ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 20/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE REGULAN OS ACORDOS SECTORIAIS DE ESTABILIDADE E SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DO PROGRAMA DE INCENTIVOS A PLANS EMPRESARIAIS DE ESTABILIDADE LABORAL, COFINANCIADO POLO FONDO SOCIAL EUROPEO E SE PROCEDE Á SÚA CONVOCATORIA PARA O ANO 2006

I. ANTECEDENTES

O día 9 de marzo de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se regulan os acordos sectoriais de estabilidade e se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos a plans empresariais de estabilidade laboral, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2006, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.
Esta orde establece unha política de fomento da contratación indefinida a través de plans sectoriais de estabilidade nos que se partirá dunha análise do nivel de estabilidade dos traballadores asalariados de cada sector da actividade económica. Para cada sector, a taxa de partida así como a súa evolución, determinarase mediante un acordo sectorial consensuado e pactado entre os axentes sociais galegos que integran o Consello Galego de Relacións Laborais. Establécense, así mesmo, procedementos para analizar as contratacións que se subscriban no sector e o nivel de estabilidade deste.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde reguladora dos programas para o fomento da estabilidade no emprego, publicado no DOG o día 18 de marzo de 2005 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 21 de febreiro de 2005, obsérvase que foron tidas en conta dúas das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Elimínanse deste novo proxecto normativo os programas de fomento da contratación indefinida de colectivos con maiores dificultades de inserción no mercado de traballo e de fomento da contratación indefinida inicial de mozos vinculada a proxectos I+D (anexos I e III da orde de 2005), por aparecer, neste exercicio 2006, xa regulados noutras ordes separadas.

Engádese un capítulo I que regula o acordo sectorial de estabilidade ao que deberá acollerse a empresa que solicite os incentivos á contratación que se establecen nesta orde, respectando as taxas pactadas para o sector de que se trate.

O artigo 1º establece a definición de acordo sectorial de estabilidade que deben acadar os axentes sociais, a nivel autonómico, no seo do Consello Galego de Relacións Laborais, para determinar a taxa de estabilidade que terán que ter as empresas que soliciten os incentivos establecidos nesta orde e que pertenzan aos sectores de actividade regulados na disposición adicional sétima.

No artigo 2º regúlanse os requisitos e o contido do acordo, este deberá establecer a taxa de estabilidade inicial do sector e a taxa de estabilidade mínima que deberán acadar as empresas do sector coas contratacións que se realicen de xullo de 2005 a setembro de 2006.

No punto 2, establécese a creación en cada acordo sectorial dunha subcomisión, no seo de cada Comité Provincial de Emprego, para a análise da contratación temporal do propio sector e o seguimento da contratación laboral.

O punto 3, remite á disposición adicional sétima desta orde onde se establecen os sectores productivos que poderán ser obxecto de acordo sectorial.

No punto 5, establécese o prazo de 10 días dende a entrada en vigor desta orde para a sinatura dos acordos sectoriais.

O punto 7, regula a competencia do director xeral de promoción do emprego para establecer a taxa inicial e a taxa de estabilidade mínima a acadar para aqueles sectores nos que non houbera acordo.

O artigo 7º establece a definición de plans empresariais de estabilidade laboral.

No punto 1, regúlanse os plans vinculados a acordos sectoriais de estabilidade que se elaboren a nivel de empresa, subvencionando as contratacións indefinidas iniciais ou por transformación de contratos temporais en indefinidos que realicen entre o 1 de xullo de 2005 e o 30 de setembro de 2006 e acadando as taxas de estabilidade mínima previstas no acordo sectorial de estabilidade aplicable.

No punto 2, regúlanse os plans de estabilidade de empresas pertencentes a sectores que non están incluídos na disposición adicional sétima desta orde e que terán que acadar, entre os meses de xullo de 2004 a xuño de 2005, un incremento, como mínimo, de 5 puntos da taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa en Galicia, agás que teña unha taxa de estabilidade igual ou superior ao 80%, un incremento do emprego fixo, de modo que superen a media aritmética do cadro de persoal fixo da empresa en Galicia, así mesmo, as contratacións indefinidas iniciais deberán supor un incremento neto do emprego total que supere a media aritmética da totalidade do cadro de persoal da empresa en Galicia cunha taxa de estabilidade do cadro de persoal da empresa por mor destas contratacións igual ou superior ao 70% e sen que estas contratacións indefinidas podan implicar unha diminución da totalidade dos traballadores no conxunto dos centros de traballo da empresa en Galicia.

