ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 25/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE ORDE POLA QUE SE DITAN NORMAS DE PROCEDEMENTO PARA A XESTIÓN DAS AXUDAS PREVISTAS NO DECRETO 106/1994 DO 21 DE ABRIL, DA XUNTA DE GALICIA E NA ORDE DO 5 DE OUTUBRO DE 1994, DO MINISTERIO DE TRABALLO E SEGURIDADE SOCIAL, POLA QUE SE REGULA A CONCESIÓN DE AXUDAS PREVIAS Á XUBILACIÓN ORDINARIA NO SISTEMA DA SEGURIDADE SOCIAL, A TRABALLADORES AFECTADOS POR PROCESOS DE REESTRUTURACIÓN DE EMPRESAS

.  ANTECEDENTES

O día 22 de maio de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de orde pola que se ditan normas de procedemento para a xestión das axudas previstas no Decreto 106/1994 do 21 de abril, da Xunta de Galicia e na orde do 5 de outubro de 1994, do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, pola que se regula a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social, a traballadores afectados por procesos de reestruturación de empresas e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

As axudas previstas no proxecto normativo que se somete a ditame teñen como obxectivo facilitar unha cobertura económica aos traballadores afectados por procesos de extincións de relacións de traballo, por causas económicas, técnicas, organizativas e de producción, sempre que se cumpran os requisitos e condicións esixidos na orde, en tanto non accedan á situación de xubilación na súa modalidade contributiva no sistema da Seguridade Social.

Á vista do borrador agora remitido e do texto da Orde publicado no DOG o día 27 de maio de 2005 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data do 18 de abril de 2005, obsérvase que se tivo en conta a consideración feita por este Comité delegado relativa á clarificación do prazo para a presentación de solicitudes.

O novo proxecto normativo presenta as seguintes modificacións respecto da Orde do 19 de maio de 2005, correspondente ao exercicio pasado.

No artigo 5º que regula o financiamento, redúcese a dotación orzamentaria das axudas reguladas nesta orde en relación ao exercicio pasado.

O artigo 6º que regula as solicitudes e documentación, establece no apartado 1 distintos prazos para a solicitude da axuda: para os casos nos que se autorice o expediente de regulación entre o 1 de xaneiro de 2006 e a data de publicación da presente orde, para os casos en que se demore o inicio da percepción da axuda e nos supostos previstos no artigo 52 c) do ET e cando os traballadores pasen por un período de desemprego despois do despedimento.
Nos dous últimos casos a empresa terá que ratificar de novo a petición da axuda, momento en que  empezarán a computar os prazos previstos no artigo 9º desta orde para ditar resolución.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Orde pola que se ditan normas de procedemento para a xestión das axudas previstas no Decreto 106/1994 do 21 de abril, da Xunta de Galicia e na Orde do 5 de outubro de 1994, do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, pola que se regula a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social, a traballadores afectados por procesos de reestruturación de empresas” consta de: Exposición de motivos, dous capítulos, dez artigos, cinco disposicións adicionais e dúas disposicións derradeiras.

O día 31 de maio de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración xeral e seis específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma, en relación coa redacción dada aos artigos 3º, 5º, 6º, 8º, 9º e 10º do proxecto normativo.

DITAME 25/06

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Orde pola que se ditan normas de procedemento para a xestión das axudas previstas no Decreto 106/1994 do 21 de abril, da Xunta de Galicia e na Orde do 5 de outubro de 1994, do Ministerio de Traballo e Seguridade Social, pola que se regula a concesión de axudas previas á xubilación ordinaria no sistema da Seguridade Social, a traballadores afectados por procesos de reestruturación de empresas, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 19 de maio de 2006, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 31 de maio de 2006, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

A Exposición de Motivos deste proxecto normativo fai unha referencia expresa, como antecedente e sustento normativo do propio desenvolvemento da futura orde,  ao Decreto 106/1994, do 21 de abril, da extinta Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais, polo que se establece o réxime xeral das axudas e subvencións en materia de ámbito laboral e mellora das condicións de traballo. Dentro do articulado deste Decreto, fálase de “Axudas á xubilación anticipada de traballadores de empresas en crise non suxeitas a plans de reconversión”, (na súa Exposición de Motivos e nos artigos 2º e 3º).

En aras dunha maior claridade normativa, o contido e a denominación do Programa regulado no Capitulo II do Decreto 106/1994, do 21 de abril, da Xunta de Galicia, debe estar consonte coa denominación e contido, en termos xerais, tanto da Orde do 5 de outubro de 1994, do Ministerio de Traballo e Seguridade Social como desta futura Orde que estamos a ditaminar.

