ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 13/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE DECRETO POLO QUE SE DERROGAN OS DECRETOS 344/1999, DO 23 DE DECEMBRO, 171/1999, DO 27 DE MAIO E 134/1999, DO 7 DE XUÑO, POLOS QUE SE ESTABLECEN, RESPECTIVAMENTE, NO ÁMBITO DA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA OS PROGRAMAS DE ESCOLAS OBRADOIRO E CASAS DE OFICIOS, DE OBRADOIROS DE EMPREGO E DE UNIDADES DE PROMOCIÓN E DESENVOLVEMENTO

I. ANTECEDENTES.

O día 3 de febreiro de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Decreto polo que se derrogan os Decretos 344/1999, do 23 de decembro, 171/1999, do 27 de maio e 134/1999, do 7 de xuño, polos que se establecen, respectivamente, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia os programas de escolas obradoiro e casas de oficios, de obradoiros de emprego e de unidades de promoción e desenvolvemento e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

O obxecto deste Decreto é a derrogación dos Decretos 344/1999, do 23 de decembro, 171/1999, do 27 de maio e 134/1999, do 7 de xuño, polos que se establecen, respectivamente, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia os programas de escolas obradoiro e casas de oficios, de obradoiros de emprego e de unidades de promoción e desenvolvemento, co fin de acometer unha nova regulación cun rango normativo máis flexible que permita unha máis áxil acomodación ao devenir dos acontecementos e as esixencias e mutacións da evolución do mercado de traballo.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Decreto polo que se derrogan os Decretos 344/1999, do 23 de decembro, 171/1999, do 27 de maio e 134/1999, do 7 de xuño, polos que se establecen, respectivamente, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia os programas de escolas obradoiro e casas de oficios, de obradoiros de emprego e de unidades de promoción e desenvolvemento” consta de: Exposición de motivos, un artigo e unha disposición derradeira.

O día 13 de febreiro de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e tres específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.


DITAME 13/06

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Decreto polo que se derrogan os Decretos 344/1999, do 23 de decembro, 171/1999, do 27 de maio e 134/1999, do 7 de xuño, polos que se establecen, respectivamente, no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia os programas de escolas obradoiro e casas de oficios, de obradoiros de emprego e de unidades de promoción e desenvolvemento, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 3 de febreiro de 2006, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 13 de febreiro de 2006, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira.

Este Comité Delegado do Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames ten que reiterarse no sinalado na consideración xeral primeira nos ditames 2/06 a 12/06, no senso de que limita as súas aportacións neste ditame a aquelas cuestións que resultou materialmente posible abordar, toda vez que no breve lapso temporal de cinco días téñense recibido no Consello Galego de Relacións Laborais un total de DEZASEIS proxectos normativos integrando un conxunto de CATROCENTAS CINCUENTA E NOVE páxinas.

Segunda.

Este Comité Delegado propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a suprimir calquera referencia que poda supoñer a utilización dunha linguaxe sexista (como, por exemplo, “desempregados”, “alumnos-traballadores”, no primeiro parágrafo da exposición de motivos).

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.

Este Comité Delegado manifesta que este proxecto normativo sobre a derrogación dos citados Decretos foi remitido ao Consello para ditame con posterioridade á Orde que regula os programas, cando o correcto debería ser remitir este primeiro, polo que suxire se teña en conta cara á súa publicación oficial.

Segunda.- Exposición de motivos.

No quinto parágrafo alúdese aos aspectos esenciais de cada programa, establecendo que serán de “obligada aplicación en todo o territorio nacional, en base á competencia do Estado en materia de lexislación laboral”.

Este Comité Delegado considera máis acertada a expresión “obligada aplicación en todo o territorio do Estado, en base á  súa competencia en materia de lexislación laboral”.

Asi mesmo, no sexto parágrafo, obsérvase que falta a preposición “de”, na frase “coa fin de acometer unha nova regulación ..” e que figura o termo “devenir” cando o correcto é “devir”.