade Autónoma de Cantabria, pola que se aproba a convocatoria de axudas económicas a organizacións sindicais i/e empresariais, a que consideramos, salvando as distancias e diferencias entre Comunidades, debera terse en conta por parte da Consellería de Traballo da Xunta de Galicia.