ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 41/05

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E SE PROCEDE Á CONVOCATORIA PÚBLICA DE SUBVENCIÓNS PARA A PROGRAMACIÓN DE ACCIÓNS FORMATIVAS DIRIXIDAS A TRABALLADORES OCUPADOS COFINANCIADAS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA PARA O EXERCICIO DE 2006

I. ANTECEDENTES

O día 20 de decembro de 2005 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito do director xeral de Formación e Colocación da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas a traballadores ocupados cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2006,  e solicitando, aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.
O obxecto desta orde, segundo establece a súa exposición de motivos, é a regulación das accións formativas dirixidas a traballadores ocupados referidas ás especialidades formativas incluidas no Catálogo Nacional de Especialidades Formativas de Formación Profesional Ocupacional, así como de accións formativas que poidan considerarse de carácter estratéxico e/ou de carácter experimental, subvencionadas todas elas pola Xunta de Galicia e cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 28 de febreiro de 2005, obsérvase que foron tidas en conta parcialmente as consideracións manifestadas polos axentes sociais.

Respecto ao texto da orde, o proxecto normativo contén, como principais novidades, as seguintes:

Exposición de motivos.
Figura que son de aplicación á orde obxecto de ditame algúns artigos con carácter básico da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 7º.- Contía das axudas e subvencións.

No exercicio pasado a valoración económica das accións facíase aplicando por analoxía os módulos do Plan FIP, agás casos excepcionais.
Agora, aplícanse os modulos de contratos programa de formación continua e se inclúe, ademáis, a excepción de que para determinadas especialidades o módulo poderá chegar aos 16,00 € por alumno e día de formación.

Artigo 16º.- Solicitudes.

O novo proxecto normativo contempla a posibilidade de substituir a licenza municipal de apertura da actividade (que antes esixíase con carácter obligatorio) por unha serie de documentos segundo o tipo de entidade de que se trate.

Artigo 17º.- Prazo.

O prazo de presentación de solicitudes pasa de 40 días a un mes, porque así o especifica o proxecto de Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o ano 2006.

Anexos.

Inclúense dous anexos novos, un para que o solicitante declare que non está incurso nos supostos de prohibicións da Lei 38/2003 para obter a condición de beneficiario; outro, para que o responsable da entidade declare que o local reúne as condicións esixidas para impartir as accións formativas (suple á licenza municipal de apertura nos casos nos que a entidade non a teña).


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas a traballadores ocupados cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2006” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezanove artigos, sete disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.



O día 28 de decembro de 2005 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén sete consideracións específicas, de carácter unánime, manifestadas polas organizacións empresariais e sindicais en relación co establecido nos artigos 6º, 7º, 10º, 11º e 19º do proxecto normativo.



DITAME 41/05



En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas a traballadores ocupados cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2006, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 20 de decembro de 2005, e aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 28 de decembro de 2005, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

As organizacións empresariais e sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, representadas no Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, fan as seguintes propostas de modificación:



Primeira.- Artigo 6º. Custos subvencionables.

Este Comité propón que, ademáis dos relacionados no artigo 6º, sexan subvencionables os seguintes gastos:

- Gastos de personal dos centros de preparación, seguimento e control docente da actividade.
- Concretar, no punto terceiro do apartado a), dentro dos gastos correntes tales como materiais e subministracións, que están incluidos os gastos de medios e materiais didácticos (textos, material dun só uso polo alumno) e os materiais funxibles utilizados durante a realización da actividade.
- Gastos de personal directivo e administrativo da entidade xestora.


Segunda.- Artigo 7º.- Contía das axudas e subvencións.

O apartado 1 deste artigo establece que o importe das axudas non poderá exceder dos límites establecidos no Regulamento CE 68/2001, do 12 de xaneiro.

Este Comité propón que se expliciten no texto da Orde os límites cuantitativos aos que fai referencia o devandito Regulamento.

Terceira.- Artigo 7º.- Contía das axudas e subvencións.

O apartado 2, punto 2, do artigo 7º establece que, excepcionalmente, poderase autorizar a aprobación dun módulo superior que non poderá superar os 16 euros por alumno e hora de formación.
Este Comité propón que a cantidade límite sexa de 18 euros, tendo en conta as especiais circunstancias dalgúns cursos formativos.

Cuarta.- Artigo 7º.- Contía das axudas e subvencións.

O apartado 2, punto 6, deste artigo 7º, permite a subcontratación da realización de accións formativas.
Este Comité propón engadir que se permita a subcontratación por riba do 50%, establecido como tope na Lei 38/2003, xeral de subvencións.

Quinta.- Artigo 10º. Pagamento e liquidación das subvencións.

O apartado B “sistemas de pagamento” establece o modo en que se fará efectivo o aboamento da subvención, regulando a posibilidade de pagamentos parciais e anticipos sempre que se constitúa garantía a favor da Consellería de Traballo.

Este Comité  considera que a redacción deste artigo debe modificarse tendo en conta os gastos financeiros que xeran ás entidades impartidoras os sistemas de pagamento establecidos.

Sen prexuizo do manifestado no ditame sobre a orde reguladora das subvencións mediante contratos programa (consideración unánime terceira), este Comité considera que se debe aboar, como mínimo, un anticipo de ata o 50% do total do plan de formación, non de cada acción formativa.

Asi mesmo, este Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames propón que se consideren como custos asociados á actividade formativa, os correspondentes custos financeiros orixinados polas operacións formalizadas entre as entidades financeiras e as entidades beneficiarias no importe que excede do 50% de anticipo máximo.

Sexta.- Artigo 11º. Seguimento e control das accións formativas.

O apartado 1 deste artigo establece que para verificar o cumprimento do disposto na orde, a Dirección Xeral de Formación e Colocación e as delegacións provinciais aplicarán un sistema de seguimento e control, engadindo que o seguimento e control poderá facelo o persoal que se contrate para o efecto.

Este Comité considera que o sistema de seguimento e control é unha competencia exclusiva da Dirección Xeral de Formación e Colocación ou das súas delegacións provinciais e non pode levarse a cabo por persoal contratado para o efecto, polo que propón que se suprima esa referencia.

Sétima.- Artigo 19º. Resolución.

Establece este artigo, no seu apartado 2, como tempo máximo de resolución dos expedientes o de seis meses. En concordancia co manifestado por este Comité Delegado noutros ditames precedentes, considérase oportuno acortar ese prazo a tres meses para conseguir así que os interesados na percepción das axudas non vexan dilatado no tempo a súa expectativa a percibir ou non as mesmas.