ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 10/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DAS AXUDAS E SUBVENCIÓNS PARA OS PROGRAMAS DE ESCOLAS OBRADOIRO E CASAS DE OFICIOS, DE OBRADOIROS DE EMPREGO E DE UNIDADES DE PROMOCIÓN E DESENVOLVEMENTO NO ÁMBITO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2006

I. ANTECEDENTES

O día 27 de xaneiro de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os programas de escolas obradoiro e casas de oficios, de obradoiros de emprego e de unidades de promoción e desenvolvemento no ámbito da comunidade autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2006 e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde regula, dunha banda, as axudas e subvencións para os programas de escolas obradoiro, casas de oficios e obradoiros de emprego dirixidos a mellorar a ocupabilidade dos desempregados menores ou maiores de vintecinco anos, segundo proceda, a través da súa cualificación profesional e mediante a súa formación en alternancia coa adquisición de experiencia laboral promovendo a realización de obras ou a prestación de servizos de utilidade pública ou interese social.

Pola outra regula as unidades de promoción e desenvolvemento, entendidas como módulos de intervención en ámbitos territoriais de carácter supramunicipal, que constitúen un instrumento básico e fundamental na dinamización e detección de novas expectativas de emprego e de iniciativas emprendedoras no ámbito local, especialmente as relacionadas cos novos filóns de emprego.

Estas medidas teñen como obxectivo proporcionar aos mozos e mozas demandantes de emprego accións de formación e/opu ocupación que lles faciliten a súa incorporación ou reincorporación ao mercado de traballo cunha perspectiva de estabilidade.

Na exposición de motivos do proxecto normativo consta que, en coherencia coa planificación presentada ante o Comité Autonómico de Emprego, na súa reunión de 18 de xaneiro de 2006, introdúcense criterios obxectivos para a distribución territorial dos fondos.

Á vista do borrador agora remitido e dos textos das mesmas ordes publicados no DOG o día 3 de febreiro de 2005 e tendo en conta os ditames emitidos polo Consello con data 3 de xaneiro de 2005, obsérvase que foron tidas en conta catro das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:
Como novidade procédese nesta orde á regulación integral dos programas de escolas obradoiro e casas de oficios, de obradoiros de emprego e de unidades de promoción e desenvolvemento que en anos anteriores se regulaban en ordes separadas.

No artigo 3º se definen as escolas obradoiro e as casas de oficios, as primeiras como unidades de carácter temporal nas que a aprendizaxe e a cualificación se alternan cun traballo productivo en actividades de carácter público ou social permitindo a inserción a través da profesionalización e da adquisición de experiencia dos participantes. As segundas como centros de aprendizaxe do emprego xuvenil de carácter temporal pero con implantación principalmente nos núcleos urbanos, promovendo a recuperación de oficios artesanais ou tradicionais, preferentemente mediante a incorporación de novas tecnoloxías.

No artigo 4º se definen os obradoiros de emprego, configurados como un programa mixto que combina accións de formación e emprego dirixido aos desempregados para facilitar a súa integración no mercado de traballo.
O artigo 5º que regula os beneficiarios dos programas, establece que serán os mozos e mozas desempregados inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia, menores de vintecinco anos para o programa de escolas obradoiro e casas de oficios e de vintecinco ou máis anos de idade para o programa de obradoiros de emprego.

Como novidade, establece este artigo 5º un apartado 3, con carácter orientativo, unha orde de preferencia proporcional para o caso de que os beneficiarios sexan mulleres, tendo estas que representar o 63% dos beneficiarios, o 85% no caso dos demandantes de primeiro emprego, o 68% para os parados de larga duración e o 61% dos demandantes sen formación de tipo profesional.  

O artigo 11º regula a formación complementaria que se impartirá nestes programas, entre elas as materias de alfabetización informática e sensibilización medioambiental, incluíndose tamén formación en materia de prevención de riscos laborais correspondente á ocupación a desempeñar, tal e como solicitaron os axentes sociais no ditame do exercicio pasado.

O artigo 14º que regula as certificacións e diplomas, establece que os alumnos-traballadores recibirán un certificado expedido pola entidade promotora no que constará o nivel de formación teórico-práctica adquirido, os módulos formativos cursados e as horas da súa participación, este certificado ademais poderá servir, se é o caso, para ser validado polo certificado de profesionalidade.

O artigo 16º que regula o procedemento de selección dos alumnos-traballadores, establece a preferencia dos que teñan especiais dificultades de inserción no mercado de traballo, entre eles as mulleres en xeral e as vítimas de violencia doméstica, os parados de longa duración, as persoas con discapacidade e os pertencentes a colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social.

No artigo 21º se definen as unidades de promoción e desenvolvemento, que se configuran como módulos de intervención en ámbitos territoriais de carácter supramunicipal, descubrindo as potencialidades de desenvolvemento e emprego do seu territorio e fomentando a inserción laboral dos participantes das escolas obradoiro, casas de oficios e obradoiros de emprego.

