ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 3/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO RÉXIME DE AXUDAS E SUBVENCIÓNS ÁS EMPRESAS CUALIFICADAS COMO INICIATIVAS LOCAIS DE EMPREGO (ILES) OU COMO INICIATIVAS DE EMPREGO RURAL (IER) COFINANCIADAS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2006

I. ANTECEDENTES

O día 27 de xaneiro de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego (ILES) ou como iniciativas de emprego rural (IER) cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2006, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta Orde emárcase nos obxectivos de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme á Estratexia Europea de Emprego, e na Declaración Institucional polo Diálogo Social en Galicia, asinada o 5 de novembro de 2005, entre a Xunta de Galicia, e as organizacións sindicais e empresariais, e co obxectivo de que a sociedade galega acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social, e de cohesión no territorio.

Esta orde ten por obxecto o fomento da cultura emprendedora da poboación para potenciar o crecemento económico e do emprego no ámbito local e no medio rural, estimulando a iniciativa privada coa colaboración da Xunta de Galicia e das administracións locais de carácter territorial, facilitando a aparición de novas empresas innovadoras xeradoras de emprego.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 10 de marzo de 2005 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 9 de febreiro de 2005, obsérvase que foi tida en conta a consideración xeral unánime dos axentes sociais (Exposición de motivos, referencia á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións).

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

No artigo 5º , apartado 2, relativo á subvención para a contratación de expertos técnicos de alta cualificación, excluénse ademais dos titulares ou socios da empresa cualificada como iniciativa de emprego, o cónxuxe, ascendentes, descendentes e demais parentes, por consanguinidade ou afinidade, ata o segundo grao inclusive, do empresario ou de quen desempeñe cargos de dirección ou sexan membros dos órganos de administración das empresas que revistan a forma xurídica de sociedade, así como as que se produzan con estes últimos.

Regúlanse novos casos de incremento das axudas: A subvención á creación directa de emprego estable increméntase cando se incorpore un mozo menor de 30 anos ou unha muller. Asi mesmo, as axudas increméntanse no caso de traballadores procedentes de empresas en crise ou que sexan desempregados pertencentes a colectivos en risco de exclusión social, entre os que se establecen, como novidade, as mulleres que abandonaran o exercicio da prostitución e se incorporen ao mercado laboral e os emigrantes retornados, concepto este último que se aclara nunha nova disposición adicional quinta.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego (ILES) ou como iniciativas de emprego rural (IER) cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2006” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vinte e tres artigos, sete disposicións adicionais, unha transitoria e dúas derradeiras.

O día 2 de febreiro de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e catro específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.


DITAME 3/06




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego (ILES) ou como iniciativas de emprego rural (IER) cofinanciadas polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2006, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 27 de xaneiro de 2006, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 2 de febreiro de 2006, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:





CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

Este Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de Ditames foi informado da recepción simultánea, na sede do Consello o pasado día 27 de xaneiro, venres, de NOVE proxectos normativos remitidos pola Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, coa finalidade de sometelos a ditame.

Como se sabe, o prazo do que dispón este Comité para emitir os ditames é de DEZ días, polo que os correspondentes aos nove proxectos aludidos, teñen como última data dispoñible para a súa emisión a do próximo mércores, día 8 de febreiro. Eses nove proxectos normativos suman un total de DUASCENTAS OITENTA PÁXINAS.


En moi escasos días hábiles haberá que completar un proceso que esixe, cando menos:

*O envio de cada proxecto normativo ás persoas integrantes do Comité.
*A convocatoria de varias reunións en datas e horarios propicios para todas elas.
*A distribución, dentro de cada organización, de cada proxecto normativo aos organismos e/ou responsables máis directamente concernidos pola materia sobre a que verse a norma.
   *A análise do texto de cada proxecto, dos seus antecedentes e, se é o caso, do ditame emitido sobre a norma no anterior exercicio.
*O desenvolvemento das xuntanzas do Comité Delegado.
*A materialización de cada Ditame escrito e o asinamento do mesmo.


