ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 16/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DOS PROGRAMAS DE INCENTIVOS Á CONTRATACIÓN POR CONTA ALLEA COMO MEDIDA PARA FAVORECER A INSERCIÓN DOS MOZOS MENORES DE 30 ANOS, COFINANCIADOS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2006

I. ANTECEDENTES

O día 3 de febreiro de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de incentivos á contratación por conta allea como medida para favorecer a inserción dos mozos menores de 30 anos, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2006, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde enmárcase nos obxectivos  de crecemento e emprego da Unión Europea, conforme á Extratexia Europea de Emprego, e na Declaración Institucional polo Diálogo Social en Galicia, asinada o 5 de novembro de 2005, entre a Xunta de Galicia, e as organizacións sindicais e empresariais, co obxectivo de que a sociedade galega acade uns maiores niveis de desenvolvemento económico, de calidade no emprego, de benestar social, e de cohesión no territorio, para o que é preciso adoptar políticas que promovan a inserción laboral dos mozos.

Regúlanse nesta orde un conxunto de medidas para o fomento da contratación e da estabilidade no emprego que teñen como finalidade facilitar ao colectivo de mozos a súa inserción no mercado de traballo, a súa representación equilibrada en todas as profesións e sectores de actividade e acadar unha maior participación na taxa de actividade e de ocupación.

Á vista do borrador agora remitido sinálanse neste novo proxecto normativo algúns aspectos que se relacionan a continuación:

O artigo 1º que regula o obxecto, finalidade e principios de xestión, establece como obxecto desta orde facilitar a todos os mozos e mozas demandantes de emprego a súa incorporación ou reincorporación ao mercado de traballo cunha perspectiva de estabilidade, a través dos programas seguintes: fomento da contratación en prácticas con mozos con titulacións de difícil empregabilidade, fomento da contratación de mozos para substitución de traballadores que rematan a súa vida laboral, creación de novos empregos para mozos titulados nas empresas de menos de 30 traballadores, fomento da contratación indefinida inicial de mozos desempregados e programa de incentivos á transformación en indefinidos dos contratos temporais celebrados con mozos.

Establecendo no apartado 3 deste artigo que estes programas diríxense  á inserción laboral dos mozos e mozas desempregados maiores de 16 e menores de 30 que no momento da súa contratación inicial estean inscritos como demandantes de emprego e carezan de ocupación.

No artigo 2º inclúense, como beneficiarios dos incentivos, ademais das empresas, os traballadores autónomos, as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, sempre que non incorran nas circunstancias previstas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, xeral de subvencións.

O artigo 3º que regula a competencia, establece que esta lle corresponderá ao director xeral de Promoción do Emprego para os casos en que se contrate a 15 ou máis traballadores ou cando os servizos se presten en centros de traballo radicados en varias provincias. Nos demais casos a competencia lle corresponderá aos delegados/as provinciais da consellería de Traballo.

O artigo 4º regula as solicitudes e o prazo destas, no apartado 2, establécese que a presentación da solicitude de subvención xa comporta a autorización para que os documentos acreditativos de se encontraren ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social sexan solicitados polo órgano xestor das axudas.

No apartado 4 deste artigo se establece que o prazo de presentación das solicitudes remata o 30 de setembro de 2006, aínda que nesa data non transcorreran os dous meses dende a alta na Seguridade Social.

O apartado 5 deste artigo establece que o prazo ata o 2 de maio para os casos en que as contratacións iniciais ou as transformacións se realizaran entre o 1 de outubro de 2005 e a data de publicación desta orde.

O artigo 9º que regula as incompatibilidades e concorrencia, establece a incompatibilidade entre si dos incentivos establecidos nos distintos programas de fomento da contratación recollidos nesta orde, correspondéndolle a opción de elixir ao solicitante.  

O apartado 3 deste artigo establece a compatibilidade dos incentivos regulados nos anexos A, B e C cos incentivos establecidos no anexo E que regula o programa de transformación de contratos temporais en indefinidos.

No artigo 10º que regula as obrigas dos beneficiarios recollése a de estar ao corrente das obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como non ter débeda ningunha coa administración pública galega, con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión e de realizar a proposta de pagamento da subvención.

Así mesmo, establécese no apartado f) deste artigo, a obriga de dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionables tanto pola consellería como as cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, conforme o regulamento (CE) 1159/2000, sobre actividades de información e publicidade.

O anexo A do proxecto normativo regula o programa de fomento da contratación en prácticas de mozos con titulacións de difícil empregabilidade, co fin de proporcionar experiencia laboral a aqueles mozos desempregados, cuxas titulacións profesionais presentan especiais dificultades de acceso ao mercado de traballo.