No artigo 8º que regula os incentivos, establécese un incremento nas contías de todos eles para os casos en que as contratacións se realicen con mulleres.  

O artigo 10º que regula as solicitudes e o prazo destas, establece que a presentación da solicitude de subvención xa comporta a autorización para que os documentos acreditativos de se encontraren ao día das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social sexan solicitados polo órgano xestor das axudas.

No artigo 11 que regula a documentación, establécese a obriga de presentar o acordo de adhesión da empresa solicitante ao acordo sectorial de estabilidade.

O artigo 15º que regula as incompatibilidades e concorrencia, establece a incompatibilidades dos incentivos á contratación indefinida con orixe en plans empresariais de incremento da estabilidade laboral, durante o seu período de execución, con outras axudas ou subvencións á contratación indefinida polos mesmos traballadores, agás coas bonificacións previstas no programa de axudas á contratación indefinida das persoas con discapacidade.
Na disposición adicional sétima enuméranse os sectores produtivos que poderán ser obxecto de acordo sectorial.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se regulan os acordos sectoriais de estabilidade e se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos a plans empresariais de estabilidade laboral, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2006” consta de: Exposición de motivos, cinco capítulos, vinte artigos, oito disposicións adicionais, unha transitoria e dúas derradeiras.

O día 20 de marzo de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais de carácter unánime e nove consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén asi mesmo, como anexos, as consideracións sobre a valoración da norma, de carácter non unánime: dúas manifestadas polas tres organizacións sindicais representadas no Consello (anexo I), unha consideración manifestada polos sindicatos UGT-Galicia e SN de CC.OO. de Galicia (anexo II), unha consideración manifestada pola CIG (anexo III) e as consideracións manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo IV).


DITAME 20/06

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se regulan os acordos sectoriais de estabilidade e se establecen as bases reguladoras do programa de incentivos a plans empresariais de estabilidade laboral, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2006, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 9 de marzo de 2006, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 20 de marzo de 2006, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

Este Comité Delegado propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a suprimir calquera referencia que poda supoñer a utilización dunha linguaxe sexista.

Segunda.

Este Comité Delegado propón que se flexibilicen os prazos establecidos no proxecto normativo tanto para a presentación de solicitudes como para a execución dos plans empresariais de estabilidade, así como o prazo sinalado no artigo 2º.5 para asinar o acordo sectorial, que consideramos excesivamente curto.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.-  Exposición de motivos.

No parágrafo sétimo da exposición de motivos do proxecto normativo figura a seguinte frase: “... acordo sectorial consensuado e pactado entre a Confederación de Empresarios de Galicia, en adiante CEG, e os representantes sindicais máis representativos (UXT, SNCCOO e CIG)”.

Este Comité Delegado propón, como redacción máis axeitada, a seguinte:
“... acordo sectorial consensuado e pactado entre a Confederación de Empresarios de Galicia, en adiante CEG, e as organizacións sindicais máis representativas (UGT- Galicia, SN de CC.OO de Galicia e CIG)”.

Así mesmo, segundo o disposto no parágrafo sexto da exposición de motivos, podería considerarse esta orde como transitoria mentres non exista un acordo tripartito, a través do diálogo social. Porén, no penúltimo parágrafo, alúdese aos créditos que financiarán as axudas nos vindeiros exercicios.

Polo exposto, este Comité Delegado propón eliminar o disposto no penúltimo parágrafo da exposición de motivos, agás o que figura no último punto que se refire ao exercicio de 2006.

Segunda.-  Artigo 3º. Obxecto, finalidade e principios de xestión.

