ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 23/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE REGULA O FUNCIONAMENTO DOS CENTROS ASOCIADOS AO SERVIZO GALEGO DE COLOCACIÓN E SE ESTABLECEN AS BASES E A CONVOCATORIA PARA A CONCESIÓN DAS COMPENSACIÓNS ECONÓMICAS DAS ACCIÓNS QUE REALICEN OS CENTROS ASOCIADOS

I.  ANTECEDENTES

O día 5 de maio de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se regula o funcionamento dos centros asociados ao Servizo Galego de Colocación e se establecen as bases e a convocatoria para a concesión das compensacións económicas das accións que realicen os centros asociados e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

O proxecto normativo que se somete a ditame ten como obxectivo regular o funcionamento dos centros asociados ao Servizo Galego de Colocación na súa tarefa de apoio á intermediación no mercado de traballo que corresponde ao Servizo Público de Emprego, así como aprobar as bases e a convocatoria para as compensacións económicas polas accións realizadas por estes centros asociados no ámbito da intermediación laboral en colaboración co Servizo Galego de Colocación, relativas á información, captación e tratamento de ofertas de traballo e accións complementarias ao tratamento desas ofertas.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma Orde publicado no DOG o día 16 de maio de 2005 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 18 de abril de 2005, obsérvase que se tivo en conta unha das consideracións feitas por este Comité Delegado, a relativa ao artigo 10º.

O borrador presenta as seguintes modificacións respecto á orde do exercicio de 2005:
· Artigo 8º.- Solicitude: No apartado 2, letra j) engádese a exención aos concellos e ás entidades sen ánimo de lucro da presentación da documentación acreditativa de atoparse ao día nas súas obrigas tributarias e da Seguridade Social, así como de non ter pendente o pagamento de ningunha débeda coa administración pública galega.
O apartado 3 engade, para as entidades recoñecidas como centro asociado ao Servizo Galego de Colocación pola orde do 6 de maio de 2005, ademais da presentación da documentación dos apartados c) e h) que xa se establecían o ano anterior, a presentación da documentación dos apartados i), j) e k).  
· Artigo 9º.- Prazo: Modifícase o prazo para a presentación de solicitudes, sendo agora dun mes dende o día seguinte á publicación desta orde.
· Artigo 10º.- Criterios de adxudicación: Suprímese como criterio establecido na orde anterior a cualificación da persoa ou persoas que a entidade presente como técnicos para a realización das tarefas de xestión de ofertas de traballo. Igualmente suprímese o criterio da captación de demandantes de emprego e a xestión do currículo para as entidades que xa estiveran recoñecidas o ano anterior como centros asociados ao Servizo Galego de Colocación.
· Artigo 12º.- Obrigas dos centros asociados: Modifícase o establecido na letra e), en relación coa autorización previa para as ofertas de traballo captadas polo centro asociado e tramitadas no aplicativo informático do servizo galego de colocación e sempre que o centro desexe realizar unha xestión privada.
· Artigo 13º.- Subvencións polas accións de captación de oferta:  Modifícase este artigo, establecéndose unha contía de 27 euros por oferta captada e debidamente tramitada para os centros asociados que non teñan recoñecidas accións de información, orientación e busca de emprego.
Para os demais centros asociados non se establece compensación económica algunha.
· Disposición adicional segunda.- Redúcese a consignación orzamentaria do concepto 480.1 para as accións reguladas nesta orde en relación ao exercicio pasado, que pasa a ser de 120.416,16 € en lugar de 161.000 €.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se regula o funcionamento dos centros asociados ao Servicio Galego de Colocación e se establecen as bases e a convocatoria para a concesión das compensacións económicas das accións que realicen os centros asociados” consta de: Exposición de motivos, catro capítulos, vinte e tres artigos, cinco disposicións adicionais, unha disposición transitoria e dúas disposicións derradeiras.

O día 15 de maio de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén dúas consideracións xerais e oito específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, en relación coa redacción dada aos artigos 4º, 5º, 6º, 8º, 11º, 12º, 14º e 23º do proxecto normativo.

Contén asi mesmo, como anexos, unha consideración xeral e sete específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas organizacións sindicais (anexo I) e tres consideracións específicas de carácter non unánime manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).


