ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 17/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES QUE REGULAN, PARA O EXERCICIO DO ANO 2006, AS AXUDAS E SUBVENCIÓNS PARA O FOMENTO DO EMPREGO A TRAVÉS DOS PROGRAMAS DE COOPERACIÓN, NO ÁMBITO DE COLABORACIÓN COAS ENTIDADES LOCAIS E COS ÓRGANOS E ORGANISMOS DAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS DISTINTAS DA LOCAL, UNIVERSIDADES E ENTIDADES SEN ÁNIMO DE LUCRO, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA

I. ANTECEDENTES

O día 3 de febreiro de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases que regulan, para o exercicio do ano 2006, as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos Programas de Cooperación, no ámbito de colaboración coas entidades locais e cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde pretende refundir nun só texto a normativa dispersa sobre esta materia nun intento de dar unha visión global do que representan os Programas de Cooperación, respectando a identidade dos programas e medidas existentes pero actualizando o contido material delas e adecuándoas aos cambios derivados das novas liñas de actuación en materia de políticas activas de emprego.

Esta orde ten por obxecto a regulación e convocatoria das axudas que, baixo a rúbrica xeral de Programas de Cooperación, se dirixen tanto ás entidades locais como ás administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro.

Á vista do borrador agora remitido e dos textos desta mesma orde publicados no DOG o día 4 de febreiro de 2005 e tendo en conta os ditames emitidos polo Consello con data 12 de xaneiro de 2005, obsérvase que non foron tidas en conta as consideracións manifestadas polas organizacións sindicais e empresariais no citado ditame.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

O artigo 1º que regula o obxecto e financiamento desta orde establece que as axudas establecidas na orde convocánse en réxime de concorrencia competitiva.

Sinálanse tamén neste artigo as liñas de axudas que se establecen no ámbito dos Programas de Cooperación con entidades locais e con administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, en ambas establécense subvencións para a contratación de traballadores desempregados e mulleres vítimas de violencia doméstica para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social, coas entidades locais establécense ademais subvencións para a realización de estudos de mercado e campañas para o desenvolvemento local e coas administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro as subvencións para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio para a creación de emprego.  

No artigo 3º que regula a presentación de solicitudes e procedemento, engádese a referencia ao artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, establecendo como documentación común para todos os programas regulados nesta orde a presentación dunha declaración xurada de que se cumpren os requisitos establecidos para obter a condición de beneficiarios.

O artigo 4º que regula a competencia e resolución establece que serán competencia dos/das delegados/as provinciais as resolucións que se refiran á contratación, por parte das entidades locais, de traballadores desempregados e mulleres vítimas de violencia doméstica, en todos os demás casos a competencia correspóndelle ao director xeral de Promoción do Emprego.

Establecéndose no apartado 4 deste mesmo artigo que que as solicitudes tramitaranse en dúas fases que se completarán nos meses de abril e xuño, respectivamente, en función das datas de inicio previstas nas correspondentes solicitudes e que non se considerarán desestimados, podendo ser obxecto de ulterior valoración pola Comisión de Valoración, aqueles proxectos nos que na primeira fase non se formula proposta de resolución favorable á súa aprobación.

Engádese neste artigo, no apartado 10, que no caso de haber crédito liberado polas renuncias ou revogacións das subvencións outorgadas, e existen solicitudes non concedidas por insuficiencia de crédito no exercicio orzamentario, poderá destinarse á concesión de subvencións ás obras e servizos que non chegaron a obtelas.  

O artigo 8º que regula os colectivos prioritarios engade unha orde de preferencia segundo sexan os beneficiarios mulleres, estas deben representar o 63%, entre os demandantes de primeiro emprego o 85%, entre os parados de longa duración o 68% e o 61% entre os demandantes sen formación de tipo profesional.

No artigo 10º que regula a contía, establécese a cantidade de 180 € mensuais como incentivo á mobilidade xeográfica por cada beneficiaria do programa de fomento da inserción laboral de mulleres vítimas de violencia doméstica contratada que reúna os requisitos para percibilo.

