ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 14/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE DECRETO POLO QUE SE DERROGA O DECRETO 148/2002, DO 18 DE ABRIL, POLO QUE SE ESTABLECE O “PROGRAMA LABORA: XUVENTUDE CON EXPERIENCIA”

I. ANTECEDENTES.

O día 3 de febreiro de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Decreto polo que se derroga o Decreto 148/2002, do 18 de abril, polo que se establece o “Programa Labora: xuventude con experiencia” e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

O obxecto do Decreto é a derrogación do Decreto 148/2002, polo que se establece o “Programa Labora: Xuventude con Experiencia” co fin de levar a cabo unha revisión e actualización da normativa existente en materia de programas de políticas activas de emprego, regulando os aspectos definitorios e esenciais de cada programa e incorporando as novas medidas e programas que froito da negociación cos axentes sociais e da modificación da normativa estatal básica se adopten, abarcando o conxunto dos ámbitos nos que é necesaria unha intervención para favorecer e apoiar o emprego xuvenil.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Decreto polo que se derroga o Decreto 148/2002, do 18 de abril, polo que se establece o “Programa Labora: xuventude con experiencia” consta de: Exposición de motivos, un artigo e unha disposición derradeira.

O día 13 de febreiro de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o seguinte ditame, que contén dúas consideracións xerais e tres consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.


DITAME 14/06

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Decreto polo que se derroga o Decreto 148/2002, do 18 de abril, polo que se establece o “Programa Labora: xuventude con experiencia”, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 3 de febreiro de 2006, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 13 de febreiro de 2006, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira.

Este Comité Delegado do Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames ten que reiterarse no sinalado na consideración xeral primeira nos ditames 2/06 a 10/06, no senso de que limita as súas aportacións neste ditame a aquelas cuestións que resultou materialmente posible abordar toda vez que no breve lapso temporal de cinco días téñense recibido no Consello Galego de Relacións Laborais un total de DEZASEIS proxectos normativos integrando un conxunto de CATROCENTAS CINCUENTA E NOVE páxinas.

Segunda.

Este Comité Delegado propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a suprimir calquera referencia que poda supoñer a utilización dunha linguaxe sexista.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.

No quinto parágrafo alúdese ao marco da Mesa do Diálogo Social, considerando este Comité que é máis acertado dicir “marco do proceso de Diálogo Social”. Asi mesmo, na antepenúltima liña, debe engadirse o termo “modificando”, sendo a frase como segue: “eliminando, modificando ou incorporando novos programas …”

No sexto parágrafo alúdese aos aspectos esenciais de cada programa, establecendo que serán de “obligada aplicación en todo o territorio nacional, en base á competencia do Estado en materia de lexislación laboral”.

Este Comité Delegado considera máis acertada a expresión “obligada aplicación en todo o territorio do Estado, en base á  súa competencia en materia de lexislación laboral”.

Segunda.- Exposición de motivos.

No último parágrafo onde di: “unha vez informado o Consello Galego de Relacións Laborais”, debe dicir: “unha vez consultado o Consello Galego de Relacións Laborais”.