DITAME 23/06

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se regula o funcionamento dos centros asociados ao Servicio Galego de Colocación e se establecen as bases e a convocatoria para a concesión das compensacións económicas das accións que realicen os centros asociados, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 5 de maio de 2006, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 15 de maio de 2006, acordou  pronunciarse en canto ás seguintes  consideracións:

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS QUE INTEGRAN O CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS:

Primeira.

Na exposición de motivos do proxecto normativo figura que se lles deu audiencia aos axentes sociais representados no seo do Consello Galego de Relacións Laborais.

Este Comité Delegado considera que o que debe constar é que foi consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, organismo que emite o ditame.

Segunda.

Este Comité Delegado observa que na exposición de motivos do proxecto normativo non se recolle o espíritu que sí consta nas demáis ordes sobre políticas activas de emprego, no sentido de facer constar que as medidas que se regulan neste proxecto normativo teñen vixencia exclusivamene para 2006,  á espera dos froitos que poidan xurdir do proceso de Concertación Social en Galicia a través das correspondentes mesas de diálogo social abertas.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira. Artigo 4º.- Captación e tratamento de ofertas.
Este Comité Delegado propon engadir, antes do parágrafo sétimo, que di “O seguimento e peche do resultado da oferta”, o primeiro parágrafo do artigo 5º: “Comprobar a dispoñibilidade das precandidaturas que resulten do emparellamento realizado a través do Servizo Galego de Colocación entre o perfil do/s posto/s de traballo ofertado/s e a base de datos de demandantes e informar ao ofertante de traballo dos candidatos máis axeitados de acordo cos criterios especificados na oferta por parte das diferentes empresas ou entidades”.

Segunda.- Artigo 5º.  Accións complementarias.
Consecuentemente co anterior, proponse a supresión deste artigo, dado que o seu contido debería incluirse no artigo 4º.

Terceira.- Artigo 6º. Usuarios dos centros asociados.
As organizacións sindicais e empresariais observan que a redacción do apartado 1 é incorrecta en lingua galega, debendo ser a seguinte: “Poden ser usuarios dos centros asociados ao Servizo Galego de Colocación tanto as persoas demandantes como os ofertantes de emprego, ben sexan dirixidos polo Servizo Galego de Colocación a través dos seus servizos centrais ou das súas oficinas de emprego, ou ben o sexan por propia iniciativa ”.

Cuarta.- Artigo 8º. Solicitude.
Respecto do establecido neste artigo, este Comité Delegado considera que non debería ser necesario que os centros asociados teñan que presentar ano tras ano a mesma documentación. Parece máis lóxico que, se as circunstancias non varían, unicamente houbera que presentar unha solicitude de renovación sen aportar nada máis, tal como establecen as normas de procedemento admnistrativo.
No apartado 2, as letras j) e k) deben cambiarse polas seguintes que correspondan por ser estas impropias do alfabeto galego, así como tamén no apartado 3, última liña.

Quinta.- Artigo 11º. Tramitación e resolución.
No apartado 3 deste artigo establécese que “A resolución motivada dos expedientes … seralles notificada aos interesados”.
Este Comité Delegado propón o seguinte:
a) Engadir neste apartado 3 o que figura no apartado 5, modificándose o prazo para ditar resolución, propoñéndose o de tres meses contados desde o día da presentación da solicitude no correspondente rexistro, así como a substitución, para non xerar inseguridade xurídica, da expresión “poderá entenderse” por “entenderase”.
b) Suprimir, en consecuencia co anterior, o apartado 5 deste artigo 11º.

Sexta.- Artigo 12º. Obrigas dos centros asociados.
Este Comité Delegado considera que as letras j) e k) deben cambiarse polas seguintes que correspondan, por ser estas impropias do alfabeto galego.

Sétima.- Artigo 14º. Polas accións complementarias ao tratamento de ofertas de traballo.
Proponse a supresión deste artigo por entender que a oferta inclúe todos os pasos, dende a súa captación ata o peche, pasando, obviamente, pola comprobación da dispoñibilidade dos demandantes adscritos.

Oitava.- Artigo 23º. Participación institucional.
Obsérvase un erro no título deste artigo, xa que figura “instituticional”, debendo ser “institucional”.

Asi mesmo, este Comité Delegado considera que debe engadirse ao final do parágrafo que a participación dos axentes sociais para os efectos do Servizo Galego de Colocación efectuarase tamén, ademáis do Comité Autonómico de Emprego, a través dos Comités Provinciais de Emprego e Seguimento da Contratación Laboral.

