ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 6/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DOS PROGRAMAS PARA A PROMOCIÓN DA INTEGRACIÓN LABORAL DAS PERSOAS CON DISCAPACIDADE COFINANCIADOS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2006

I. ANTECEDENTES

O día 27 de xaneiro de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade cofinanciados polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2006, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.


Esta orde enmárcase nos obxectivos  de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme á Extratexia Europea de Emprego, e na Declaración Institucional polo Diálogo Social en Galicia, asinada o 5 de novembro de 2005, entre a Xunta de Galicia, e as organizacións sindicais e empresariais, co obxectivo de que a sociedade galega acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social, e de cohesión no territorio, para o que é preciso adoptar políticas que promovan a calidade dun modelo de desenvolvemento económico que favoreza a capacidade de toda a sociedade galega para crear emprego, en especial para aquelas persoas cuxa integración laboral comporte máis dificultades.

Esta orde ten por obxecto o establecemento de accións específicas para a mellora da empregabilidade das persoas con discapacidade e a súa inserción normalizada no mercado de traballo, regulando nos seus anexos A, B e C, respectivamente, os programas de fomento da contratación indefinida das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego e de promoción do seu emprego autónomo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 18 de marzo de 2005 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 21 de febreiro de 2005, obsérvase que só foi tida en conta unha das consideracións manifestadas polos axentes sociais que é a referencia á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, na exposición de motivos.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

O artigo 5º, que regula a presentación de solicitudes e o prazo, establécese un prazo xeral para a presentación de solicitudes, que finalizará o 30 de setembro de 2006, respectando, en todo caso, os prazos específicos previstos nos anexos da orde.


O artigo 9º regula as obrigas dos beneficiarios, entre as que cita, no apartado a), a de que con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención os beneficiarios deben estar ao corrente das obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter débeda ningunha coa administración pública.

Así mesmo, establécese no punto d) deste artigo, a obriga de dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionables tanto pola consellería como as cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, conforme o regulamento (CE) 1159/2000, sobre actividades de información e publicidade.

No anexo A do proxecto normativo, que regula o programa de fomento da contratación indefinida das persoas con discapacidade na empresa ordinaria, obsérvase a seguinte modificación:

Na base sétima, que regula a xustificación do pagamento das axudas ou subvencións, establece a obrigatoria incorporación dos informes dos equipos multiprofesionais e da Inspección de Traballo que, na fase de instrucción, solicitarán as delegacións provinciais da Consellería de Traballo e sen os que non poderá realizarse a proposta de pagamento da subvención concedida.

No anexo B, que regula o programa de integración laboral das persoas con discapacidade en centros especiais de emprego,  engádense algúns outros colectivos en risco de exclusión social, como son os membros da unidade familiar en desemprego dos preceptores da renda de integración social de Galicia ou aqueles que non poidan acceder a ela; os internos de centros penitenciarios cuxa situación penitenciaria lles permita acceder a un emprego; as mulleres que abandonaran o exercicio da prostitución e se incorporen ao mercado laboral; os emigrantes retornados (co límite de tempo do retorno e a alta no correspondente réxime da Seguridade Social que establece a disposición adicional cuarta) con graves necesidades persoais ou familiares e os menores internos, así como os que estean en situación de liberdade vixiada e os ex-reclusos.  

No anexo C, que regula o programa de promoción do emprego autónomo das persoas con discapacidade, introdúcense como beneficiarias da subvención financeira as sociedades limitadas cando os seus socios sexan persoas titulares de familias monoparentais e con cargas familiares (concepto que desenvolve a disposición adicional cuarta).
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade cofinanciados polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2006” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, doce artigos, sete disposicións adicionais, unha transitoria e dúas derradeiras, ademais de tres anexos (A, B e C) que regulan os tres programas anteriormente citados.

O día 8 de febreiro de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e once consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén asi mesmo, como anexo, unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais.



