ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 3/02

DICTAME SOBRE O BORRADOR DA ORDE DA CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS, POLA QUE SE DESENVOLVEN ACCIÓNS DIRIXIDAS Á PROMOCIÓN E DIVULGACIÓN DO COOPERATIVISMO E A ECONOMÍA SOCIAL CORRESPONDENTES Ó EXERCICIO DE 2002

En relación coa solicitude de dictame sobre o borrador da Orde pola que se desenvolven accións dirixidas á promoción e divulgación do cooperativismo e a economía social, remitida pola Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, en data do 31 de xaneiro de 2002, con rexistro de entrada na mesma data, a efecto de dar cumprimento ó establecido no artigo 3.2.b) da Lei 7/1988, de 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o 8 de febreiro dos correntes, acordou face-las seguintes consideracións e propostas de modificación, DE CARÁCTER UNÁNIME, que se reproducen a continuación:


1. Consideración de carácter xeral

O obxecto da presente Orde, ó igual que en 2001, consiste na promoción e divulgación do cooperativismo e a economía social e na súa exposición de motivos fala de accións dirixidas tanto “á promoción das cooperativas e das súas estructuras representativas, así como das sociedades laborais”. Non se entende, polo tanto, a posterior exclusión das sociedades laborais como beneficiarias de determinados programas regulados nesta Orde.

A PROPOSTA deste Comité consiste en incluír, ó igual que en disposicións anteriores, ás sociedades laborais, e, no seu caso, as súas asociacións, como beneficiarias dos Programas II, III, IV e V, nos mesmos termos que as sociedades cooperativas.

2. Artigo 2º.e 14º. Beneficiarios dos Programas I e V, respectivamente.
O artigo 2º da presente Orde establece como beneficiarios do Programa I, ás cooperativas e sociedades laborais que, “a partir do 16 de setembro de 2001, ocupen durante un tempo mínimo de un ano a traballadores desempregados…”. Sen embargo, o artigo 14º, considera beneficiarios do Programa V, “as sociedades cooperativas que, a partir da entrada en vigor desta orde, incorporen como socios a asalariados que leven prestando o seu traballo persoal á cooperativa durante máis de dous anos”.

Este Comité non encontra lóxica a limitación establecida no artigo 14º, que deixaría fora das axudas a todas aquelas cooperativas que incorporasen asalariados como socios con posterioridade ó 30 de xuño, data na que finalizaba o prazo para as axudas en 2001, e a data de entrada en vigor desta orde.

A PROPOSTA que se suxire, co obxecto de evitar estes baleiros de agora en adiante, sería a de que na Orde reguladora para 2003 se teñan en conta todas aquelas accións que podan levarse a cabo entre a data de finalización do prazo da presente Orde e a da data de publicación da Orde de 2003. Como tampouco se ve lóxica a limitación establecida no Programa V, considérase máis xusto, como punto de partida aplica-la data do 16 de setembro, para ámbolos dous programas.

3. Artigo 4º. Finalidade.
Tendo en conta que o Programa II ten como obxecto o financiamento dos gastos derivados da creación ou modificacións estatutarias das cooperativas, este comité non comprende as razóns da inclusión, dentro das accións subvencionables, dos gastos de auditoría, que se corresponderían máis ben coa necesidade de control dunha actividade en funcionamento.

4. Art. 17. Solicitudes e documentación.
Este precepto establece, respecto da documentación específica a presentar para o Programa II, que “para os supostos de axudas a proxectos técnicos legalmente preceptivos, estudios de viabilidade e auditorías debe aportarse factura….”.

A esixencia de factura como trámite previo á concesión de subvencións, encóntrase excesivamente ríxida e na práctica obrigaría ós potenciais beneficiarios das axudas a acometer necesariamente as accións obxecto das mesmas antes de ter concedida a subvención. Considerase que a xustificación a priori mediante facturas pro forma ou presupostos non é incompatible co necesario control ulterior sobre a afectación da subvención á aqueles gastos para os que foi concedida.

Este Comité PROPÓN introducir a posibilidade de presentar, nunha primeira fase, presupostos ou facturas pro forma, nos que se detallen debidamente os distintos conceptos subvencionables. Posteriormente, daríase un prazo para a presentación de facturas definitivas e, en último lugar, habería que presentar os correspondentes xustificantes de gasto.

Artigo 18º. Prazo e presentación de solicitudes.
Neste precepto establécese que o prazo de presentación de solicitudes rematará o 30 de abril de 2002 para os Programas III e IV.

Tendo en conta que nestes dous programas as accións obxecto de subvención poden realizarse ó longo de 2002, este Comité non entende a razón de establecer un prazo de solicitude tan limitado.

PROPONSE establecer para este tipo de accións unha convocatoria aberta a todo o ano.

5. Disposición Adicional Terceira.
Esta disposición, que se incorpora como novidade á presente Orde, permite que, previa solicitude do interesado, podan ser atendidas aquelas solicitudes realizadas ó abeiro da Orde do 26 de febreiro de 2001 e que, reunindo os requisitos establecidos nela, foron desestimadas por inexistencia de crédito suficiente.

Sen embargo, non se fai mención ó modelo de solicitude axeitada para este suposto, nin tampouco á necesidade de volver a presentar documentación. Tendo en conta que a Lei 30/ 92, de Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, no seu artigo 35 f), establece que non haberá que presentar documentación que obre en poder da Administración considerase innecesario volver a presentala, salvo que, polo tempo transcorrido, perdese vixencia algún documento.

Este Comité PROPÓN que xunto coa Orde se publique un Anexo para dar cobertura a este suposto e que se clarifique en qué supostos sería preciso volver a presentar documentación.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME Ó BORRADOR DA ORDE MANIFESTADAS POLA CEG

1. Artigo 1º. Finalidade
Este precepto, no seu apartado II, exceptúa da concesión das axudas do Programa I a aquelas empresas nas que participe o empresario ou persoas que participasen no capital social da empresa extinta, directa ou indirectamente, así como os seus familiares ata o segundo grao por consanguinidade ou afinidade.

Entendendo o espírito de cautela que orienta esta disposición, a CEG considera excesiva a limitación.

PROPOSTA: esta excepción non debería operar cando o anterior empresario ou as persoas que participasen no capital social da empresa extinta, directa ou indirectamente, así como os seus familiares ata o segundo grao, por consanguinidade ou afinidade, non teñan individual ou colectivamente o control da nova entidade, segundo as normas da Seguridade Social na materia.

2. Artigo 11º. Beneficiarios.
A presente Orde considera tamén beneficiarios do Programa IV ás “organizacións empresariais e sindicais, así como as asociacións profesionais”, o cal supón unha novidade respecto da normativa do ano anterior.

Considerando axeitada a ampliación a outros colectivos, a CEG considera que, aínda así, quedarían fora das axudas outras agrupacións que poden levar a cabo accións de promoción da economía social.

PROPOSTA: incluír como posibles beneficiarios do citado programa a outras entidades sen ánimo de lucro que desenvolven actividades de promoción da economía social.