ANEXO I

CONSIDERACIÓN XERAL NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:
A Xunta de Galicia estableceu no ano 1997 un sistema polo que se abrían á privatización certas funcións  do Servizo Público de Emprego, denominado Servizo Galego de Colocación no que incorporou no ano 1998 a rede de Oficinas de Emprego que lle foron transferidas. Un dos aspectos que privatizou foi  a xestión das ofertas de emprego, agás os sondeos. Ao mesmo tempo, sen incrementar o persoal, engadiu novos cometidos ás Oficinas de Emprego, pensando, tal vez, que a parte privatizada supliría con creces o papel das Oficinas. Neste proceso investíu unha boa cantidade de recursos económicos transferíndoos aos centros asociados en pago das ofertas tramitadas.

Este plantexamento, sen que houbera control por parte da administración e dos axentes sociais, provocou unha serie de fraudes, ata agora sen analizar na súa totalidade, consistentes en mecanizar os anuncios da prensa como se foran ofertas, etc. Un dato relevante é que as entidades con ánimo de lucro pasaron a xestionar moitas máis ofertas (por exemplo, pasouse de 14.653 ofertas no ano 1999 a  xestionar 43.465 no ano 2000, e despois das denuncias feitas, no ano 2001 se quedaran en 29.083  ofertas). Pola contra, as Oficinas de Emprego xestionaron, en relación coa media dos anos 96 e 97, unhas 150.000 ofertas de emprego menos.

O resultado da privatización das ofertas foi que, se antes da transferencia o INEM de Galicia xestionaba ó redor do 5 % do total das ofertas rexistradas no Estado, co novo sistema pasouse a xestionar, de media para o período 98 – 02 un 3’1 %.
Así pois, o novo sistema privatizado, ademais de caro e fraudulento, é aínda mais inoperante co que existía ata a transferencia. Por iso, plantexamos o seu cambio polo anterior e que soamente as Oficinas da Xunta xestionen as ofertas.

En relación co conxunto do proxecto normativo sometido a ditame, consideramos que soamente deben ser Centros Asociados ao Servizo Galego de Colocación as entidades sen ánimo de lucro e que as súas accións deberán estar relacionadas coas Medidas Activas de Emprego polas que foran recoñecidos, en concreto por Orientación Laboral e Formación Ocupacional.
As cuestións relativas á intermediación laboral deben ser competencia exclusiva das Oficinas de Emprego. Neste sentido procedería a supresión dos importes das partidas especificadas nesta Orde e a súa inclusión no capítulo I do orzamento da Consellería, incrementando a dotación de persoal da Rede de Oficinas de Emprego.

Polo tanto, suxírese o incremento do capítulo I da Consellería no importe correspondente ao consignado para estas axudas nas aplicacións 16.03.241B.470.1, 480.1 e 461.0, co fin de dotar de técnicos de emprego a rede pública de Oficinas de Emprego.

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS:

Primeira.- Artigo 1º. Obxecto.
Aínda que non se acepte a consideración de competencia exclusiva das OEXs no relacionado coa intermediación, consideramos que non debe haber ningunha compensación económica, polo que se propón suprimir dende “que corresponde ao Servizo Público de Emprego” ata o final.
Segunda.- Artigo 2º. Accións.
Segundo aparece ao longo da Orde, débese plantexar unha única acción que é “Captación e tratamento das ofertas de traballo”.
Terceira.- Artigo 3º. Información.
Considérase que debe suprimirse este artigo. A información deberase dar polas oficinas de emprego. Así debese indicar que ante a solicitude de información ou a comprobación da carencia dela, remitirase á OEX correspondente.
Cuarta.- Artigo 4º. Captación e tratamento de ofertas.
Propónse engadir antes do parágrafo quinto, que di “A introducción na rede informática do Servizo Galego de Colocación do documento de oferta”, o seguinte parágrafo: “A comunicación á oficina de emprego correspondente ao ámbito onde esté o Centro Asociado do contido da oferta indicando os datos da empresa, os postos de traballo ofertados e as principais características requiridas aos candidatos”.