DITAME 6/06




En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade cofinanciados polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2006, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 27 de xaneiro de 2006, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 8 de febreiro de 2006, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

Este Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de Ditames foi informado da recepción simultánea, na sede do Consello o pasado día 27 de xaneiro, venres, de NOVE proxectos normativos remitidos pola Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, coa finalidade de sometelos a ditame.

Como se sabe, o prazo do que dispón este Comité para emitir os ditames é de DEZ días, polo que os correspondentes aos nove proxectos aludidos, teñen como última data dispoñible para a súa emisión a do próximo mércores, día 8 de febreiro. Eses nove proxectos normativos suman un total de DUASCENTAS OITENTA PÁXINAS.

En moi escasos días hábiles haberá que completar un proceso que esixe, cando menos:

*O envio de cada proxecto normativo ás persoas integrantes do Comité.
*A convocatoria de varias reunións en datas e horarios propicios para todas elas.
*A distribución, dentro de cada organización, de cada proxecto normativo aos organismos e/ou responsables máis directamente concernidos pola materia sobre a que verse a norma.
   *A análise do texto de cada proxecto, dos seus antecedentes e, se é o caso, do ditame emitido sobre a norma no anterior exercicio.
*O desenvolvemento das xuntanzas do Comité Delegado.
*A materialización de cada Ditame escrito e o asinamento do mesmo.


Non se lle escapará á Consellería que as persoas que participamos neste Comité, en representación das organizacións presentes no Consello Galego de Relacións Laborais, non estamos a disposición exclusiva neste cometido. Por outro lado, non percibimos razóns de urxencia inaprazable que poideran xustificar esta situación.

Polo dito, fácil será entender que se nos aboca a unha situación dificil, que pode ter como consecuencia non desexada unha afectación negativa na calidade do labor consultivo que lle compre legalmente desenvolver a este Comité; cuestión ésta que loxicamente nos preocupa sobremaneira.

Xa que logo, debemos manifestar, por unha parte e a respecto do alcance deste Ditame, que nos limitamos a significar aquelas cuestións puntuais que nos resultou materialmente posible abordar.

Por outra parte, debemos solicitar encarecidamente do Departamento remisor dos proxectos normativos, unha axeitada dosificación das súas solicitudes de ditame, para posibilitar o desenvolvemento, no prazo e nas condicións esixibles, da función correspondente a éste Comité Delegado.

Segunda.

As organizacións integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais, na liña do manifestado en ditames de exercicios anteriores, sobre a necesidade de dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego, avaliamos positivamente que, no seo do Comité Autonómico de Emprego, se teña informado o conxunto da planificación destas políticas para o ano 2006.

Este Comité Delegado considera conveniente incluir na exposición de motivos deste proxecto normativo que se somete a ditame, unha referencia a esta planificación de conxunto, tal e como se recolle na exposición de motivos dos proxectos normativos de Escolas Obradoiro e Programas de cooperación.

Terceira.

Este Comité Delegado propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a suprimir calquera referencia que poda supoñer a utilización dunha linguaxe sexista.



CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.-  Artigo 1º. Finalidade.

No apartado 2, letra a), deste artigo establécese que a xestión destes programas realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

Este Comité considera que hai que engadir o principio de control, como único garante que asegure que a finalidade das axudas e subvencións solicitadas para cada programa cumpra o seu fin, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse a seguinte redacción: “ a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, control, igualdade e non discriminación”.

Segunda.-  Artigo 3º. Normativa aplicable.

Este Comité propón que o control sexa tamén incluído no texto deste artigo, quedando a súa redacción como segue: “As solicitudes, tramitación, concesión e control destas axudas e subvencións axustaranse ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro e nesta orde”.

Terceira.- Artigo 5º. Solicitudes e prazo.

No apartado 2 deste artigo se establece que a presentación da solicitude comportará a autorización do interesado para que o órgano xestor poda solicitar varias certificacións.

Este Comité propón engadir que comporte tamén a autorización para que o referido órgano xestor poda solicitar no Rexistro Administrativo de Centros Especiais de Emprego, dependente da Vicepresidencia da Xunta de Galicia, as certificacións recollidas no capítulo II, artigos 3º, 4º, 7º e 8º do Decreto 200/2005, do 7 de xullo.

