ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 9/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN POR CONTA ALLEA DE DESEMPREGADOS PERTENCENTES A COLECTIVOS EN RISCO DE EXCLUSIÓN SOCIAL, COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2006

I. ANTECEDENTES

O día 27 de xaneiro de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea de desempregados pertencentes a colectivos en risco de exclusión social, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2006, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde enmárcase nos obxectivos  de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme á Extratexia Europea de Emprego, e na Declaración Institucional polo Diálogo Social en Galicia, asinada o 5 de novembro de 2005, entre a Xunta de Galicia, e as organizacións sindicais e empresariais, co obxectivo de que a sociedade galega acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social, e de cohesión no territorio, para o que é preciso adoptar políticas que promovan unha sociedade inclusiva.

Regúlanse nesta orde os incentivos dirixidos á contratación temporal daqueles grupos ou categorías de traballadores que presentan dificultades ou desvantaxes particulares para acceder e permanecer no mercado de traballo, co obxecto de mellorar a súa situación de emprego e corrixir os desequilibrios do mercado laboral, evitando situacións de paro de longa duración e de ocupación inestable, e os incentivos á contratación indefinida por conta allea, dirixidos a impulsar a estabilidade laboral nas empresas galegas, o crecemento global do emprego, así como a inserción laboral dos colectivos desfavorecidos.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 18 de marzo de 2005 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 21 de febreiro de 2005, obsérvase que foron tidas en conta tres das consideracións unánimes manifestadas polos axentes sociais e unha consideración da Confederación de Empresarios de Galicia.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Nesta orde, e tendo en conta unha das consideracións propostas polos axentes sociais, regúlase os incentivos á contratación por conta allea, exclusivamente dos desempregados que pertencen a colectivos que se atopan en risco de exclusión social.

A xestión do programa realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación, eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados e eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

No artigo 2º inclúense, como beneficiarios dos incentivos, ademais das empresas, os traballadores autónomos, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica e que non incorran nas circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, xeral de subvencións.

O artigo 3º que regula os colectivos aos que se dirixe esta orde, enumera os distintos colectivos que están en risco de exclusión social, como novidade engade entre eles os membros da unidade familiar en desemprego dos preceptores da renda de integración social de Galicia ou aqueles que non poidan acceder a ela; os internos de centros penitenciarios cuxa situación penitenciaria lles permita acceder a un emprego; as mulleres que abandonaran o exercicio da prostitución e se incorporen ao mercado laboral; os emigrantes retornados (co límite de tempo do retorno e a alta no correspondente réxime da Seguridade Social que establece a disposición adicional cuarta) con graves necesidades persoais ou familiares e os menores internos, así como os que estean en situación de liberdade vixiada e os ex-reclusos.    

O artigo 4º regula o ámbito de aplicación, contratacións subvencionables e definicións, establecendo que no caso de transformación de contratos temporais a tempo completo, a xornada do novo contrato indefinido deberá ser igualmente a tempo completo. No caso das axudas ás contratacións temporais, xa sexa a tempo completo ou parcial, deberán ter unha duración mínima de seis meses e realizaranse con traballadores desempregados inscritos como demandantes de emprego pertencentes a algún dos colectivos en risco de exclusión social citados no artigo anterior.  

No artigo 6º, apartado 1 que regula as axudas ás contratacións indefinidas iniciais, se establece un incremento nas contías de todas elas para os casos en que as contratacións se realicen con mulleres.  

No artigo 7º, apartados c) e d) establécense novas exclusións.

O artigo 9º regula as solicitudes e o prazo destas, establece que a presentación da solicitude de subvención xa comporta a autorización para que os documentos acreditativos de se encontraren ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social sexan solicitados polo órgano xestor das axudas.

No punto 5º deste mesmo artigo se establece un prazo distinto para a presentación das solicitudes relativas ás actuacións subvencionables que foran realizadas entre o 1 de outubro do ano 2005 e a data de publicación desta orde.

O artigo 16º regula as incompatibilidades e concorrencia, establecendo que estas axudas para as contratacións por conta allea serán incompatibles con outras que polos mesmos conceptos poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego pero compatible cos incentivos de bonificacións á Seguridade Social, establecéndose ademais que a concorrencia desta con outras axudas públicas para a mesma finalidade non poderán superar o 60% do custo salarial anual do contrato que se subvenciona.

O artigo 17º regula as obrigas dos beneficiarios, entre as que cita a de comunicar ao órgano concedente da subvención a obtención de ingresos ou recursos que financien a actividade subvencionada tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.
No apartado e) deste artigo se establece, así mesmo, a obriga no caso das contratacións indefinidas a de manter no cadro de persoal fixo aos traballadores contratados ao abeiro desta orde por un período mínimo de tres anos.
No apartado f) se establece ademais que cando se trate de empregos ligados a un investimento se deberán manter os postos de traballo durante un período mínimo de cinco anos.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea de desempregados pertencentes a colectivos en risco de exclusión social, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2006” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, dezanove artigos, seis disposicións adicionais, unha transitoria e dúas derradeiras.

O día 8 de febreiro de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e catro consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén asi mesmo, como anexos, unha consideración específica sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais (anexo I) e unha consideración específica sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).


