ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 8/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS E SE CONVOCA PARA O ANO 2006 OS INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN DIRIXIDOS A FAVORECER A CONCILIACIÓN DA VIDA LABORAL E FAMILIAR

I. ANTECEDENTES

O día 27 de xaneiro de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2006 os incentivos á contratación dirixidos a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde enmárcase nos obxectivos  de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme á Extratexia Europea de Emprego, e na Declaración Institucional polo Diálogo Social en Galicia, asinada o 5 de novembro de 2005, entre a Xunta de Galicia, e as organizacións sindicais e empresariais, co obxectivo de que a sociedade galega acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social, e de cohesión no territorio, para o que é necesario adoptar políticas que promovan a conciliación da vida profesional e persoal de homes e mulleres.

Esta orde ten como obxectivo o reforzamento da política de igualdade de homes e mulleres, articulando un conxunto de medidas destinadas a mellorar o acceso das mulleres ao mundo laboral e co obxecto de promover a corresponsabilidade do home e da muller nas tarefas que levan consigo a paternidade/maternidade e o coidado de familiares.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 18 de marzo de 2005 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 9 de febreiro de 2005, obsérvase que foron tidas en conta as consideracións xerais e específicas de carácter unánime manifestadas polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

A xestión do programa realizarase de acordo cos principios de: publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

O artigo 2º dispón que poderán ser beneficiarios dos incentivos regulados nesta orde as empresas, sempre que, cumprindo os requisitos establecidos,  non incorran nas circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

No artigo 3º introdúcese unha nova exclusión dos beneficios establecidos nesta orde, dispoñendo que non poderán acollerse a eles as mulleres que se reincorporen ao traballo que teñan dereito ás bonificacións establecidas nas disposicións adicionais quincuaxésima e sexaxésima quinta da Lei 30/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2006.

O artigo 4º regula as axudas ás empresas que reincorporen a persoas traballadoras tras un proceso de maternidade/paternidade, sendo novidade a inclusión do termo paternidade ao referirse aos períodos de descanso ou aos permisos por esta causa.

O artigo 7º regula as solicitudes e os prazos, establecéndose no apartado 2 que a presentación da solicitude de subvención xa comporta a autorización para que os documentos acreditativos de se encontraren ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social sexan solicitados polo órgano xestor das axudas, conforme o establece a Lei de orzamentos xerais da comunidade galega para o ano 2006.

Nos apartados 5 e 6 deste artigo, establécese o prazo do 2 de maio de 2006 para a presentación das solicitudes referidas á reincorporación á empresa tras un proceso de maternidade/paternidade e polas contratacións de interinidade nos casos de excedencia para o coidado de familiares ou con reducción de xornada por motivos familiares, no caso daquelas que se realizaran entre o 1 de outubro de 2005 e a data en que se publique esta orde.

O artigo 13º regula as obrigas dos beneficiarios, entre as que cita a de non ter débedas coa administración pública e de estar ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social que debe darse con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e realizar a proposta de pagamento da subvención.  

Modifícase a disposición transitoria segunda, establecéndose nela o prazo do 2 de maio de 2006 para a presentación das solicitudes polas reincorporacións das traballadoras autónomas e socias dunha cooperativa incluídas no réxime especial de traballadores por conta propia tras un proceso de maternidade entre o 1 de outubro e o 31 de decembro de 2005 e que poderán atenderse con cargo aos créditos orzamentarios para o exercicio de 2006.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2006 os incentivos á contratación dirixidos a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezasete artigos, cinco disposicións adicionais, dúas transitorias e dúas derradeiras.

O día 8 de febreiro de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén catro consideracións xerais sobre a valoración da norma e cinco específicas de carácter unánime.

Contén así mesmo, como anexo, unha consideración específica sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia.

DITAME 8/06

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convoca para o ano 2006 os incentivos á contratación dirixidos a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 27 de xaneiro de 2006, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 8 de febreiro de 2006, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

Este Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de Ditames foi informado da recepción simultánea, na sede do Consello o pasado día 27 de xaneiro, venres, de NOVE proxectos normativos remitidos pola Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, coa finalidade de sometelos a ditame.

Como se sabe, o prazo do que dispón este Comité para emitir os ditames é de DEZ días, polo que os correspondentes aos nove proxectos aludidos, teñen como última data dispoñible para a súa emisión a do próximo mércores, día 8 de febreiro. Eses nove proxectos normativos suman un total de DUASCENTAS OITENTA PÁXINAS.

En moi escasos días hábiles haberá que completar un proceso que esixe, cando menos:

*O envío de cada proxecto normativo ás persoas integrantes do Comité.
*A convocatoria de varias reunións en datas e horarios propicios para todas elas.
*A distribución, dentro de cada organización, de cada proxecto normativo aos organismos e/ou responsables máis directamente concernidos pola materia sobre a que verse a norma.
   *A análise do texto de cada proxecto, dos seus antecedentes e, se é o caso, do ditame emitido sobre a norma no anterior exercicio.
*O desenvolvemento das xuntanzas do Comité Delegado.
*A materialización de cada Ditame escrito e o asinamento do mesmo.

Non se lle escapará á Consellería que as persoas que participamos neste Comité, en representación das organizacións presentes no Consello Galego de Relacións Laborais, non estamos a disposición exclusiva neste cometido. Por outro lado, non percibimos razóns de urxencia inaprazable que poideran xustificar esta situación.

