ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 35/05

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECE A CONVOCATORIA PÚBLICA PARA A PROGRAMACIÓN DE CURSOS DO PLAN NACIONAL DE FORMACIÓN E INSERCIÓN PROFESIONAL NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA CORRESPONDENTE AO EXERCICIO DO ANO 2006

I.  ANTECEDENTES

O día 14 de novembro de 2005 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do plan nacional de formación e inserción profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio do ano 2006 e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 24 de decembro de 2004 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 15 de novembro de 2004, obsérvanse as seguintes modificacións:



Introdúcense varias alusións á Lei 38/2003, xeral de subvencións, porque é de aplicación en moitos dos seus artigos ás ordes autonómicas.

- Artigo 4.1. Suprime como custo subvencionable no módulo A os honorarios de persoal "autónomo".
- Artigo 7.1. A fotocopia do DNI do alumno xa non se esixe que sexa cotexada, bastando copia simple.
- Artigo 7.4. Esíxese agora que todos os centros colaboradores dispoñan de saída a Internet, suprimíndose a referencia aos centros que non dispoñan de acceso á rede corporativa da Xunta, así como o segundo parágrafo do citado apartado 7.4.
- Artigo 7.7. (antes 7.6). Por esixilo a Lei 38/2003, establécese agora que TODAS as entidades e non só as que teñen ánimo de lucro terán que xustificar que están ao día nas súas obrigas tributarias, sociais e coa Comunidade Autónoma. Ademais deberán estar ao corrente antes da concesión da subvención e non só no momento de proceder ao pagamento.
- Artigo 11. Elimínase a autorización do director xeral de Formación e Colocación para permitir ao alumno continuar asistindo á acción formativa pese a ter sido contratado.
- Artigo 12. Redúcese de 12 a 10 o número mínimo de alumnos para iniciar un curso.
- Artigo 15. Elimínanse varios requisitos das prácticas en empresas, simplificándose así a xestión.
- Artigo 16. Introdúcense, por esixencia da Lei de Subvencións, dos novos documentos para acompañar á solicitude, que figuran no apartado1, letras e) e f).
- Artigo 17. Redúcese  o prazo para a presentación de solicitudes de 40 a 30 días.
- Artigo 18.4.i). Introdúcese como novo criterio para o baremo de concesión de cursos o número de alumnos que obtiveron diploma ou foron baixa por colocación no exercicio anterior.
- Artigo 22. Dáse a opción de substituír a licenza municipal de apertura da actividade por outros documentos, en función do tipo de entidade.
- Artigo 25.1. Prorrógase un mes o prazo de presentación de contratos, do 31 de xaneiro (na orde do exercicio anterior) ao 28 de febreiro.
- Artigo 27.1. O prazo de presentación de cursos con compromiso de contratación pasa do 15 de novembro ao 30 de setembro.
- Anexo IV. Os módulos de subvención equipáranse aos do INEM, xa que ata agora os de Galicia estaban por debaixo.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio do ano 2006” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vintenove artigos, sete disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.









O día 23 de novembro de 2005 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación:


DITAME 35/05



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do plan nacional de formación e inserción profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio do ano 2006, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 14 de novembro de 2005, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 23 de novembro de 2005, acordou  pronunciarse en canto á seguinte  consideración de carácter unánime:


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS DO CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS

Este comité fai unha valoración positiva dos cambios introducidos na Orde, considerando de todos os xeitos a evolución como aínda insuficiente. Si ben sinálanse as seguintes deficiencias:



Artigo 4º.1.

Suprime como custo subvencionable no módulo A os honorarios do persoal autónomo.
Este comité delegado considera que se debe manter a mención a traballadores/as autónomos/as dentro da subvención, que se recollía na redacción do pasado ano. Non se xustifica a supresión desta posibilidade legal.

Artigo 4º.2-C.

Neste apartado establece unha limitación na imputación dos gastos de amortización de bens que non poderá superar o 25% do módulo B.
Proponse a supresión deste límite ou ben establecer un máis alto que se achegue ao custo real da amortización, habida conta dos elevados custos de aplicación das novas tecnoloxías.

Artigo 4º.3.

Refírese ao contido do módulo C que ben constituído polas bolsas e axudas aos alumnos que reúnan as condicións establecidas nas normas que diten a Dirección Xeral de Formación e Colocación en desenvolvemento desta Orde.
Proponse unha nova redacción na que se recolla que as bolsas e axudas se estenderán a todos os alumnos/as sen excepción.

Artigo 5º. Pagamento.

Establécese neste artigo, no seu apartado 3, que poderanse aboar anticipos de ata o 50% da subvención concedida sempre que se constitúa garantía a favor da Consellería de Traballo.

Sen embargo, na Orde do 19 de abril de 2005, pola que se aproba a convocatoria para a concesión de subvencións públicas mediante contratos programa para a formación de traballadores ocupados, no seu artigo 19º “Sistemas de pagamento”, non se esixe a constitución desta garantía.

Polo exposto, este Comité Delegado propón que para as organizacións sindicais e empresariais se manteña a posibilidade de obter anticipos sen a constitución da garantía, como se permite nos contratos programa, tendo en conta que as citadas organizacións están asumindo un alto grao de colaboración coa Consellería de Traballo na realización de actividades de formación continua e ocupacional e que ademais reducíronse as posibilidades de anticipo ao eliminar o 30% que existía en anos anteriores.

Subsidiariamente e para o caso de que non se acepte esta proposta, o Comité Delegado suxire que, tendo en conta que a constitución de garantía a favor da Consellería ocasiona unha serie de gastos financeiros que terá que soporta-lo centro impartidor e que para que o centro poda soportar os gastos xerados tanto polo persoal pedagóxico como polos provedores, becas de alumnos, et. estes deberían estar cubertos polo orzamento do curso, posto que estes gastos teñen unha relación co programa formativo en cuestión.