DITAME 9/06

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación por conta allea de desempregados pertencentes a colectivos en risco de exclusión social, cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2006, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 27 de xaneiro de 2006, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 8 de febreiro de 2006, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

Este Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de Ditames foi informado da recepción simultánea, na sede do Consello o pasado día 27 de xaneiro, venres, de NOVE proxectos normativos remitidos pola Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, coa finalidade de sometelos a ditame.

Como se sabe, o prazo do que dispón este Comité para emitir os ditames é de DEZ días, polo que os correspondentes aos nove proxectos aludidos, teñen como última data dispoñible para a súa emisión a do próximo mércores, día 8 de febreiro. Eses nove proxectos normativos suman un total de DUASCENTAS OITENTA PÁXINAS.

En moi escasos días hábiles haberá que completar un proceso que esixe, cando menos:

*O envio de cada proxecto normativo ás persoas integrantes do Comité.
*A convocatoria de varias reunións en datas e horarios propicios para todas elas.
*A distribución, dentro de cada organización, de cada proxecto normativo aos organismos e/ou responsables máis directamente concernidos pola materia sobre a que verse a norma.
   *A análise do texto de cada proxecto, dos seus antecedentes e, se é o caso, do ditame emitido sobre a norma no anterior exercicio.
*O desenvolvemento das xuntanzas do Comité Delegado.
*A materialización de cada Ditame escrito e o asinamento do mesmo.

Non se lle escapará á Consellería que as persoas que participamos neste Comité, en representación das organizacións presentes no Consello Galego de Relacións Laborais, non estamos a disposición exclusiva neste cometido. Por outro lado, non percibimos razóns de urxencia inaprazable que poideran xustificar esta situación.

Polo dito, fácil será entender que se nos aboca a unha situación dificil, que pode ter como consecuencia non desexada unha afectación negativa na calidade do labor consultivo que lle compre legalmente desenvolver a este Comité; cuestión ésta que loxicamente nos preocupa sobremaneira.

Xa que logo, debemos manifestar, por unha parte e a respecto do alcance deste Ditame, que nos limitamos a significar aquelas cuestións puntuais que nos resultou materialmente posible abordar.

Por outra parte, debemos solicitar encarecidamente do Departamento remisor dos proxectos normativos, unha axeitada dosificación das súas solicitudes de ditame, para posibilitar o desenvolvemento, no prazo e nas condicións esixibles, da función correspondente a éste Comité Delegado.

Segunda.

As organizacións integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais, na liña do manifestado en ditames de exercicios anteriores, sobre a necesidade de dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego, avaliamos positivamente que, no seo do Comité Autonómico de Emprego, se teña informado o conxunto da planificación destas políticas para o ano 2006.

Este Comité Delegado considera conveniente incluir na exposición de motivos deste proxecto normativo que se somete a ditame, unha referencia a esta planificación de conxunto, tal e como se recolle na exposición de motivos dos proxectos normativos de Escolas Obradoiro e Programas de cooperación.

Terceira.

Este Comité Delegado propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a suprimir calquera referencia que poda supoñer a utilización dunha linguaxe sexista.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.- Artigo 3º. Colectivos.

Neste artigo relaciónanse os colectivos en risco de exclusión social cunha serie de letras, figurando a j) e a k), así como na disposición adicional cuarta, na que se fai referencia á letra j).

Este Comité Delegado considera que estas letras son impropias do alfabeto galego, polo que deben substituírse neste artigo e na disposición adicional cuarta, polas que correspondan, é dicir, as letras l) e m).

Segunda.- Artigo 12º. Resolución e recursos.

O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no artigo 2º, apartado 5, no que se regulan as funcións do Comité Autonómico de Emprego, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Director Xeral ou do Conselleiro. Asi mesmo, o citado Decreto establece no artigo 6º, apartado 3,  no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia da delegación provincial da Consellería.

Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Delegado ou Delegada Provincial ou do Director/a Xeral.

Polo exposto, este Comité Delegado propón que neste artigo 12º se inclúa un apartado que estableza que antes de ditarse resolución deberá emitirse informe polo Comité Provincial de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral ou polo Comité Autonómico de Emprego, segundo os casos.

Terceira.- Artigo 12º. Resolución e recursos.

Establécese no apartado 2 deste artigo que, no caso de que no prazo de tres meses non se dictase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude”.

Este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia doutras posibilidades para o suxeito, en este caso o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica.

As organizacións sindicais e empresariais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen substituir a expresión “poderá entenderse” por “entenderase”.

Cuarta.- Artigo 16º. Incompatibilidades e concorrencia.
No apartado 4 deste artigo establécese que os incentivos regulados nesta orde non poden superar os límites establecidos pola Unión Europea e polo artigo 78º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Este Comité Delegado considera que, para unha maior seguridade xurídica, deben figurar expresamente os citados límites no texto da orde.



ANEXO I
CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Artigo 5º. Requisitos das empresas.

As organizacións sindicais integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais consideran que neste artigo debe engadirse un apartado que diga o seguinte:
“Para acceder ás axudas recollidas nesta orde, as empresas deberán ter, en todo caso, un cadro de persoal fixo non inferior ao 70% do cadro de persoal”.


ANEXO II

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 6º.- Axudas.

Neste artigo establécense as contías das axudas reguladas nesta orde, observando que as reguladas no apartado 2 non varían respecto ás establecidas na orde do exercicio pasado.

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que as contías das axudas reguladas nesta orde deben incrementarse tendo en conta o IPC real.