Na base segunda que regula ámbito de aplicación, contratacións subvencionables e definición, establece a subvención para os contratos en prácticas con mozos desempregados que posúan algún dos títulos de difícil empregabilidade definidos no listado do anexo V-A.

Na base cuarta que regula os requisitos das empresas, establécese que a taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa no mes da contratación subvencionable terá que ser igual ou superior ao 70%, entendendo esta como a porcentaxe de traballadores fixos sobre o total do cadro de persoal, no conxunto dos centros de traballo que a empresa ten en Galicia.

Establecendo o apartado 2 deste artigo que as contratacións iniciais deberán supoñer un incremento neto do emprego total da empresa en Galicia, nos doce meses anteriores á data de inicio da relación laboral.

A base quinta que regula as axudas pola contratación en prácticas, establece un incremento na súa contía de ata 3.000 € cando estas contratacións se realicen con mulleres.

Na base sétima que regula as solicitudes e documentación, engade a presentación da declaración do cadro de persoal da empresa de todos os seus centros de traballo en Galicia, en cada un dos doce meses anteriores ao inicio da relación laboral do traballador contratado, así como da taxa de estabilidade no mes anterior ao da contratación da que se solicita a subvención.

Na base novena que regula os obrigas dos beneficiarios, engádese a obriga de manter a composición da estrutura do cadro de persoal da empresa no seu cómputo anual, así como manter durante o tempo que dure o contrato temporal subvencionado unha taxa de estabilidade mínima do 70%.

No anexo B do proxecto normativo, engádese o programa que regula o fomento da contratación de mozos para substitución de traballadores que rematan a súa vida laboral, co que se pretende favorecer a substitución de traballadores próximos á xubilación por mozos, a través da incentivación dos contratos de remuda e o de substitución por anticipación da idade de xubilación.

Na base segunda que regula o ámbito de aplicación, contratacións subvencionables e definicións, establécese que cando se trate de contratos de remuda deberán concertarse a xornada completa ou a tempo parcial por unha duración mínima inicial non inferior a 12 meses, mentres que os de substitución por anticipación da idade de xubilación deberán concertarse a xornada completa.  

A base cuarta que regula os requisitos, establece que en ambas modalidades de contrato cando sexan de carácter temporal, a taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa no mes anterior da contratación que se subvenciona debe ser igual ou superior ao 70%, esta mesma taxa esixirase cando estes contratos sexan de carácter indefinido pero deberá darse no mes da contratación subvencionable.

Así mesmo, e como consecuencia das contratacións de remuda de carácter temporal deberá producirse un incremento neto do emprego total da empresa en Galicia, nos doce meses anteriores á data de inicio da relación laboral, da totalidade do cadro de persoal, fixo e temporal, da empresa, esixirase ademais un incremento do emprego fixo na empresa cando este contrato de remuda teña carácter indefinido.

A base quinta que regula as axudas, establece que para os contratos previstos neste anexo cunha duración no inferior a 12 meses consistirá nunha axuda pagadoira dunha soa vez equivalente o importe do 50% da base mínima do grupo de cotización ao pertenza o traballador contratado calculada sobre unha anualidade, e chegar ata un máximo de 1.500 € incrementándose ata 2.500 € no caso de realizarse con mulleres.

Regulándose no apartado 2 desta base a axuda prevista en caso de que estes contratos sexan de carácter indefinido, que se calcularán sobre tres anualidades por unha contía equivalente o importe do 40% da base mínima do grupo de cotización ao que pertenza o traballador contratado, establecéndose ata un máximo de 7.500 € e podéndose incrementar ata 12.000 € cando esta contratación se realiza con mulleres.

Na base sétima que regula as solicitudes, documentación e xustificación, engádese no apartado 6, a presentación da declaración da estrutura da empresa e do emprego.

Igualmente presentarase, segundo se expresa no apartado 8, unha declaración da taxa de estabilidade acadada no mes anterior ao da contratación subvencionable, se o contrato é temporal, e do mes da contratación no suposto de contrato indefinido, xunto coa do cadro de persoal de todos os centros de traballo que teña a empresa en Galicia en cada un dos doce meses anteriores ao inicio da relación laboral do traballador contratado.

Na base novena que regula as obrigas dos beneficiarios, establécese que non se poderá modificar a composición da estrutura do cadro de persoal da empresa en Galicia no seu cómputo anual, mantendo unha taxa mínima do 70%, durante o tempo de duración do contrato temporal subvencionado ou durante un período mínimo de tres anos para os de carácter indefinido.

