ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 15/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DOS PROGRAMAS PARA O FOMENTO DO EMPREGO DE COLECTIVOS CON ESPECIAIS DIFICULTADES DE INSERCIÓN NO MERCADO DE TRABALLO E INCREMENTAR A ESTABILIDADE NO EMPREGO, COFINANCIADOS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2006

I. ANTECEDENTES

O día 3 de febreiro de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para o fomento do emprego de colectivos con especiais dificultades de inserción no mercado de traballo e incrementar a estabilidade no emprego, cofinanciados polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2006, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde enmárcase nos obxectivos  de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme á Extratexia Europea de Emprego, e na Declaración Institucional polo Diálogo Social en Galicia, asinada o 5 de novembro de 2005, entre a Xunta de Galicia, e as organizacións sindicais e empresariais, co obxectivo de que a sociedade galega acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social, e de cohesión no territorio.

Regúlanse nesta orde un conxunto de medidas para o fomento da contratación e da estabilidade no emprego que teñen como finalidade facilitar a creación de emprego estable e de calidade, contribuíndo á diminución da taxa de temporalidade e de rotación no mercado de traballo, poñendo especial atención en facilitar a inserción laboral de desempregados con maiores dificultades de integración no mercado de traballo e a permanencia nas empresas con contrato estable a aqueles que teñen na actualidade un contrato temporal.

Nesta orde incentívase xenericamente a contratación indefinida das mulleres en relación cos homes, incluíndo como medidas de acción positiva ademais da variable sexo, as de idade e o tempo en desemprego.

Engádese, así mesmo, un programa específico para apoiar e incidir naquelas empresas sen asalariados pero con potencialidade para creación de emprego. Establecéndose tamén unha liña específica de apoio á contratación indefinida inicial vinculada a proxectos I+D, co fin de favorecer a innovación nas empresas galegas.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 18 de marzo de 2005 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 21 de febreiro de 2004, obsérvase que aínda que só se tivo en conta unha das consideracións manifestadas polos axentes sociais, algunhas outras incorpóranse agora neste novo texto normativo

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

O artigo 1º que regula o obxecto, finalidade e principios de xestión, establece como obxecto desta orde fomentar a creación de novos postos de traballo para facilitar a inserción dos colectivos de desempregados con maiores dificultades de acceso ao mercado laboral, engadíndose que se fomentará tamén a permanencia nas empresas con contrato estable dos que teñen na actualidade un contrato temporal, a través de axudas á transformación en indefinidos de contratos para a formación, prácticas, de relevo, de substitución por anticipación da idade de xubilación e de interinidade, todo isto nas empresas teñan unhas taxas de estabilidade superior á media de Galicia.  

Engádese, así mesmo, un programa de axudas a empresarios sen asalariados pola contratación do seu primeiro traballador fixo que se regula no anexo C desta orde.

No artigo 2º inclúense, como beneficiarios dos incentivos, ademais das empresas, os traballadores autónomos, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, sempre que cumpran o requisito de que ter unhas taxas de estabilidade iguais ou superiores ao 70% e contraten traballadores por conta allea para prestar servizos en centros de traballo situados en Galicia.

O artigo 3º que regula a competencia, establece que esta lle corresponderá ao director xeral de Promoción do Emprego para os programas recollidos nos anexos A, B e D cando a contratación indefinida sexa de 15 ou máis traballadores no ámbito territorial de Galicia ou cando os servizos se presten en centros de traballo situados en varias provincias. Nos demais casos a competencia lle corresponderá aos delegados/as provinciais da consellería de Traballo.

O artigo 4º regula as solicitudes e o prazo destas, no apartado 2, establécese que a presentación da solicitude de subvención xa comporta a autorización para que os documentos acreditativos de se encontraren ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social sexan solicitados polo órgano xestor das axudas.

No apartado 4 deste artigo se establece que o prazo de solicitudes é nos dous meses seguintes á data de inicio da relación laboral pola que se solicita a subvención e remata o 30 de setembro de 2006, aínda que nesa data non transcorreran os dous meses dende a alta na Seguridade Social.

O apartado 5 deste artigo establece que o prazo ata o 2 de maio para os casos en que as contratacións iniciais ou as transformacións se realizaran entre o 1 de outubro de 2005 e a data de publicación desta orde.

No artigo 8º que regula as obrigas dos beneficiarios engádese a de estar ao corrente das obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter débeda ningunha coa administración pública galega, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e de realizar a proposta de pagamento da subvención.

Así mesmo, establécese no punto d) deste artigo, a obriga de dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionables tanto pola consellería como as cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, conforme o regulamento (CE) 1159/2000, sobre actividades de información e publicidade.