Cuarta.- Artigo 7º. Resolución e recursos.

Establécese no apartado 2 deste artigo que, no caso de que no prazo de seis meses non se ditase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude”.

Este Comité propón que a resolución se dite no prazo de tres meses, como figuraba no borrador da orde do exercicio pasado. Así mesmo, considérase desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia de outras posibilidades para o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica.

As organizacións sindicais e empresariais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen substituir a expresión “poderá entenderse” por “entenderase”.

Quinta.- Artigo 7º. Resolución e recursos.

O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no artigo 2º, apartado 5, no que se regulan as funcións do Comité Autonómico de Emprego, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Director Xeral ou do Conselleiro. Asi mesmo, o citado Decreto establece no artigo 6º, apartado 3,  no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia da delegación provincial da Consellería.

Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Delegado ou Delegada Provincial ou do Director/a Xeral.

Polo exposto, este Comité Delegado propón que neste artigo 7º se inclúa un apartado que estableza que antes de ditarse resolución deberá emitirse informe polo Comité Provincial de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral ou polo Comité Autonómico de Emprego, segundo os casos.

Sexta.- Artigo 8º. Incompatibilidades e concorrencia.

Neste artigo regúlanse as incompatibilidades das axudas e subvencións establecidas nesta orde.

Este Comité propón que se engada un apartado 4 no que se estableza a presentación, xunto coa solicitude, dunha declaración de non estar incurso en ningunha das prohibicións establecidas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Sétima.- Artigo 9º. Obrigas dos beneficiarios

No apartado b) deste artigo establécese a obriga de realizar a actividade que fundamente a axuda ou subvención durante un tempo mínimo de tres anos.

Este Comité considera que debe constar que a obriga se estenda a toda a duración do Plan presentado, polo que propón a seguinte redacción: “b) Realizar a actividade que fundamente a axuda ou subvención durante o período de duración do Plan presentado, cun tempo mínimo de tres anos”.

Así mesmo, na letra d) sobre medidas de difusión, este Comité considera que debe suprimirse a frase, na terceira liña, “no seu caso, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo”, xa que os programas regulados nesta orde son cofinanciados en todo caso.
Por último, este Comité propón engadir neste artigo un apartado f) no que se estableza que, se o beneficiario é un Centro Especial de Emprego estará obrigado ao cumprimento do disposto no Decreto 200/2005, do 7 de xullo.

Oitava.- Disposición adicional cuarta e base 2ª.3 do anexo C.

Nos parágrafos 4 e 5 desta disposición adicional se fai referencia á base 2ª.3. j) e k) do anexo C desta orde.
Este Comité Delegado considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deben substituírse nesta disposición e no anexo C, polas que correspondan, neste caso, as letras l) e m).

Novena.- Anexo A. Cuarta. Axudas.

No apartado 1, letra d) desta base cuarta, establécese que a necesidade de adaptación ou de medios especiais de protección persoal deberá contar co informe favorable da Inspección de Traballo e Seguridade Social. Así mesmo, faise referencia a este informe na base sétima, apartado 3, con motivo da xustificación do pagamento.

Este Comité propón que se considere a posibilidade de que o citado informe poda ser emitido tamén polo Delegado de prevención ou o Comité de Seguridade e Saúde na empresa, de ser o caso.

Igualmente este Comité considera que debe eliminarse o último inciso deste apartado 1, letra d), que dí: “Esta axuda, se non é solicitada pola empresa, poderá ser solicitada polo propio traballador”, porque segundo o disposto na base segunda, non é beneficiario o traballador, nin está previsto na orde o procedemento para que este poda percibir a axuda.

Décima.- Anexo A. Cuarta. Axudas.

O apartado 2 desta base establece que as empresas ademais terán dereito ás bonificacións nas cotas empresariais á Seguridade Social, citando as contías que resultan bonificadas. O mesmo se establece no apartado 4, parágrafo 4º desta base.

