ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 21/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE APROBA A CONVOCATORIA, DE ÁMBITO AUTONÓMICO, PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PÚBLICAS MEDIANTE CONTRATOS PROGRAMA PARA A FORMACIÓN DE TRABALLADORES OCUPADOS, EN APLICACIÓN DA ORDE TAS/2783/2004, DE 30 DE XULLO, POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN DAS CITADAS SUBVENCIÓNS, COFINANCIADAS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO CORRESPONDENTES AO EXERCICIO DE 2006

I. ANTECEDENTES

O día 27 de marzo de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se aproba a convocatoria, de ámbito autonómico, para a concesión de subvencións públicas mediante contratos programa para a formación de traballadores ocupados, en aplicación da Orde TAS/2783/2004, de 30 de xullo, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das citadas subvencións, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo correspondentes ao exercicio de 2006 e solicitando, para os  efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos deste proxecto de orde establécese que a formación profesional continua ten como finalidade proporcionarlles aos traballadores ocupados a cualificación que poidan necesitar ao longo da súa vida laboral, co fin de que obteñan os coñecementos e prácticas axeitados aos requirimentos que en cada momento precisen as empresas, e permita compatibilizar a súa maior competitividade coa mellora da capacitación profesional e promoción individual do traballador.

Os plans de formación continua, financiados mediante a subscrición destes contratos programa, teñen por obxecto tanto a mellora das competencias e cualificacións como a actualización e especialización profesional dos traballadores ocupados, sen que para isto sexa necesaria a intermediación das empresas nas que prestan os seus servizos.

Son obxecto de subvención neste proxecto normativo distintos tipos de contratos programas para a execución de plans de formación continua intersectorais, plans de formación sectoriais, plans de formación específicos da economía social e plans de formación dirixidos a traballadores autónomos.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 27 de abril de 2005 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 28 de febreiro de 2005, obsérvase que só foi tida en conta unha das consideracións manifestadas polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Obsérvase que a partir do artigo 12º hai un erro na numeración dos artigos xa que este artigo 12º figura dúas veces, así mesmo, tamén é errónea a referencia que os artigos 15º e 23º, que agora deberían ser 16º e 24º, fan ao artigo 5º, que correctamente sería ao artigo 6º.

No parágrafo final da exposición de motivos non figura que foi consultado o Consello Galego de Relacións Laborais e o Consello Galego de Formación Profesional.

No artigo 3º establécese o prazo de execución dos plans de formación que se poderán executar no prazo dun ano dende o día seguinte da publicación desta orde e xustificar todos os gastos no prazo dun mes desde o seu remate.

O artigo 4º establece os requisitos das entidades beneficiarias, especificándose que para os contratos programa de execución de plans de formación sectoriais serán beneficiarias as organizacións empresariais e sindicais máis representativas no sector en Galicia, así como as entidades empresariais e sindicais creadas ao amparo da negociación colectiva sectorial; para os contratos programa de execución de plans de economía social, as confederacións e federacións de cooperativas e/ou sociedades laborais legalmente constituídas con anterioridade á data de publicación desta orde e con notable implantación, deberán contar cun mínimo de 200 afiliados ou de 50 entidades, no ámbito autonómico e, para os contratos programa de execución de plans formativos dirixidos a traballadores autónomos, serán beneficiarias as asociacións de traballadores autónomos con carácter intersectorial que teñan suficiente implantación, máis de 300 afiliados, no ámbito autonómico.

O artigo 5º relaciona os colectivos de traballadores que poden solicitar a súa participación nos plans de formación, engadíndose un apartado e) que establece que o persoal ao servizo das Administracións Públicas só poderá participar nos plans intersectoriais co límite máximo dun 10% do total de participantes en cada plan.

O artigo 6º regula os destinatarios prioritarios das accións formativas, establecendo no apartado 5 os módulos transversais de alfabetización informática, sensibilización ambiental e formación para a igualdade que se poderán financiar dentro das accións formativas.