No anexo A do proxecto normativo, que regula o programa de fomento da contratación indefinida de colectivos de desempregados con maiores dificultades de inserción laboral, obsérvanse as seguintes modificacións:

Na base terceira que establece os colectivos desfavorecidos, engádese no apartado a) ás persoas desempregadas de longa duración que teñan máis de 45 anos; no apartado b) ás persoas desempregadas de unidades familiares nas que ningún dos membros en idade laboral obteña rendas de calquera natureza superiores ao 75% do IPREM vixentes no momento da solicitude; no apartado c) ás mulleres desempregadas cando sexan contratadas para prestar servizos en profesións ou ocupacións nas que estean subrepresentadas ou as que sexan contratadas nos 24 meses seguintes á data do parto; no apartado d) ás mulleres maiores de 30 anos demandantes de primeiro emprego; no apartado e) ás mulleres desempregadas que sexan maiores de 30 anos e que non estean incluídas en ningún dos colectivos anteriores.

Na base quinta que regula os requisitos e condicións que se deben cumprir para poder acceder aos beneficios á contratación indefinida que aquí se establecen, engádese que a taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa no mes da contratación subvencionable terá que ser igual ou superior ao 70%, entendendo esta como a porcentaxe de traballadores fixos sobre o total do cadro de persoal, no conxunto dos centros de traballo que a empresa ten en Galicia.

Engádese a base sexta que regula os incentivos á contratación indefinida inicial, establecendo un incremento na contía de todas estas axudas cando as contratacións se realicen con mulleres, xa sexa esta contratación a xornada completa ou a tempo parcial, incluíndose os fixos-descontinuos, e incentivándose tamén as contratacións realizadas ás mulleres que se reincorporen ao mercado de traballo despois dun mínimo de dous anos ou aos 24 meses seguintes á data do parto, ás mulleres maiores de 30 anos demandantes do primeiro emprego, ás mulleres que presten servizos en profesións ou ocupacións nas que estean subrrepresentadas e ás mulleres desempregadas maiores de 30 anos que non estean incluidas en ningún dos colectivos anteriores.

Na base novena que regula a documentación, engádese que se presentará, ademais da declaración do cadro de persoal da empresa de todos os seus centros de traballo en Galicia, en cada un dos doce meses anteriores ao inicio da relación laboral do traballador contratado, a taxa de estabilidade acadada no mes da contratación.

Na base décimo primeira que regula os obrigas dos beneficiarios, engádese a obriga de non modificar a composición da estrutura do cadro de persoal da empresa en Galicia, no seu cómputo anual, así como manter unha taxa de estabilidade mínima do 70% durante polo menos 3 anos a contar dende o mes no que se realice a contratación.

No anexo B do proxecto normativo, engádese un novo programa que regula o fomento da permanencia nas empresas con contrato estable a aqueles que teñen na actualidade un contrato temporal, co que se pretende fomentar a estabilidade nas empresas mediante a transformación en indefinidos de contratos para a formación, prácticas, de relevo, de substitución por anticipación da idade de xubilación e de interinidade.

Na base terceira que regula o ámbito de aplicación, contratacións subvencionables e definicións, establécese que cando se trate de contratos de interinidade terá que acreditarse o mantemento do posto do traballador substituido.

No apartado 2 establécese que na transformación de contratos temporais a tempo completo ou a tempo parcial, a xornada do novo contrato indefinido deberá ser, como mínimo, igual á do contrato que se transforma.

Establecéndose, no apartado 3, que na transformación de contratos temporais en contratos indefinidos ambas modalidades contractuais deben sucederse sen ruptura da relación laboral coa empresa.

A base cuarta que regula os requisitos, establece que a taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa no mes da contratación que se subvenciona debe ser igual ou superior ao 70%. Así mesmo, e como consecuencia da contratación que se fomenta deberá incrementarse o cadro de persoal fixo da empresa en Galicia.

Na base quinta que regula os incentivos á transformación, establécese un incremento da contía de 1.500 € a 2.750 € cando estas transformacións afecten a mulleres.

Na base oitava que regula a documentación, engádese no apartado 3, a presentación da declaración da taxa de estabilidade acadada no mes da contratación xunto coa do cadro de persoal fixo de todos os centros de traballo que teña a empresa en Galicia en cada un dos doce meses anteriores á transformación.  

Na base décima que regula as obrigas dos beneficiarios, establécese que desde o mes en que se realice a contratación ata polo menos 3 anos, non se poderá modificar a composición da estrutura do cadro de persoal da empresa en Galicia no seu cómputo anual, mantendo unha taxa mínima do 70%.

