ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 4/02

DICTAME EMITIDO POLO CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS SOBRE O BORRADOR DE ORDE POLA QUE SE REGULA O RÉXIME DE SUBVENCIÓNS ÁS CENTRAIS SINDICAIS DA CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E RELACIÓNS LABORAIS, PARA O ANO 2002

En relación coa solicitude de dictame sobre o Borrador de Orde da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2002, remitido pola Dirección Xeral de Relacións Laborais en data do 11 de febreiro de 2002, con rexistro de entrada desa mesma data, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3.2º da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 22 de febreiro de 2002, acordou pronunciarse no seguinte senso, sen acadar UNANIMIDADE,  en canto as seguintes consideracións e propostas de modificación que figuran como Anexos:


ANEXO I
CONSIDERACIÓN Ó BORRADOR DE ORDE MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS DESTE CONSELLO: UGT-GALICIA, O S.N. DE CCOO DE GALICIA E MAILA CIG

As contías establecidas pola norma para cada un dos tres programas que establece permanecen inmutables respecto das homónimas Ordes correspondentes ós dous últimos  exercicios económicos, situación sorpresiva toda vez que as organizacións sindicais máis representativas en Galicia obtiveron no seu momento o compromiso do goberno galego de incrementalas, alomenos, na mesma contía do IPC previsto.

Esta conxelación das partidas fai necesaria a revisión das mesmas, e por iso se demanda o seu incremento, en correspondencia con esa falta  de actualización na cantidade resultante de aplica-los IPC reais deixados de percibir nos seguintes anos:
- Ano 2000: 4%
- Ano 2001: 2,7%

Asemade, no artigo 20 sobre “Comprobación da aplicación das subvencións”, na súa segunda parte establece que cando se trate de axudas destinadas á creación ou mantemento de gabinetes de asesoramento en materia de economía social, xuntaranse os boletíns oficiais de cotización á Seguridade Social onde figuren os traballadores adscritos ó gabinete durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro de 2002 ou dende a data da súa creación, se esta fose posterior, ata o 31 de decembro de 2002.
Esta esixencia de achega documental considerase excesiva cando xa no artigo 16 se require, especificamente para este suposto, a achega de copia dos contratos de traballo do persoal adscrito ó gabinete de que se trate (ademais da documentación que recolle o art.15).





ANEXO II
CONSIDERACIÓN Ó BORRADOR DA ORDE MANIFESTADA POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA (CEG)

“Esta representación empresarial manifesta o seu total desacordo coa falta de equilibrio e ponderación de intereses que representa o proxecto de Orde pola que se regula o réxime de subvencións ás centrais sindicais para o ano 2002.
Ó non ofrecer, no marco desta regulación ou noutra “ad hoc”, a posibilidade de concorrer á convocatoria por parte das asociacións empresariais, estase a conculca-los principios de igualdade e paridade que deben observarse no delicado equilibrio que representan as relacións laborais.

As asociacións  empresariais desenvolven actividades nas que o interese público está claramente presente (diálogo social e institucional, prevención de riscos laborais, fomento da creación de empresas -incluída a economía social-, por poñer algúns exemplos sen carácter exhaustivo) e que deben ser apoiadas e fomentadas igualmente pola Administración Laboral.

Esta Confederación empresarial entende ademais, que non se pode poñer como escusa e xustificación desta discriminación as diferencias establecidas polo Tribunal Constitucional entre a representación sindical e a empresarial, pois iso non é óbice para establecer no mesmo marco subvencional, ou noutro diferenciado como se ten dito, un ámbito de axudas para asociacións empresariais.
Esta exposición é a que ten levado a outras Comunidades Autónomas a establecer axudas económicas a organizacións sindicais e empresariais. Por poñer un exemplo, é o caso da Orde do 26 de setembro do 2000, da Consejería de Industria, Turismo, Trabajo y Comunicaciones da C.A. de Cantabria (BOC de 4 de outubro de 2000), pola que se aproba a convocatoria de axudas económicas a organizacións sindicais e empresariais, a cal consideramos, salvadas as distancias e diferencias entre Comunidades, debera terse en conta por parte da Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais.”