ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 36/05

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECE A CONVOCATORIA PÚBLICA PARA A PROGRAMACIÓN DE CURSOS DO PLAN NACIONAL DE FORMACIÓN E INSERCIÓN PROFESIONAL NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA CORRESPONDENTE AO EXERCICIO DO ANO 2006

I.  ANTECEDENTES

O día 23 de novembro de 2005 o Consello Galego de Relacións Laborais emite ditame sobre proxecto de Orde pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio do ano 2006. O día 28 de novembro remítese novamente pola Dirección Xeral de Formación e Colocación o citado proxecto normativo engadíndose modificacións introducidas pola Asesoría Xurídica da Consellería de Traballo, derivadas da integración no texto da orde do contido dunha Resolución que a desenvolve e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, novo ditame sobre o citado proxecto normativo.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio do ano 2006” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, trinta artigos, sete disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.


O día 2 de decembro de 2005 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación:


DITAME 36/05



En relación coa solicitude de ditame sobre novo proxecto de Orde pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente ao exercicio do ano 2006, da Consellería de Traballo, remitido pola Dirección Xeral de Formación e Colocación o 28  de novembro de 2005, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 2 de decembro de 2005, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións de carácter unánime:


CONSIDERACIÓN XERAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS  E EMPRESARIAIS:

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames valora positivamente os cambios introducidos na Orde obxecto de ditame, así como a integración nesta do que anteriormente regulábase cunha Resolución, considerando de todos os xeitos a evolución como aínda insuficiente.




CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira.- Artigo 4º.1.

Suprime como custo subvencionable no módulo A os honorarios do persoal autónomo.
Este Comité Delegado considera que debe manterse a mención a traballadores/as autónomos/as dentro da subvención, que se recollía na redacción do pasado ano. Non se xustifica a supresión desta posibilidade legal.

Segunda.- Artigo 4º.1; 4º. 2. c); 4º. 6 e); 4º. 6 f).

Nestes apartados o artigo 4º establece diversas limitacións na imputación dos gastos que non poderán superar unha determinada porcentaxe dos módulos A (art. 4º.1) ou B (art. 4º.2.c); 4º.6.e) e 4º.6.f)).
Proponse a supresión destes límites ou ben establecer unhas porcentaxes máis altas que se acheguen aos custos reais xerados polas accións formativas.

Terceira.- Artigo 4º.3.

Refírese este apartado ao contido do módulo C que ben constituído polas bolsas e axudas aos alumnos que reúnan as condicións establecidas nas normas que diten a Dirección Xeral de Formación e Colocación en desenvolvemento desta Orde.
Proponse unha nova redacción na que se recolla que as bolsas e axudas se estenderán a todos os alumnos/as sen excepción.

Ademáis, no quinto parágrafo deste apartado 3, establécese que os alumnos poderán percibir a axuda de aloxamento e manutención cando a distancia entre o seu domicilio e o lugar de impartición sexa, como mínimo, de 75 quilómetros.
Proponse que, dada a dispersión poboacional de Galicia e o estado das comunicacións viarias, a distancia establecida sexa de 50 quilómetros en lugar de 75.
Consecuentemente, habería que modificar, no artigo 7º.3 a), a referencia aos 75 quilómetros, substituíndoa por 50 quilómetros.

Cuarta.- Artigo 5º.

Establécese neste artigo, no seu apartado 3, que poderanse aboar anticipos de ata o 50 por 100 da subvención concedida, sempre que se constitúa garantía a favor da Consellería de Traballo. Sen embargo, na Orde do 19 de abril de 2005, pola que se aproba a convocatoria para a concesión de subvencións públicas mediante contratos programa para a formación de traballadores ocupados, no seu artigo 19º “Sistemas de pagamento”, non se esixe a constitución desta garantía.

Polo exposto, este Comité Delegado propón que para as organizacións sindicais e empresariais se manteña a posibilidade de obter anticipos sen a constitución da garantía, como se permite nos contratos programa, tendo en conta que as citadas organizacións están asumindo un alto grao de colaboración coa Consellería de Traballo na realización de actividades de formación continua e ocupacional.

Subsidiariamente e para o caso de que non se acepte esta proposta, tendo en conta que a constitución de garantía a favor da Consellería ocasiona unha serie de gastos financeiros que terá que soportar o centro impartidor, para que este poda soportar os gastos xerados tanto polo persoal pedagóxico como polos provedores, becas de alumnos, etc., este Comité Delegado suxire que estes gastos deberían estar cubertos polo orzamento do curso, posto que teñen relación co programa formativo en cuestión.

Por outra parte, o apartado 1 deste artigo 5º regula o aboamento da subvención, establecendo, na letra a), que poderá concederse ata o 50 por 100 do total do orzamento de gastos de cada curso, en concepto de anticipo.
Proponse que o anticipo sexa de ata un 80 por 100, suprimíndose en consecuencia o apartado 2 deste artigo 5º, xa que obriga a duplicar o traballo administrativo de xustificación da subvención, considerando que podería regularse da mesma maneira que se fixo na Orde do 11 de novembro de 2004, reguladora das subvencións mediante contratos programa para a formación de traballadores ocupados (DOG 15.11.04), no seu artigo 20º.B. 1 d).

Quinta.- Artigo 12º.

No apartado 1. a) establécese un prazo mínimo de 15 días hábiles antes da realización da proba de selección, para solicitar á oficina de emprego a lista de desempregados.
Este Comité Delegado propón reducir o prazo a 10 días hábiles, que se entende suficiente, xa que os 15 días hábiles poden supoñer unha demora innecesaria na programación e xestión das accións formativas.
Este mesmo artigo, no apartado 1. e), fixa un prazo de 15 días de espera para poder realizar a convocatoria pública. Este Comité entende que un prazo de 10 días é suficiente, no mesmo sentido sinalado no parágrafo anterior.