ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 12/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE DESENVOLVEN OS PROGRAMAS DE PROMOCIÓN E DIVULGACIÓN DO COOPERATIVISMO

I. ANTECEDENTES.

O día 30 de xaneiro de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaria Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se desenvolven os programas de promoción e divulgación do cooperativismo, solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde ten por obxecto promover a constitución e o desenvolvemento das cooperativas e das súas estruturas representativas.

A través dos seis programas incluídos nesta orde establecénse axudas para o impulso de proxectos empresariais cooperativos, para fomentar o acceso das cooperativas ás tecnoloxías da información e as comunicacións, para o fomento e consolidación do asociacionismo e para a realización de actividades de promoción do cooperativismo. Foméntase especificamente o acceso dos asalariados á condición de socios traballadores, así como o apoio singular ás cooperativas que desenvolven actividades no eido dos servizos sociais e da integración social, que inclúe axudas para a mellora da prestación dos servizos ou para á incorporación de profesionais cualificados.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da orde publicada no DOG o 10 de decembro e tendo en conta o ditame emitido polo Consello, obsérvase que non se tiveron en conta ningunha das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo modifica, suprime e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Suprímese, nesta orde, a extensión das axudas ás sociedades laborais, establecendo neste novo proxecto normativo que poderán ser beneficiarios destas axudas os promotores de proxectos cooperativos, no programa I, as sociedades cooperativas, nos programas II e IV, as sociedades cooperativas e a través delas os seus asalariados, no programa V, e as asociacións de cooperativas, no programa III.

Elimínase, con respecto á anterior orde, o programa relativo ao financiamento dos gastos derivados da constitución de cooperativas e da modificación ou adaptación dos seus estatutos sociais. E divídese en dous programas independentes o referente as axudas para as actividades de promoción do cooperativismo e de adaptación ás novas tecnoloxías da información e as comunicacións.

No artigo 3º que regula o financiamento, establece a aplicación íntegra de 330.000 euros para o programa de fomento e consolidación do asociacionismo, e aplicando os créditos restantes de 330.773 e 300.000 euros para os demais programas.

O artigo 5º que regula as solicitudes, prazo e documentación, establece no seu apartado 3º que o prazo de presentación das solicitudes para todos os programas remata o 30 de xuño de 2006, agás para o programa III que remata aos corenta días hábiles contados dende o día seguinte da publicación desta orde.

No artigo 10º que regula a resolución e recursos, engádese a publicación no Diario Oficial de Galicia das subvencións concedidas.

Suprímese do proxecto normativo a disposición adicional segunda establecida na orde do exercicio pasado. E mantense o parágrafo que establece que no caso de haber remanente de crédito a Consellería resérvase a facultade de incrementar a contía das axudas, efectuar convocatorias complementarias ou reabrir o prazo de presentación de solicitudes.

Na base primeira do anexo que regula o programa I de impulso de proxectos empresariais cooperativos, engádese no apartado 3 de modalidades e contía das axudas, a establecida para o asesoramento na elaboración dos estatutos sociais e demais trámites derivados do proceso de constitución da cooperativa ata un máximo de 2.000 euros.

No apartado 4 que regula os requisitos para a prestación da asistencia técnica, engádese que esta poderá ser prestada ademais de por persoas físicas e outras entidades por asociacións de cooperativas.

Neste mesmo apartado establécese a reducción de cinco a tres anos a experiencia en asesoramento empresarial a cooperativas.  

No apartado 7 que establece os criterios de avaliación, engádese como nivel de solvencia da prestación das asistencias técnicas que se realizaran baixo a dirección de asociacións de cooperativas inscritas no rexistro central de cooperativas.

Na base segunda que regula o programa II de adaptación ás tecnoloxías da información e as comunicacións, no apartado 3, engádese que se establece como contía máxima, na orde anterior non se establecía ningunha, das axudas de ata 6.000 euros por beneficiario. Engandindo, no apartado 4, tres novos criterios de avaliación para a concesión e contía das axudas.

Na base terceira que regula o programa III de fomento e consolidación do asociacionismo, engádese a consideración de actividades de promoción do cooperativismo as dirixidas á realización de procesos formativos de titores, especializados no asesoramento e acompañamento de proxectos cooperativos.  

Na base cuarta que regula o programa IV de actividades de promoción do cooperativismo, no apartado 2, suprímense entre os beneficiarios as asociacións de cooperativas, así como, outras entidades que con carácter excepcional e para aquelas actividades que tiveran unha especial relevancia puideran tamén resultar beneficiarias.

Engádense como criterios de avaliación para a concesión e contía das axudas a adecuación aos obxectivos e liñas de actuación do plan estratéxico para o cooperativismo e as propostas que sexan innovadoras.

Na base quinta que regula o programa V de fomento do acceso á condición de socio traballador, cámbiase o termo plan empresarial da anterior orde por plan específico.

O apartado 3 que regula a contía das axudas, establece que esta non pode exceder o 75% da achega que cada novo socio deba desembolsar, na anterior orde establecíase o 50%.

Na base sexta que regula o programa VI de apoio ás cooperativas prestadoras de servizos sociais e de integración social, no apartado 3, que regula as modalidades e contía das axudas, establécese un incremento, con respecto á orde anterior, do límite da contía da axuda en todas as súas modalidades, de 6.000 € a 10.000 €.

