ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 6/02

DICTAME EMITIDO POLO CONSELLO GALEGO DE RELACIÓNS LABORAIS SOBRE O BORRADOR DE ORDE POLA QUE SE DESENVOLVE O DECRETO 134/2001, do 7 de xuño, E SE ESTABLECEN AS BASES REGULADORAS DA CONCESIÓN DE AXUDAS E SUBVENCIÓNS Ó FUNCIONAMENTO DAS UNIDADES DE PROMOCIÓN E DESENVOLVEMENTO, PROCEDÉNDOSE Á SÚA CONVOCATORIA

En relación coa solicitude de dictame sobre o borrador de Orde da Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, polo que se desenvolve o Decreto 134/2001, do 7 de xuño, e se establecen as bases reguladoras da concesión de axudas e subvencións ó funcionamento das unidades de promoción e desenvolvemento, procedéndose á súa convocatoria, remitido pola Dirección Xeral de Fomento do Emprego , con rexistro de entrada en data do 18 de febreiro de 2002, e ós efectos de dar cumprimento ó establecido no artigo 3.2º da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de dictames, despois da xuntanza celebrada o día 27 de febreiro de 2002, acordou face-las seguintes consideracións e propostas de modificación, DE CARÁCTER UNÁNIME, que se reproducen de seguido:


1.- Artigo 2. Concepto.

Neste punto, considérase oportuna a extensión deste ámbito territorial, abrindo, nun primeiro paso, o abano ós municipios de máis de 50.000 habitantes, para logo descender a ámbitos territoriais inferiores.


PROPOSTA: Amplia-lo espectro territorial da norma, non limitando o mesmo a ámbitos supramunicipais, incluíndo ós termos municipais de máis de 50.000 habitantes, como un primeiro paso de apertura territorial. Así, no primeiro parágrafo deste artigo 2, debería engadirse “… son módulos de intervención en ámbitos territoriais de carácter municipal ou supramunicipal…”

2.- Artigo 4. Entidades promotoras.

No inciso a) do parágrafo 1 deste artigo considerase oportuna a exclusión dos organismos autónomos e entes públicos da Administración Xeral do Estado, porque se sobreentenden incluídos no inciso b) do propio artigo.

PROPOSTA: Que se suprima, por redundante co contido do apartado b), o apartado a) en canto entidades promotoras, ós órganos, organismos autónomos e entes públicos da Administración Xeral do Estado.

Asemade, incorpórase un novo inciso c) referente á figura de colaboración dos consorcios. Tendo en conta que existen outras modalidades de colaboración de natureza semellante ós consorcios recollidas pola lexislación vixente, non debería limitarse esta nova inclusión no artigo referida unicamente a esta modalidade.

A PROPOSTA neste caso, é incluír nese apartado c) non só ós consorcios, senón tamén a aquelas formas asociativas de colaboración de natureza semellante, segundo establece a lexislación sobre entidades locais.

3.- Artigo 5. Duración
No parágrafo 1º, este artigo establece que a duración das unidades de promoción e desenvolvemento non poderá exceder de 2 anos. Na Orde homónima deste borrador, correspondente ó ano 2001, falábase de 2 anos e medio.

Tanto un coma outro prazo, considéranse demasiado curtos para poder presta-los servicios e desenvolve-los proxectos que pretenden executar.

A PROPOSTA que se suxire neste caso, é a ampliación deste prazo.

4.- Artigo 12. Solicitudes. Prazo de presentación.

O parágrafo 3 establece que as solicitudes de axudas poderanse presentar durante todo o ano 2002, o cal se valora positivamente, dado que fixa-lo prazo aberto con ese fin sempre xoga en beneficio dos posibles interesados.

Nembargante, este Comité Delegado considera prioritario establecer tamén, como regra xeral, que as valoracións dos proxectos presentados se fagan no seu conxunto, para evitar, no posible, a valoración individual un por un dos proxectos, ó mesmo tempo que se vaian presentando ou achegando ás unidades administrativas correspondentes.

Neste caso, A PROPOSTA tende a garanti-la libre concorrencia de proxectos, quen demanda a necesidade de que se marquen períodos de valoración (por exemplo, trimestrais) por parte da comisión de avaliación para poder estudia-los que se vaian achegando cunha visión de conxunto.

5.- Artigo 13. Documentación.

En coherencia co manifestado respecto do artigo 4, PROPONSE  a supresión neste precepto de toda referencia á Administración Xeral do Estado e ós seus Organismos Autónomos ou órganos, polo que redactariamos o precepto así:
“ Si é un órgano ou ente público da Administración da Comunidade Autónoma de Galicia ou un organismo autónomo autonómico ou local, un concello ou unha mancomunidade…”

6.- Artigo 17. Resolución

No parágrafo 1 deste precepto fíxase un prazo máximo para dicta-la resolución correspondente que resulta excesivo (9 meses), máis excesivo aínda que o establecido na Orde correspondente a esta liña de axudas para o ano 2001, que falaba de 6 meses.
Dado que existe unha expectativa económica importante dos posibles beneficiarios das axudas. Por esta razón PROPONSE a reducción dese prazo a 3 meses.

