ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 37/05

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PARA A POSTA EN PRÁCTICA EN GALICIA DE PROGRAMAS EXPERIMENTAIS EN MATERIA DE EMPREGO.

I. ANTECEDENTES

O día 1 de decembro de 2005 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica en Galicia de programas experimentais en materia de emprego, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

As subvencións que contempla este proxecto normativo están reguladas a nivel estatal pola orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais (Orde TAS/2643/2003, de 18 de setembro”), publicada no BOE en data 27 de setembro de 2003, e que serve de referencia á orde que se está a ditaminar.


Ao abeiro da antedita norma, a Consellería de Traballo ven a articular neste proxecto normativo programas experimentais de emprego, dirixidos a explorar novas alternativas de inserción laboral cos demandantes que se atopan con especiais dificultades de acceso ao emprego.

Ademáis do programa establecido en anos anteriores, este proxecto normativo regula un novo que se dirixe a aqueles traballadores en situación de desemprego como consecuencia dunha crise empresarial, e que ten por obxecto o desenvolvemento de plans integrais de emprego destinados a estes traballadores. Este novo programa aparece regulado no capítulo II da orde.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da orde do 27 de decembro de 2004, publicada no DOG o 11 de xaneiro de 2005 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 22 de novembro de 2004, obsérvase o seguinte:

Parece que se tivo en conta o ditame emitido polo Consello sobre a mesma orde do exercicio pasado, cando menos na consideración xeral primeira e na consideración específica segunda, formuladas con carácter unánime polas organizacións sindicais e empresariais.

Como novidades máis importantes, ademáis da sinalada anteriormente sobre a implementación dun novo programa dirixido a traballadores en situación de desemprego como consecuencia dunha crise empresarial, figuran as seguintes:

Artigo 9º.- Prazo.
O prazo de presentación de solicitudes pasa de 40 días a un mes, porque así o especifica o proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2006.

Artigo 10º.- Criterios de valoración dos programas.
Valórase o traballo levado a cabo pola entidade solicitante no caso de que con anterioridade houbera desenvolvido un programa experimental en materia de emprego.

Artigo 13º.- Forma de pagamento.
O apartado 2 deste artigo establece que o anticipo ao que se refire o apartado 1 do mesmo non poderá superar en ningún caso o importe da subvención concedida para o ano 2006.
Asi mesmo, engádese un apartado (sinalado co número 4) relativo á forma en que as entidades subvencionadas presentarán a liquidación parcial da subvención.



De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.





II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para dictame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión de subvencións para a posta en práctica en Galicia de programas experimentais en materia de emprego” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, vinte e oito artigos, catro disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.



Resultando que non asisten á xuntanza o representante de UGT-Galicia nin o representante do SN de CC.OO. de Galicia,  faise constar  a imposibilidade da realización do ditame por falta de quórum, tal e como dispón o apartado 4 do artigo 3º do Regulamento de Funcionamento do Comité Delegado para a emisión de ditames, aprobado polo Pleno do Consello en xuntanza de 7 de xullo de 2004, que establece que para a válida constitución do Comité é necesaria a asistencia do presidente ou a secretaria do Consello e, polo menos, dous membros da representación sindical e un da representación empresarial que compoñen o Comité.

Neste caso, de acordo co disposto no citado artigo 3º. 4 do mencionado Regulamento de Funcionamento, redactarase un acta final na que se fará constar a imposibilidade da realización do ditame por falta de quórum e se remitirá ao órgano ou organismo remisor do proxecto normativo.