O artigo 7º establece os tipos de contratos programa, engadíndose no apartado 2, relativo aos contratos programa para a execución de plans de formación de ámbito sectorial, a referencia ao Anexo VI onde se relacionan as agrupacións sectoriais ás que deberán ir dirixidos os plans.

Engádese no artigo 8º a definición de acción formativa como a dirixida á adquisición de competencias profesionais, teóricas e/ou prácticas, estruturadas nunha unidade pedagóxica con obxectivos, contidos e duración propios, comúns a todos os participantes.

O artigo 9º, relativo á selección de alumnos, establece que as entidades beneficiarias determinarán os criterios de selección dos alumnos coa previa aprobación do plan pola Dirección Xeral de Formación e Colocación (apartado 2) e que sempre que non se supere o número máximo de alumnos por curso establecido no artigo 11º desta orde, poderán asistir a unha acción formativa un número maior de alumnos que os inicialmente aprobados sen incremento da contía económica inicialmente prevista  (apartado 6).

No artigo 11º que regula as modalidades de impartición das accións formativas, apartado 2, modifícase o número máximo de participantes naquelas accións nas que participen como docentes profesionais de alto prestixio e que por motivos de economía sexa conveniente agrupar aos alumnos en grupos máis numerosos, sempre que o solicite a entidade impartidora e o autorice expresamente o director xeral de Formación e Colocación.

No apartado 5 establécese o número mínimo de 8 alumnos para iniciar as accións formativas, agás na modalidade a distancia ou teleformación.

No artigo 17º, que por erro figura como 16º, establécense os módulos económicos máximos, engadindo unha valoración de ata 18 € por alumno e hora de formación para as especialidades enumeradas no anexo VII ou para aquelas accións formativas nas que participen como docentes profesionais de alto prestixio, que excepcionalmente poderá autorizar o director xeral de Formación e Colocación logo de informe da Comisión Galega de Formación Profesional Continua.

Engádese no apartado 2.a) do artigo 18º, sobre custos financiables, os gastos de persoal de docencia non directa, na súa función de apoio á impartición, pero non podendo superar o 10% do orzamento da acción formativa.

No artigo 19º que regula a resolución engádese a posibilidade de reconfigurar, por dúas veces, o plan para adaptalo á proposta de financiamento da resolución provisional, cando o importe da subvención sexa inferior á da solicitude presentada.

O artigo 20º, relativo ao pagamento e liquidación das subvencións, establece que as entidades beneficiarias deberán enviar á Dirección Xeral de Formación e Colocación, dentro dos 15 días seguintes ao remate da última acción formativa de cada contrato programa, a xustificación dos custos.

No artigo 23º, que regula a liquidación económica da subvención, establécense dous rateos para o cálculo do importe a aboar ás entidades beneficiarias, no primeiro penalizarase a desviación de alumnos que inician a acción formativa se esta é superior ao 15% dos alumnos orzamentados, no segundo penalízase a desviación de alumnos se é superior ao 30% para os casos en que se produzan abandonos dos participantes, nestes casos aboarase pola cantidade real de alumnos iniciados ou alumnos finalizados.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se aproba a convocatoria, de ámbito autonómico, para a concesión de subvencións públicas mediante contratos programa para a formación de traballadores ocupados, en aplicación da Orde TAS/2783/2004, de 30 de xullo, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das citadas subvencións, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo correspondentes ao exercicio de 2006” consta de: Exposición de motivos, oito capítulos, vinte e oito artigos, sete disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 5 de abril de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e oito consideracións específicas de carácter unánime, manifestadas polas organizacións sindicais e empresariais, sobre a valoración da norma.

DITAME 21/06

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se aproba a convocatoria, de ámbito autonómico, para a concesión de subvencións públicas mediante contratos programa para a formación de traballadores ocupados, en aplicación da Orde TAS/2783/2004, do 30 de xullo, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das citadas subvencións, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo correspondentes ao exercicio de 2006, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 28 de marzo de 2006, e aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 5 de abril de 2006, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:


CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Este Comité Delegado valora positivamente os cambios introducidos na mellora da xestión, que facilitan a eficiencia na execución dos contratos programas, con independencia das consideracións específicas que se manifestan de seguido, especialmente no relativo ao establecido no artigo 19º.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira.- Exposición de motivos.

