ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 22/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE AMPLÍAN OS CRÉDITOS E OS PRAZOS PARA A PRESENTACIÓN DE SOLICITUDES DE DETERMINADOS PROGRAMAS DE POLÍTICAS ACTIVAS DE EMPREGO QUE SE FINANCIARÁN E EXECUTARÁN, EN 2006, AO AMPARO DO I PLAN INTEGRAL DE EMPREGO PARA GALICIA

I. ANTECEDENTES

O día 19 de abril de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se amplían os créditos e os prazos para a presentación de solicitudes de determinados programas de políticas activas de emprego que se financiarán e executarán, en 2006, ao amparo do I Plan Integral de Emprego para Galicia, e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Esta orde ten por obxecto complementar a aportación financeira da Xunta de Galicia ao I Plan Integral de Emprego, coa aportación de 24 millóns de euros da Administración xeral do Estado, para o que se amplía o crédito de determinadas ordes de convocatoria de subvencións xa publicadas e a conseguinte ampliación de prazos para solicitalas.

As actuacións previstas nesta orde irán enfocadas á realización de accións integradas en itinerarios de inserción laboral que contribúan a mellorar as condicións de ocupabilidade dos colectivos de desempregados, en especial os de longa duración, as mulleres, as persoas ausentadas do mercado de traballo, os colectivos en risco de exclusión social, os mozos e os beneficiarios de prestacións.

Preténdese favorecer a xeración de emprego, sobre todo no ámbito rural e local, en sectores económicos diversificados e prestando un especial apoio á creación de emprego no sector servizos e naqueloutros incluídos dentro dos novos xacementos de emprego.

Á vista do borrador remitido, sinálanse neste novo proxecto normativo algúns aspectos que se relacionan a continuación:

O artigo 1º, que regula o obxecto e financiamento, establece as catro ordes de convocatoria de subvencións xa publicadas nas que se amplían os créditos, que servirán para financiar as actuacións específicas vinculadas ao I Plan Integral de Emprego de Galicia.

- Orde de 23 de marzo de 2006 pola que se establecen as bases que regulan, para o exercicio do ano 2006, as axudas e subvencións para o fomento do emprego a través dos Programas de Cooperación, no  ámbito de colaboración con entidades locais e con órganos e organismos das administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro, e se procede a súa convocatoria (DOG nº 64, de 31 de marzo de 2006).

- Orde de 24 de marzo de 2006, pola que se establecen as bases reguladoras das axudas e subvencións para os programas de escolas taller e casas de oficios, de talleres de emprego e de unidades de promoción e desenvolvemento no  ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia e  se procede a súa convocatoria para o ano 2006 (DOG nº 64, de 31 de marzo de 2006).

- Orde de 22 de decembro de 2005 pola que se establece a convocatoria pública para a programación de cursos do Plan Nacional de Formación e Inserción Profesional na Comunidade Autónoma de Galicia correspondente o exercicio de 2006 (DOG nº 247, de 27 de decembro de 2005).

- Orde de 30 de decembro de 2005 pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria pública para a concesión de subvencións para a posta en práctica en Galicia durante os anos 2006 e 2007 de programas experimentais en materia de emprego 2006 (DOG nº 8, de 12 de xaneiro de 2006).

No artigo 2º regúlanse as actuacións que serán subvencionadas dentro dos programas de cooperación, destinados ao financiamento da contratación de persoas desempregadas por parte das entidades locais, administracións públicas distintas da local, universidades e entidades sen ánimo de lucro para a realización de obras ou servizos de interese xeral e social.

O artigo 3º que regula os programas mixtos de formación emprego, establece a concesión de subvencións aos concellos para a realización de actuacións experimentais en escolas taller, casas de oficios e obradoiros de emprego para a realización de actividades de utilidade pública ou interese social e, especialmente, as que rehabiliten o entorno e núcleos rurais.

O artigo 4º establece a concesión de subvencións, dentro da programación de cursos do Plan FIP, para a impartición de accións formativas por parte dos concellos para a formación dos titulados en idiomas estranxeiros, deseño industrial, informática e habilidades directivas, así como para a formación dos desempregados na atención ás persoas dependentes.

O artigo 5º establece a concesión de subvencións, dentro dos programas experimentais, para as asociacións empresariais e/ou sindicais para os sectores da construción naval, madeira, fabricación de automóviles e os seus componentes e construción para a incorporación das mulleres nas ocupacións nas que están subrepresentadas e a recolocación de traballadores procedentes de empresas en regulación de emprego.