No apartado 4 que regula os requisitos para a incorporación de profesionais e para a prestación de servizos, redúcese de cinco a tres os anos de servizos realizados polas persoas ou entidades contratadas para os casos de contratacións de servizos externos.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a tódolos membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se desenvolven os programas de promoción e divulgación do cooperativismo” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, dezaséis artigos, dúas disposicións adicionais, dúas disposicións derradeiras e un  anexo que recolle as bases reguladoras dos seis programas de axudas.

O día 10 de febreiro de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén catro consideracións xerais unánimes, así como sete consideracións específicas unánimes sobre a valoración da norma.


DITAME 12/06

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se desenvolven os programas de promoción e divulgación do cooperativismo, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 30 de xaneiro de 2006, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 10 de febreiro de 2006, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

Este Comité Delegado do Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames ten que reiterarse no sinalado na consideración xeral primeira nos ditames 2/06 a 10/06, no senso de que limita as súas aportacións neste ditame a aquelas cuestións que resultou materialmente posible abordar toda vez que no breve lapso temporal de cinco días téñense recibido no Consello Galego de Relacións Laborais un total de DEZASEIS proxectos normativos integrando un conxunto de CATROCENTAS CINCUENTA E NOVE páxinas.

Segunda.

As organizacións integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais, na liña do manifestado en ditames de exercicios anteriores, sobre a necesidade de dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego, avaliamos positivamente que, no seo do Comité Autonómico de Emprego, se teña informado o conxunto da planificación destas políticas para o ano 2006.

Este Comité Delegado considera conveniente incluir na exposición de motivos deste proxecto normativo que se somete a ditame, unha referencia a esta planificación de conxunto, tal e como se recolle na exposición de motivos dos proxectos normativos de Escolas Obradoiro e Programas de cooperación.

Terceira.

Este Comité Delegado propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a suprimir calquera referencia que poda supoñer a utilización dunha linguaxe sexista.

Cuarta.

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames considera necesario que se recolla no proxecto normativo o establecido no artigo 11º.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, General de Subvenciones, que di: “los miembros asociados de la entidad beneficiaria que se comprometan a ejecutar la totalidad o parte del plan de formación en nombre y por cuenta de la misma tendrán igualmente la consideración de beneficiarios”.
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E  SINDICAIS

Primeira.- Exposición de motivos.

No último parágrafo da exposición de motivos debe engadirse que foi consultado o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segunda.- Artigo 5º. Solicitudes, prazo e documentación.
O apartado primeiro deste artigo establece que as solicitudes dos distintos programas deberán formalizarse por separado cada unha delas.

Este Comité delegado propón que aqueles beneficiarios que soliciten máis dun programa non teñan que reiterar a documentación de carácter común.

Terceira.- Artigo 6º.1. Documentación xenérica.

Na última liña da documentación que se relaciona, esíxese unha declaración de conxunto de todas as solicitudes de axudas e subvencións efectuadas ou concedidas, así como das axudas percibidas durante os tres anos anteriores sometidas ás condicións da normativa de minimis.

Este Comité Delegado considera que debe concretarse no proxecto normativo cales son as condicións da normativa de minimis.

Cuarta.- Artigo 7º. Documentación específica.

No Programa I esíxese a presentación dunha factura individualizada correspondente a cada concepto subvencionable, mentres que no Programa V basta con unha certificación do acordo da cooperativa.

Este Comité Delegado propón que debe seguirse un criterio análogo en todos os programas de axudas, polo que suxire que en lugar da factura individualizada se esixa unha factura proforma ou un orzamento de cada concepto subvencionable, co compromiso de constitución da entidade cooperativa.  

Quinta. Artigo 10º.2. Resolución e recursos.

No apartado 2 deste artigo establécense dous prazos para resolver.

Este Comité propón para ese parágrafo a seguinte redacción: “o prazo para resolver será de tres meses e comezará a computarse a partires de que transcorra o prazo previsto para a presentación de solicitudes”.

O proxecto normativo que se somete a ditame establece neste artigo que, no caso de que no prazo de tres meses non se dictase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude”.

Este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia de outras posibilidades para o suxeito, en este caso o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica.

A proposta consiste na substitución da forma “poderá entenderse” por “entenderase”.

Sexta.- Artigo 13º a). Obrigas dos beneficiarios.

O apartado a) deste artigo establece como unha das obrigas dos beneficiarios das axudas o acreditaren que se atopan ó corrente das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e coa Seguridade Social, e que non teñen pendente de pago ningunha outra débeda coa Administración Pública galega. Tal acreditación deberá producirse previamente ó cobro da referida axuda.

Esa acreditación, polo que se refire ás obrigas autonómicas, consideramos podería facela a propia Administración coa mera autorización do beneficiario. Estaríase a dar cumprimento así, ademais, ó disposto na Lei 30 /1992, do Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do procedemento Administrativo Común, cando establece que a Administración non debe esixir ós particulares a acreditación documental daquela información ou datos que ela xa teña no seu poder, en aras dos principios de economía, celeridade e eficacia administrativa.

Sétima.- Disposición adicional segunda.

No último parágrafo desta disposición establécese que “Se, unha vez adxudicadas as axudas e subvencións, resultase remanente de crédito, esta Consellería reserva para si a facultade de incrementar a contía das axudas previstas nesta orde, efectuar convocatorias complementarias ou reabrir o prazo de presentación de solicitudes”.

Este Comité Delegado considera  que nestes casos non procede o incremento da contía das axudas, suxirindo que se permita soamente reabrir o prazo, quedando o texto da disposición adicional como segue: “Se, unha vez adxudicadas as axudas e subvencións, resultase remanente de crédito, esta Consellería reserva para si a facultade de reabrir o prazo de presentación de solicitudes”.