A título de exemplo, polo que respecta ao obxecto perseguido por estes corpos legais, tanto a Orde Ministerial como esta futura Orde autonómica manteñen unha dición familiar: “…facilitar unha cobertura económica aos traballadores afectados por procesos de extinción de relacións de traballo, por causas…”. Pola súa banda, o Decreto 106/1994, fala de “Facilitar ás empresas non suxeitas a plans de reconversión a posibilidade de axeitar os seus cadros de persoal á súa realidade produtiva, mediante axudas que lles permitan anticipar a xubilación aos traballadores…”

Tendo en conta, pois, a íntima relación existente entre as tres normas ás que nos acabamos de referir e que neste proxecto normativo se desenvolven os contidos da Orde Ministerial de 1994 e do Decreto autonómico 106/1994, proponse que a denominación e mais o contido do programa das axudas que nos ocupa no referido Decreto sexa semellante ao que figura na Orde Ministerial e no propio borrador da Orde que estamos a ditaminar.

84CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

Primeira.- Artigo 3º.1. Contía da axuda.

Neste precepto tómase como base para calcular a contía das axudas as bases de cotización por continxencias profesionais, cando o normal sería calculalas a partires das bases de cotización por continxencias comúns, por ser estas as que cobren as continxencias de xubilación.

En consecuencia, proponse calcular as axudas partindo das bases de cotización por continxencias comúns.

Segunda.- Artigo 5º. Financiamento.

Segundo este artigo, corresponde o financiamento das axudas e das cotizacións á Seguridade Social, nun 60% á empresa solicitante, e o 40% restante correrá con cargo á partida orzamentaria habilitada para o efecto.

Debería considerarse a posibilidade de aplicar unha fórmula distributiva dese financiamento máis equilibrada, reducíndose a porcentaxe que lle correspondería pagar á empresa, cando se trate de empresas con problemas económicos que xustifiquen unha situación de crise.

Nos supostos de empresas inmersas nunha situación de crise, derivada de causas económicas, debería preverse na Orde a posibilidade de reducir a porcentaxe a pagar por aquelas, aplicándose fórmulas máis equilibradas de reparto da carga (por exemplo, 40% para as empresas e 60% para a Administración que subvenciona, ou ben,  50% para cada parte).


Terceira.- Artigo 6º. Solicitudes e documentación.

O apartado 2 deste artigo relaciona a documentación que debe xuntarse á solicitude, en orixinal ou copia autenticada. Para acadar unha maior simplificación do procedemento, sempre favorecedor para o administrado, considérase que é suficiente cunha fotocopia cotexada do documento de que se trate ou, incluso, o mero contraste ou verificación da mesma polo órgano ou autoridade que teña no seu poder tal documentación, desenvolvendo así unha tarefa de cotexo.

Proponse redactar este apartado como se reproduce de seguido: “Á solicitude deberase xuntar a seguinte documentación, en fotocopia cotexada ou mediante o seu cotexo polo órgano que a teña no seu poder, consonte á lexislación vixente”.

No apartado 2. b) esíxese acompañar, nos supostos previstos polo artigo 52.c) do Estatuto dos traballadores, o acordo adoptado entre a empresa e os representantes legais do traballador afectado pola medida onde conste o compromiso daquela de financiar o custo da axuda ao seu cargo.

Proponse neste senso, que cando non exista representación legal dos traballadores na empresa en cuestión, se permita substituír o acordo desta, polo acordo subscrito entre a empresa e o traballador afectado.

Por outra banda, as axudas que esta Orde prevé, segundo a filosofía que informa á Orde Ministerial que desenvolve, son aplicables tanto a extincións “colectivas” de contratos de traballo como ao suposto de extinción contractual a que se refire o artigo 52. c) do Estatuto dos Traballadores.

Neste último suposto, o Estatuto dos Traballadores non esixe intervención previa da autoridade laboral que determine as correspondentes causas económicas, técnicas, organizativas e de producción, de extinción de contratos.

Por todo o exposto, non se entende o motivo de establecer nesta letra b) “in fine” a posibilidade de que o acordo adoptado entre a empresa e os representantes legais do traballador afectado pola medida, poda ser homologado pola autoridade laboral competente.

Considérase innecesaria a esixencia de homologación pola autoridade laboral competente do referido acordo, pois asemella ser suficiente o compromiso da empresa de financiamento do custo da axuda e a acreditación fidedigna do consentimento do traballador de acollerse á mesma e de cesar na súa relación laboral na empresa.

No apartado 2. c), ao igual que en anos precedentes, establécese que o solicitante debe presentar unha relación dos traballadores para os que solicita as axudas, facendo constar, entre outras cousas, os seus DNI e os correspondentes certificados de nacemento.

A Orde Ministerial do 5 de outubro de 1994 non esixe entre os requisitos que enumera o seu artigo 4º.2.c) a presentación de tales certificados de nacemento, postura lóxica, dado que xa se esixen os DNI.

Proponse redactar esta letra c) nos termos empregados no artigo 4º.c) da Orde Ministerial mencionada.

No apartado 2. f) esíxese un documento no que se recolla o compromiso da empresa de anticipar aos traballadores as axudas previas á xubilación ordinaria que lles fosen recoñecidas, se transcorridos tres meses dende a súa concesión non se fixeran efectivas por causas imputables a ela.

Para dotar á Orde dunha maior seguridade xurídica na interpretación do disposto nesta letra f), habería que, a titulo exemplificativo, establecer unha relación aberta das posibles causas imputables á empresa que puideran dar lugar á anticipación das axudas recoñecidas ao traballador.

