ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 5/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE FOMENTO DO EMPREGO EN COOPERATIVAS E SOCIEDADES LABORAIS E A SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2006

I. ANTECEDENTES

O día 27 de xaneiro de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais e a súa convocatoria para o ano 2006, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


Esta orde ten por obxecto a regulación dun conxunto de axudas orientadas a facilitar a incorporación de desempregados como socios traballadores ou de traballo en cooperativas ou sociedades laborais galegas, ao considerar o autoemprego colectivo como unha fórmula idónea para a creación de emprego e xeración de riqueza.

Preténdese, así mesmo, aumentar a competitividade destas empresas co obxecto de manter o seu emprego mediante incentivos para o financiamento dos investimentos en inmobilizado material e inmaterial.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 10 de marzo de 2005 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 4 de febreiro de 2005, obsérvase que foi tida en conta a consideración xeral unánime dos axentes sociais (Exposición de motivos, referencia á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións).

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Introdúcense as modificacións establecidas na Orde do MTAS 3501/2005, do 11 de novembro.

Establécese expresamente no texto da orde (art.2º.2) os sectores e actividades aos que non será de aplicación o programa de axudas.

Amplíanse os colectivos beneficiarios das axudas (art.5º.1): mozos maiores de 25 anos e menores de 30 que finalizaran a súa educación a tempo completo nos dous anos anteriores, mulleres desempregadas que se incorporen como socias nos 24 meses seguintes á data do parto, adopción ou acollemento, mulleres que abandonaran o exercicio da prostitución e se incorporen ao mercado laboral, internos de centros penitenciarios e menores internos e os emigrantes retornados, concepto este último que se aclara nunha nova disposición adicional sexta.
Regúlanse novos casos de incremento das axudas: A axuda pola incorporación de socios traballadores ou de traballo increméntase cando se incorpore un mozo menor de 30 anos (art. 6º.2).

Establécese (art. 8º.7, segundo parágrafo) unha obriga para o beneficiario para cando o importe do gasto subvencionable supere a contía de 30.000 euros.

Engádese un segundo parágrafo á disposición adicional quinta que regula a comprobación da condición de persoa con discapacidade, sobre a forma de acreditar a condición de pensionistas.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais e a súa convocatoria para o ano 2006” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vinte e dous artigos, oito disposicións adicionais, unha transitoria e dúas derradeiras.



O día 2 de febreiro de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e cinco específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.



DITAME 5/06




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais e a súa convocatoria para o ano 2006, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 27 de xaneiro de 2006, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 2 de febreiro de 2006, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:






CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

Este Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de Ditames foi informado da recepción simultánea, na sede do Consello o pasado día 27 de xaneiro, venres, de NOVE proxectos normativos remitidos pola Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, coa finalidade de sometelos a ditame.

Como se sabe, o prazo do que dispón este Comité para emitir os ditames é de DEZ días, polo que os correspondentes aos nove proxectos aludidos, teñen como última data dispoñible para a súa emisión a do próximo mércores, día 8 de febreiro. Eses nove proxectos normativos suman un total de DUASCENTAS OITENTA PÁXINAS.


En moi escasos días hábiles haberá que completar un proceso que esixe, cando menos:

*O envio de cada proxecto normativo ás persoas integrantes do Comité.
*A convocatoria de varias reunións en datas e horarios propicios para todas elas.
*A distribución, dentro de cada organización, de cada proxecto normativo aos organismos e/ou responsables máis directamente concernidos pola materia sobre a que verse a norma.
   *A análise do texto de cada proxecto, dos seus antecedentes e, se é o caso, do ditame emitido sobre a norma no anterior exercicio.
*O desenvolvemento das xuntanzas do Comité Delegado.
*A materialización de cada Ditame escrito e o asinamento do mesmo.



Non se lle escapará á Consellería que as persoas que participamos neste Comité, en representación das organizacións presentes no Consello Galego de Relacións Laborais, non estamos a disposición exclusiva neste cometido. Por outro lado, non percibimos razóns de urxencia inaprazable que poideran xustificar esta situación.