O artigo 12º que regula a selección de trabajadores establece que terán preferencia os colectivos con especiais dificultades de inserción laboral, tales como mulleres, en especial, as mulleres que teñan acreditada a condición de vítimas de violencia doméstica, os menores de 30 anos, en especial, os demandantes do primeiro emprego, demandantes con máis de seis meses en desemprego ou aqueles sen cualificación profesional, os parados de longa duración, os discapacitados, os desempregados maiores de 45 anos e os integrantes de colectivos desfavorecidos ou en risco de exclusión social, especialmente beneficiarios da renda de integración social de Galicia e mulleres que abandoaran o exercicio da prostitución como medio de vida.

No artigo 18º que regula os criterios de valoración, establécese que se lle dará preferencia a aqueles estudos, informes ou campañas que se proxecten sobre territorios menos favorecidos e cun maior índice de desemprego, os que teñan un ámbito de actuación superior ao municipal e impliquen, no seu deseño e execución, a outras entidades locais do contorno e aqueles proxectos nos que elaboración do seu contido e posterior desenvolvemento conten coa participación dos axentes económicos e sociais con presencia no territorio, ou cando estiveran vinculados ou xurdiran en aplicación dun pacto local ou territorial de emprego.

O artigo 23º regula a contratación dos traballadores, e establece que despois da selección dos traballadores os contratos deberán  formalizarse no exercicio 2006 e rematar, como data límite, o 30 de xuño de 2007.

No artigo 26º que regula a definición do programa para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio para a creación de emprego, engádense como funcións dos axentes de emprego a xestión das axudas para favorecer o emprego, sobre todo daqueles colectivos con maiores dificultades, a información ás empresas dos instrumentos de promoción e fomento da competitividade empresarial, a promoción da cultura emprendedora fomentando iniciativas empresariais e apoiando novos proxectos de autoemprego individual ou colectivo, a comunicación a empresas e emprendedores das subvencións para a formación e o emprego, facilitando a inserción laboral dos demandantes de emprego, en especial dos participantes en políticas activas de emprego, identificando as necesidades de persoal das empresas, así como, a observación estratéxica do territorio e a realización de estudos co fin de detectar as necesidades formativas e educativas da población desempregada.

No artigo 28º que regula os criterios de valoración, suprímense da orde anterior como criterios de preferencia as prórrogas de subvencións concedidas en exercicios anteriores e os proxectos de maior interese xeral e social.

No artigo 29º que regula a selección dos axentes de emprego e dos integrantes das unidades de apoio, modifícase establecendo que esta selección corresponderalle á entidade beneficiaria da subvención logo da presentación de oferta xenérica ante o servizo público de emprego e non a un grupo de traballo mixto como establecía a orde anterior.

O artigo 30º que regula a contratación establece que a subvención para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio concederase por un período máximo de doce meses, suprimindo a posibilidade establecida na orde anterior da prórroga desta por iguais períodos de ata un máximo de seis anos, incluído o inicial.
  
De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases que regulan, para o exercicio do ano 2006, as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos Programas de Cooperación, no ámbito de colaboración coas entidades locais e cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria” consta de: Exposición de motivos, tres capítulos, trinta e un artigos, sete disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 13 de febreiro de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais de carácter unánime sobre a valoración da norma e sete consideracións específicas de carácter unánime.

Contén asi mesmo, como anexo, unha consideración específica sobre a valoración da norma de carácter non unánime, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia.


DICTAME 17/06

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se establecen as bases que regulan, para o exercicio do ano 2006, as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos Programas de Cooperación, no ámbito de colaboración coas entidades locais e cos órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, e se procede á súa convocatoria, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 3 de febreiro de 2006, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 12 de xaneiro de 2005, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira.

Este Comité Delegado do Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames ten que reiterarse no sinalado na consideración xeral primeira nos ditames 2/06 a 10/06, no senso de que limita as súas aportacións neste ditame a aquelas cuestións que resultou materialmente posible abordar toda vez que no breve lapso temporal de cinco días téñense recibido no Consello Galego de Relacións Laborais un total de DEZASEIS proxectos normativos integrando un conxunto de CATROCENTAS CINCUENTA E NOVE páxinas.

Segunda.

Este Comité Delegado propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a suprimir calquera referencia que poda supoñer a utilización dunha linguaxe sexista.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.- Exposición de motivos

No cuarto parágrafo da exposición de motivos figura a expresión “unha vez derrogado o Programa Labora”.