No apartado 4. a) deste artigo establécese que a xestión deste programa realizarase de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

Este Comité considera que hai que engadir o principio de control, como único garante que asegure que a finalidade das axudas e subvencións solicitadas para cada programa cumpra o seu fin, sendo a administración competente responsable deste control, polo que, proponse a seguinte redacción: “ a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, control, igualdade e non discriminación”.

Terceira.- Artigo 5º. Ámbito de aplicación.

No apartado 1.a) deste artigo establécese que as empresas deberán cumprir o establecido no acordo sectorial de estabilidade, de acordo co establecido no capítulo I da orde.

Tendo en conta que no apartado 7 do artigo 2º  facúltase ao director xeral de Promoción do Emprego para resolver nos casos nos que non houbera acordo, este Comité Delegado propón que no citado apartado 1.a) deste artigo se engada “ou na resolución do director xeral de Promoción do Emprego se non houbera acordo”.

Así mesmo, neste artigo 5º, apartado 2, oitavo parágrafo, figura a expresión “termo da vixencia do contrato”, sendo o correcto substituir a palabra “termo” pola de “término ou remate”.

Cuarta.- Artigo 7º. Definición.

Establece este artigo que se entende por plan empresarial de estabilidade e taxa de estabilidade.

Este Comité Delegado considera que neste artigo falta previsión respecto da necesidade de información aos representantes legais do persoal da empresa.

Así mesmo, no apartado 5 deste artigo alúdese a un modelo normalizado anexo ao proxecto normativo que non foi remitido xunto con este.

Quinta.- Artigo 11º. Documentación.

Faise constar que os modelos normalizados e anexos que se citan neste artigo non foron remitidos para ditame.

No apartado 1 deste artigo esíxese, xunto coa solicitude, DNI e acreditación do NIF. Este Comité Delegado considera que se o solicitante é persoa física é suficiente co DNI, polo que debe suprimirse “acreditación do NIF”.

No apartado 8 deste artigo esíxese a presentación do “acordo de adhesión da empresa ao acordo sectorial de estabilidade”.

Este Comité Delegado considera que pode non existir ese acordo, polo que a redacción correcta sería “acordo, se é o caso, de adhesión da empresa ao acordo sectorial de estabilidade”.

Sexta.- Artigo 13º. Resolución e recursos.
Considerando que os artigos 2º e 6º do Decreto 32/1999, do 5 de febreiro, polo que se crea e se regula o Comité Autonómico de Emprego e os Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral establecen que os citados órganos emitirán informe sobre a programación das distintas medidas das políticas activas de emprego cando a resolución sexa competencia dos servicios centrais da Consellería ou da delegación provincial, respectivamente, este Comité Delegado propón que se recolla neste artigo a emisión do citado informe, preceptivo, antes da emisión da resolución do órgano competente.

Así mesmo, establécese no apartado 2 deste artigo que, no caso de que no prazo de seis meses non se dictase resolución expresa, “poderá entenderse desestimada a solicitude”.

Este Comité considera excesivo o prazo de seis meses, polo que propón que sexa de tres meses. Así mesmo, considera desacertado o emprego da expresión “poderá entenderse”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia de outras posibilidades para o suxeito, en este caso o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica.

As organizacións sindicais e empresariais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen substituir a expresión “poderá entenderse” por “entenderase”.

Sétima.- Artigo 14º. Xustificación do pagamento.

O apartado 1 deste artigo condiciona o pagamento das axudas á presentación dunha serie de documentos, figurando en primeiro lugar o DNI dos traballadores contratados.

Tendo en conta que o DNI é un documento persoal e instransferible, este Comité Delegado propón que a documentación a presentar poda ser orixinal ou cotexada.

Oitava.-  Artigo 15º. Incompatibilidades e concorrencia.

O apartado 4 deste artigo establece que os incentivos regulados nesta orde non poden superar os límites fixados pola Unión Europea e polo artigo 78.8ª do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Este Comité Delegado considera que os citados límites deben establecerse expresamente no texto do artigo.
Novena.-  Disposición adicional primeira.

Obsérvase a existencia dun erro ortográfico nesta disposición, debendo substituirse “lle vará” por “levará”.


ANEXO I
CONSIDERACIÓNS NON UNÁNIMES SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA, SN DE CC.OO. DE GALICIA E CIG:

Primeira.

