ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 11/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE CONVOCAN SUBVENCIÓNS AOS CONCELLOS DE GALICIA PARA A REALIZACIÓN DE ACTIVIDADES DE PROMOCIÓN DO COOPERATIVISMO

I.  ANTECEDENTES

O día 30 de xaneiro de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se convocan subvencións aos concellos de Galicia para a realización de actividades de promoción do cooperativismo e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Este programa ten como obxectivo estimular a realización de actividades de promoción do cooperativismo por parte dos concellos de Galicia, tendo en conta as potencialidades da fórmula empresarial cooperativa para o desenvolvemento local e para a prestación de servizos de natureza social.

Regúlanse, nesta orde,  o proceso de selección daquelas iniciativas que resulten de maior interese para o desenvolvemento do cooperativismo no ámbito local, co obxecto de contribuir ao seu financiamento mediante a concesión dunha subvención de ata o 80% dos gastos necesarios para a realización da actividade proposta.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 24 de maio de 2005 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 29 de abril de 2005, obsérvase que foron tidas en conta na publicación da orde no DOG as consideracións específicas primeira, segunda, sexta (primeiro parágrafo) e sétima, manifestadas polos axentes sociais, aínda que dúas delas non foron tidas en conta no novo proxecto normativo, como se explica máis adiante.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

No último parágrafo da exposición de motivos non figura que foi consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, o que sí figuraba na orde de 2005 publicada no DOG.

No artigo 1º que regula a finalidade e o réxime das subvencións, non figura no apartado 3 a referencia á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o que sí figuraba na orde de 2005 publicada no DOG.
O crédito límite para a concesión das axudas reguladas na orde pasa de 36.064 € no 2005 a 70.000 € no novo proxecto normativo, tal e como solicitaron os axentes sociais no ditame do exercicio pasado.

No artigo 5º que regula a avaliación das solicitudes, se establece que instruídos os expedientes serán examinados pola comisión de avaliación, esta fará a selección e elevará proposta ao conselleiro para a formalización de convenios de cooperación, mentres que no artigo 8º.1 suprímese a referencia a estes convenios.

No artigo 8º, que regula a forma de pagamento e a xustificación, non se fai mención algunha á formalización de convenios de cooperación, establecéndose que o beneficiario terá que facer constar por escrito a aceptación expresa da subvención concedida antes do seu pagamento e logo de que lle foi notificada a resolución de concesión da subvención.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se convocan subvencións aos concellos de Galicia para a realización de actividades de promoción do cooperativismo” consta de: Exposición de motivos, once artigos, unha disposición adicional e dúas disposicións derradeiras.

O día 10 de febreiro de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e seis consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.


DICTAME 11/06

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se convocan subvencións aos concellos de Galicia para a realización de actividades de promoción do cooperativismo, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 30 de xaneiro de 2006, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 10 de febreiro de 2006, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

Este Comité Delegado do Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames ten que reiterarse no sinalado na consideración xeral primeira nos ditames 2/06 a 10/06, no senso de que limita as súas aportacións neste ditame a aquelas cuestións que resultou materialmente posible abordar toda vez que no breve lapso temporal de cinco días téñense recibido no Consello Galego de Relacións Laborais un total de DEZASEIS proxectos normativos integrando un conxunto de CATROCENTAS CINCUENTA E NOVE páxinas.

Segunda.

As organizacións integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais, na liña do manifestado en ditames de exercicios anteriores, sobre a necesidade de dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego, avaliamos positivamente que, no seo do Comité Autonómico de Emprego, se teña informado o conxunto da planificación destas políticas para o ano 2006.

Este Comité Delegado considera conveniente incluir na exposición de motivos deste proxecto normativo que se somete a ditame, unha referencia a esta planificación de conxunto, tal e como se recolle na exposición de motivos dos proxectos normativos de Escolas Obradoiro e Programas de cooperación.

Terceira.

Este Comité Delegado propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a suprimir calquera referencia que poda supoñer a utilización dunha linguaxe sexista.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.

No último parágrafo da exposición de motivos debe engadirse que foi consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, tal e como figuraba na orde publicada no DOG o 24 de maio de 2005.

Segunda.- Artigo 1º. Finalidade e réxime de subvencións.

O apartado 3 deste artigo establece o marco normativo ao que deberán axustarse as solicitudes, obviándose a referencia á Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Este Comité Delegado considera que debe incluirse a referencia á citada Lei, tal e como figuraba na orde publicada no DOG o 24 de maio de 2005.

Terceira.- Artigo 2º. Beneficiarios e contía.

No apartado 2, segundo parágrafo deste artigo, establécese que procurarase a participación das asociacións de cooperativas. Sen embargo, non se establece a participación dos axentes sociais.

Este Comité Delegado considera que neste parágrafo debe constar expresamente que procurarase a participación das organizacións sindicais e empresariais máis representativas, ademáis das asociacións de cooperativas.

Cuarta.- Artigo 5º. Avaliación de solicitudes.

Este Comité Delegado considera que no apartado 2 deste artigo debe constar expresamente que na comisión de avaliación estarán representantes das organizacións sindicais e empresariais máis representantivas.

Quinta.- Artigo 6º. Criterios de avaliación.

Este Comité Delegado considera que existen evidentes contradicións entre os criterios de avaliación establecidos neste artigo 6º (apartado 3) e o disposto no apartado 2 do artigo 2º, primeiro parágrafo, nas actividades que figuran a título de exemplo, posto que estas xa son obxecto doutras vías de axuda da propia Consellería.

Asi mesmo, considérase que o establecido no punto 1º do citado apartado 3, segundo o cal terase en conta a adecuación dos proxectos aos obxectivos e liñas de actuación do Plan Estratéxico para o Cooperativismo,  deberíase eliminar como criterio de avaliación ou figurar no apartado 2 do artigo 2º.

Sexta.- Artigo 7º. Resolución e recursos.

O apartado 3 deste artigo, no seu parágrafo primeiro, establece dous prazos para resolver.

Este Comité propón para este parágrafo a seguinte redacción: “o prazo para resolver será de tres meses e comezará a computarse a partires de que transcorra o prazo previsto para a presentación de solicitudes”.

Así mesmo, neste apartado 3, parágrafo segundo, establece que, transcorrido o prazo sen que se dictase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude”.

Este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia de outras posibilidades para o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica.

As organizacións sindicais e empresariais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen substituir a expresión “poderá entenderse” por “entenderase”.