No anexo C do proxecto normativo, engádese o programa de axudas a empresarios sen asalariados pola contratación do seu primeiro traballador fixo, establecendo na base cuarta os colectivos desfavorecidos, entre os que se engaden  as persoas desempregadas de longa duración que teñan máis de 45 anos; as persoas desempregadas de unidades familiares nas que ningún dos membros en idade laboral obteña rendas de calquera natureza superiores ao 75% do IPREM vixentes no momento da solicitude; as mulleres desempregadas cando sexan contratadas para prestar servizos en profesións ou ocupacións nas que estean subrepresentadas ou as que sexan contratadas nos 24 meses seguintes á data do parto; as mulleres maiores de 30 anos demandantes de primeiro emprego; as mulleres desempregadas que sexan maiores de 30 anos e que non estean incluídas en ningún dos colectivos anteriores e os desempregados pertencentes a colectivos en risco de exclusión social, entre eles os traballadores inmigrantes que pasen a ser residentes da comunidade cuxas características condicionen a súa integración social, os emigrantes retornados con graves necesidades persoais ou familiares e as mulleres que abandonaran o exercicio da prostitución e se incorporen ao mercado laboral.

Na base décimo primeira que regula as obrigas dos beneficiarios, establécese a de manter o contrato indefinido durante tres anos ou cinco cando se trate de empregos ligados a un investimento.

No anexo D, que regula os programas de fomento da contratación indefinida inicial vinculada a proxectos I+D,  ten como obxecto favorecer a inserción laboral con carácter estable dos mozos e mozas titulados universitarios ou de formación profesional de segundo grao ou de ciclo superior, mediante incentivos á contratación indefinida vinculada a proxectos I+D.

Na base terceira que regula os requisitos, engádese que a taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa terá que ser igual ou superior ao 70% no mes da contratación para a que se solicita a subvención.

Engádese na base novena que regula as obrigas dos beneficiarios, a de non modificar a composición da estrutura do cadro de persoal da empresa en Galicia durante polo menos 3 anos, manter, así mesmo, o seu cadro de persoal fixo e a estes traballadores contratados durante un período mínimo de tres anos.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.


II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para o fomento do emprego de colectivos con especiais dificultades de inserción no mercado de traballo e incrementar a estabilidade no emprego, cofinanciados polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2006” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, once artigos, sete disposicións adicionais, unha transitoria e dúas derradeiras, ademáis de catro anexos (A, B, C e D) que regulan os catro programas de fomento da contratación indefinida.

O día 13 de febreiro de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e oito consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén asi mesmo, como anexos, unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais (anexo I) e dúas consideracións xerais e unha consideración específica sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).


DITAME 15/06

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para o fomento do emprego de colectivos con especiais dificultades de inserción no mercado de traballo e incrementar a estabilidade no emprego, cofinanciados polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2006, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 3 de febreiro de 2006, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 13 de febreiro de 2006, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

Este Comité Delegado do Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames ten que reiterarse no sinalado na consideración xeral primeira nos ditames 2/06 a 10/06, no senso de que limita as súas aportacións neste ditame a aquelas cuestións que resultou materialmente posible abordar toda vez que no breve lapso temporal de cinco días téñense recibido no Consello Galego de Relacións Laborais un total de DEZASEIS proxectos normativos integrando un conxunto de CATROCENTAS CINCUENTA E NOVE páxinas.

Segunda.

As organizacións integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais, na liña do manifestado en ditames de exercicios anteriores, sobre a necesidade de dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego, avaliamos positivamente que, no seo do Comité Autonómico de Emprego, se teña informado o conxunto da planificación destas políticas para o ano 2006.

Este Comité Delegado considera conveniente incluir na exposición de motivos deste proxecto normativo que se somete a ditame, unha referencia a esta planificación de conxunto, tal e como se recolle na exposición de motivos dos proxectos normativos de Escolas Obradoiro e Programas de cooperación.

Terceira.

Este Comité Delegado propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a suprimir calquera referencia que poda supoñer a utilización dunha linguaxe sexista.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.-  Artigo 1º. Obxecto, finalidade e principios de xestión.

No parágrafo 5, letra a) deste artigo alúdese aos principios que rexen a xestión dos programas que se regulan neste proxecto normativo.

Este Comité considera que hai que engadir o principio de control, como único garante que asegure que a finalidade das axudas e subvencións solicitadas para cada programa cumpra o seu fin, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse a seguinte redacción: “ a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, control, igualdade e non discriminación”.

