ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 18/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROCEDEMENTO DE ABOAMENTO DE COTAS Á SEGURIDADE SOCIAL AOS COTITULARES DE EXPLOTACIÓNS AGRARIAS, E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2006

I. ANTECEDENTES

O día 15 de febreiro de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social aos cotitulares de explotacións agrarias, e se procede á súa convocatoria para o ano 2006, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A disposición adicional cuadraxéximo novena da Lei 30/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2006, establece unha reducción durante tres anos do 30 por cento da cota por continxencias comúns de cobertura obrigatoria, a favor dos cotitulares de explotacións agrarias, sempre que se trate de persoas menores de 40 anos e que o seu cónxuxe, cotitular dunha explotación agraria, estea de alta no Réxime Especial Agrario da Seguridade Social.

A Consellería de Traballo, coa finalidade de facilitar o alta na Seguridade Social dos cotitulares de explotacións agrarias, regula neste proxecto normativo o procedemento de aboamento de cotas ás persoas beneficiarias da reducción do 30% citada anteriormente, incorporando un complemento do 20%, o que fai que a reducción chegue ao 50%.

Non existen antecedentes, xa que é a primeira vez que este proxecto normativo se recibe para ditame.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social aos cotitulares de explotacións agrarias, e se procede á súa convocatoria para o ano 2006” consta de: Exposición de motivos, trece artigos, cinco disposicións adicionais e dúas derradeiras.

O día 24 de febreiro de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais e oito consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.


DITAME 18/06

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde da Consellería de Traballo, pola que se establecen as bases reguladoras do procedemento de aboamento de cotas á Seguridade Social aos cotitulares de explotacións agrarias, e se procede á súa convocatoria para o ano 2006, con data de rexistro de entrada neste Consello o 15 de febreiro de 2006, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 24 de febreiro de 2006, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

No título, así como en diversos preceptos da norma, utilizáse a expresión “cotitular”, para referirse ás posibles beneficiarias das axudas que se establecen.

Dadas as peculiaridades do réxime de propiedade existente en Galicia, este Comité considera máis apropiado utilizar a expresión “cónxuxe ou parella de feito do titular” en lugar de “cotitular”, para non privar das axudas ás persoas que obxectivamente deberan ser beneficiarias, pero que en rigurosos termos legais poden non ostentar a condición de cotitulares.

Segunda.

As axudas establecidas neste proxecto normativo diríxense ás persoas menores de corenta anos, en aplicación mimética da norma estatal (disposición adicional 49ª da Lei 30/2005, de Orzamentos Xerais do Estado para 2006).

Considerando que en Galicia existe un importante colectivo de mulleres maiores de 40 anos que deberían ser obxectivamente beneficiarias destas axudas, este Comité propón, para favorecer a finalidade social desta norma,  ampliar o ámbito das axudas, establecendo un incentivo para as persoas maiores de 40 anos, e neste caso, por unha porcentaxe superior ao 20%, dado que estas en ningún caso poden acollerse ás axudas establecidas a nivel estatal.

Terceira.

Este Comité Delegado propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a suprimir calquera referencia que poda supoñer a utilización dunha linguaxe sexista.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.-  Artigo 1º. Obxecto, finalidade e principios de xestión.

No parágrafo 2, letra a) deste artigo alúdese aos principios que rexen a xestión do programa que se regula neste proxecto normativo.

Este Comité considera que hai que engadir o principio de control, como único garante que asegure que a finalidade das axudas e subvencións solicitadas cumpra o seu fin, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse a seguinte redacción: “ a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, control, igualdade e non discriminación”.

Segunda.-  Artigo 2º. Beneficiarios.

Tendo en conta o sinalado nas consideracións xerais primeira e segunda deste ditame, este Comité considera que debería suprimirse o apartado d) deste artigo, xa que, por unha parte, podería darse o caso de que persoas menores de 40 anos, que non teñen a condición legal de cotitulares, non podan solicitar a axuda estatal.
Por outra parte, hai que ter en conta que as persoas maiores de 40 anos, para as que este Comité entende que deberíanse establecer axudas superiores, en ningún caso poderán acollerse á norma estatal.

