ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 38/05

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E SE PROCEDE Á CONVOCATORIA PÚBLICA DE SUBVENCIÓNS PARA A PROGRAMACIÓN DE ACCIÓNS FORMATIVAS EXPERIMENTAIS E COMPLEMENTARIAS DO PLAN FIP DIRIXIDAS A DESEMPREGADOS COFINANCIADAS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA PARA O EXERCICIO DE 2006

I. ANTECEDENTES

O día 1 de decembro de 2005, vía e-mail e  o 13 de decembro, por escrito, foi remitido ao Consello Galego de Relacións Laborais proxecto de orde da Dirección Xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo, pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas experimentais e complementarias do Plan FIP dirixidas a desempregados cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2006, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O obxecto desta orde é a regulación das accións formativas de carácter experimental e complementario respecto do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional (Plan FIP), dirixidas a desempregados, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo. Neste sentido, a regulación do Plan FIP, que conta cun catálogo preestablecido de especialidades homologadas, pode deixar sen atender especialidades formativas de especial interese, tanto desde o punto de vista do  colectivo que atenden como dos sectores produtivos aos que se dirixen.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da orde do exercicio pasado, publicada no DOG o 29 de decembro de 2004 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 1 de decembro de 2004, parece que non se tiveron en conta as consideracións manifestadas polo Consello Galego de Relacións Laborais no ditame emitido o exercicio pasado.

Respecto ao texto da orde, o proxecto normativo contén, como principais novidades, as seguintes:

Exposición de motivos.
Figura que son de aplicación á orde obxecto de ditame algúns artigos con carácter básico da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 6º.- Módulos económicos.
No exercicio pasado a valoración económica das accións facíase aplicando por analoxía os módulos do Plan FIP, agás casos excepcionais.
Agora, aplícanse os modulos de contratos programa de formación continua e se inclúe, ademáis, a excepción de que para determinadas especialidades o módulo poderá chegar aos 16,00 € por alumno e día de formación.

Artigo 15º.- Solicitudes.
O novo proxecto normativo contempla a posibilidade de substituir a licenza municipal de apertura da actividade (que antes esixíase con carácter obligatorio) por unha serie de documentos segundo o tipo de entidade de que se trate.

Artigo 16º.- Prazo.
O prazo de presentación de solicitudes pasa de 40 días a un mes, porque así o especifica o proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2006.

Anexos.
Inclúense dous anexos novos, un para que o solicitante declare que non está incurso nos supostos de prohibicións da Lei 38/2003 para obter a condición de beneficiario; outro, para que o responsable da entidade declare que o local reúne as condicións esixidas para impartir as accións formativas (suple á licenza municipal de apertura nos casos nos que a entidade non a teña).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.
II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas experimentais e complementarias do Plan FIP dirixidas a desempregados cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2006” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezaoito artigos, seis disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

Resultando que non asisten á xuntanza o representante de UGT-Galicia nin o representante do SN de CC.OO. de Galicia,  faise constar  a imposibilidade da realización do ditame por falta de quórum, tal e como dispón o apartado 4 do artigo 3º do Regulamento de Funcionamento do Comité Delegado para a emisión de ditames, aprobado polo Pleno do Consello en xuntanza de 7 de xullo de 2004, que establece que para a válida constitución do Comité é necesaria a asistencia do presidente ou a secretaria do Consello e, polo menos, dous membros da representación sindical e un da representación empresarial que compoñen o Comité.

Neste caso, de acordo co disposto no citado artigo 3º. 4 do mencionado Regulamento de Funcionamento, redactarase un acta final na que se fará constar a imposibilidade da realización do ditame por falta de quórum e se remitirá ao órgano ou organismo remisor do proxecto normativo.