ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 24/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE APROBA A CONVOCATORIA PARA A CONCESIÓN DE SUBVENCIÓNS PÚBLICAS DESTINADAS Á REALIZACIÓN DE ACCIÓNS COMPLEMENTARIAS E DE ACOMPAÑAMENTO Á FORMACIÓN, DE ÁMBITO AUTONÓMICO, EN APLICACIÓN DA ORDE TAS/2782/2004, DO 30 DE XULLO, POLA QUE SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS PARA A CONCESIÓN DAS CITADAS SUBVENCIÓNS, COFINANCIADAS POLO FONDO SOCIAL EUROPEO.

I. ANTECEDENTES

O día 5 de maio de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de Orde pola que se aproba a convocatoria para a concesión de subvencións públicas destinadas á realización de accións complementarias e de acompañamento á formación, de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/2782/2004, do 30 de xullo, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das citadas subvencións, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e solicitando, aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Na exposición de motivos deste proxecto de orde establécese que a formación profesional continua, regulada no Real Decreto 1046/2003, do 1 de agosto, ten como finalidade proporcionarlles aos traballadores ocupados a cualificación que poidan necesitar ao longo da súa vida laboral, co fin de que obteñan os coñecementos e prácticas axeitados aos requirimentos que en cada momento precisen as empresas, e permita compatibilizar a súa maior competitividade coa mellora da capacitación profesional e promoción individual do traballador. Entre as iniciativas de formación continua que recolle o citado Real Decreto, figuran as accións complementarias e de acompañamento á formación, que se regulan nesta orde.

Son obxecto de subvención nesta convocatoria os proxectos para a mellora da calidade das accións formativas de Formación Profesional Continua e aqueles que estendan esta ás pequenas e medianas empresas, co fin de facilitar o acceso á formación dos seus traballadores.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da mesma orde publicado no DOG o día 8 de abril de 2005 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data 28 de febreiro de 2005, obsérvase que non foron tidas en conta as consideracións manifestadas polos axentes sociais.

O novo proxecto normativo modifica e engade algúns aspectos que se relacionan a continuación:

Na súa exposición de motivos omítese que foi consultado este organismo.

Modifícase o disposto no apartado 1.c) e no apartado 2 do artigo 3º, xa que unha mesma entidade pode propoñer a súa colaboración como participante en catro accións (antes o máximo era tres).

Asi mesmo, según dispón o apartado 2 (último parágrafo) do artigo 3º e o apartado 5 do artigo 4º, entenderase por cadro de persoal a media do número de traballadores cotizantes á Seguridade Social nos doce meses anteriores ao do mes da publicación desta Orde.

Modifícase (artigo 6º) o prazo para a presentación de solicitudes, que pasa de 40 días naturais a un mes.

Engándese dous novos apartados ao artigo 7º, sinalados cos números 3 e 4, que regulan, respectivamente, a autorización do interesado á Consellería de Traballo para solicitar as certificacións tributarias que hai que acompañar á solicitude e a subsanación de erros.

Engádese un novo apartado (o 10) ao artigo 16º,  que obriga ás entidades beneficiarias das subvencións a dispoñer dunha liña RDSI, ADSL ou similar para introducir os datos da xestión das accións complementarias á formación a través da aplicación informática que poñerá a disposición dos centros a Dirección Xeral de Formación e Colocación.

Obsérvanse os seguintes erros: Erro na numeración do último apartado do artigo 7º, que debe ser o 5; erro na numeración do apartado A do número 3 do artigo 10º; así como as letras j) e k) do apartado 1 dos artigos 7º e 13º por non existir estas na lingua galega.


De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.



II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se aproba a convocatoria para a concesión de subvencións públicas destinadas á realización de accións complementarias e de acompañamento á formación, de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/2782/2004, do 30 de xullo, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das citadas subvencións, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo” consta de: Exposición de motivos, sete capítulos, vinte artigos, oito disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.


O día 18 de maio de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén oito consideracións específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, así como unha consideración específica non unánime manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia que se recolle no anexo.



DITAME 24/06





En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se aproba a convocatoria para a concesión de subvencións públicas destinadas á realización de accións complementarias e de acompañamento á formación, de ámbito autonómico, en aplicación da Orde TAS/2782/2004, do 30 de xullo, pola que se establecen as bases reguladoras para a concesión das citadas subvencións, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, con data de rexistro de entrada neste Consello o 5 de maio de 2006, e aos efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 18 de maio de 2006, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:







CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:


Primeira.- Exposición de motivos.

Este Comité considera que no último parágrafo da exposición de motivos debe constar que foi consultado o Consello Galego de Relacións Laborais.