Polo dito, fácil será entender que se nos aboca a unha situación dificil, que pode ter como consecuencia non desexada unha afectación negativa na calidade do labor consultivo que lle compre legalmente desenvolver a este Comité; cuestión ésta que loxicamente nos preocupa sobremaneira.

Xa que logo, debemos manifestar, por unha parte e a respecto do alcance deste Ditame, que nos limitamos a significar aquelas cuestións puntuais que nos resultou materialmente posible abordar.

Por outra parte, debemos solicitar encarecidamente do Departamento remisor dos proxectos normativos, unha axeitada dosificación das súas solicitudes de ditame, para posibilitar o desenvolvemento, no prazo e nas condicións esixibles, da función correspondente a éste Comité Delegado.


Segunda.

As organizacións integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais, na liña do manifestado en ditames de exercicios anteriores, sobre a necesidade de dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego, avaliamos positivamente que, no seo do Comité Autonómico de Emprego, se teña informado o conxunto da planificación destas políticas para o ano 2006.

Este Comité Delegado considera conveniente incluir na exposición de motivos deste proxecto normativo que se somete a ditame, unha referencia a esta planificación de conxunto, tal e como se recolle na exposición de motivos dos proxectos normativos de Escolas Obradoiro e Programas de cooperación.

Terceira.

Este Comité Delegado propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a suprimir calquera referencia que poda supoñer a utilización dunha linguaxe sexista (por exemplo, alúdese a beneficiarios, desempregados, mozos, traballadores, directores, xerentes, etc.  cando debería ser persoas desempregadas, persoas traballadoras, persoal de dirección, de xerencia, etc.).


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 5º. Axuda para a adquisición da condición de socio traballador.

a) No apartado 1 establécese que esta axuda poderase conceder a aqueles que, no momento de adquiriren a condición de socio traballador dunha cooperativa de traballo asociado ou sociedade laboral, estean desempregados, máis non define claramente o momento no que se adquire esa condición (se é cando se outorga a escritura, cando se inscribe a constitución da cooperativa, …).

Por esta razón, as organizacións sindicais e empresariais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais, propoñen que se clarifique cando se adquire a condición de socio traballador.

b) No apartado 1 deste artigo 5º aparecen as letras j. e k. Este Comité Delegado considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deben substituírse polas que correspondan (serían l. e m.).

c) Na letra que figura como l). parece que se queren establecer dous períodos para considerar un desempregado como de longa duración. Este Comité Delegado considera que débese suprimir o último inciso, xa que os menores de 25 anos están expresamente citados na letra a).


Segunda.- Artigo 7º. Axuda para a contratación de directores ou xerentes.
No proxecto normativo, o artigo 4º cita e o artigo 7º regula a axuda para a contratación de directores ou xerentes.
Este Comité Delegado propón que a expresión “directores ou xerentes” sexa substituída pola de “persoal de dirección ou de xerencia”.

Terceira.- Artigo 15º. Resolución e recursos.
O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no artigo 2º, apartado 5, no que se regulan as funcións do Comité Autonómico de Emprego, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Director Xeral ou da Conselleira. Asi mesmo, o citado Decreto establece no artigo 6º, apartado 3,  no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia da delegación provincial da Consellería.
Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Delegado ou Delegada Provincial.
Polo exposto, este Comité Delegado propón que neste artigo 15º se inclúa un apartado que estableza que antes de ditarse resolución deberá emitirse informe polo Comité Provincial de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral.

Cuarta.- Artigo 15º. Resolución e recursos.


O apartado 2 deste artigo establece que, no caso de que no prazo de seis meses non se ditase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude”.

Este Comité propón que o prazo para resolver sexa de tres meses.

Así mesmo, este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia doutras posibilidades para o suxeito, en este caso o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica, polo que proponse substituir a forma “poderá entenderse” por “entenderase”.

Quinta.- Disposición adicional cuarta.

Esta disposición establece que a Consellería poderá realizar, con medios propios ou alleos, actividades de formación, investigación, divulgación e difusión.

Este Comité Delegado considera que, tal como está redactada a disposición, non queda claro o motivo da súa inclusión nesta orde, polo que propón a supresión desta disposición ou, no seu defecto, que se xustifique e se desenvolva correctamente a súa inclusión.