ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 19/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE REGULA O PROGRAMA DE FOMENTO DA INSERCIÓN LABORAL DAS MULLERES VÍTIMAS DE VIOLENCIA

I. ANTECEDENTES

O día 7 de marzo de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se regula o programa de fomento da inserción laboral das mulleres vítimas de violencia, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

A Consellería de Traballo, con esta orde, pretende establecer accións positivas dirixidas a mulleres con especiais dificultades de inserción como son as mulleres vítimas de violencia toda vez que un gran número destas mulleres carecen dun traballo remunerado e en ocasións contan con escasas posibilidades de obtelo. Esta falta de autonomía económica dificulta a posibilidade, en moitos casos, de romper a situación de violencia que viven no fogar.

Con este obxectivo regúlase  o Programa de fomento da inserción laboral das mulleres vítimas de violencia, incardinado dentro das políticas activas de emprego; un programa baseado na solidaridade dirixido a este colectivo de mulleres, facilitando a súa inserción sociolaboral a través das distintas medidas de mellora da empregabilidade e de fomento do emprego: orientación profesional, cursos de formación ocupacional, programas mixtos de formación-emprego, programas experienciais, incentivos á contratación por conta allea e fomento do autoemprego, que pretenden impulsar a mellora das condicións do mercado de traballo, contribuíndo á reducción dos niveis de desemprego en Galicia.

O programa de fomento da inserción laboral das mulleres vítimas de violencia aparece regulado por primeira vez en 2003, coa Orde do 5 de xuño, que expresamente derroga o novo proxecto normativo. Ata o exercicio pasado a inserción laboral deste colectivo formalizábase coa súa contratación a través de Programas de Cooperación, para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social.

No novo proxecto normativo, o artigo 1º, que regula o obxecto e contido desta orde, establece o programa de fomento da inserción laboral das mulleres vítimas de violencia que estean desempregadas. A incorporación a este programa lles permite o acceso aos servizos de orientación profesional e aos cursos de formación ocupacional; a participación en escolas obradoiro, casas de oficios ou obradoiros de emprego; a participación en programas de cooperación ou experienciais, a través dun contrato temporal de 12 meses de duración, así como o establecemento de incentivos adicionais para a súa contratación por conta allea e nas distintas fórmulas de autoemprego.

É requisito imprescindible que as mulleres que desexen incorporarase ao programa presenten a correspondente solicitude, xunto coa documentación sinalada no artigo 2º.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se regula o programa de fomento da inserción laboral das mulleres vítimas de violencia” consta de: Exposición de motivos, oito artigos, unha disposición adicional, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria  e dúas disposicións derradeiras.

O día 20 de marzo de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral de carácter unánime sobre a valoración da norma e oito consideracións específicas de carácter unánime.


DICTAME 19/06

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de “Orde pola que se regula o programa de fomento da inserción laboral das mulleres vítimas de violencia, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 7 de marzo de 2006, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de marzo de 2006, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:



CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Única.

O Comité Delegado polo Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais considera que debería contemplarse unha axuda de carácter xeral para este tipo de situacións e non só complementaria das outras axudas, xa que pode darse o caso de que a muller non cumpra os requisitos para esas outras axudas e, en consecuencia, tampouco podería beneficiarse desta.

Esta axuda de carácter xeral debería dispoñer de criterios de maior flexibilidade nos requisitos esixidos ás mulleres vítimas de violencia para incorporarse ao programa de fomento da súa inserción laboral e seren beneficiarias dos programas e incentivos regulados no proxecto normativo.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 2º. Solicitude de incorporación ao programa.

No parágrafo primeiro remite ao modelo de solicitude que se publica como Anexo I a esta orde.

Este Comité Delegado manifesta que non pode facer consideración ou valoración algunha sobre este modelo de solicitude xa que non se remitiu o devandito Anexo I xunto co borrador da Orde.

Segunda.- Artigo 3º. Incorporación das beneficiarias.

No parágrafo primeiro deste artigo se establece que “Transcorrido o prazo de 6 meses desde a entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para resolver sen que se ditara resolución expresa, as solicitudes entenderanse estimadas”.

Este Comité Delegado valora positivamente que o silencio administrativo sexa positivo, aínda que considera excesivo o prazo de 6 meses, propoñendo que as solicitudes se entendan estimadas transcorrido o prazo de 2 meses.

Terceira.- Artigo 4º. Programas de mellora da empregabilidade.

O apartado 2 deste artigo establece que as mulleres que manifestaran  a súa intención de integrarse en accións de formación profesional ocupacional consensuarán co/a orientador/a laboral correspondente, a tipoloxía da acción formativa na que se considere conveniente a súa inclusión.

Este Comité delegado propón que, sobre todo e atendendo ás especiais características das beneficiarias deste programa, se poña en marcha un itinerario de inserción individualizado para cada unha destas mulleres.

Cuarta.- Artigo 6º. Programas de cooperación.

No apartado 3.a) deste artigo establécese que as subvencións para a contratación de beneficiarias do Programa deberanse solicitar polas propias entidades contratantes, por iniciativa propia, a instancia da propia beneficiaria ou da Consellería de Traballo.

Este Comité delegado propón que se aclare a redacción dada a este apartado porque considera que a iniciativa da solicitude sempre ten que vir da entidade contratante e non pode impoñerse nin pola beneficiaria nin pola Consellería.

Quinta.- Artigo 6º. Programas de cooperación.

O apartado 4 deste artigo establece un incentivo á mobilidade xeográfica se o centro de traballo estivese ubicado nun concello distinto ao do  domicilio das beneficiarias, agás que estes disten menos de 10 quilómetros entre as súas cabeceiras.

Este Comité delegado considera que neste apartado debe figurar a contía do incentivo á mobilidade xeográfica.

Sexta.- Artigo 6º. Incentivos á contratación por conta allea.

Este Comité delegado considera que existe un erro na numeración deste artigo, xa que aparece repetido o artigo 6º debendo ser este o artigo 7º.

Sétima.- Artigo 7º. Programa de fomento do autoemprego, economía social e iniciativas de emprego.

Este artigo, que por erro figura como 7º e ten que ser o 8º, regula os incentivos para as mulleres desempregadas que sexan beneficiarias do programa e creen o seu propio posto de traballo.

Este Comité considera que no apartado primeiro deste artigo 8º debe suprimirse a obviedade, propoñendo a seguinte redacción a este apartado: “As mulleres desempregadas beneficiarias do programa que creen o seu propio posto de traballo que se acollan aos incentivos previstos nos programas de apoio ao autoemprego, á economía social e ás iniciativas de emprego, convocadas pola Consellería de Traballo, recibirán ademais un incentivo adicional de 600 € cando se trate de axudas ou incentivos nos que este colectivo non estea contemplado especificamente como beneficiario delas”.

Oitava.- Disposición derrogatoria.

Nesta disposición aparece incorrectamente o artigo en castelán “el” en lugar do galego “o”.

Este Comité delegado propón que se corrixa o citado erro e que se proceda á revisión ortográfica de todo o texto do proxecto normativo, xa que detectáronse algúns erros no idioma galego, tanto na exposición de motivos (quinto e sexto parágrafo) como ao longo de todo o articulado desta orde.