Este Comité Delegado manifesta que se teña en conta que o proxecto normativo sobre a derrogación do citado Decreto aínda non foi publicado oficialmente.

Segunda.- Artigo 4º. Competencia e resolución.

O Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establece no artigo 2º, apartado 5, no que se regulan as funcións do Comité Autonómico de Emprego, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería. Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Director Xeral ou do Conselleiro. Asi mesmo, o citado Decreto establece no artigo 6º, apartado 3,  no que se regulan as funcións dos Comités  provinciais de Emprego, a de emitir informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia da delegación provincial da Consellería.

Este informe, preceptivo, deberá emitirse a vista da proposta de resolución da comisión de valoración e antes da emisión da resolución do Delegado ou Delegada Provincial ou do Director/a Xeral.

Polo exposto, este Comité Delegado propón que neste artigo 4º se inclúa un apartado que estableza que antes de ditarse resolución deberá emitirse informe polo Comité Provincial de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral ou polo Comité Autonómico de Emprego, segundo os casos.

Terceira.- Artigo 4º. Competencia e resolución.

O prazo máximo que se establece para resolver as solicitudes presentadas é de seis meses, período que se considera excesivo, polo que este Comité propón que se resolvan nos tres meses seguintes ao da entrada da solicitude no rexistro correspondente.

Así mesmo, no apartado 6, establécese que o prazo poderá ampliarse excepcionalmente de conformidade co artigo 42.6 da Lei 30/1992, do 26 de novembro.

Este Comité, de acordo coa proposta anterior, considera que debe suprimirse esta excepción, máxime tendo en conta que ao ser impreciso o prazo pode producir inseguridade xurídica.

Cuarta.- Artigo 6º. Xustificación e pagamento.

Neste artigo se regula a forma de xustificación e pagamento das distintas axudas reguladas no proxecto normativo.

Este Comité delegado observa que non se regula a xustificación da subvención para a contratación de axentes de emprego e integrantes das unidades de apoio, que sen embargo si constaba no artigo 8º da Orde do 31 de xaneiro de 2005.

Quinta.- Artigo 10º. Contía.

O apartado a) deste artigo establece que non se poderá deducir da contía da subvención o importe da indemnización prevista polo artigo 49.1 c) do Estatuto dos Traballadores.

Este Comité propón que esta indemnización sexa considerada como un gasto elixible.

Sexta.- Artigo 27º. Contía.

Este artigo establece a contía máxima da subvención para a contratación de axentes de emprego e unidades de apoio para a creación de emprego, que ascenderá, conforme ao establecido no artigo 20º, ao importe dos custos salariais maila parte proporcional das pagas extraordinarias e a correspondente cotización empresarial á Seguridade Social dos traballadores contratados.

Este Comité considera que deberíase contemplar tamén neste artigo a concesión dunha subvención dun 10% para gastos de difícil xustificación, como fai a Dirección Xeral de Formación e Colocación no programa de subvención da contratación de orientadores laborais.

Polo exposto, se propón que se amplíe a contía da subvención contemplando un 10% para gastos de difícil xustificación.

Sétima.- Artigo 28º. Criterios de valoración

Este artigo regula os criterios de preferencia a ter en conta para efectuar a selección das entidades beneficiarias e das axudas a conceder.

Este Comité considera que debe engadirse un apartado e) coa seguinte redacción: “Os proxectos que, na súa realización, permitan e apoien a creación de proxectos empresariais para a súa consolidación en empresas, sempre que dean resposta ao establecido nas letras b) e c) deste artigo”.


ANEXO

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Artigo 30º. Contratación.

Regúlase neste artigo a contratación dos axentes de emprego e dos integrantes das unidades de apoio, sendo a subvención por un período máximo de 12 meses.

A Confederación de Empresarios de Galicia propón que se contemple neste artigo a posibilidade de prórroga dos axentes e/ou unidades de apoio, engadindo no seu apartado 5 “podendo prorrogarse por iguais períodos ata un máximo de seis anos, incluído o inicial”, tal e como facía a Orde de 31 de xaneiro de 2005.

Así mesmo debe incluírse na Orde a posibilidade de solicitar a prórroga da subvención concedida por cada axente contratado e/ou unidade de apoio, que competirían en réxime de concorrencia competitiva coas solicitudes novas (art. 24º da mesma Orde de 31 de xaneiro de 2005).