No anexo C do proxecto normativo, regúlase o programa de creación de novos empregos para mozos titulados nas empresas de menos de 30 traballadores, establecendo como finalidade a contratación en prácticas de mozos titulados que se incorporen a novos postos creados en empresas de menos de 30 traballador co fin de facilitar a innovación científica e técnica dos sistemas organizativos e produtivos das empresas galegas.

Na base segunda que regula o ámbito de aplicación, contratacións subvencionables e definicións, establécese que estes contratos terán que concertarse con mozos menores de 30 anos, por unha duración inicial non inferior a doce meses, a xornada completa e non poden supoñer sucesión de traballadores en prácticas para ocupar o mesmo posto de traballo.

A base cuarta regula os requisitos que deben cumprir as empresas, establecéndose, no apartado 1, que os postos sexan de nova creación e que estean vinculados á titulación de tipo profesional que posúa o mozo desempregado que se contrate.

O apartado 2 desta base, establece que a taxa de estabilidade do cadro de persoal terá que ser igual ou superior ao 70% no mes anterior ao da contratación que se subvencione.

No apartado 3 engádese que terá que supoñer un incremento neto do emprego total da empresa en Galicia de modo que se supere a media aritmética da totalidade do cadro de persoal, fixo e temporal, nos doce meses anteriores á data de inicio da relación laboral.

A base quinta regula as axudas pola contratación en prácticas, incentivándose coas contías de ata 1.250 € que se incrementarán ata os 3.000 € cando a contratación se realice con mulleres tituladas.

O anexo D, que regula os programas de fomento da contratación indefinida inicial de mozos desempregados,  ten como obxecto fomentar a incorporación dun xeito estable no mercado de traballo dos mozos menores de 30 anos a través de dúas medidas conxuntas: o custo cero do período de proba e a subvención da contratación indefinida inicial.

Na base segunda regúlase o ámbito de aplicación, contratacións subvencionables e definicións, e establece no seu apartado 2 a subvención do período de proba concertado por escrito con suxeición aos límites de duración que establezan os convenios colectivos ou, en defecto destes, ao artigo nº 14 do Estatuto dos Traballadores.

Na base cuarta que regula os requisitos das empresas, establece que a taxa de estabilidade do cadro de persoal terá que ser igual ou superior ao 70% no mes da contratación que se subvencione.

A base quinta que regula os incentivos á contratación indefinida inicial, establece no apartado 1 que a axuda consistirá nunha subvención por unha contía equivalente o importe do 40% da base mínima do grupo de cotización ao que pertenza o traballador contratado, que se calculará sobre tres anualidades, establecéndose ata un máximo de 5.000 € e podéndose incrementar ata 7.500 € cando esta contratación se realiza con mulleres.

No apartado 2 establécese que o período de proba poderá ser obxecto dunha subvención equivalente ao custo salarial total de dous meses, sen que esta poda superar os 3.000 €.

Na base novena que regula as obrigas dos beneficiarios, establécese a de manter o contrato indefinido durante tres anos ou cinco cando se trate de empregos ligados a un investimento.

O anexo E, que regula o programa de incentivos á transformación en indefinidos dos contratos temporais celebrados con mozos,  ten como obxecto promover o acceso a un emprego estable aos mozos menores de 30 anos incentivando ás empresas que durante o ano 2006 transformen os contratos temporais en indefinidos.

Na base segunda que regula o ámbito de aplicación, contratacións subvencionables e definición, establécense os incentivos para as transformacións en indefinidos, incluíndo os fixos-discontinuos, dos contratos para a formación, en prácticas, de remuda, de substitución por anticipación da idade de xubilación e de interinidade, calquera que sexa a data da súa celebración. Así como, aquelas outras modalidades de contratación temporal de duración determinada celebrados con anterioridade ao 1 de xaneiro de 2006.

Na base terceira que regula os requisitos, establécese que a taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa terá que ser igual ou superior ao 70% no mes da contratación para a que se solicita a subvención.

Na base quinta que regula os incentivos á transformación, establécese que para as transformacións en indefinidos dos contratos temporais de obra ou servizo ou temporal por circunstancias da producción, incentivaranse cunha axuda de ata 2.000 €, incrementándose ata 4.000 cando se realicen con mulleres. As transformacións dos contratos formativos cunha axuda de ata 3.750 euros e ata 6.000 as realizadas con mulleres. As transformacións dos contratos de interinidade cunha axuda de ata 3.750 euros incrementándose ata 6.000 no caso de realizarse con mulleres. As transformacións dos contratos de remuda e substitución por anticipación da idade de xubilación cunha axuda de 4.750 euros e ata os 7.500 euros cando se realicen con mulleres.