Non se lle escapará á Consellería que as persoas que participamos neste Comité, en representación das organizacións presentes no Consello Galego de Relacións Laborais, non estamos a disposición exclusiva neste cometido. Por outro lado, non percibimos razóns de urxencia inaprazable que poideran xustificar esta situación.

Polo dito, fácil será entender que se nos aboca a unha situación dificil, que pode ter como consecuencia non desexada unha afectación negativa na calidade do labor consultivo que lle compre legalmente desenvolver a este Comité; cuestión ésta que loxicamente nos preocupa sobremaneira.

Xa que logo, debemos manifestar, por unha parte e a respecto do alcance deste Ditame, que nos limitamos a significar aquelas cuestións puntuais que nos resultou materialmente posible abordar.




Por outra parte, debemos solicitar encarecidamente do Departamento remisor dos proxectos normativos, unha axeitada dosificación das súas solicitudes de ditame, para posibilitar o desenvolvemento, no prazo e nas condicións esixibles, da función correspondente a éste Comité Delegado.


Segunda.

As organizacións integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais, na liña do manifestado en ditames de exercicios anteriores, sobre a necesidade de dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego, avaliamos positivamente que, no seo do Comité Autonómico de Emprego, se teña informado o conxunto da planificación destas políticas para o ano 2006.

Este Comité Delegado considera conveniente incluir na exposición de motivos deste proxecto normativo que se somete a ditame, unha referencia a esta planificación de conxunto, tal e como se recolle na exposición de motivos dos proxectos normativos de Escolas Obradoiro e Programas de cooperación.

Terceira.

Este Comité Delegado propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a suprimir calquera referencia que poda supoñer a utilización dunha linguaxe sexista.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.- Artigo 3º. Tipos de axuda.


No apartado 3, último parágrafo, deste artigo establécese que, cando se trate de traballadores autonómos, para os efectos deste programa, tamén terán a consideración de colectivo beneficiario os que, figurando inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social, realicen un traballo por conta allea cunha prestación de servizos inferior ou igual a 2 horas diarias, 12 semanais ou 48 mensuais.

O Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames entende que esta excepción, que actúa como un beneficio que amplía tal posibilidade, debería aplicarse ademáis de aos traballadores por conta propia aos traballadores por conta allea; hai que ter en conta que nalgunhas formas xurídicas, como as cooperativas ou as sociedades laborais, existe un dereito de opción polo réxime xeral da Seguridade Social correspondente a favor dos socios traballadores. Non estaría xustificado o feito de poder acceder nun caso, nos requisitos establecidos no citado parágrafo, e noutro non.


Segunda.-  Artigo 8º. Axuda para o inicio e posta en marcha da actividade.

O último parágrafo do apartado 3 deste artigo establece que “en ningún caso serán subvencionables os gastos que poidan ser considerados como investimento en activo fixo”.

Este Comité Delegado propón que se considere a posibilidade de subvencionar tamén os gastos de investimento en activo fixo, tal e como ocorre nas axudas ás cooperativas e sociedades laborais.


Terceira.- Artigo 15º. Resolución e recursos.
O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no artigo 2º, apartado 5, no que se regulan as funcións do Comité Autonómico de Emprego, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Director Xeral ou da Conselleira. Asi mesmo, o citado Decreto establece no artigo 6º, apartado 3,  no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia da delegación provincial da Consellería.
Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Delegado ou Delegada Provincial.
Polo exposto, este Comité Delegado propón que neste artigo 15º se inclúa un apartado que estableza que antes de ditarse resolución deberá emitirse informe polo Comité Provincial de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral.


Cuarta.- Artigo 15º. Resolución e recursos.


O apartado 2 deste artigo establece que, no caso de que no prazo de seis meses non se ditase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude”.

Este Comité propón que o prazo para resolver sexa de tres meses.

Así mesmo, este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia doutras posibilidades para o suxeito, en este caso o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica, polo que proponse substituir a forma “poderá entenderse” por “entenderase”.