No Comité Autonómico de Emprego acordouse establecer un procedemento de incentivos á estabilidade mediante acordos sectoriais, os que fixarían a taxa inicial do sector, taxa de partida que debe acadar toda empresa do sector para ter acceso aos incentivos, ademáis dunha taxa obxectivo próxima, como mínimo, á media de Galicia e unha serie de tramos porcentuais e temporais para a súa consecución.

De acordo co exposto, as organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais consideran que é preciso chegar a acordos sectoriais en todos os sectores produtivos e non soamente nos cinco establecidos na orde, polo que propoñen que sexa eliminada a disposición adicional sétima, modificándose en consecuencia todo o texto do proxecto normativo.

Segunda.
O artigo 7º, letra b), segundo parágrafo, establece que para o cómputo do cadro de persoal fixo non se terán en conta as baixas producidas por propia vontade do traballador, ou, entre outras causas, por xubilación.
As organizacións sindicais que integran o Consello Galego de Relacións Laborais propoñen que non se teña en conta a propia vontade do traballador para o cómputo do cadro de persoal fixo e, respecto á xubilación, que soamente se teña en conta a xubilación anticipada.



ANEXO II
CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS UGT-GALICIA E SN DE CC.OO. DE GALICIA:
As organizacións sindicais UGT-Galicia e o SN de CC.OO. de Galicia consideran que o proxecto normativo que se somete a ditame da resposta ás propostas plantexadas no ditame do exercicio pasado, xa que o obxectivo deste é rebaixar a taxa de temporalidade na Comunidade Autónoma de Galicia e esixir ás empresas acadar taxas de estabilidade sectoriais, así como vincular as subvencións á contratación a pactos sectoriais entre organizacións sindicais e empresariais, establecendo nestes pactos mecanismos de seguemento e de control da contratación temporal.
Por último, consideramos que o proxecto normativo responde tamén ao acordado no Comité Autonómico de Emprego en relación ao deseño das políticas activas de emprego para o 2006.
Tendo en conta que o proxecto normativo alude a marcos sectoriais, debería clarificarse na orde que os pactos sectoriais, para ter rango xeral, deben subscribirse da mesma maneira que os acordos en materia de negociación colectiva.


ANEXO III

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN INTERSINDICAL GALEGA (CIG)


Na exposición de motivos (parágrafo sexto) da Orde que se ditamina, afírmase que a política de fomento do emprego e incremento da estabilidade, da Consellería de Traballo “ten por destinatarios aos diferentes colectivos con máis grandes problemas de inserción”.

Sen embargo, o texto articulado da Orde, contrariamente a esa afirmación, outorga carácter xeral ás subvencións, por canto que delas serán beneficiarias as empresas que cumpran os requisitos establecidos nesta norma, cando contraten traballadores/as por conta allea, coa única condición de que se trate de persoas desempregadas inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, ou ben afectadas pola simple transformación dun contrato temporal noutro indefinido.

Neste sentido, lembramos o sinalado no Ditame 17/05 deste Comité Delegado do Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais, que facéndose eco do manifestado polas organizacións sindicais en propostas unitarias anteriores (Avaliación e propostas en materia de Servizo Público de Emprego galego e Políticas Activas, Maio de 2003; e Propostas sindicais ante a situación do Servizo Público de Emprego de Galicia, Políticas Activas e Precariedade, 110 propostas concretas ao Comité Autonómico de Emprego, Setembro de 2003), insiste na necesidade de “redefinir as políticas activas de fomento do emprego arredor dos seguintes eixes:


· As medidas, en calquera caso, estarán destinadas aos colectivos específicos que se determinen, coa única excepción das dirixidas á conciliación da vida laboral e familiar e á reducción da xornada laboral ordinaria sen perda de salario.

· Destinar os recursos dos programas de transferencias correntes ás empresas, ata onde sexa posible, a outras políticas activas de emprego.

· Conexión de todas as axudas á negociación colectiva de ámbito superior á empresa.”


ANEXO IV
CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

1. - Consideracións xerais á exposición de motivos da Orde.