No apartado 5 establécese que os incentivos pola transformación dun contrato temporal subvencionado compensaranse coa parte da subvención concedida correspondente ao período non esgotado  e reducindo esta mesma contía do incentivo pola transformación do contrato indefinido.

Engádese na base novena que regula as obrigas dos beneficiarios, a de non modificar a composición da estrutura do cadro de persoal da empresa en Galicia durante polo menos 3 anos, manter, así mesmo, o seu cadro de persoal fixo e a estes traballadores contratados durante un período mínimo de tres anos.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de incentivos á contratación por conta allea como medida para favorecer a inserción dos mozos menores de 30 anos, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2006” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, once artigos, cinco disposicións adicionais, unha transitoria e dúas derradeiras, ademáis de cinco anexos (A, B, C, D e E) que regulan os cinco programas de fomento da contratación dos mozos menores de trinta anos.

O día 13 de febreiro de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais unánimes, así como sete consideracións específicas unánimes sobre a valoración da norma.

Contén asi mesmo, como anexos, unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais (anexo I), así como dúas consideracións xerais e dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).


DITAME 16/06

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de incentivos á contratación por conta allea como medida para favorecer a inserción dos mozos menores de 30 anos, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2006, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 3 de febreiro de 2006, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 13 de febreiro de 2006, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

Este Comité Delegado do Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames ten que reiterarse no sinalado na consideración xeral primeira nos ditames 2/06 a 10/06, no senso de que limita as súas aportacións neste ditame a aquelas cuestións que resultou materialmente posible abordar toda vez que no breve lapso temporal de cinco días téñense recibido no Consello Galego de Relacións Laborais un total de DEZASEIS proxectos normativos integrando un conxunto de CATROCENTAS CINCUENTA E NOVE páxinas.

Segunda.

As organizacións integrantes do Consello Galego de Relacións Laborais, na liña do manifestado en ditames de exercicios anteriores, sobre a necesidade de dispoñer da visión de conxunto do deseño das políticas activas de emprego, avaliamos positivamente que, no seo do Comité Autonómico de Emprego, se teña informado o conxunto da planificación destas políticas para o ano 2006.

Este Comité Delegado considera conveniente incluir na exposición de motivos deste proxecto normativo que se somete a ditame, unha referencia a esta planificación de conxunto, tal e como se recolle na exposición de motivos dos proxectos normativos de Escolas Obradoiro e Programas de cooperación.

Terceira.

Este Comité Delegado propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a suprimir calquera referencia que poda supoñer a utilización dunha linguaxe sexista.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.

No parágrafo cuarto da exposición de motivos establécese que para acadar unha maior participación na taxa de actividade e de ocupación, implantaranse, “con carácter inicialmente provisional no ano 2006”, unha serie de medidas innovadoras.

Este Comité Delegado considera máis acertado dicir “con carácter inicial provisionalmente no ano 2006”. Considérase ademáis que o establecido nesta frase resulta incongruente co que se establece para vindeiros exercicios no parágrafo décimo desta exposición de motivos, polo que proponse a supresión deste último parágrafo, facendo figurar, se fose necesario, que as aplicacións orzamentarias que recollen os créditos para o ano 2006 sinálanse na disposición adicional quinta deste proxecto normativo.

Segunda.- Exposición de motivos.

O parágrafo sétimo da exposición de motivos establece como finalidade do programa de incentivos á contratación indefinida o de acabar coa realización de contratos temporais, que son en realidade verdadeiros períodos de proba.

Este Comité considera máis acertada a seguinte redacción: “..co fin de acabar coa realización daqueles contratos temporais que poderían ser utilizados como períodos de proba”.

Terceira.- Artigo 6º. Resolución e recursos.

O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no artigo 2º, apartado 5, no que se regulan as funcións do Comité Autonómico de Emprego, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia dos servizos centrais da Consellería. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Director Xeral ou do Conselleiro. Así mesmo, o citado Decreto establece no artigo 6º, apartado 3,  no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia da delegación provincial da Consellería.

Este informe, preceptivo, deberá emitirse á vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Delegado ou Delegada Provincial ou do Director/a Xeral.

Polo exposto, este Comité Delegado propón que neste artigo 6º se inclúa un apartado que estableza que antes de ditarse resolución deberá emitirse informe polo Comité Provincial de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral ou polo Comité Autonómico de Emprego, segundo os casos.

Cuarta.- Artigo 6º. Resolución e recursos.

O apartado 2 deste artigo establece o prazo de seis meses para resolver que se computarán dende a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación.

