ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 1/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E A CONVOCATORIA PÚBLICA PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE INFORMACIÓN, ORIENTACIÓN E BUSCA DE EMPREGO

. ANTECEDENTES


O día 5 de xaneiro de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O obxectivo deste proxecto normativo é a posta en marcha dun sistema de orientación laboral, baseado en accións de información, orientación, busca activa de emprego, coa finalidade de mellorar a ocupabilidade dos demandantes de emprego; sistema que contempla a colaboración de entidades especializadas para incrementar a capacidade e a calidade das accións, o seu achegamento aos usuarios e a atención a colectivos específicos.


Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 7 de xaneiro de 2005 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 22 de novembro de 2004, observáse o seguinte:

Parece que se tiveron en conta algunha das consideracións manifestadas polo Consello Galego de Relacións Laborais no ditame emitido o 22 de novembro de 2004 sobre a mesma orde para o exercicio de 2005.

Respecto ao texto da orde, o proxecto normativo contén, como principais novidades, as seguintes:

Artigo 6º.- Solicitude.
Engádese un apartado 7, que esixe á entidade beneficiaria acreditar, con anterioridade á proposta de resolución de concesión, que se atopa ao corrente das súas obrigas tributarias e de Seguridade Social e que non ten débedas pendentes de pagamento coa Administración Pública da Comunidade Autónoma.

Artigo 7º.- Prazo.
O prazo para a presentación de solicitudes pasa de 40 días naturais a 30 días naturais.

Artigo 8º.- Criterios de valoración para adxudicación.
Os criterios que establece este artigo figuran agora con asignación de puntos a ter en conta para a adxudicación.

Artigo 9º.- Procedemento e concesión de subvencións.
No apartado 1 establécese expresamente que a convocatoria da subvencións realizarase mediante réxime de concorrencia competitiva.
O establecido no apartado 3, primeiro parágrafo, figura tamén na disposición adicional cuarta; sen embargo, é novo o regulado no seguinte parágrafo e no apartado 4 respecto da comisión de valoración.

Artigo 10º.- Obrigas dos centros colaboradores.
Modifícase o disposto no apartado c), no senso de obrigar ao centro a manter e custodiar o expediente completo de cada usuario, agás que perda a condición de colaborador, caso no que deberá remitilo á oficina de emprego no prazo máximo de tres meses.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego” consta de: Exposición de motivos, cinco capítulos, vinte artigos, seis disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.



O día 13 de xaneiro de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dúas consideracións xerais de carácter unánime, así como sete consideracións específicas, tamén unánimes, sobre a valoración da norma en relación coa redacción dada aos artigos 3º, 6º.2.g), 6º.3, 9º.3, 11º,1, 12º.1 e 12º.2.


DITAME 1/06




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a realización de actividades de información, orientación e busca de emprego, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 5 de xaneiro de 2006, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 13 de xaneiro de 2006, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA:
Primeira.  O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral, establece no apartado 5 do artigo 2º no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego, o seguinte: “Emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude”.
Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Director Xeral ou do Conselleiro de Traballo.

Segunda. Non se deduce do texto da Orde a posibilidade de prórroga contractual do persoal que leva a cabo as accións subvencionadas, o que implicaría ou ben un deficiente servicio motivado pola súa suspensión temporal, ou ben un esforzo económico para a entidade colaboradora para poder manter a prestación de servizos.

Por este motivo, debe arbitrarse pola Consellería un procedemento que evite a existencia de períodos de lagoa non cubertos pola Orde e, polo tanto, sen servizo e sen subvención.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira.- Artigo 3º. Programa de orientación laboral e busca de emprego.

Obsérvase que no texto deste artigo falta a regulación dos itinerarios da inserción ocupacional que se mencionan no artigo 1º do proxecto normativo.

Segunda.- Artigo 6º. Solicitude.

No apartado 2, letra g), número 6, deste artigo solicítase, para o proxecto-memoria sobre as accións a realizar, a previsión por parte da entidade solicitante da porcentaxe de inserción laboral dos usuarios das accións de información, orientación e busca de emprego para o período subvencionado.

Este Comité Delegado propón a supresión do establecido no citado número 6, xa que considera que resulta difícil poder determinar este extremo por canto non se posee a información necesaria para avalialo.  

Terceira.- Artigo 6º. Solicitude.

O apartado 3 deste artigo establece exencións na presentación de determinada documentación para as entidades que no momento de presentar a súa solicitude posúan a condición de centros colaboradores do Servicio Galego de Colocación.
Este Comité Delegado propón engadir neste apartado a posibilidade de permitir, cunha simple comunicación á Dirección Xeral de Formación e Colocación, a continuidade dos centros asociados coas mesmas instalacións, persoal e demáis medios que foron aprobados no exercicio anterior.

Cuarta.- Artigo 9º. Procedemento e concesión de subvencións.

O disposto no apartado 3 deste artigo, primeiro parágrafo, figura novamente na disposición adicional cuarta do proxecto normativo.

Quinta.- Artigo 11º. Selección e contratación de persoal para a realización das accións.

No apartado 1 deste artigo alúdese ao baremo de selección do persoal existente ao respecto na Dirección Xeral de Formación e Colocación, sen que se especifique ou plasme na propia Orde.

Este Comité Delegado considera que, para coñecemento xeral, debe constar na orde o citado baremo.

Sexta.- Artigo 12º. Contía.

No apartado 1 deste artigo recóllense as contías a subvencionar, establecéndose o total que, en concepto de retribución, subvencionarase por cada técnico ou persoal de apoio.


Este Comité Delegado considera que sería necesario que, a este respecto, se englobase e se especificase na propia normativa que se subvencionará o total do coste do traballador, comprendendo non soamente o salario e a seguridade social, senón tamén as posibles indemnizacións por finalización de contrato que poidan esixirse legalmente.

Asi mesmo, neste apartado, nas letras a) e b) fíxase a contía máxima subvencionable, considerando este Comité Delegado que débese subvencionar o tope establecido e suprimirse no texto da orde os termos “ata un máximo”, así como actualizar as citadas contías tendo en conta o Indice de Prezos ao Consumo (IPC).

Sétima.- Artigo 12º. Contía.

No apartado 2 deste artigo establécese a posibilidade de subvencionar ata un 10 % do total da subvención aprobada, en concepto de gastos xerais, materiais, dietas, etc.

Este Comité Delegado propón incrementar a citada porcentaxe ata un 15%, xa que os gastos xerados pola infraestructura necesaria para manter estas actividades de orientación (local, equipos informáticos, mobiliario, dietas, etc.) son moi superiores ao tope subvencionable.