Sinálase na exposición de motivos que:

“O alto índice de precariedade laboral constitúe un dos máis importantes problemas estructurais do noso mercado de traballo”.

O concepto de “precariedade laboral” utilizado no texto da exposición de motivos excede o obxecto da orde, que non é outro que tratar de fomentar a contratación indefinida, reducindo as taxas de temporalidade dos nosos sectores produtivos naqueles casos en que sexa posible pois, como todos sabemos, a elección dunha concreta modalidade contractual depende de varios factores entre os que cabe destacar a causa da contratación, pero tamén a evolución favorable ou non do ciclo económico no que se atopa inmersa a empresa, a existencia de pedidos ou o incremento das relacións comerciais desta, entre outros moitos, determinan as posibilidades de contratación.

Proponse cambiar este parágrafo polo seguinte:

“A reducción da taxas de temporalidade, tendo en conta a realidade de cada un dos sectores da nosa economía e a mellora da súa competitividade, constitúe unha das medidas necesarias para mellorar a produtividade, a nosa economía e, por consecuencia, o benestar, o emprego e a cohesión da nosa sociedade”.

2. - Capítulo I. “Acordo Sectorial de estabilidade” e esixencia da taxa de estabilidade do 70%.

O concepto “Acordo Sectorial de estabilidade” pode inducir a erro, pois pode parecer que se trata dun acordo polo que se fixa unha obriga de alcanzar unha determinada taxa de estabilidade para todo o sector. De feito parece caer nesta confusión na redacción do art. 2º.2 que sinala que “Cada acordo sectorial establecerá unha subcomisión para a análise da contratación temporal do propio sector no seo de cada Comité Provincial de Emprego e de seguimento da contratación laboral. Esta subcomisión solicitará toda aquela información que considere oportuna, a fin de analizar as causas da temporalidade no sector para o cal se realizará un muestreo entre as empresas do sector”.

Así mesmo, sinálase (num. 3 do mesmo artigo 2º) que o acordo sectorial deberá ser asinado pola persoa que formalmente ostente a representación xeral ou sectorial das entidades anteriormente citadas.

Habería que simplificar estas regras pois realmente do único de que se trata é de fixar unha taxa de estabilidade mínima que deberán alcanzar as empresas que queiran solicitar as axudas, ao derivar esta fixación ao ámbito do Consello Galego de Relacións Laborais.

Hai que recoñecer que con esta opción se introduce certa flexibilización na medida inicialmente proposta pola Administración no seo do Comité Autonómico de Emprego, que unicamente establecía a posibilidade de acceso ao incentivo daquelas empresas que alcanzasen a taxa do 70%.

Non obstante, esta representación empresarial xa sinalou nese mesmo órgano a súa oposición á fixación dunha taxa tan elevada que deixaba fóra a importantes sectores da nosa economía, sendo partidaria da súa eliminación . Esta taxa de estabilidade, que é superior en catro puntos á taxa media galega fixada no 66%, non lle establece nas liñas de incentivos de outras moitas CCAA e nin sequera é tida en conta  nas bonificacións establecidas no Plan de Emprego Estatal.

Dende esta Confederación de Empresarios propoñemos:

a) Eliminar a taxa de estabilidade como requisito para o acceso ás axudas. A taxa de estabilidade proposta, ademais de ser superior á media de Galicia, non ten en canta as diferencias sectoriais derivadas da súa distinta realidade produtiva.

Debe, polo tanto, incentivarse a estabilidade como unha tendencia da empresa, pero sen esixencia dunha taxa de estabilidade como requisito para o acceso ás axudas, que suporía unha limitación da eficacia da medida.

b) Subsidiariamente, de non ser aceptada a eliminación da taxa de estabilidade,  o que levaría consigo á súa vez a innecesariedade do ASE, propoñemos as seguintes modificacións:

· Redenominar o Acordo Sectorial de Estabilidade (ASE) por Acordo de taxa de estabilidade mínima para acceder ás axudas.
· A taxa de estabilidade inicial do sector establecida no art. 2º .1 a) non debe fixarse por Acordo, senón que por un criterio razoable debe ser establecida pola Administración, por aplicación dos datos das fontes oficiais.
· Loxicamente, á parte dos Comités Provinciais de Emprego, debe ter unha intervención importante o propio Comité Autonómico de Emprego no seguimento da contratación, que é o que pode ter unha visión de conxunto de toda a Comunidade Autónoma.
· Debe eliminarse a mención do art. 2º.2 que establece a facultade de solicitar, por parte das subcomisions de seguimento creadas nos Comités Provinciais de Emprego, toda aquela información que considere oportuna, á fin de analizar as causas da temporalidade no sector para o cal se realizará unha mostraxe entre as empresas do sector.   Entendemos que a información que haberá de utilizarse é a baseada en fontes oficiais e non en mostraxes o contido dos cales se descoñece, así mesmo o que haberá que analizar é a evolución da contratación nos diferentes sectores, pero non “as causas da temporalidade”. Formulamos polo tanto a seguinte redacción alternativa: “…Esta subcomisión solicitará toda aquela información oficial que considere oportuna, á fin de analizar a evolución da contratación no sector, co obxectivo de determinar a eficacia do programa ao remate deste.” Outro tipo de acordos, deben deixarse para outros ámbitos de negociación que entendemos máis axeitados (diálogo social) que unha medida provisional como a que se propón e na que só se dan dez días para formalizar o acordo.
· Se do que se trata é de establecer soamente a taxa mínima a alcanzar non é necesario esixir un “Acordo de adhesión da empresa ó acordo sectorial de estabilidade” (núm. 8 do art. 11º). Propoñémos a súa eliminación por un principio, ademais, de simplificación administrativa.
· O art. 2º.3 remite á disposición adicional sétima en canto á fixación dos sectores productivos que poderán ser obxecto de acordo sectorial, que quedan reducidos aos sectores de agricultura, gandería, caza e silvicultura; industria téxtil e da confección; construcción; comercio minorista (agás o comercio de vehículos de motor, motocicletas e ciclomotores); reparación e hostelerÍa. Elimínase esta posibilidade para importantes sectores da nosa economía que en ordes de exercicios anteriores podían acceder, aínda que fose a través da vía da negociación colectiva.
· A Confederación de Empresarios de Galicia considera que esta iniciativa deixa á marxe importantes sectores e subsectores estratéxicos da nosa economía que tamén deberían ter a mesma posibilidade de acceder a unhas axudas como as establecidas na Orde, introducindo unha discriminación en contra doutros sectores que non se xustifica na súa exposición de motivos.

3. - Artigo 5º. - Ambito de aplicación.

Sinálase no seu apartado 2º que os plans deberán estar elaborados antes do 30 de xuño de 2006, sendo subvencionables no marco desta orde as contratacións realizadas entre o 1 de xullo de 2005 e o 30 de setembro de 2006.

De novo destacámos a escaseza de prazo tanto para solicitar coma para executar os plans. Dende a Confederación de Empresarios de Galicia solicitamos prazos de tempo os máis amplos e flexibles posibles, adaptados aos momentos nos que as empresas toman as decisións de inversión (elaboración de presupostos anuais). Este criterio xeral non se observa no texto da Orde. De non poder establecer plans a medio prazo (duración de 2 ou 3 anos) por causas administrativas, proponse polo menos a ampliación dos prazos de contratación ata, como mínimo, o 30 de novembro e de solicitude ata o 15 de setembro.

Cremos que desta forma se lograría unha maior eficacia da subvención.

En moitos casos, de manterse a actual redacción e tendo en conta o prazo de resolución de seis meses (ex art. 13º) a empresa deberá acometer a execución do plan se ter certeza sobre a concesión da subvención.

Neste mesmo precepto, sinálase que poderán subvencionarse as conversións en indefinidos de contratos temporais ou de duración determinada celebrados con anterioridade á entrada en vigor da Orde. Esta limitación deixaría fóra da posibilidade de incentivo a contratos temporais celebrados con posterioridade e vai en contra da regra xeral de subvencionar as contratacións realizadas ata o 30 de setembro de 2006 (prazo que propuxemos ampliar).

Proponse a eliminación da devandita mención.

4. - Art. 6º Exclusións.