Este Comité considera este prazo excesivo e ademais propón para este parágrafo a seguinte redacción: “o prazo para resolver será de tres meses e comezará a computarse a partires de que transcorra o prazo previsto para a presentación de solicitudes”.

Así mesmo, neste artigo, no apartado 2, establece que, transcorrido o dito prazo sen que se ditasen as resolucións expresas, “poderán entenderse desestimadas as solicitudes”.

Este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderán entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia de outras posibilidades para o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica.

As organizacións sindicais e empresariais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen substituir a expresión “poderán entenderse” por “entenderanse”.

Quinta.- Artigo 9. Incompatibilidades e concorrencia.
No apartado 5 deste artigo establécese que os incentivos regulados nesta orde non poden superar os límites establecidos pola Unión Europea e polo artigo 78.8º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Este Comité Delegado considera que, para unha maior seguridade xurídica, deben figurar expresamente os citados límites no texto da orde.

Sexta.- Artigo 10. Obrigas dos beneficiarios.

No apartado f) deste artigo establécese a obriga de adoptar as medidas axeitadas de difusión para dar publicidade ao financiamento público das actuacións subvencionadas pola Consellería de Traballo, así como, no seu caso, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Este Comité considera ambiguo este parágrafo e propón que se aclare no texto normativo cales son as medidas axeitadas de difusión. Así mesmo, propón que se suprima do texto  a expresión ” no seu caso”, confinanciadas polo Fondo Social Europeo, xa que os programas regulados no proxecto normativo son cofinanciados en todo caso.

Sétima.- Anexo A. Base Segunda. Ámbito de aplicación, contratacións subvencionables e definicións.

No apartado 3 da base segunda do Anexo A faise referencia ao listado do anexo V-A onde se definen os títulos de difícil empregabilidade.

Este Comité delegado quere facer constar que non se enviou ao Consello Galego de Relacións Laborais o citado anexo, polo que este comité non se pode pronunciar ao respecto, considerando en todo caso que deben terse en conta os criterios apuntados por este organismo no ditame 16/05, sobre a Orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de incentivos á contratación por conta allea como medida de mellora de empregabilidade de colectivos desfavorecidos (consideración específica cuarta sobre a redacción do Anexo B. Base quinta. Axudas pola contratación en prácticas).


ANEXO I
CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

En relación á taxa de estabilidade esixida ás empresas para seren beneficiarias dos incentivos previstos na orde, as organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que debe incluirse no texto do proxecto normativo un método para determinar unívocamente, sen lugar a que podan darse varias interpretacións, o total agregado do cadro do persoal sobre o que hai que computar o 70%.


ANEXO II

CONSIDERACIÓNS XERAIS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.

A Confederación de Empresarios de Galicia (CEG) propón que se elimine a taxa de estabilidade do 70% esixida ás empresas para poder ser beneficiario dos programas regulados no proxecto normativo.

Esta taxa de estabilidade impedirá na práctica que moitas empresas podan solicitar os incentivos, pois non ten en conta a realidade sectorial e produce polo tanto importantes discriminacións no acceso aos incentivos impedindo que estes podan ter ao final do exercicio 2006 un resultado máis favorable.

Na maioría das Comunidades Autónomas (Asturias, País Vasco, Aragón, Castela – A Mancha…) non se esixe como requisito esta taxa de estabilidade, nin tampouco se esixe para acceder ás bonificacións de Seguridade Social como medida de fomento do emprego.

Segunda.

A CEG propón a inclusión, entre os supostos subvencionables, da transformación de contratos temporais en indefinidos, con independencia do tipo de contrato temporal de que se trate. Na proposta da Administración a posibilidade do incentivo queda reducida aos contratos de obra, formativos, de interinidade e de relevo, non contemplándose outras modalidades de contratación temporal.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Anexo A. Base Cuarta. Requisitos das empresas.

En relación coa Base Cuarta do Anexo A, apartado 2, a Confederación de Empresarios de Galicia entende que para o cómputo da media aritmética de traballadores non se deben ter en conta as baixas que se produzan por vontade do traballador ou por morte, xubilación ou invalidez de calquera tipo.

Segunda.- Anexos A, B, C, D e E. Exclusións.

No proxecto normativo figura, dentro das exclusións aos beneficios establecidos para cada ún dos programas, entre outras, a seguinte:

“… así como as contratacións de traballadores para prestar servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.”

A Confederación de Empresarios de Galicia entende que esta mención debería eliminarse do texto da Orde por ser discriminatoria e afectar a unhas determinadas empresas simplemente polo mero feito da  actividade empresarial e totalmente legal á que se dedican.