ContactoBuscarAGADitamesEnlacesNovasOrganizaciónsActividadesConvenios colectivosPublicaciónsCGRL
 
DITAME 27/06

DITAME SOBRE O ANTEPROXECTO DE LEI GALEGA PARA A INSERCIÓN LABORAL DAS MULLERES.

.  ANTECEDENTES

O día 16 de maio de 2006 tivo entrada no Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Secretaría Xeral da Consellería de Traballo, remitindo o anteproxecto de lei galega para a inserción laboral das mulleres e solicitando, para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o ditame preceptivo sobre o citado proxecto normativo. Mediante escrito de data 19 de maio, amplíase o prazo quince días máis, e volvése a ampliar trala remisión pola Secretaría xeral dun segundo borrador que contén modificacións introducidas pola Asesoría Xurídica Xeral e a Consellería de Economía e Facenda da Xunta de Galicia.

Como consta na exposición de motivos do anteproxecto de lei, á vista da manifesta existencia de profundas desigualdades no acceso das mulleres de Galicia ao ámbito do traballo remunerado, o Goberno de Galicia, aboga pola adopción de medidas de acción positiva que posibiliten desactivar os mecanismos de discriminación indirecta de cara á incorporación  das mulleres e os homes de Galicia no ámbito do emprego en clave de igualdade, o cal promoverá o crecemento económico e o desenvolvemento do tecido produtivo e facilitará un cambio estrutural que aproximará a nosa sociedade ás expectativas das sociedades democráticas do século XXI.

Aínda que, no ámbito laboral, a Comunidade Autónoma de Galicia unicamente pode asumir competenzas de execución da lexislación estatal, é preciso orientar as actuacións da Administración autonómica cara á promoción da igualdade material da muller nos eidos da inserción laboral e o emprego, a formación profesional e as relacións laborais. Este é o obxectivo do anteproxecto de lei, orientar dita actividade administrativa ponendo de manifesto espazos de actuación que os órganos autonómicos en xeral e a Consellería de Traballo en particular deben abordar.

Non existen antecedentes, xa que é a primeira vez que este proxecto normativo se recibe para ditame.

Do contido do anteproxecto de lei destácase o seguinte:

- No Título I, concrétase a excepción de boa fe ocupacional en relación coa diferenza de trato lexítima e recoñécese a conciliación da vida persoal, familiar e laboral como o dereito de homes e mulleres á configuración do seu tempo buscando a corresponsabilidade.

- No Título II, determínanse as medidas para a promoción da igualdade nas empresas, regulando os plans de igualdade que se articulen nelas, a responsabilidad social das empresas, a Marca Galega de Excelencia en Igualdade e o principio de igualdade nas sociedades cooperativas galegas.

- No Título III, promociónase a igualdade no ámbito da negociación colectiva e das relacións de traballo colectivas, para o que se crea a Comisión Consultiva Autonómica para a Igualdade entre mulleres e homes na negociación colectiva como órgano de asesoramento, control e promoción da igualdade adscrito ao Consello Galego de Relacións Laborais. Será o Consello o organismo encargado de convocar ás asociacións empresariais e organizacións sindicais máis representativas a nivel da Comunidade Autónoma de Galicia, así como á Secretaria Xeral da Igualdade da Xunta de Galicia, para lograr un acordo marco interprofesional de ámbito autonómico sobre a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes.

- No Titulo IV, establécese a integración da igualdade no emprego e, en concreto, na formación profesional e nas políticas activas de emprego.

- No Título V, sobre integración da igualdade na política preventiva de riscos laborais, preténdese evitar desigualdades na prevención, desagregando por sexos os datos relacionados con saúde laboral.

- No Título VI, regúlanse os Bancos Municipais de Tempo e os Plans de Programación do Tempo da Cidade, medidas novedosas coas que se pretende mellorar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral.

- No Título VII, regúlase o Consello Galego de Participación das Mulleres no ámbito do emprego e das relacións laborais, como órgano de participación e interlocución das asociacións de mulleres coa Xunta de Galicia.

- Nas súas disposicións adicionais, a Lei leva a cabo unha importante reforma do ordenamento xurídico para adaptar as normas vixentes ao marco que introduce.

- Na disposición transitoria, determínanse os prazos para a elaboración dunha lista de organismos e entidades obrigadas a elaborar un plan de igualdade.

- Nas disposicións derrogatorias hai unha cláusula derrogatoria xeral e outras derrogacións concretas.

- Por último, nas disposicións finais, inclúense as habilitacións necesarias para o desenvolvemento desta lei.

De modo inmediato foi enviada copia do borrador a todos os membros do Comité Delegado polo Pleno para a emisión de ditames, a fin de que o estuden e elaboren as súas propostas para a xuntanza a celebrar polo citado órgano.

II. CONTIDO

O texto do proxecto normativo remitido para ditame denominado “Anteproxecto de Lei galega para a inserción laboral das mulleres” consta de: Exposición de motivos, un título preliminar e sete títulos con cincuenta e cinco artigos, oito disposicións adicionais, unha disposición transitoria, unha disposición derrogatoria e tres disposicións finais.

O día 6 de xullo de 2006 reúnese este Comité Delegado e acorda emitir o ditame que se referencia a continuación, que contén unha consideración previa, unha consideración xeral e catorce específicas de carácter unánime sobre a valoración da norma.

Contén asi mesmo, como anexos, dúas consideracións específica sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestada polas organizacións sindicais (anexo I) e unha consideración previa e vinte e dúas consideracións específicas sobre a valoración da norma, de carácter non unánime, manifestadas pola Confederación de Empresarios de Galicia (anexo II).

DITAME 27/06

En relación coa solicitude de ditame sobre o anteproxecto de lei galega para a inserción laboral das mulleres, da Consellería de Traballo, e para os efectos de dar cumprimento ao establecido no artigo 3º.2 b) da Lei 7/1988, do 12 de xullo, de creación do Consello Galego de Relacións Laborais, o Comité Delegado polo Pleno do Consello para a emisión de ditames, despois da xuntanza celebrada o día 6 de xullo de 2006, acordou pronunciarse en canto ás seguintes consideracións:

CONSIDERACIÓN PREVIA  DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADA POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

O Comité delegado do Pleno do Consello Galego de Relacións Laborais para a emisión de ditames, quere manifestar en primeiro lugar a súa preocupación polo proceso experimentado na tramitación do anteproxecto de norma obxecto deste Ditame. Como se sinala no apartado de ANTECEDENTES, o 16 de maio tivo entrada neste Consello Galego de Relacións Laborais escrito da Consellería de Traballo, remitindo un anteproxecto de lei galega para a inserción laboral das mulleres e solicitando a emisión do ditame sobre o mesmo, que segundo a normativa vixente, corresponde emitir no prazo de dez días hábiles.

Con posterioridade, e pola nosa solicitude, se nos comunica unha ampliación do prazo, en quince días máis, que sería outra vez ampliado a outros segundos quince días, en razón, segundo coñecemos, ás conversas iniciadas pola administración cos interlocutores sociais sobre os contidos da norma. Finalmente, a escasos días da data fixada para a reunión deste Comité co obxecto de elaborar o ditame, é recibido no Consello de Relacións Laborais un novo anteproxecto, que contén abundantes modificacións no seu texto con respecto ao inicialmente recibido, e que foron inducidas, segundo coñecemos as organizacións que participamos neste Comité, polo informe da Asesoría Xurídica Xeral.

Parécenos oportuno, e con maior razón tendo en conta o proceso de diálogo social que se está a desenvolver, que a administración manteña conversas cos interlocutores sociais implicados polos contidos dos proxectos normativos, pero ese proceso debería ser previo á solicitude do preceptivo ditame por parte do Consello de Relacións Laborais. Se, como pode ser o caso, os borradores de anteproxectos son modificados polos procesos de consulta xurídica e das conversas e/ou negociacións cos diferentes interlocutores, semella elemental que se ordene temporalmente a secuencia da tramitación, para que o que ditamine este Consello de Relacións Laborais sexa realmente o anteproxecto de lei. Doutro xeito, e como produto das precipitacións que son do caso que nos ocupa, é bastante cuestionable que realmente estemos a cumprir cos preceptos da Lei 7/1988 que enmarca e regula as actuacións do Consello Galego de Relacións Laborais, e as consideracións deste Comité sobre as normas que se lle someten a ditame revístense dun grao de incertidume que pode coartar a súa utilidade cara a aprobación final do proxecto de lei polo goberno da Xunta de Galicia.

CONSIDERACIÓN XERAL SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA DE CARÁCTER UNÁNIME DAS ORGANIZACIÓNS EMPRESARIAIS E SINDICAIS:

Valórase positivamente que se adxunten ao borrador da lei a Memoria xustificativa  e a Memoria  económica do anteproxecto.

Asemade, reitérase  a posición crítica coa práctica lexislativa de modificación outras Leis de gran importancia como a de Función Pública e a de Cooperativas, é sinalamante no relativo a primeira por atoparse o contido da D.A segunda que se formula, en fase de consultas sobre o Anteproxecto de Lei de reforma da Función Pública que presentou a Consellería de Presidencia.

En termos xerais, destácase a habilitación de novas medidas coa finalidade de promover a inserción laboral das mulleres e os incentivos na voluntariedade de plans de igualdade das empresas privadas para as que se detallan accións de desenvolvemento, mentres que resultan meramante enumerativos e de contidos os aspectos relativos a formación, políticas activas de emprego, etc.

Dende o noso punto de vista, teríase que incluír de forma transversal a muller do sector primario, tanto rural (recoñecendo o traballo efectuado polas mulleres neste sector, coma medidas de acción positivas para mellorar a educación e formación, así como facilitando a súa incorporación e permanencia ao medio rural), como no sector marítimo - pesqueiro.

Finalmente, compartindo o principio de xerar espacios de participación do movimento asociativo das mulleres, entendemos que se debe de respetar o papel, competencias e funcións do axentes sociais en materia de participación institucional e negociación en materia de emprego e relacións laborais.  

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER UNÁNIME MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS E EMPRESARIAIS:

1ª.- Exposición de motivos.

A natureza da materia  sobre a que se vai lexislar, aconsella incluir na exposición de motivos unha síntese da situación que afecta ás mulleres galegas en canto a emprego, formación profesional, saúde laboral e conciliación da vida familiar e laboral, para a que poden ser tidos en conta os diferentes informes sobre a materia, emanados deste Consello Galego de Relacións Laborais, así como do Consello Económico e Social de Galicia.

2ª.- Art. 4. A excepción da boa fé ocupacional.

Deberíase incluir no seu apartado 1., que este precepto se redacta de conformidade coa Directiva 2002/73/CE.
Asi mesmo, considérase que debería mellorarse a redacción do establecido no apartado 2 deste artigo para evitar dúbidas de interpretación.

3ª.- Art. 10. Transparencia na implantación do plan de igualdade.

Este Comité considera que debería suprimirse o inciso “calquera persoa con interese lexítimo, e especialmente” que figura neste artigo, engadíndose unha referencia entre os organismos públicos, aos que sexan competentes na materia de Traballo.

4ª.- Art. 13. Voluntariedade das accións de responsabilidade social das empresas en materia de Igualdade.

Considérase conveniente suprimir o inciso “no seo da empresa”, que figura na última liña do segundo parágrafo do apartado 1 deste artigo.

5ª.- Art. 18.Parámetros de Igualdade da Marca Galega de Excelencia en Igualdade.

Este Comité propón a inclusión dun último ítem f), que estableza outro parámetro de igualdade, referido ás medidas adoptadas pola empresa en materia de prevención dos riscos laborais das mulleres.

6ª.- Art. 23. Composición da Comisión Consultiva Autonómica para a Igualdade entre Mulleres e Homes na Negociación Colectiva.

Os ítems b) e c) do anteproxecto, fixan a participación de persoas designadas polos departamentos da administración autonómica competentes en materia de Traballo e de Igualdade.

Este Comité considera que, habida conta de que esta Comisión Consultiva, a teor do contido do Artigo 22, estará adscrita organicamente ao Consello Galego de Relacións Laborais, non ten razón de ser a presencia directa de representantes da administración autonómica, pois iso conlevaria a vulneración da composición bipartita que é propia deste Consello de Relacións Laborais, polo que se propón a supresión desta parte da disposición.

Por outra parte, o ítem f) prevee a participación nesta Comisión Consultiva, de tres persoas de recoñecido prestixio en materia de Igualdade. Este Comité considera que a designación destas persoas debería facerse mediante o consenso das representacións da propia Comisión que ostentan dereito a voto.

7ª.- Art. 27. Fomento da composición equilibrada da representación legal de traballadores e traballadoras de Galicia.

No apartado 2 deste artigo, establécese que “a Comisión Consultiva Autonómica para a Igualdade … poderá elaborar .. recomendacións xerais sobre o nivel axeitado de representación equilibrada de mulleres e homes atendendo ao número de mulleres e de homes do censo electoral”.

Este Comité considera que débese substituir a expresión que figura na última liña “atendendo ao número de mulleres e de homes do censo electoral” pola de “atendendo ao número de mulleres e de homes de cada unidade electoral”.

8ª.- Arts. 42 a 45.  Os bancos municipais de tempo.

Os bancos municipais de tempo, segundo os define o anteproxecto, veñen a ser unha rede comunitaria de voluntariado, na que só se prevé a contratación de persoal en casos excepcionais. Consideramos que a inserción laboral das mulleres galegas e a conciliación da vida familiar e laboral, non deberían ser abordadas desde a utilización da solidariedade da vecindade.

Consideramos que a base de datos de persoas demandantes vai estar tamén feminizada, polo que contribuirase a manter unha vez máis as estereotipas e a gratuidade do traballo desempeñado por mulleres. Indo máis aló, as substitucións exerceríanse dun xeito clientelista, por recomendación expresa da persoa coidadora á persoa que substitúa.

Considerando que non se pode sustentar a política de conciliación e de inserción laboral das mulleres no voluntariado, solicitamos a retirada deste Capítulo.

9ª.- Arts. 51 e 52. O Consello Galego de Participación das Mulleres no Ámbito do Emprego e das Relacións Laborais.

Este Comité considera que a participación institucional en materia de Emprego e Relacións Laborais  compete aos axentes sociais, e facilitar a participación social de representacións de asociacións de mulleres nos seus foros específicos non ten que supoñer a alteración do noso modelo de relacións laborais e de participación institucional que desenvolve a norma constitucional con criterios de representatividade.  

Débense definir as súas funcións e funcionamento e non introducir confusións, nin problemáticas cunha participación que entendemos que se debe de fomentar e que é posible facelo sin alterar o modelo de relacións laborais e de participación institucional dos axentes sociais.

Por razóns obvias de boa técnica xurídica, este Comité considera que debe suprimirse o apartado 3 do artigo 51.

10ª.- Disposición adicional primeira. Modificación da Lei 7/2004, de 16 de xullo, para a igualdade de homes e mulleres.

Este Comité considera que, ademais das modificacións que figuran no anteproxecto, deberíase modificar tamén o artigo 33, engadíndolle un segundo parágrafo, sobre a implementación regulamentaria, por parte da Consellería de Traballo, de liñas de axuda por contratación de persoal destinado a asesorar na elaboración de plans municipais de igualdade.

11ª.- Disposición adicional segunda. Modificación da Lei 4/1998, do 26 de maio, da función pública de Galicia.

Aínda avaliando positivamente as propostas incluídas en relación á función pública, entendemos que estase a contribuir a un solapamento e posible duplicidade nas modificacións legais da mesma, prantexándoas nesta lei de inserción laboral, por canto que na actualidade estase a realizar a negociación da súa reforma na Mesa Xeral de Negociación da Función Pública.

12ª.- Disposición adicional sexta. Mulleres con especiais dificultades de inserción laboral ou en situacións marcadas pola desvantaxe social.

Considérase convinte integrar un novo ítem l) que inclúa ás inmigrantes.

13ª.- Disposición derrogatoria única.

Consecuentemente co que se sinalou a respecto da Disposición adicional primeira, debería incluirse entre os artigos derrogados, da Lei 7/2004, o número 33.

Asi mesmo, e tendo en conta o disposto no artigo 8 deste anteproxecto de lei sobre as funcións da Unidade administrativa de Igualdade do departamento da Administración autonómica competente en materia de Traballo, este Comité considera que deben constar nesta disposición derrogatoria os artigos que quedan derrogados da Lei 3/1991, do 14 de xaneiro, de creación do Servicio Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller.

14ª.- ANEXO

No título do anexo, menciónase ao final unha disposición adicional novena, que non existe.

ANEXO I

CONSIDERACIÓNS ESPECÍFICAS DE CARÁCTER NON UNÁNIME SOBRE A VALORACIÓN DA NORMA MANIFESTADAS POLAS ORGANIZACIÓNS SINDICAIS  UGT-GALICIA, S.N. DE CCOO DE GALICIA E A CIG.

1ª.- Art. 3. Discriminación directa e indirecta, e acoso sexual e moral por razón de xénero.

A definición que se inclúe no anteproxecto do acoso sexual parécenos que é imprecisa e subxectiva. Coidamos que debería ser substituída polo texto recollido na Recomendación da Comunidade Europea 92/131 de 27 de Novembro 1991, a saber: “A conduta de natureza sexual ou outros comportamentos baseados no sexo que afectan á dignidade da muller e o home no traballo, incluída a conduta de superiores e compañeiros/as, resulta inaceptable se:
a) dita conduta é indesexada, irrazoáble e ofensiva para a persoa que é obxecto da mesma;
b) a negativa ou o sometemento dunha persoa a dita conduta por parte do empresario ou dos traballadores/as emprégase de xeito implícito ou explícito como base para unha decisión que teña efectos sobre o acceso de dita persoa á formación profesional e ao emprego, sobre a continuación do mesmo, o salario ou calesqueira outras decisións relativa ao emprego, e/ou
c) dita conduta crea un entorno laboral intimidatorio, hostil e humillante para a persoa que é obxecto da mesma, e de que dita conduta pode ser, en determinadas circunstancias, contraria ao principio de igualdade de trato.”

2ª.- Art. 14. Control da publicidade sobre implantación de accións de responsabilidade social das empresas en materia de Igualdade.

A expresión “poderán solicitar xudicialmente o cesamento da publicidade como publicidade enganosa”, deberíase substituir polo máis imperativo “solicitarán xudicialmente”.