Segunda.- Artigo 3º. Requisitos das entidades solicitantes, acreditación e límites de participación.

Neste artigo establécense os requisitos das entidades solicitantes, especificando no apartado 1. c) que unha mesma entidade non poderá propoñer a súa colaboración como participante en máis de catro solicitudes nesta convocatoria, agás aquelas cuxa participación se limite ás xornadas de difusión do proxecto.

Este Comité Delegado considera que as entidades que participen na negociación colectiva deben tamén excluirse da limitación establecida no último punto deste apartado 1. c), tal e como figuraba na Orde do 11 de novembro de 2004, reguladora destas subvencións (DOG de 15 de novembro de 2004).



Terceira.- Artigo 4º. Accións financiables.

No apartado 1 deste artigo establécese que serán accións financiables as de estudo e investigación, especificándose que os estudos realizaranse prioritariamente nos sectores e ámbito que se relacionan no anexo I desta convocatoria.

Este Comité Delegado considera que o anexo I non recolle todos os sectores de relevancia nos que se necesitan accións de estudo e investigación. Debería xustificarse o feito de priorizar os sectores e ámbito relacionados no citado anexo, xa que este Comité non entende os motivos do establecemento desta preferencia.

Igualmente, no apartado 2 deste artigo 4º, priorízanse os sectores de turismo e hostalería, así como as accións de formación en idiomas para o transporte. Este Comité Delegado considera excesiva esta concreción, propoñendo que se establezan criterios máis amplios.

Por outra banda, este Comité Delegado considera que deben incluirse tamén no anexo I as necesidades formativas en orientación cara ás certificacións profesionais.

Cuarta.- Artigo 7º. Solicitudes.

Este Comité Delegado considera que as letras j) e k) que figuran no apartado 1 deste artigo son impropias da lingua galega, debendo substituirse polas seguintes que correspondan.
Asi mesmo, existe un erro na numeración do último apartado deste artigo, que debe ser o 5 (figura repetido o 4).

Quinta.- Artigo 10º. Determinación da subvención.

Este Comité Delegado considera que existe un erro na numeración dos parágrafos do apartado A do número 3 deste artigo.

Sexta.- Artigo 11º. Resolución.

No apartado 2 deste artigo establécese que “A resolución dos expedientes deberá producirse no prazo de seis meses … Transcorrido o citado prazo sen que recaese resolución expresa, os interesados poderán entender desestimada a súa solicitude”.

Este Comité Delegado considera que debe acurtarse o prazo para ditar resolución, propoñéndose o de tres meses contados desde o día da presentación da solicitude no correspondente rexistro.

Asi mesmo, propón a substitución, para non xerar inseguridade xurídica, da expresión “poderá entenderse” por “entenderase”.

Sétima.- Artigo 12º. Pagamento das subvencións.

No apartado 1 deste artigo, establécese que os anticipos serán ata o 50 por 100 (letra a) e que nunca serán superiores ao 80% da subvención concedida (letra c).
Este Comité Delegado manifesta que coñece a limitación imposta polo Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia; porén, na orde estatal, os anticipos poden chegar ao 100 por 100, polo que suxire que a Xunta de Galicia aprobe un Decreto específico para subvencións no tema da formación que permita os anticipos de ata o 100 por 100.

Para o caso de non ser aceptada esta proposta, este Comité Delegado suxire a inclusión neste apartado, como custos asociados á actividade formativa, dos correspondentes custos financeiros orixinados por operacións formalizadas polas entidades beneficiarias con entidades financeiras, no importe que excede do 50% de anticipo máximo.

Subsidiariamente, de manterse o actual sistema de pagamento, este Comité Delegado considera que deberían adoptarse medidas administrativas conducentes a evitar os persistentes retrasos no aboamento dos anticipos e liquidacións das axudas, tendo en conta que as entidades beneficiarias son entidades ou organizacións sen ánimo de lucro.

Oitava.- Artigo 13º. Condicións para adquirir e conservar o dereito á subvención.

Este Comité Delegado considera que as letras j) e k) que figuran no apartado 1 deste artigo son impropias da lingua galega, debendo substituirse polas seguintes que correspondan.




ANEXO

CONSIDERACIÓN ESPECÍFICA DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA:

A Confederación de Empresarios de Galicia considera que o proxecto normativo debe contemplar expresamente, ao igual que o fai a Orde reguladora das subvencións para accións formativas dirixidas a traballadores ocupados, que as entidades beneficiarias das axudas reguladas nesta orde poderán subcontratar, por unha soa vez, a realización das accións formativas financiadas con cargo a esta convocatoria, permitíndose a subcontratación por riba do 50%, establecido como tope na Lei 38/2003, xeral de subvencións.