Por este Comité se suscitan dúbidas acerca da conveniencia de que figure no texto da orde algo máis que unha simple mención á compatibilidade con outras axudas previstas na normativa estatal.

Décimo primeira.- Anexo A. Novena. Obrigas dos beneficiarios.

O apartado 1, desta base, obriga ao beneficiario a manter no seu cadro de persoal fixo aos traballadores contratados ao abeiro desta orde por un período mínimo de tres anos.

Este Comité propón que para o caso de que o traballador despedido non poda substituirse por outro, por non existir candidato idóneo no Servizo Público de Emprego (circunstancia que debe acreditarse pola Administración), debería clarificarse no texto da orde que procede o reintegro parcial da subvención correspondente ao período de tempo que quedou sen cubrir o posto de traballo.









ANEXO

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

O encadramento normativo para acadar a integración laboral das persoas con discapacidade, do que deriva esta propia Orde que ditaminamos, ven constituído pola Lei 13/1982, do 7 de abril, de Integración Social dos Minusválidos (artigos 41 e 42) e das Directrices da Unión Europea sobre a xestión das axudas ás empresas e ao emprego protexido.

Esta Orde ten como obxectivo complementar a merma que, teóricamente, sofre o empresario na súa producción e rendabilidade polo feito de contar de traballadores con discapacidade.

Coñecemos a existencia de dous tipos de Centros Especiais de Emprego, non só en Galicia senón tamén noutras Comunidades Autónomas, a saber: os sen ánimo de lucro e os que teñen ánimo de lucro por perseguir beneficio e rendabilidade. Esta diferenciación real non ten acollida no texto do proxecto normativo que se somete a ditame, posto que as dúas modalidades de centros reciben o mesmo tratamento. No anexo B do proxecto normativo alúdese aos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro, pero consideramos que non é suficiente.  


Se volvemos de novo á realidade, esta nos amosa a existencia de casos nos centros de emprego con ánimo de lucro nos que se conta con traballadores que posúen discapacidades prácticamente insignificantes que lles permitirían desenvolver o seu traballo nunha empresa ordinaria e, que non obstante, ese centro especial de emprego con ánimo de lucro está a percibir as axudas destinadas a paliar a aquela merma de que falamos con anterioridade, coa existencia dun evidente fraude de lei.

Outro problema engadido é a non identificación do campo de traballo dos centros especiais de emprego, pois pode darse o caso, por exemplo, que en supostos de subrogación nos servicios non se poda producir a pertinente asunción de traballadores diminuídos pola nova empresa concesionaria.

Entendemos, en todo caso, que ambas as duas modalidades de centros requiren unha regulación diferente ou a adopción dalgún tipo de medida que erradique este enriquecemento ilícito. Noutras Comunidades Autónomas xa se están tomando medidas nese senso, como son as de non subvencionar aos centros especiais de emprego con ánimo de lucro ou non calificalos como tales, facendo partícipes das axudas soamente aos que carecen de ánimo de lucro.

Todas estas situacións demandan a necesidade de artellar un novo marco legal que lle dé cobertura e que inclúa unha serie de medidas, como poden ser, a título de exemplo: priorización dos centros especiais de emprego sen ánimo de lucro á hora e conceder as axudas; facer unha selección estricta de todos os centros respecto do cumprimento dos requerimentos legais para percibir as mesmas; manter a axuda dos centros especiais sen ánimo de lucro sempre que non incorran en xestión deficiente…e que na elaboración e xestión deste programa interveñan, ademais dos responsables das políticas activas de emprego autonómicos, os axentes sociais galegos a través do Comité Autonómico de Emprego e dos correspondentes comités provinciais.

Así mesmo, consecuentemente co anterior, as organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que debe suprimirse o apartado 3 da disposición segunda do anexo C do proxecto normativo, que establece os requisitos esixidos ás sociedades limitadas para seren beneficiarias da subvención financeira,  posto que podería ocorrer que as persoas con discapacidade fosen utilizadas para acceder á axuda, transgredíndose deste modo os obxectivos da integración laboral deste colectivo.