Terceira.- Artigo 5º. Solicitudes e prazo.

Este Comité propón que no apartado 2 deste artigo se engada un parágrafo que estableza a prórroga automática durante os dous exercicios seguintes daquelas solicitudes que resulten aprobadas.

Así mesmo, considérase que no apartado 5 deste artigo debe figurar que a presentación da solicitude de subvención polo interesado comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar non só a certificación a emitir pola Tesouraría de Seguridade Social, senón tamén as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 43º da Lei 7/2005, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma de Galicia para o ano 2006 (DOG nº 250, do 30 de decembro).

Cuarta.- Artigo 6º. Documentación.

Este artigo establece que a solicitude deberá presentarse no modelo normalizado que figura como anexo a esta orde.

Este Comité manifesta que non pode pronunciarse sobre o anexo por non terse remitido pola Consellería xunto co borrador do proxecto normativo.

Por outra banda, este Comité observa que neste artigo falta esixir a acreditación de que o cónxuxe ou parella de feito da persoa que solicita a subvención é titular dunha explotación agraria.

Respecto ao establecido no apartado a) deste artigo, este Comité considera que débese eliminar a expresión “ou copia do NIF”, posto que esta tarxeta non pode substituir ao DNI.

Respecto ao establecido no apartado d) deste artigo, este Comité considera que non é acertada a redacción do que figura entre paréntese, propoñendo substituir “no modelo de solicitude” pola frase “que figura nun apartado do modelo de solicitude anexo a esta orde”.

Quinta.- Artigo 8º. Resolución e recursos.

Este artigo establece que, no caso de que no prazo de seis meses non se ditase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude”.

Este Comité propón que o prazo para resolver sexa de tres meses, considerando o de seis meses excesivamente longo.

Así mesmo, considérase desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia doutras posibilidades para o suxeito, en este caso o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica, polo que este Comité propón a substitución da forma “poderá entenderse” por “entenderase”.

Sexta.- Artigo 9º. Xustificación do pagamento e pagamentos parciais.

Establece este artigo que poderá acordarse o pagamento parcial ata o 80% da subvención concedida, a medida que o beneficiario xustifique os libramentos anteriores.

Este Comité considera que debería establecerse un procedemento similar ao que figura para a bonificación de cotas á Seguridade Social no caso de contratación de determinados traballalores, co obxecto de garantir ao beneficiario o cobro da axuda o máis axiña posible, preferiblemente, por exemplo, mediante un convenio Xunta de Galicia- Tesouraría da Seguridade Social, de maneira que a beneficiaria deduza a porcentaxe de bonificación directamente no boletín de cotización e a Seguridade Social a recupere da Xunta de Galicia.

Sétima.- Artigo 11º. Obrigas dos beneficiarios.

Este Comité considera que debe figurar expresamente no apartado c) deste artigo cales son as obrigas establecidas no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Así mesmo, no artigo 13º deben figurar expresamente os casos e os termos previstos, para a revogación e reintegro, no citado artigo 78, así como no artigo 19 do Decreto 287, 2000, do 26 de novembro.

Oitava.- Disposición Adicional Quinta.

Esta disposición establece que a concesión das axudas estará suxeita á existencia de crédito orzamentario, sendo por importe de 1.000.000 euros, para o exercicio de 2006.

Dado o carácter da norma que se somete a ditame e a súa finalidade, este Comité considera que non debería figurar unha limitación de crédito que poda conducir a que algunhas solicitudes que cumpran todos os requisitos (entre eles, a alta da afectada na Seguridade Social) resulten denegadas por insuficiencia de crédito orzamentario.

Así mesmo, no último parágrafo desta disposición, obsérvase a existencia dun erro ao aludir ao aboamento de cotas á Seguridade Social aos perceptores da prestación por desemprego na súa modalidade de pagamento único.