Consideramos necesario eliminar a exclusión establecida no art.6º letra c, segundo parágrafo, no que se sinala que a exclusión establecida no parágrafo primeiro será tamén de aplicación “…no suposto de vinculación laboral anterior do traballador con empresas ás que o solicitante dos beneficios sucedese en virtude do establecido no art. 44 do Real Decreto Lexislativo 1/1995, do 24 de marzo”.

Esta limitación exclúe do incentivo aquelas empresas que teñan obriga de subrogación, obriga que na negociación colectiva galega non é descoñecida para importantes sectores (v.gr. limpezas). Xeraríase polo tanto de novo unha diferenciación que non estaría xustificada no fin que persegue a medida.

5. - Validez de causas de extinción do contrato (art. 6º, letra d).

En relación coas causas de extinción do contrato do traballador que se recollen como válidas para gozar da subvención (despedimento procedente e artigos 51 e 52 c) do Estatuto dos Traballadores, art. 6º letra d) deberíanse engadir as restantes letras do art. 52.

6. - Requisitos e obrigas de mantemento de equipos{persoal} (artigoº 7 e art. 16º).

Para poder acceder ás axudas establécense uns requisitos que fan por un lado difícil acceder ás axudas e por outro doado a súa devolución:

Como requisitos para acceder se establecen, ademáis de alcanzar a taxa de estabilidade mínima, o incremento do emprego fixo con respecto a un período de tempo (1 de xullo 2004 a 30 de xuño 2005), o incremento neto do emprego total tamén con respecto á media do mesmo período antes mencionado, así como a non diminución da totalidade de traballadores no conxunto dos centros de traballo da empresa en Galicia.

Por último en canto ás obrigas da empresa, unha vez exista resolución ao seu favor, establécense as de “non modificar a composición da estrutura do cadro de persoal da empresa en Galicia, no seu cómputo anual, da taxa de estabilidade alcanzada, nin minorar a media anual de traballadores fixos durante polo menos 3 anos dende o último mes no que se realicen contratacións”.

O criterio debe ser flexibilizar estes requisitos establecendo para acceder a a subvención só o requisito de alcanzar a taxa mínima e o incremento do emprego fixo, pois o emprego  temporal pode loxicamente sufrir variacións pola súa propia condición e natureza.

En canto ás obrigas establecidas no art. 16º deberían tamén flexibilizarse esixindo soamente o mantemento no cadro de persoal dos traballadores contratados durante polo menos tres anos e en canto ao mantemento da taxa de estabilidade, debería admitirse a posibilidade de establecer certos criterios correctores e mesmo a reducción da mesma xustificada en causas económicas, técnicas, organizativas ou de producción.

Piénsese por exemplo nun sector como o da construcción no que é habitual a alteración dos equipos das empresas de xeito brusco en función ou non da existencia de carga de traballo. Difícilmente poderían empresas constructoras asumir o compromiso de mantemento ou incremento de persoal que con carácter xeral esixe a Orde como requisito para o acceso ás axudas. Neste caso, os criterios a seguir poderían ser varios, dende a introducción de coeficientes correctores en función da porcentaxe de contratos de fixos de obra, ou a habilitación dunha causa de excepcionalidade debidamente xustificada en por exemplo a terminación de obra que supoña polo menos un 15% da facturación media.

7. -  Artº 8. Incentivos.

En canto ó importe dos incentivos, debe sinalarse en primeiro lugar que estes son inferiores ós doutros exercicios, actualmente e dependendo das circunstancias concretas a contía móvese entre un mínimo de 2.000 e un máximo de 4.200 € fronte a os 3.000 y 6.600 € de a orde do exercicio anterior.

Así mesmo debería igualarse o importe dos incentivos á contratación inicial e á transformación, que no borrador da Orde son substancialmente diferentes.

8. - Artº 11. Documentación.

No número 6 a esixencia dunha declaración da estructura da empresa e do emprego, debería ser substituída por “declaración da estructura do emprego da empresa”.

Por outra banda, polas razóns máis arriba expostas, debería eliminarse a necesidade de achegar “Acordo de adhesión da empresa ao acordo sectorial de estabilidade”.