O artigo 31º establece a documentación necesaria para as axudas e subvencións que se regulan nesta orde, entre elas a declaración do representante legal da entidade promotora na que debe recoller o conxunto de todas as axudas e subvencións solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade.

O artigo 35º establece os criterios de valoración dos proxectos, figurando coa letra f) a calidade do plan formativo cara á obtención do certificado de profesionalidade, tal como solicitaron os axentes sociais no ditame do exercicio pasado.

O artigo 56º que regula as obrigas, establece, entre outras, a de acondicionar e dotar as instalacións de xeito que reúnan as condicións de seguridade e saúde laboral que permitan o normal desenvolvemento das actividades formativas, e a comunicar, en todo caso antes do derradeiro pagamento, a obtención doutras subvencións ou axudas para a mesma finalidade.

O artigo 57º regula o incumprimento das obrigas e o reintegro da subvención, establecéndose como novidade unha petición dos axentes sociais no ditame do exercicio pasado, que se recolle no apartado 2 deste artigo,  consistente en que as delegacións provinciais da Consellería de Traballo facilitarán información aos Comités Provinciais de Emprego dos incumprimentos das entidades promotoras que dean lugar ao reintegro total ou parcial das axudas concedidas.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os programas de escolas obradoiro e casas de oficios, de obradoiros de emprego e de unidades de promoción e desenvolvemento no ámbito da comunidade autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2006” consta de: Exposición de motivos, seis capítulos, cincuenta e oito artigos, dez disposicións adicionais, dúas disposicións transitorias e dúas disposicións derradeiras.

O día 8 de febreiro de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e oito consideracións específicas, de carácter unánime, sobre a valoración da norma.


DICTAME 10/06

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os programas de escolas obradoiro e casas de oficios, de obradoiros de emprego e de unidades de promoción e desenvolvemento no ámbito da comunidade autónoma de Galicia e se procede á súa convocatoria para o ano 2006” da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 27 de xaneiro de 2006, e aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 8 de febreiro de 2006, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

Este Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de Ditames foi informado da recepción simultánea, na sede do Consello o pasado día 27 de xaneiro, venres, de NOVE proxectos normativos remitidos pola Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, coa finalidade de sometelos a ditame.

Como se sabe, o prazo do que dispón este Comité para emitir os ditames é de DEZ días, polo que os correspondentes aos nove proxectos aludidos, teñen como última data dispoñible para a súa emisión a do próximo mércores, día 8 de febreiro. Eses nove proxectos normativos suman un total de DUASCENTAS OITENTA PÁXINAS.

En moi escasos días hábiles haberá que completar un proceso que esixe, cando menos:

*O envio de cada proxecto normativo ás persoas integrantes do Comité.
*A convocatoria de varias reunións en datas e horarios propicios para todas elas.
*A distribución, dentro de cada organización, de cada proxecto normativo aos organismos e/ou responsables máis directamente concernidos pola materia sobre a que verse a norma.
   *A análise do texto de cada proxecto, dos seus antecedentes e, se é o caso, do ditame emitido sobre a norma no anterior exercicio.
*O desenvolvemento das xuntanzas do Comité Delegado.
*A materialización de cada Ditame escrito e o asinamento do mesmo.

Non se lle escapará á Consellería que as persoas que participamos neste Comité, en representación das organizacións presentes no Consello Galego de Relacións Laborais, non estamos a disposición exclusiva neste cometido. Por outro lado, non percibimos razóns de urxencia inaprazable que poideran xustificar esta situación.

Polo dito, fácil será entender que se nos aboca a unha situación dificil, que pode ter como consecuencia non desexada unha afectación negativa na calidade do labor consultivo que lle compre legalmente desenvolver a este Comité; cuestión ésta que loxicamente nos preocupa sobremaneira.

Xa que logo, debemos manifestar, por unha parte e a respecto do alcance deste Ditame, que nos limitamos a significar aquelas cuestións puntuais que nos resultou materialmente posible abordar.

Por outra parte, debemos solicitar encarecidamente do Departamento remisor dos proxectos normativos, unha axeitada dosificación das súas solicitudes de ditame, para posibilitar o desenvolvemento, no prazo e nas condicións esixibles, da función correspondente a éste Comité Delegado.

Segunda.

Este Comité Delegado propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a suprimir calquera referencia que poda supoñer a utilización dunha linguaxe sexista.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira. Exposición de motivos.

O noveno parágrafo da exposición de motivos alude á derrogación dos Decretos 171/1999, do 27 de maio, 344/1999, do 23 de decembro e 134/2001, do 7 de xuño, que establecían as liñas básicas de cada un dos programas regulados neste proxecto normativo.