Quinta.- Artigo 7º. Definición.
Considérase que debe modificarse o apartado a) deste artigo, detallando qué se entende por “profesional suficientemente capacitado”. Neste senso debe establecerse que o citado profesional debe cumplir os seguintes requisitos:
· Estar en posesión dunha titulación media ou superior relacionada cos procesos de selección (Psicoloxía, Relacións laborais, Orientación, etc..)
· Ter unha experiencia demostrable de, cando menos, tres anos en procesos de selección de persoal.

Considérase tamén que se deben excluir as entidades con animo de lucro, dado que entendemos que ningún aspecto relacionado co paro debe ser un negocio, por medio da seguinte redacción: “Poderá ser recoñecido centro asociado ao Servizo Galego de Colocación calquera entidade pública ou privada que, carecendo de ánimo de lucro, teña un ámbito de actuación relacionado co mercado laboral e que reúna, dentro do prazo de solicitude, os seguintes requisitos”.

Sexta.- Artigo 12º. Obrigas dos centros asociados.
Considérase que o disposto na letra e) debe modificarse e deixar a redacción igual que estaba na orde do exercicio pasado, posto que as organizacións sindicais son contrarias a que se realice unha xestión privada das ofertas de emprego.
Na letra f) proponse darlle a seguinte redacción: Manter á disposición do Servizo Galego de Colocación o documento de oferta asinado polo representante legal da empresa ofertante e, se é o caso, pola entidade autorizada para realizar o proceso de selección, mentres non este pechada a oferta e despois, enviala dentro dos quince días seguintes ao seu peche á Oficina de Emprego que lle corresponda”.
Engadir unha letra en penúltimo lugar co seguinte texto: “Aqueles centros asociados que sexan tamén centros que teñan recoñecidas accións de información, orientación e búsqueda de emprego (IOBE),  atenderán as tarefas do Servizo Galego de Colocación mediante o seu propio persoal”.

Sétima.- CAPÍTULO III: Subvencións.
Proponse suprimir todo este capítulo, xa que entendemos que a tarefa de intermediación no mercado de traballo forma parte duna intervención integral das políticas activas de emprego, que non debe descansar, en ningún caso, en entidades que non desenvolvan o conxunto do itinerario de inserción.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

Primeira.- Artigo 7º. Definición.
Proponse modificar o apartado a) detallando que se entende por “profesional suficientemente capacitado”. Neste senso, debe establecerse que o citado profesional cumpla os seguintes requisitos:  
•  Estar en posesión dunha titulación media ou superior relacionada cos procesos de selección (Psicoloxía, Relacións laborais, Orientación, etc..)
• Ter unha experiencia demostrable en selección de persoal ou noutros aspectos como orientación profesional, motivación cara ao emprego, recursos humanos, xestión de bolsas de traballo ou outras disciplinas que garden relación directa co mercado laboral.

  Segunda.- Artigo 13º.  Polas accións de captación de oferta.
A Confederación de Empresarios de Galicia expresa o seu total desacordo coa falta de compensación económica polas ofertas captadas aos centros con recoñecemento para accións de información, orientación e búsqueda de emprego.

Entende a CEG que a captación de ofertas, a axuda á empresa para unha correcta definición do posto de traballo ofertado e dos perfís profesionais necesarios para a súa cobertura, o seu seguimento e posterior peche cos resultados oportunos, sempre realizado por parte de profesionais suficientemente capacitados para dito asesoramento, tal e como establece a Orde, implica un gasto e unha especialización do persoal sen contraprestación económica. Polo tanto, lonxe de fomentar a consecución dun servizo profesionalizado integramente tramitado a través do Servizo Galego de Colocación, parécenos que esta medida potencia o contrario.

Terceira.- Artigo 14º. Polas accións complementarias ao tratamento de ofertas de traballo.

Para o caso de que non se considere a proposta unánime da supresión deste artigo, considérase que -xa que dentro das accións complementarias especificadas no artigo 5º do proxecto normativo consta a acción de informar ao ofertante de traballo dos candidatos máis axeitados de acordo cos criterios especificados na oferta por parte das diferentes empresas ou entidades- débese compensar económicamente e constar así neste artigo 14º.

Polo exposto, proponse a súa eliminación consonte ao xa manifestado na consideración específica unánime sétima, pero sumando a contía prevista por estas accións ás contías fixadas no artigo 13º, e tendo en conta o manifestado na consideración anterior.