O apartado 2. k)  debe figurar como 2. l), xa que a letra k é impropia da lingua galega, polo que se propón que sexa substituida pola seguinte que corresponda.

Segundo o establecido no apartado 2. l), que tendo en conta a consideración anterior debería ser 2. m), o instructor do expediente de concesión das axudas ou a comisión de valoración están habilitados para requirir ao solicitante calquera outra documentación, ademais da referida anteriormente neste apartado 2, “que se considere esencial” para a avaliación e resolución dos expedientes.

Tal posibilidade ven limitada pola Lei 30/1992, do 26 de outubro, no seu artigo 35.f), posto que o administrado non ten que presentar documentos non esixidos polas normas aplicables ao procedemento de que se trate ou que xa se atopen en poder da Administración actuante.

Proponse, polo tanto, a supresión deste apartado 2. l).

Cuarta.- Artigo 8º. Avaliación das solicitudes.

Como ven ditaminando este Consello reiteradamente en relación coa composición da comisión de valoración, se temos en conta o disposto no artigo 25º.2 da Lei 4/1988, reguladora da Función Pública Galega, non existen motivos técnicos ou xurídicos que fagan preciso que o substituto sexa un funcionario/a, de tal xeito que tamén un contratado laboral podería formar parte destas comisións, xa que se trata dun traballo non permanente. Esta posibilidade, pola contra, si se preveu na Orde do 23 de marzo de 1995, reguladora desta mesma liña de axudas.

Este Comité propón engadir a seguinte matización neste artigo: “ Se por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído polo funcionario ou contratado laboral que para o efecto designe o Delegado Provincial e sempre que sexa posible, o nomeamento deberá recaer nun funcionario ou contratado do mesmo servicio có substituído.”

O segundo parágrafo do apartado 1) deste artigo dice: “Terán carácter prioritario as solicitudes presentadas por empresas radicadas en zonas nas que exista unha problemática socio-laboral máis acuciante”. O establecido neste parágrafo non ten sentido se, como dispón “in fine” o artigo 6º, parece que as solicitudes presentadas se resolven por orde de entrada, polo que proponse a súa eliminación. De no ser o caso, habería que concretar neste artigo os criterios de priorización.

Quinta.- Artigo 9º. Resolución.

Compre facer tres consideracións sobre este precepto:

1ª.- Este artigo establece que as solicitudes serán resoltas polo conselleiro de Traballo.

Este comité propón que o órgano encargado de resolver sexa a Dirección Xeral de Relacións Laborais e, consecuentemente, ao non poñer fin á vía administrativa, que se poda interpoñer recurso de alzada ante o conselleiro de Traballo.

2ª.- O prazo para poder resolver que se establece neste precepto e a súa potestade para amplialo considerase excesivo e distorsionador, xerando inseguridade xurídica.

No segundo parágrafo deste artigo establécese que o prazo máximo para resolver será de seis meses; transcorrido este sen ditar a correspondente resolución expresa, entenderase que esta é desestimatoria.

Considerase que o prazo de seis meses para resolver é excesivo, debendo reducirse a tres meses como máximo.

Por outra banda, a Administración debe resolver expresamente o procedemento, sobre todo cando a resolución contén a denegación da axuda, e isto non só por eficacia e seguridade xurídica para os administrados, senón tamén en consonancia có establecido ao longo da Orde cando se esixe anticipación de aportacións dinerarias aos seus posibles beneficiarios.

3ª.-  Na fase de resolución do procedemento de concesión das axudas, este precepto no seu parágrafo terceiro, establece a posibilidade de resolver as mesmas fora do prazo máximo legal de seis meses establecido no seu primeiro parágrafo, de xeito excepcional e motivado.

Esta disposición está a superar os prazos que a Lei do Réxime Xurídico das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común establece e ademais atenta contra a seguridade xurídica dos posibles beneficiarios das axudas, quen teñen dereito a un procedemento administrativo áxil e eficaz.

En todo caso, esta posibilidade de ampliación do prazo resolutorio das axudas só tería sentido dentro do suposto que recolle a disposición adicional primeira deste proxecto normativo, cando prevé que o conselleiro de Traballo poida propoñer a concesión de axudas extraordinarias como medida de apoio ás reguladas na presente Orde, naqueles supostos de empresas galegas de interese social e público e de especial relevancia para a economía galega, con problemas económicos e socio-laborais.

En consecuencia, proponse suprimir o parágrafo terceiro deste artigo 9º.

Sexta.- Artigo 10º. Forma de ingreso das aportacións con cargo á empresa e á Administración Pública.

Este artigo no seu parágrafo 2º fai referencia ao xeito en que se deben ingresar as aportacións que lle corresponde sufragar ás empresas solicitantes: en tantas anualidades como anos permanezan os traballadores percibindo as axudas, cun máximo de cinco.

Considérase que sería máis axeitado establecer fraccionamento de tal aportación, que axudara a soportala máis desafogadamente .

Este comité propón que no texto da futura Orde se prevea a posibilidade de que as empresas beneficiarias aporten a parte que lle corresponde facendo ingresos semestrais.