O artigo 6º que regula a presentación de solicitudes e procedementos, establece para a presentación de solicitudes o prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación desta orde, agás para os proxectos de escolas taller, casas de oficios e talleres de emprego que rematará, de acordo coa súa orde de convocatoria, o 15 de xullo.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se amplían os créditos e os prazos para a presentación de solicitudes de determinados programas de políticas activas de emprego que se financiarán e executarán, en 2006, ao amparo do I Plan Integral de Emprego para Galicia” consta de: Exposición de motivos, seis artigos, unha disposición adicional e dúas derradeiras.

O día 3 de maio de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén tres consideracións xerais unánimes, así como tres consideracións específicas unánimes sobre a valoración da norma.


DITAME 22/06

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se amplían os créditos e os prazos para a presentación de solicitudes de determinados programas de políticas activas de emprego que se financiarán e executarán, en 2006, ao amparo do I Plan Integral de Emprego para Galicia, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 19 de abril de 2006, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 3 de maio de 2006, acordou pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:


CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

Independentemente da avaliación positiva da que é merecente a posta en marcha do I Plan Integral de Emprego de Galicia, polo avance que supón en canto ao recoñecemento da existencia de importantes desviacións entre os indicadores de desemprego do noso país con respecto aos do conxunto do Estado, o certo é que o financiamento suplementario aportado a este Plan, polo Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais, con cargo ao orzamento do Servizo Público de Emprego Estatal, consistente en 24.000.000 de euros cada ano, resulta realmente pouco equitativo se o comparamos cos dos outros Plans Integrais que se están a desenvolver nas comunidades de Extremadura e Canarias.

Efectivamente, cos datos do seguinte cadro, que reflexa o financiamento de cada un dos tres Plans Integrais, postos en relación cos datos da Enquisa de Poboación Activa do III Trimestre de 2005 (trimestre ao que se refiren os datos incorporados na exposición de motivos do borrador da Orde obxecto de Ditame), resulta que o financiamento estatal por persoa desempregada é aproximadamente a mitade do que se aporta a cada unha das outras dúas comunidades autónomas.


Poboación activa Taxa actividade Taxaparo Persoas en paro (B) Aportación Estado ao PIE (A) Ratio(A) / (B)
Extremadura 465.100 52,38 15,24 70.900 29.000.000 € 409 €
Canarias 945.900 59,13 11,05 104.600 42.070.850 € 402 €
Galicia 1.266.700 53,52 8,65 109.600 24.000.000 € 219 €


Este Comité Delegado do Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de Ditames, entende que a Xunta de Galicia debería instar da Administración Xeral do Estado unha ampliación do financiamento aportado ao I Plan Integral de Emprego de Galicia, para correxir en próximos exercicios o déficit manifestado.

Por outro lado, pese a telo solicitado os axentes sociais no Comité Autonómico de Emprego en setembro de 2005 e, posteriormente, nas Mesas de Diálogo Social, non se tivo en conta a nosa participación no proceso de elaboración do Plan Integral de Emprego e na concreción dos programas sinalados na cláusula sexta do Convenio de colaboración asinado entre a Xunta e a Administración Xeral do Estado.

Segunda.

Este Comité Delegado reitera as consideracións postas de manifesto nos ditames 36/05, 40/05, 10/06 e 17/06, emitidos sobre os borradores das Ordes referenciadas no artigo 1º deste proxecto normativo, expresamente naqueles aspectos que non foron tidos en conta no texto publicado no DOG de cada unha das referidas Ordes.
Terceira.

Este Comité Delegado propón que sexa revisado o texto do proxecto normativo cara a suprimir calquera referencia que poda supoñer a utilización dunha linguaxe sexista.


CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.-  Exposición de motivos e artigos 4º, 5º e 6º.

Obsérvanse diversos erros gramaticais nos parágrafos 12 e 17 da exposición de motivos, así como nos artigos 4º e 5º e no epígrafe 2 do artigo 6º do proxecto normativo.

Segunda.- Artigo 2º. Programas de Cooperación.

No apartado 1, letra e) deste artigo establécese unha limitación a actuacións só coas asociacións de empresarios.

Este Comité Delegado considera que tal limitación parece incoherente coa Cláusula Sexta (Programas a desenvolver) do Convenio de Colaboración entre a Administración Xeral do Estado e a Xunta de Galicia que da orixe a este Plan Integral, que prevee a colaboración con “Corporacións Locais, outros organismos públicos e entidades sen ánimo de lucro”. Dada a finalidade das actuacións previstas, parece apropiada a inclusión, neste parágrafo c), das organizacións sindicais.

Terceira.- Artigo 4º. Plan FIP.

Este artigo reduce exclusivamente aos concellos a posibilidade de impartir as accións formativas.

Este Comité Delegado considera que debe permitirse a concurrencia na impartición das accións de todas as entidades recollidas na normativa do Plan FIP.