ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 2/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROCEDEMENTO DE ABOAMENTO DE COTAS Á SEGURIDADE SOCIAL A TRABALLADORES QUE PERCIBISEN A PRESTACIÓN POR DESEMPREGO NA SÚA MODALIDADE DE PAGAMENTO ÚNICO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA

I. ANTECEDENTES


O día 27 de xaneiro de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, e se procede á súa convocatoria para 2006, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O Real Decreto 1044/1985, do 19 de xuño, regula o aboamento da prestación de desemprego na súa modalidade de pagamento único como medida de fomento de emprego, coa finalidade de propiciar a iniciativa de autoemprego dos traballadores desempregados.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 26 de abril de 2005 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 21 de febreiro de 2005, obsérvase que foi tida en conta xa no texto da orde publicada no DOG en 2005, unha consideración específica, de carácter unánime, sobre a exposición de motivos, no sentido de incluir no marco de actuación do proxecto normativo,  a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

O novo proxecto normativo é practicamente o mesmo que o texto publicado no DOG o 26 de abril de 2005; soamente destaca o establecemento dun novo prazo de presentación de solicitudes, regulado no apartado 3 do artigo 4º, xa que amplia o prazo do 31 de marzo (regulado na orde de 2005) ata o 2 de maio (no novo proxecto normativo), para os casos que se sinalan no apartado citado.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.




II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, e se procede á súa convocatoria” consta de: Exposición de motivos, doce artigos, catro disposicións adicionais, unha transitoria e dúas derradeiras.


O día 2 de febreiro de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e tres consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.



DITAME 2/06


En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social a traballadores que percibisen a prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único, e se procede á súa convocatoria, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 27 de xaneiro de 2006, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 2 de febreiro de 2006, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

Este Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de Ditames foi informado da recepción simultánea, na sede do Consello o pasado día 27 de xaneiro, venres, de NOVE proxectos normativos remitidos pola Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, coa finalidade de sometelos a ditame.

Como se sabe, o prazo do que dispón este Comité para emitir os ditames é de DEZ días, polo que os correspondentes aos nove proxectos aludidos, teñen como última data dispoñible para a súa emisión a do próximo mércores, día 8 de febreiro. Eses nove proxectos normativos suman un total de DUASCENTAS OITENTA PÁXINAS.


En moi escasos días hábiles haberá que completar un proceso que esixe, cando menos:

*O envio de cada proxecto normativo ás persoas integrantes do Comité.
*A convocatoria de varias reunións en datas e horarios propicios para todas elas.
*A distribución, dentro de cada organización, de cada proxecto normativo aos organismos e/ou responsables máis directamente concernidos pola materia sobre a que verse a norma.
   *A análise do texto de cada proxecto, dos seus antecedentes e, se é o caso, do ditame emitido sobre a norma no anterior exercicio.
*O desenvolvemento das xuntanzas do Comité Delegado.
*A materialización de cada Ditame escrito e o asinamento do mesmo.


Non se lle escapará á Consellería que as persoas que participamos neste Comité, en representación das organizacións presentes no Consello Galego de Relacións Laborais, non estamos a disposición exclusiva neste cometido. Por outro lado, non percibimos razóns de urxencia inaprazable que poideran xustificar esta situación.

Polo dito, fácil será entender que se nos aboca a unha situación dificil, que pode ter como consecuencia non desexada unha afectación negativa na calidade do labor consultivo que lle compre legalmente desenvolver a este Comité; cuestión ésta que loxicamente nos preocupa sobremaneira.

Xa que logo, debemos manifestar, por unha parte e a respecto do alcance deste Ditame, que nos limitamos a significar aquelas cuestións puntuais que nos resultou materialmente posible abordar.

Por outra parte, debemos solicitar encarecidamente do Departamento remisor dos proxectos normativos, unha axeitada dosificación das súas solicitudes de ditame, para posibilitar o desenvolvemento, no prazo e nas condicións esixibles, da función correspondente a éste Comité Delegado.

Segunda.

As organizacións integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais, na liña do manifestado en ditames de exercicios anteriores, sobre a necesidade de dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego, avaliamos positivamente que, no seo do Comité Autonómico de Emprego, se teña informado o conxunto da planificación destas políticas para o ano 2006.

Este Comité Delegado considera conveniente incluir na exposición de motivos deste proxecto normativo que se somete a ditame, unha referencia a esta planificación de conxunto, tal e como se recolle na exposición de motivos dos proxectos normativos de Escolas Obradoiro e Programas de cooperación.
Terceira.

Este Comité Delegado propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a suprimir calquera referencia que poda supoñer a utilización dunha linguaxe sexista.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.-  Artigo 1º. Obxecto, requisitos e principios de xestión.
Neste artigo fíxanse os requisitos para ter dereito as axudas establecidas nesta norma. O apartado c) deste artigo esixe terse constituido como traballador autónomo sempre que se trate dunha persoa cunha discapacidade igual ou superior ao 33 por 100.

Este Comité Delegado quere propoñer que se teña en conta o xa permitido na lexislación vixente, respecto aos traballadores que se teñan constituido como autónomos, establecéndose que poderán capitalizar o 40% da súa prestación por desemprego para afrontar os gastos de inicio da actividade; o resto da prestación abonarase para o pagamento das cotizacións á Seguridade Social. É dicir, considérase que o citado apartado c) deste artigo 1º debería incluir como beneficiario a cualquier traballador autónomo e non soamente a aqueles que teñen discapacidade.

Segunda.-  Artigo 7º. Resolución e recursos.
O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no artigo 2º, apartado 5, no que se regulan as funcións do Comité Autonómico de Emprego, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Director Xeral ou da Conselleira. Asi mesmo, o citado Decreto establece no artigo 6º, apartado 3,  no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia da delegación provincial da Consellería. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Delegado ou Delegada Provincial.
Polo exposto, este Comité Delegado propón que neste artigo 7º se inclúa un apartado que estableza que antes de ditarse resolución deberá emitirse informe polo Comité Provincial de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral.

Terceira.- Artigo 7º. Resolución e recursos.

Este artigo establece que, no caso de que no prazo de seis meses non se ditase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude”.

Este Comité propón que o prazo para resolver sexa de tres meses, tal e como figuraba na orde do exercicio pasado.

Así mesmo, este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia doutras posibilidades para o suxeito, en este caso o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica, polo que proponse a substitución da forma “poderá entenderse” por “entenderase”.