Este Comité Delegado manifesta que se teña en conta que os proxectos normativos sobre a derrogación dos citados Decretos aínda non foron informados por este Comité nin publicados oficialmente, considerando que deberían terse remitido para ditame con anterioridade a esta orde.

Segunda. Artigo 15º.- Normas xerais: grupo de traballo mixto.

A norma establece que a selección dos alumnos-traballadores así como a do director, docentes e perosal de apoio participante no proxecto, será realizada por un grupo de traballo mixto constituído por persoal da Consellería de Traballo e da entidade promotora.

Este Comité considera que debe substituirse a mención ao director e docentes pola de persoal directivo e persoal docente, tal e como figura no título do artigo 18º do proxecto normativo.

Asi mesmo, considera que o persoal das oficinas de emprego de cada zona é o máis idóneo para establecer, xunto cos representantes da entidade promotora, os criterios de selección, xa que son eles os que teñen un contacto máis directo coa realidade sociolaboral das áreas onde se pretenden emprender as accións.

Polo exposto, proponse que se especifique no apartado 1 deste artigo que o persoal da Oficina de Emprego correspondente á ubicación da escola- obradoiro, casa de oficios ou obradoiro de emprego formará parte do grupo mixto.

Terceira.- Artigo 16º.- Procedemento de selección dos alumnos-traballadores.

Os axentes sociais con presencia neste Consello consideran imprescindible que no texto da orde se ofrezan suficientes garantías de que os baremos específicos que establezan os grupos de traballo mixtos para cada unha das iniciativas serán informados ao Comité Autonómico de Emprego.

Cuarta. Artigo 17º.- Procedemento de selección do director, docentes e persoal de apoio.

Este artigo establece que a selección do director, docentes e persoal de apoio se levará a cabo mediante oferta de emprego, convocatoria pública ou ambas.

Este Comité considera que debe substituirse no título e no apartado 1 deste artigo a mención ao director e docentes pola de persoal directivo e persoal docente.

Asi mesmo, as organizacións empresariais e sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que a utilización da convocatoria pública soamente debería producirse no caso de que utilizando o sistema de oferta non existisen candidatos ou estes non resultaran idóneos, polo que se propón modificar a redacción do texto do xeito que segue: “o grupo de traballo utilizará oferta de emprego tramitada pola oficina de emprego; no caso de que non existisen candidatos ou estes non foran considerados idóneos, faríase a convocatoria pública”.

Quinta. Artigo 36º.- Resolución.

O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no artigo 2º, apartado 5, no que se regulan as funcións do Comité Autonómico de Emprego, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Director Xeral ou do Conselleiro. Asi mesmo, o citado Decreto establece no artigo 6º, apartado 3,  no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia da delegación provincial da Consellería.

Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Delegado ou Delegada Provincial ou do Director/a Xeral.

Polo exposto, este Comité Delegado propón que neste artigo 36º se inclúa un apartado que estableza que antes de ditarse resolución deberá emitirse informe polo Comité Provincial de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral ou polo Comité Autonómico de Emprego, segundo os casos.

Sexta. Artigo 36º.- Resolución.

O proxecto normativo establece un prazo de resolución de nove meses.

Este Comité non comprende as razóns deste prazo tan excesivo, sobre todo tendo en conta o establecido no artigo 34º.2 do proxecto normativo, que dispón a avaliación dos proxectos en dúas fases, a primeira ata o 15 de marzo e a segunda, ata o 15 de xullo. Polo exposto, este Comité propón que os proxectos sexan resoltos con carácter trimestral e o mesmo referente ao prazo para considerar desestimada a solicitude de non recaer resolución expresa.

Asi mesmo, establece o apartado 3 deste artigo que, transcorrido o prazo de nove meses sen que se notificase resolución expresa, a entidade solicitante “poderá entender” desestimada a solicitude.

Este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia doutras posibilidades para o suxeito, en este caso o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica, polo que proponse substituir a forma “poderá entenderse” por “entenderase”.

Sétima. Artigo 52º.- Garantías.

Establece este artigo que as entidades promotoras que teñan a condición xurídica de ente de dereito privado deberán constituir garantía a favor da Consellería para responder da correcta aplicación da subvención concedida.

Este Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames considera que debe admitirse a posibilidade de pagamentos parciais da subvención ata o 80% do seu importe, sen necesidade da constitución de garantía, a decisión da entidade subvencionada. Para o caso de que esta opte polo abono de anticipos, a garantía que debe constituir tería que considerarse como custo de formación e seren incluida nos gastos xerais do proxecto.

Oitava. Artigo 58º.- Asistencia, seguimento e avaliación.

Unha vez máis, e co obxecto de dotar á norma das maiores garantías de cumprimento, este Comité considera imprescindible que no texto da Orde se inclúa a obriga de informar trimestralmente das accións realizadas aos Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral.