ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 26/06

DITAME SOBRE O PROXECTO DE DECRETO POLO QUE SE DETERMINA O CALENDARIO LABORAL PARA O ANO 2007 NA COMUNIDADE AUTÓNOMA DE GALICIA.

I.  ANTECEDENTES

O día 23 de xuño tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Dirección Xeral de Relacións Laborais da Consellería de Traballo, remitindo proxecto de decreto polo que se determina o calendario laboral para o ano 2007 na Comunidade Autónoma de Galicia e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo.

Á vista do borrador agora remitido e do texto do Decreto publicado no DOG o día 2 de agosto de 2005 e tendo en conta o ditame emitido polo Consello con data do 6 de xullo de 2005, obsérvase o seguinte:

- Na elaboración do proxecto parece que non se tiveron en conta as consideracións feitas polo comité ao proxecto de decreto de 2006.
- O novo proxecto normativo non contén cambios substanciais respecto ao ditaminado en 2005, agás o establecido na exposición de motivos sobre a determinación como día festivo, con carácter recuperable, do 17 de maio, Día das Letras Galegas, ao non coincidir en domingo ningunha das festas fixadas.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estudien e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO.

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Decreto polo que se determina o calendario laboral para o ano 2007 na Comunidade Autónoma de Galicia” consta de: Exposición de motivos, tres artigos e unha disposición derradeira.

O día 4 de xullo de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración de carácter unánime.

Contén, como anexos, tres consideracións xerais sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas polas tres organizacións sindicais que integran o Consello (anexo I), dúas consideracións específicas do SN de CC.OO. e da CIG (anexo II) e unha consideración xeral sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo III).
DITAME 26/06

En relación coa solicitude de ditame sobre o proxecto de Decreto polo que se determina o calendario laboral para o ano 2007 na Comunidade Autónoma de Galicia, da Consellería de Traballo, con data de rexistro de entrada neste Consello o 23 de xuño de 2006, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 4 de xullo de 2006, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN XERAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Este Comité Delegado considera que o 17 de maio, Día das Letras Galegas, é un dos festivos máis propios da nosa Comunidade Autónoma. Por iso, non debería asignárselle a esta data sistematicamente o carácter de recuperable, xa que esta circunstancia parece atribuirlle unha certa provisoriedade ao carácter festivo do día.

En consecuencia, este Comité Delegado suxire que se avalíe a posibilidade de considerar recuperable outra das festas substituibles por acordo da Xunta de Galicia (por exemplo, o Xoves Santo).

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS XERAIS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS  UGT-GALICIA, S.N. DE CCOO DE GALICIA E A CIG.

Primeira.

As organizacións sindicais que conforman este Consello fan constar, como consideración de carácter xeral, a necesidade de que o Goberno galego, a través da Comisión Mixta de Transferencias, inste ao Goberno do Estado para levar a cabo as modificacións regulamentarias oportunas co fin de que a Comunidade Autónoma de Galicia dispoña dunha maior marxe de maniobra para poder fixar as súas festas, respectando, de ser o caso, os compromisos internacionais asumidos polo Estado nesta materia.

De facerse a modificación que se suxire, sería posible que, dada a preponderancia na regulamentación actual de festas de natureza relixiosa, a Comunidade Autónoma galega poda fixar máis festas de carácter cívico ou laico.

Segunda.

Proponse a substitución do termo “Festa do Traballo” do día 1 de maio, por un termo máis acorde cos orixes da conmemoración, tal como “Día Internacional dos Traballadores”.

Terceira.

En concordancia co reflectido na Exposición de Motivos da norma, cando establece que a rixe o “criterio de manter unha certa continuidade na determinación das festas laborais para conmemorar todo aquelo que forma parte da nosa tradición, historia e cultura”, suxírese que a denominación de certas festas se axeite a esa tradición, historia e cultura, mudando a súa designación, para achegala máis preto da linguaxe actual da sociedade galega. A titulo de exemplo, o 6 de xaneiro sería o Día de Reis, e o 25 de decembro sería o Nadal.

ANEXO II

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS S.N. DE CCOO DE GALICIA E A CIG.

Primeira.

Seguindo coa liña argumental de anos precedentes e tendo en conta que o Parlamento Galego aprobou o día 9 de marzo de 2006 “instar á Xunta de Galicia a sumarse expresamente aos actos do 10 de marzo e recoñecela como data de referencia de todos os esforzos e sacrificios que os traballadores e traballadoras galegas fixeron en 1972, para contribuir a traer pacificamente a democracia”, estas duas organizacións sindicais avogan pola necesidade de institucionalizar o día 10 de marzo, como “Día da clase obreira galega”.

Segunda.

Proponse a substitución da denominación da festa do 25 de xullo, tal como figura no proxecto de Decreto, de “Santiago Apóstolo. Día Nacional de Galicia” pola de “Día da Patria Galega”.

ANEXO III

CONSIDERACIÓN XERAL DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DA CONFEDERACIÓN DE EMPRESARIOS DE GALICIA.

A CEG considera que debería facerse uso da facultade regulamentada no artigo 37 do estatuto dos Traballadores, respecto á posibilidade de trasladar aos lúns as festas que teñan lugar entre semana, excluindo as que o propio artigo 37 establece como non trasladables. A finalidade desta substitución é evitar a perda de horas laborais que se produce cada ano nas empresas como consecuencia das denominadas “pontes”.