Por outra banda, nese mesmo parágrafo 1º, a mesma Orde para o 2001, establecía que, con carácter xeral, a Consellería competente dictaría e notificaría a resolución outorgando ou denegando a concesión da subvención á entidade solicitante. Tal disposición resultaba contradictoria co establecido por este mesmo precepto no seu parágrafo 3, onde dicía e di que, transcorridos 6 ou 9 meses (segundo falemos da Orde do ano 2001 ou 2002, respectivamente) sen que se notificase ou notifique a resolución, as entidades solicitantes deberán entender desestimada a súa solicitude.

Neste borrador de Orde que nos ocupa correspondente ó ano 2002, suprímese esa referencia do precepto a que a resolución debe ser motivada, outorgando ou denegando a solicitude de axuda. Respecto deste punto, PROPONSE  mante-la redacción que figuraba na Orde do ano 2001.

O parágrafo terceiro, como xa dixemos, abre a porta ó silencio negativo, que se considera que non debe ter cabida en procedementos deste tipo nos que se dilucida o outorgamento ou non dun dereito que leva aparellado a percepción de intereses económicos.

A PROPOSTA que se presenta neste suposto, é a de supresión do silencio negativo mantendo a obriga de dictar resolución expresa en todo caso.


ANEXO I
CONSIDERACIÓNS DE CARÁCTER NON UNÁNIME Ó BORRADOR DE ORDE MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS DE UGT-GALICIA, O S.N. DE CCOO DE GALICIA E MAILA CIG

1.- Artigo 15. Comisión Central de Valoración.

Reiterando, unha vez máis, a reivindicación dos axentes sociais de participar nos procedementos de concesión de axudas en tódalas normas que teñan relación directa coas políticas activas de emprego, considerase necesaria a participación dos comités provinciais de emprego e seguimento da contratación e do Comité Autonómico de Emprego antes de dicta-la correspondente resolución que poña fin ó expediente.

PROPOSTA: O precepto contaría cos seguintes engadidos:
“1. Unha vez completos os expedientes, remitiranse…co informe técnico emitido pola Delegación Provincial e do informe do comité provincial de emprego e seguimento da contratación, no modelo…
2. A dita Comisión Central… o subdirector xeral de Escolas Obradoiro e Programas de Cooperación. Antes de efectua-la resolución, a Comisión Central de Valoración remitirá as súas actuacións ó Comité Autonómico de Emprego para a emisión dun informe preceptivo.”


2.- Artigo 16. Criterios de valoración dos proxectos.
Este artigo establece os criterios que se terán en conta para avalia-los proxectos pero os enunciados que se reflicten son extremadamente subxectivos, polo que se suxire que ou ben, se incorporen datos obxectivos que permitan avalia-los proxectos seguindo indicadores concretos, ou se manteña unicamente o primeiro dos criterios enumerados.

Deste xeito, a PROPOSTA de redacción do enunciado quedaría así.


“ Na valoración dos proxectos teranse en consideración o número e desempregados existente no ámbito territorial no que se desenvolva o proxecto.

3.- Consideración xeral ó borrador de Orde. (Artigo 29)

As organizacións sindicais que integran este Comité Delegado consideran que nos procedementos de concesión de axudas nos que se requira o reintegro total das mesmas, debe ser informado ó respecto o Comité Autonómico de Emprego.
Asemade, e para os mesmos casos, que se lle acheguen as memorias trimestrais correspondentes ós comité provinciais de emprego e seguimento da contratación.


ANEXO II
CONSIDERACIÓNS Ó BORRADOR DE ORDE MANIFESTADAS POLA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA (CEG)



1.- Artigo 21.2º. Subvención para gastos de funcionamento.

Respecto deste precepto, considerase que é insuficiente a contía prevista para os gastos de funcionamento subvencionables, dado que se mantén a mesma contía que a prevista na Orde para o ano 2001, a cal, xa de por si, se consideraba tamén insuficiente.

Ademais, a relación que este precepto establece como gastos subvencionables é demasiado restrictiva, dado que exclúe certos gastos, como por exemplo, os de alugueiro, que son de importancia e supoñen un custo importante a cubrir polos posibles interesados.

2.- Consideración á intervención do Comité Autonómico de Emprego

A CEG manifesta que está de acordo con suxeri-la participación dos comités provinciais de emprego e seguimento da contratación e do Comité Autonómico de Emprego nos procedementos de concesión das axudas, sempre que esta intervención sexa “ a posteriori”, unha vez rematada a tramitación procedimental correspondente das mesmas. Demandar esa intervención antes da súa fase resolutoria supoñería demora-la tramitación daquelas.