Polo dito, fácil será entender que se nos aboca a unha situación dificil, que pode ter como consecuencia non desexada unha afectación negativa na calidade do labor consultivo que lle compre legalmente desenvolver a este Comité; cuestión ésta que loxicamente nos preocupa sobremaneira.

Xa que logo, debemos manifestar, por unha parte e a respecto do alcance deste Ditame, que nos limitamos a significar aquelas cuestións puntuais que nos resultou materialmente posible abordar.

Por outra parte, debemos solicitar encarecidamente do Departamento remisor dos proxectos normativos, unha axeitada dosificación das súas solicitudes de ditame, para posibilitar o desenvolvemento, no prazo e nas condicións esixibles, da función correspondente a éste Comité Delegado.

Segunda.

As organizacións integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais, na liña do manifestado en ditames de exercicios anteriores, sobre a necesidade de dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego, avaliamos positivamente que, no seo do Comité Autonómico de Emprego, se teña informado o conxunto da planificación destas políticas para o ano 2006.

Este Comité Delegado considera conveniente incluir na exposición de motivos deste proxecto normativo que se somete a ditame, unha referencia a esta planificación de conxunto, tal e como se recolle na exposición de motivos dos proxectos normativos de Escolas Obradoiro e Programas de cooperación.

Terceira.

Este Comité Delegado propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a suprimir calquera referencia que poda supoñer a utilización dunha linguaxe sexista, como por exemplo, a substitución do termo “traballadores” por “persoas traballadoras”, o de “beneficiarios” por “persoas beneficiarias”, etc.

Cuarta.

A conciliación da vida laboral e familiar debe enfocarse, fundamentalmente, desde medidas directas á persoa que precisa de dita conciliación e a través dunha rede de servicios sociais de calidade.

Primeiro, hai que atopar medidas para solucionar os problemas familiares que dan lugar á necesidade de conciliar ambas as dúas facetas da vida e logo, atopar axudas para acadar a inserción laboral do beneficiario, que é a fase que regulamenta esta Orde.

Considérase pois imprescindible contemplar as dúas situacións, que poderían ter acollida no parágrafo 3º da exposición de motivos do proxecto normativo: hai que afrontar os problemas previos que xorden para incorporarse ao mercado de traballo, tendo en conta, fundamentalmente, as situacións dos traballadores e traballadoras e non só considerar estas situacións desde a perspectiva de inserción laboral.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:


Primeira.- Exposición de motivos.

Na exposición de motivos, parágrafo 3º, establécese que “O desafío de conseguir unha mellor conciliación laboral e familiar é fundamental en toda unha serie de cuestións sociais: cambio na composición da man de obra, novas formas da organización do traballo, reestruturación da protección social, cambio nas estruturas familiares e na distribución dos coidados familiares entre mulleres e homes”.  

Este Comité delegado non considera acertado o uso da expresión “cambio na composición da man de obra” polo que propón a súa supresión no texto normativo.

Así mesmo, neste parágrafo proponse a substitución do termo “reestruturación da protección social” por “avances na protección social” por consideralo máis adecuado.

Segunda.- Artigo 7º. Solicitudes e prazos.

No apartado 5 deste artigo, establécese o remate do prazo o 2 de maio de 2006 para a presentación das solicitudes de axudas que se realizaran entre o 1 de outubro e a data de publicación desta orde.
Este Comité propón que se engada despois da data 1 de outubro o ano 2005, para os efectos de clarificar este parágrafo.

Terceira.- Artigo 10º. Resolución e recursos.

Establécese no apartado 2 deste artigo que, no caso de que no prazo de seis meses non se dictase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude”.

Este Comité propón que a resolución se dite no prazo de tres meses. Asi mesmo, considérase desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia de outras posibilidades para o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica.

As organizacións sindicais e empresariais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen substituir a expresión “poderá entenderse” por “entenderase”.

Cuarta.- Artigo 10º. Resolución e recursos.

O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no artigo 2º, apartado 5, no que se regulan as funcións do Comité Autonómico de Emprego, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Director Xeral ou do Conselleiro. Asi mesmo, o citado Decreto establece no artigo 6º, apartado 3,  no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia da delegación provincial da Consellería.

Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Delegado ou Delegada Provincial ou do Director/a Xeral.

Polo exposto, este Comité Delegado propón que neste artigo 10º se inclúa un apartado que estableza que antes de ditarse resolución deberá emitirse informe polo Comité Provincial de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral ou polo Comité Autonómico de Emprego, segundo os casos.

Quinta.- Artigo 13. Obrigas dos beneficiarios.

Establece este artigo, no seu apartado e), a obriga de substituir ao traballador interino, no suposto de cesamento deste, dentro dos vinte días seguintes ao da baixa.

Este Comité considera que o citado prazo de 20 días é insuficiente para poder realizar un proceso de selección coas debidas garantías, polo que suxire a súa ampliación a un mes.


ANEXO

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 3º. Exclusións.

No primeiro parágrafo deste artigo establécese que exclúense dos beneficios previstos nesta orde aos traballadores contratados para prestar servizos noutras empresas a través de contratos de posta a disposición.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que a exclusión dos traballadores contratados a través de Empresas de Traballo Temporal supón unha discriminación polo mero feito do tipo da empresa, debendo eliminarse do texto da norma.