Segunda.- Artigo 3º. Competencia.

Obsérvase un erro no apartado 2, letra b) deste artigo, xa que cita entre paréntese o anexo C e o correcto é citar o anexo D.

Terceira.- Artigo 6º. Resolución e recursos.

O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no artigo 2º, apartado 5, no que se regulan as funcións do Comité Autonómico de Emprego, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Director Xeral ou do Conselleiro. Asi mesmo, o citado Decreto establece no artigo 6º, apartado 3,  no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia da delegación provincial da Consellería.

Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Delegado ou Delegada Provincial ou do Director/a Xeral.

Polo exposto, este Comité Delegado propón que neste artigo 6º se inclúa un apartado que estableza que antes de ditarse resolución deberá emitirse informe polo Comité Provincial de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral ou polo Comité Autonómico de Emprego, segundo os casos.

Cuarta.- Artigo 6º. Resolución e recursos.

Establécese no apartado 2 deste artigo que o prazo para resolver será de seis meses.

As organizacións sindicais e empresariais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran este prazo excesivamente longo, polo que propoñen que se reduza a tres meses.

Quinta.- Artigo 7º. Incompatibilidades e concorrencia.

No apartado 4 deste artigo establécese que os incentivos regulados nesta orde non poden superar os límites establecidos pola Unión Europea e polo artigo 78º.9 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.
Este Comité Delegado considera que, para unha maior seguridade xurídica, deben figurar expresamente os citados límites no texto da orde.

Sexta.- Artigo 8º. Obrigas dos beneficiarios.

Establece este artigo na letra d), que os beneficiarios teñen que adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas.

Este Comité considera que deben aclararse no texto da Orde as medidas que hai que adoptar e suprimirse, na terceira liña, a expresión “no seu caso”, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, xa que os programas regulados nesta orde son cofinanciados en todo caso.

Sétima.- Disposición Adicional Quinta.

Este Comité considera que a redacción do parágrafo terceiro desta disposición non é clara, polo que propón a seguinte redacción:
“Para os efectos do sinalado na base cuarta do anexo C, terán a consideración de retornados aqueles emigrantes que cumplan coa condición de que non transcorresen máis de dous anos entre a data do retorno e a data de alta no correspondente réxime da Seguridade Social”.

Oitava.- Anexo A. Décimo primeira. Obrigas dos beneficiarios.

Este Comité considera que a redacción do apartado 3 desta disposición non é acertada, polo que propón a seguinte:

“Manter unha taxa de estabilidade mínima do 70% durante polo menos 3 anos desde o mes no que se realice a contratación, en cómputo anual, no conxunto do cadro de persoal da empresa en Galicia”.

A mesma redacción proponse para a base décima, apartado 3, do Anexo B e para a base novena, apartado 3, do Anexo D.

ANEXO I
CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

En relación á taxa de estabilidade esixida ás empresas para seren beneficiarias dos incentivos previstos na orde, as organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que debe incluirse no texto do proxecto normativo un método para determinar unívocamente, sen lugar a que podan darse varias interpretacións, o total agregado do cadro do persoal sobre o que hai que computar o 70%.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS XERAIS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) propón que se elimine a esixencia da taxa de estabilidade do 70% para poder ser beneficiario dos incentivos regulados no proxecto normativo.

Esta taxa de estabilidade impedirá na práctica que moitas empresas podan solicitar os incentivos, pois non ten en conta a realidade sectorial e produce polo tanto importantes discriminacións no acceso aos incentivos, impedindo que estes podan ter ao final do exercicio 2006 un resultado máis favorable.

Na maioría das Comunidades Autónomas (Asturias, País Vasco, Aragón, Castela – A Mancha…) non se esixe como requisito esta taxa de estabilidade, nin tampouco se esixe para acceder ás bonificacións de Seguridade Social como medida de fomento do emprego.

Segunda.

A CEG propón a inclusión, entre os supostos subvencionables, da transformación de contratos temporais en indefinidos, con independencia do tipo de contrato temporal de que se trate. Na proposta da Administración a posibilidade do incentivo queda reducida aos contratos de obra, formativos, de interinidade e de relevo, non contemplándose outras modalidades de contratación temporal.

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

No proxecto normativo figura, dentro das exclusións aos beneficios establecidos para cada ún dos programas, entre outras, a seguinte:

“… así como as contratacións de traballadores para prestar servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.”

A Confederación de Empresarios de Galicia entende que esta mención debería eliminarse do texto da Orde por ser discriminatoria e afectar a unhas determinadas empresas simplemente polo mero feito da  actividade empresarial e totalmente legal á que se dedican.