No último parágrafo da exposición de motivos debe figurar que foi consultado o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segunda.- Artigo 12º. Solicitudes.

Este Comité Delegado observa que a partir do artigo 12º hai un erro na numeración dos artigos xa que este artigo 12º figura dúas veces. En consecuencia, tamén é errónea a referencia que os artigos 15º e 23º, que agora deberían ser 16º e 24º, fan ao artigo 5º, que correctamente sería ao artigo 6º.

Terceira.- Artigo 18º. Resolución.

O proxecto normativo que se somete a ditame establece no apartado 1 deste artigo que, no caso de que no prazo de tres meses non se dictase resolución expresa, “os interesados poderán entender desestimada a súa solicitude”.

Este Comité considera desacertado o emprego da expresión “poderán entender”, xa que a devandita forma verbal pode ser interpretada de diferentes xeitos e parece deixar implícita a existencia doutras posibilidades para o solicitante, xerando, en consecuencia, inseguridade xurídica.

A proposta consiste na substitución da forma “poderán entender” por “entenderán”.

Cuarta.- Artigo 19º. Pagamento e liquidación das subvencións.

No apartado 6 deste artigo “Sistemas de pagamento”, establécese que os anticipos serán ata o 50 por 100 (letra a) e que nunca serán superiores ao 80% da subvención concedida (letra c).

Este Comité Delegado manifesta que coñece a limitación imposta polo Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, aínda que, na orde estatal, os anticipos poden chegar ao 100 por 100, polo que suxire que a Xunta de Galicia transforme esta orde nun Decreto que recolla a posibilidade de establecer anticipos de ata o 100 por 100.

Subsidiariamente, no caso de non ser aceptada esta proposta, este Comité Delegado suxire a inclusión neste apartado, como custos asociados á actividade formativa, dos correspondentes custos financeiros orixinados polas operacións formalizadas entre as entidades financeiras e as entidades beneficiarias no importe que excede do 50% de anticipo máximo.

Tendo en conta que a situación financeira e de tesourería das entidades formativas agrávase pola imposibilidade do anticipo do 100%, habería que evitar os desfases entre as solicitudes de anticipo e os pagamentos efectivos destes.

Quinta.- Artigo 23º. Obrigas das entidades beneficiarias.

O apartado 4. b) deste artigo esixe, no segundo ítem, que se identifique ao coordinador ou persoa resposable da acción formativa.

Este Comité Delegado, considerando que a coordinación poden levala a cabo máis dunha persoa, suxire que figure “o coordinador ou persoas responsables”.

Sexta.- Artigo 23º. Obrigas das entidades beneficiarias.

O apartado 8 deste artigo esixe a contratación dun seguro de accidentes. “A súa duración abranguerá estritamente o período da acción formativa”.

Este Comité considera que debe quedar aberta a posibilidade de contratar unha póliza colectiva para o conxunto das accións formativas, polo que suxire que debe substituirse a frase citada anteriormente pola de “A súa duración abranguerá estritamente os períodos de cada unha das accións formativas”.

Sétima.- Artigo 23º. Obrigas das entidades beneficiarias.

O apartado 25 deste artigo esixe que os datos da xestión das accións formativas deberán introducirse en liña a través da aplicación informática que a Dirección Xeral de Formación e Colocación poñerá a disposición dos centros.

Este Comité Delegado considera que debe engadirse a este apartado o seguinte: “A Administración velará para que nestas comunicacións se respeten as normativas da administración electrónica e, polo tanto, admitiranse como comunicacións arquivos de saída dos sistemas dos solicitantes”.

Oitava.- Anexo VII.

Este Comité considera que deben engadirse neste anexo os seguintes ítems:
- Enerxías renovables, eólicas, fotovoltaicas e solar-térmica.
- Accións de construcción: montador de andamios, topografía avanzada e coordinador de seguridade en obras de construcción.
- Accións especializadas en pompas fúnebres.